Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 16 de abril de 1996 Páx. 3.425

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de marzo de 1996 pola que se establecen axudas a particulares e entidades sen fin de lucro para a realización de estudios sobre medios de comunicación en Galicia.

A importancia da comunicación oral e escrita, das telecomunicacións e das novas tecnoloxías, como instrumentos de vertebración dun país, e aínda como ferramenta útiles para facilitar, mediante o achegamento entre os pobos, o afondamento da democracia, fan especialmente recomendable un mellor coñecemento desas técnicas.

A conciencia desa necesidade levou á inclusión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dos créditos destinados á realización de investigacións nese campo.

Coa finalidade de asegura-la publicidade e obxectividade na concesión, así como para promove-la participación.

DISPOÑO:

Primeiro.

Establécense axudas para fomenta-la realización de estudios sobre medios de comunicación, telecomunicacións e novas tecnoloxías. O importe global das axudas será de catorce millóns de pesetas (14.000.000) pesetas.

Segundo.

A contía de cada axuda será de cincocentas mil a un millón cincocentas mil pesetas (500.000 a 1.500.000 pts).

Terceiro.

Poderán solicita-las axudas particulares e entidades sen fin de lucro.

Cuarto.

A solicitude das axudas farase mediante instancia, segundo modelo do anexo, dirixida ó secretario Xeral de Comunicación, e irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante.

b) Acreditación da representación con que actúa, se é o caso.

c) Memoria explicativa do contido, con indicación da súa dimensión e prazo de realización.

d) Currículum vitae do autor o autores do estudio.

Quinto.

As solicitudes serán presentadas no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, sito na planta baixa do edificio

administrativo nº 1 -central- de San Caetano en Santiago de Compostela, ou nos das súas delegacións provinciais. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.

Os estudios presentaranse por triplicado, debidamente foliados e encadernados, e coa sinatura do autor ou autores. A súa extensión non será inferior ós 100 folios de 1800 caracteres, e non se computarán as copias íntegras ou parciais das publicacións ou estudios xa existentes.

Sétimo.

A concesión das axudas será realizada polo secretario xeral de Comunicación, por proposta dunha comisión integrada por un funcionario da devandita secretaria xeral con categoría non inferior a xefe de servicio, o enxeñeiro de telecomunicacións e o director da oficina de prensa. A comisión terá en conta a finalidade do estudio e a súa relación coa realidade galega na materia, o seu carácter inédito, o curriculum vitae do autor ou autores e calquera outra circunstancia que contribúa á modernización do sector.

A resolución respecto da presente liña de subvencións será notificada a tódolos solicitantes transcorridos 3 meses dende o remate do prazo de presentación de solicitudes. Esgotado o devandito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43-2ºc), a contrario senso, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de régimen jurídico de las administraciones públicas y del procedimiento administrativo común.

Oitavo.

Os estudios resultantes das memorias seleccionadas serán entregados na Secretaría Xeral de Comunicación antes do día 30 de setembro de 1996.

Noveno.

A concesión das axudas farase con cargo á aplicación 04.07.361.A 480.0 que figura nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1996.

Décimo.

O pagamento tramitarase unha vez entregado o estudio obxecto da axuda.

Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu cobro, os beneficiarios das subvencións terán que acreditar que se atopan ó corrente da súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Undécimo.

De non entregarse o estudio no prazo sinalado, ou de entregarse cun contido distinto ó previsto na memoria, o beneficiario perderá o seu dereito á percepción da axuda.

Duodécimo.

A Secretaría Xeral de Comunicación reserva para sí o dereito de publica-los traballos presentados baixo esta convocatoria.

Disposición derradeira

Nos aspectos non contidos na presente orde, haberá que aterse ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e ó artigo 36 da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

2835