Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 16 de abril de 1996 Páx. 3.427

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de abril de 1996 pola que se clasifica como benéfico-asistencial a fundación Meniños, Fundación Galega para a Infancia.

Visto o expediente de clasificación da fundación Meniños, Fundación Galega para a infancia, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1.-Angel Martínez Puente, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 20 de marzo de 1996, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Betanzos, o día 8 de marzo de 1996 ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña León Miguel López Rodríguez, co número setecentos dez do seu protocolo, por Angel Martínez Puente, María Luisa Lucena Morales, Juan Luis Medín Roca, Lourdes Martínez Lage, Julia González Pérez, María Eulalia Diz Cerviño, Carlos Montero Basadre e Vicenta Oliveras Casanovas, todos eles no seu propio nome e dereito e o primeiro, ademais de por si, en representación da asociación Colectivo Galego do Menor.

3.-Segundo consta no artigo 5.1 dos seus estatutos o obxecto e finalidade da fundación é a protección da infancia de acordo co previsto na lexislación galega e española e cos principios recollidos na Convención dos dereitos do neno e demais normas internacionais aplicables, colaborando na defensa e na procura dunha vida socio-familiar digna para a infancia, especialmente para os menores máis desfavorecidos a raíz de inxustizas estructurais e persoais.

4.-O padroado da fundación estará constituído por Ángel Martínez Puente com presidente, Lourdes Martínez Lage como vicepresidente, Juan Luis Medín Roca como secretario e María Luisa Lucena Morales, Julia González Pérez, María Eulalia Diz Cerviño, Carlos Montero Basadre e Vicenta Oliveras Casanovas como vocais.

5.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Púlica proposta de clasificación como benéfico-asistencial da fundación Meniños, Fundación Galega para a Infancia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-asistencial e a súa adscrición á Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei

11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2.-De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/92, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamennto do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3.-Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 1 de abril de 1996.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-asistencial a fundación Meniños, Fundación Galega para a Infancia, e adscribila á Consellería de Familia, Muller e Xuventude que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

2747