Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 15 de abril de 1996 Páx. 3.375

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Alianza Francesa de España-Vigo.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Alianza Frances de España-Vigo, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 26-1-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 23-1-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo,

sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 13 de febreiro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

I Convenio colectivo da Alianza Francesa de España-Vigo

Título I

Disposicións xerais

Capítulo

Ámbitos

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

Este convenio afectará a todo o persoal, en réxime de contrato de traballo, que preste os seus servicios na Alianza Francesa de España, Vigo.

Artigo 2º.-Ámbito duración.

O do presente convenio será desde o 1 de xaneiro de 1995 ata a súa revogación, á finalización do ano natural, negociaranse as revisións salariais para o ano seguinte.

Comisión paritaria.

Artigo 3º

De conformidade co establecido no artigo 85.2º e) do Estatuto dos traballadores constituirase unha comisión paritaria para a vixilancia e cumprimento deste convenio, que estará integrada por 3 representantes designados pola empresa e outros 3 designados polos traballadores.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 4º

A disciplina e organización do traballo é facultade específica da entidade titular do centro, e axustarase ó previsto no Estatuto dos traballadores, a LOGSE e demais disposicións aplicables ós centros de ensino privado.

Os traballadores están obrigados a efectua-lo seu labor, baixo a dirección da entidade titular do centro, a cal exercerá o dito poder de dirección e control por medio das persoas que delegasen todas ou parte das indicadas facultades directivas; ó exercicio regular

disto comprométese, de modo recíproco, a propia entidade titular do centro.

Título II

Do persoal

Capítulo I

Sección primeira

Clasificación do persoal

Artigo 5º

O persoal comprendido no ámbito de aplicación do presente convenio, de conformidade coa súa titulación e o traballo desenvolto no centro, clasificarase nun dos seguintes grupos:

-Grupo I.

Persoal docente:

Director/a.

Profesor/a titular.

Profesor/a adxunto.

-Grupo II.

Persoal non docente.

1. Persoal administrativo:

Xefe de administración ou secretaría.

Xefe de negociado.

Oficial.

Auxiliar.

2. Persoal de servicios xerais:

Limpeza.

Artigo 6º

As definicións correspondentes ás distintas categorías son as que figuran no anexo I, que forma parte integrante deste convenio, teñen carácter enunciativo e non supoñen a obriga de ter previstas todas elas.

Sección segunda

Clasificación do persoal por razón da súa permanencia

Artigo 7º.-Contrato indefinido.

O persoal afectado por este convenio entenderase contratado por tempo indefinido, sen máis excepcións cás establecidas pola lei e indicadas nos artigos seguintes.

Artigo 8º

O persoal admitido no centro sen pactar ningunha modalidade especial en canto á duración do seu contrato considerarase fixo, unha vez transcorrido o período de proba.

Artigo 9º.-Contrato interinidade.

O persoal interino é o contratado para substituí-lo persoal fixo con dereito a reserva do posto de traballo, e deberase especificar no contrato no nome do substituído e a causa da substitución.

Artigo 10º.-Contrato eventual.

É o persoal eventual o que é contratado polos centros para realizar traballos esporádicos e ocasionais de duración limitada e por razóns transitorias e circunstanciais.

Artigo 11º.-Contrato teporal.

Persoal contratado a tempo determinado é o contratado para período de tempo prefixado, a teor da lexislación vixente.

Artigo 12º

Así mesmo, tódolos traballadores pasarán automaticamente á condición de fixos, se trascorrido o prazo determinado no contrato continúan desenvolvendo as súas actividades, sen que existise novo contrato ou prórroga do anterior.

Capítulo II

Contratación, período de proba, vacantes e cesamentos de persoal

Artigo 13º.-Forma de contrato.

O contrato deberá formalizarse por escrito, e cada parte contratante gardará un exemplar e os restantes os organismos competentes. Por solicitude do traballador, o seu exemplar deberá leva-lo informado do delegado do persoal ou comité de empresa ou do delegado da sección sindical, se legalmente estivese constituído.

Artigo 14º.-Período de proba.

Todo o persoal de novo ingreso quedará sometido ó período de proba que para a súa categoría profesional se establece a continuación.

a) Persoal docente: catro meses.

b) Persoal titulado non docente: dous meses.

c) Persoal de administración e servicios: un mes, agás para o persoal non cualificado, que será de quince días naturais.

Terminado o período de proba, o traballador pasará a formar parte do cadro de persoal do centro, computándose para tódolos efectos o dito período.

Artigo 15º.-Vacantes.

Enténdese por vacante a situación producida no centro por baixa dun traballador como consecuencia da extinción da súa relación laboral.

a) Vacantes entre o persoal docente: as vacantes que se produzan nas categorías superiores do grupo I, persoal docente, serán cubertas entre o persoal de categorías inferiores do mesmo grupo, combinando a capacidade, titulación e aptitudes coa antigüidade no centro.

De non existir, segundo o titular, persoal que reúna as condicóns anteditas, as vacantes cubriranse consonte a lexislación vixente en cada momento.

b) Vacantes entre o persoal administrativo: as vacantes que se produzan entre este persoal cubriranse polos traballadores da categoría inmediata inferior, con

excepción da de xefe de administración e secretaría e xefe de negociado. Os auxiliares con cinco anos de servicio na categoría ascenderán a oficiais e de non existiren vacantes continuarán como auxiliares coa retribución de oficial.

Os aspirantes con máis de dous anos de servicio no centro pasarán a ocupar praza de auxiliar e, de non existir vacante, continuarán como aspirantes coa retribución de auxiliar.

c) O persoal non docente do centro terá preferencia a ocupar unha vacante docente, sempre que reúna os requisitos legais, así como aptitudes e capacidade.

d) No caso de nova contratación de vacante, e sempre que non puidese acceder a estes postos o persoal fixo do cadro de persoal terá preferencia o persoal, de contrato temporal ou a tempo parcial.

Artigo 16º.-Cesamento voluntario.

a) O traballador que desexe cesar voluntariamente do servicio ó centro virá obrigado a poñelo en coñecemento do titular deste por escrito, cumprindo os seguintes prazos de aviso:

Persoal docente: un mes.

Resto de persoal: quince días.

b) O incumprimento do traballador da obriga de preavisar coa indicada antelación dará dereito ó centro a descontarlle da liquidación o importe do salario de dous días por cada día de atraso no preaviso, excepto no caso de acceso ó funcionariado e sempre con preaviso ó titular do centro dentro dos sete días seguintes ó da publicación das listas definitivas de aprobados.

c) Se o centro recibe o preaviso en tempo e forma estará obrigado a aboarlle ó traballador a liquidación correspondente ó termina-la relación laboral o incumprimento desta obriga levará aparellado o dereito do traballador a ser indemnizado co importe do salario de dous días por cada día de atraso no aboamento da liquidación, co límite do número de días de preaviso.

Título III

Xornada, vacacións, enfermidade, permisos, cursos, excedencias e xubilacións

Capítulo I

Xornada de traballo

Artigo 17º

O número de horas de traballo ó ano e a súa normal distribución semanal para cada unha das categorías afectadas por este convenio son as que neste e nos seguintes artigos se especifican:

1. A xornada do persoal docente será de vinteunha horas semanais lectivas, e as complementarias necesarias para a preparación destas.

2. Enténdese por actividade lectiva, a clase, período non superior a noventa minutos, durante a cal o profesor realizará a súa función docente, que consiste na explicación oral, realización de probas ou de exercicios escritos e preguntas ós alumnos.

3. Entenderanse por actividades complementarias todas aquelas que, efectuadas dentro do centro, teñan relación co ensino, tales como: o tempo de preparación das aulas, o tempo libre que poida quedarlle ó profesor entre clases por distribución do horario do centro, o de reunión de evalución, correccións, titorías, entrevistas cos pais dos alumnos, biblioteca e outras análogas. Durante os recreos, o profesorado estará a disposición do centro para efectua-la vixilancia dos alumnos nestes.

4. En caso de ter que completa-la xornada con actividades no exterior, computarase como parte da xornada o tempo dedicado ó desprazamento (para calcula-lo tempo tomarase como referencia o tempo empregado polo transporte público e compensarase economicamente polo desprazamento adicional baseándose no número de quilómetros efectuados).

5. Para evaluación poderanse dedicar un máximo de cinco sábados, entendidos dentro da xornada laboral e distribuídas ó longo do curso escolar.

Artigo 18º

1. A xornada do persoal non docente será de 39 horas semanais distribuídas ó longo da semana, segundo as necesidades do centro, sen que a xornada diaria poida exceder de 8 horas e de 4 horas a do sábado.

2. Este persoal realizará quendas rotativas os sábados.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias as que excedan, en cada caso, da xornada establecida neste convenio. A iniciativa para traballar en horas extraordinarias correspóndelle ó centro e a libre aceptación do traballador, conforme a lexislación vixente en cada momento.

Artigo 20º.-Xornada continuada.

1. O persoal administrativo durante os meses de xullo e agosto traballará as mesmas horas có persoal docente, os días non lectivos correspondentes ó período de vacacións escolares, (excepto o mes de setembro) realizará xornada continuada de catro horas diarias, e poderán establecer quendas para que os distintos servicios queden atendidos. Este persoal, durante os meses de xullo, agosto e setembro terá corenta e oito horas ininterrompidas de descanso á semana.

2. O persoal de servicios xerais durante os meses de xullo e agosto, vacacións de Semana Santa e Nadal, realizará xornada continua, cun máximo de catro horas diarias e corenta e oito ininterrompidas de descanso; poderán establecer quendas para que os distintos servicios queden atendidos.

Capítulo II

Vacacións

Artigo 21º

Tódolos traballadores afectados por este convenio terán dereito a desfrutar, cada ano completo de servicio activo, unha vacación retribuída dun mes, perferentemente no verán, tendo en conta as características

do centro e as situacións persoais de cada traballador ou ós días que en proporción lle correspondan, se o tempo traballado fose menor.

Todo o persoal docente afectado polo presente convenio terá dereito a 2 meses adicionais sen actividade docente. Non obstante o anterior, poderase utilizar ata un máximo de 40 horas exclusivamente complementarias.

1. En Semana Santa e en Nadal os docentes terán dereito a igual vacacións cá que fixe o calendario escolar oficial para os alumnos.

2. No suposto de que a empresa organice cursos de verán, o centro disporá de forma rotativa como máximo de 2 profesores en xullo e outros 2 en agosto. Este persoal recibirá unha compensación económica de 50.000 ptas. cada un. Cada profesor dará clases a dous grupos e a dedicación máxima a cada un destes grupos será de 30 horas. No caso de que houbese que abrir algún grupo recibirán unha compensación de 75.000 ptas. cada un por curso de 30 horas, as ditas compensacións aumentaranse cada ano desde o mes de xullo de 1997 como mínimo, de acordo co IPC.

Artigo 22º

O persoal non docente terá dereito a desfrutar de seis días naturais de vacacións durante a Semana Santa e oito días naturais desde Nadal, en ámbolos casos de forma continuada, se ben o centro poderá establecer quendas entre este persoal para efecto de mante-lo servicio nestes.

Tamén disporán de cinco días laborables durante o ano, dous que determinará o empresario e os outros tres que determinarán en común acordo entre os representantes dos traballadores e o titular ó inicio do curso escolar.

Artigo 23º

O persoal que cese no transcurso do ano terá dereito á parte proporcional de vacacións que por disposicións legais lle corresponda, segundo o tempo traballado durante el.

Capítulo III

Enfermidades, permisos

Artigo 24º.-ILT.

Os traballadores en situación de incapacidade laboral transitoria e durante os tres primeiros meses recibirán o complemento necesario ata completa-lo 100% da súa retribución salarial total, incluídos os incrementos salariais producidos no período de baixa. En caso de continua-la incapacidade, aboarase ata o 100% un mes por cada trienio de antigüidade.

Artigo 25º.-Permisos retribuídos.

Os traballadores, logo do aviso e xustificación, poderán ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días en caso de matrimonio.

b) Tres días en caso de nacemento, falecemento de fillo, enfermidade grave, operación cirúrxica ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento fóra da provincia, o prazo será de cinco días.

c) Un día de traslado do domicilio habitual.

d) Un día por voda de familiar en primeiro grao.

e) Polo tempo imprescindible para o cumprimento dun deber de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispoña en canto a duración da ausencia e á súa compensación económica.

Artigo 26º.-Permisos non retribuídos.

Todo o persoal poderá solicitar ata quince días de permiso sen soldo por ano, que deberán serlle concedidos se se fai con aviso de cinco días.

Artigo 27º

Os traballadores terán dereito á súa retribución total durante os permisos fixados na Lei 3/1989, do 3 de marzo.

Artigo 28º.-Lactación.

Os traballadores, por lactancia dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo retribuído, que poderán dividir en dúas fraccións. O dito período non poderán desfrutalo asemade os dous cónxuxes.

Capítulo IV

Cursos de actualización e perfeccionamento

Artigo 29º

Cando o centro organice cursos de perfeccionamento e voluntariamente o profesorado os realice, os gastos de matrícula, desprazamentos e residencia correrán a cargo do centro.

Os centros facilitarán o acceso a cursos para o persoal contratado que desexe a aprendizaxe da lingua da rexión autónoma onde radique o centro.

O persoal que asista a cursos de perfeccionamento, logo do permiso do centro, terá dereito a percibi-la súa retribución, durante a súa duración.

Artigo 30º

Para realizar exames oficiais, o traballador terá a correspondente licencia, con dereito a retribución, e deberá xustificar tanto a formulación da matrícula como asistir ós ditos exames.

Capítulo V

Excedencias

Artigo 31º

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa, nos termos previstos nos artigos seguintes. En ámbolos casos o traballador non terá dereito a retribución, agás o establecido no capítulo correspondente a dereitos sindicais.

Artigo 32º.-Excedencia forzosa.

Serán causa de excedencia forzosa as seguintes:

a) Por designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

b) Por enfermidade, unha vez transcorrido o prazo de incapacidade laboral transitoria, e por todo o tempo que o traballador permaneza en situación de invalidez provisional.

c) Pola prestación de servicio militar ou sustitutivo, durante o tempo mínimo obrigatorio de duración neste.

d) Polo exercicio de funcións sindicais, de ámbito provincial ou superior, sempre que a central sindical á que pertenza o traballador teña representatividade legal suficiente no sector do ensino privado.

e) Para atender a un familiar gravemente enfermo, dentro do primeiro grao de consanguinidade, a excedencia non será superior a doce meses.

f) O descanso dun curso escolar para aqueles docentes que desexen dedicarse ó seu perfeccionamento profesional, despois de dez anos de exercicio activo no mesmo centro. Cando este perfeccionamento sexa consecuencia da adecuación do centro a innovacións educativas, o período de exercicio no centro quedará reducido a 4 anos.

g) Excedencia especial para o traballador por nacemento dun fillo, que dará dereito a incorporarse ó centro, computándose para efectos de antigüidade o primeiro ano. Cando o pai e a nai traballen no mesmo centro, só un deles poderá exercer este dereito.

Artigo 33º

O traballador que desfrute da excedencia forzosa ten dereito a reserva do posto de traballo, cómputo da antigüidade adquirida durante o tempo que aquela dure e a reincorporarse ó centro.

Desaparecida a causa que motivou a excedencia, o traballador terá trinta días naturais para incorporarse ó centro e, en caso de non facelo, causará baixa defenitiva neste.

A excedencia forzosa deberá ser automaticamente concedida, logo da presentación da corrrespondente documentación acreditativa.

Artigo 34º.-Excedencia voluntaria.

A excedencia voluntaria poderá concedérselle ó traballador, logo da petición por escrito, e poderá solicitalo todo o que leve, polo menos, un ano de antigüidade no centro e non desfrutase de excedencia durante os catro anos anteriores.

A dita excedencia empezará a desfrutarse o primeiro mes do comezo do curso, agás mutuo acordo para adiantalo.

O permiso de excedencia voluntaria concederase por un mínimo dun ano e un máximo de cinco.

Artigo 35º

O traballador que desfrute a dita excedencia voluntaria só conservará o dereito ó reingreso se no centro

houbese unha vacante na súa especialidade ou categoría laboral.

Durante este tempo non se lle computará a antigüidade.

Capítulo VI

Xubilacións

Artigo 36º

Establécese a xubilación forzosa ós sesenta e cinco anos para tódolos traballadores afectados por este convenio. Non obstante, aqueles traballadores que non teñan cuberto o prazo legal mínimo de cotización que lles garanta a xubilación, poderán continuar no centro ata que se cumpra o dito prazo ou tal requisito.

O centro e os seus traballadores de mutuo acordo poderán tramita-los sistemas de xubilacións anticipadas previstas na lexislación vixente.

Tamén se establece a fórmula de contrato de relevo a teor da lexislación vixente.

Título IV

Retribucións

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 37º.-Pagamento de salarios.

Os salarios do persoal comprendido no ámbito de aplicación deste convenio quedan establecidos nas táboas salariais e no articulado deste.

O pagamento do salario efectuarase por meses vencidos, dentro dos cinco primeiros días do mes seguinte e dentro da xornada laboral. Será aboado en metálico, cheque ou talón bancario, transferencia ou outras modalidades, logo do acordo cos traballadores.

Artigo 38º-Traballos de superior categoría.

Cando se encomende ó persoal sempre por causas xustificadas unha función superior á correspondente á súa categoría profesional, percibirá a retribución correspondente a aquela, en tanto subsista a situación.

Se o período de tempo da mencionada situación é superior a seis meses durante un ano ou outro durante dous, o traballador poderá elixir estar clasificado na nova categoría profesional que desempeñe, agás necesidades de titulación, percibindo neste caso a diferencia retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice.

Artigo 39º.-Traballos de inferior categoría.

Se por necesidades imprevisibles do centro este precisase destinar a un traballador a tarefas correspondentes a unha categoría inferior á súa só poderá facelo por un tempo imprescindible, e manterase a retribución e demais dereitos correspondentes á súa categoría profesional. Esta situación plasmarase por escrito nun acordo precisando sempre que sexa posible a temporalidade da situación facendo referencia a este artigo e co coñecemento dos representantes legais dos traballadores.

Artigo 40º.-Anticipos de salarios.

O traballador ten dereito a percibir anticipos por conta do seu traballo, sen que poida exceder do 90% do importe do salario mensual.

Artigo 41º.-Trienios.

Por cada trienio vencido, o traballador terá dereito a percibi-la cantidade que para tal efecto se indica nas táboas salariais, non podendo excede-lo total por este concepto dos topes sinalados neste Estatuto dos traballadores. O importe de cada trienio farase efectivo na nómina do mes do seu vencemento.

Artigo 42º.-Cómputo de antigüidade.

A data inicial do cómputo de antigüidade será a de ingreso do traballador no centro.

Artigo 43º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores comprendidos no ámbito de aplicación do presente convenio percibirán como complemento periódico de vecemento superior a un mes, o importe de dúas gratificacións extraordinarias, equivalentes cada unha delas a unha mensualidade do salario base, complemento, antigüidade e complementos específicos. Faranse efectivas antes do 1 de xullo e do 23 de decembro.

Artigo 44º

Ó persoal que cese ou ingrese no centro no transcurso do ano, aboaránselle os complementos de vencemento superior ó mes antes expresado, rateándose o seu importe en proporción ó tempo de servicio.

Artigo 45º.-Rateo de pagas.

De común acordo entre o empresario e os traballadores do centro poderá acordarse o rateo das gratificacións extraordinarias entre as doce mensuallidades, se non se viñese realizando ata a data.

Capítulo II

Complementos específicos

Artigo 46º.-Complemento por servicio militar.

O traballador afectado por este convenio terá dereito á percepción dunha paga extraordinaria ó incorporarse ó servicio militar ou substitutivo sempre que se incorpore no reemprazo que lle corresponda ou tralas correspondentes prórrogas.

Artigo 47º.-Plus de transporte ou distancia.

Aqueles centros que viñesen aboando algunha cantidade como mellora por concepto de transporte ou distancia continuarán facéndoo sen que sexa susceptible de absorción durante a vixencia do presente convenio.

Título V

Réxime asistencial

Capítulo I

Seguridade, hixiene e enfermidades profesionais no traballo

Artigo 48º

Os centros e o persoal afectado por este convenio cumprirán as disposicións sobre seguridade e hixiene

no traballo contidas no Estatuto dos traballadores (artigo 19) e demais disposicións de carácter xeral. Para tal efecto, ó comezo de cada curso, o centro poderá solicitar do Instituto de Saúde e Hixiene ou organismo autónomo competente, ou do médico do centro, unha revisión médica dos traballadores que así o desexen. En cada centro de traballo designarase un responsable de Seguridade e Hixiene.

Artigo 49º

Deberían ser consideradas pola Seguridade Social como enfermos profesionais as seguintes:

-Enfermidades neurolóxicas.

-Patoloxías otorrinolariugolóxicas.

-Enfermidades infecto-contaxiosas crónicas.

-Alerxias crónicas.

Capítulo II

Melloras sociais

Artículo 50º.-Premio de xubilación.

Manterase nos centros de ensino un premio de xubilación para os traballadores que ó xubilárense tiveran, polo menos, quince anos de antigüidade na empresa. Percibirán o importe correspondente a tres mensualidades extraordinarias e unha mensualidade máis por cada cinco anos que excedan dos quince primeiras.

Artigo 51º.-Axudas ós fillos de traballadores.

Os centros comprendidos dentro do ámbito de aplicación deste convenio manteñen para o persoal afectado polo mesmo un réxime de axuda ó estudio baseado nos seguintes criterios:

a) Os fillos do persoal afectado por este convenio e os seus orfos teñen preferencia de praza nos centros onde os pais presten ou prestasen os seus servicios neste, sempre que as características do centro o permitan.

b) Dereito de ensino gratuíto de entre os que se imparten no centro de traballo, ben para si ou para os seus fillos, para tódolos traballadores que presten os seus servicios neste cando polo menos dediquen a metade da xornada laboral.

c) Os fillos dos traballadores en situación de excedencia forzosa teñen os dereitos reflectidos nos apartados anteriores, excepto os incluídos no apartado a) do artigo 31º.

Artigo 52º.-Seguros de responsabilidade civil e accidentes.

Tódolos centros deberán contar con dúas pólizas de seguros que garantan as coberturas de responsabilidade civil e accidentes individuais de todo o persoal afectado por este convenio.

Para tal fin exisirán dúas pólizas, unha para cada ramo especificado. Os centros afectados por este convenio adheriranse ás ditas pólizas e notificaranlles publicamente, ó comezo de cada curso escolar, ós representantes dos traballadores, os pormenores destas e os procedementos a seguir en caso de sinistros.

Deberá estar asegurado todo o persoal docente e non docente dos centros que figuren dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social mediante acreditación polos boletíns TC-2, excedencia forzosa, excepto os incluídos no apartado a) do artigo 32º, aínda cando non figuren no TC-2 do centro.

En extracto, as garantías das pólizas referidas, serán as seguintes:

Responsabilidade civil en que poidan incorre-los asegurados con motivo das súas actuacións exclusivamente profesionais, con inclusión de fianza e defensa criminal e exclusión de riscos que poidan ser asegurados polo ramo de automóbil e calquera dano inmaterial que non sexa consecuencia directa dos danos materiais e/ou corporais garantidos por esta póliza. Prestación máxima por sinistro 5.000.0000 de ptas.

Accidentes individuais: asistencia médico-cirúrxica famacéutica, en caso de accidente, sexa calquera a causa que o produza, tanto no exercicio da profesión como na vida privada, en calquera parte do mundo, realizando calquera tipo de actividade, usando calquera medio de locomoción e sen exclusión de ningún xénero.

Capital asegurado en caso de morte: 3.000.000 de ptas. En caso de invalidez permanente: 5.000.000 de ptas. existen unhas porcentaxes sobre esta última para as perdas ou inutilidades absolutas dos membros. Non hai indemnización diaria por perda de horas de traballo. Os dereitos deste seguro son compatibles con calquera outro.

Capítulo III

Dereitos sindicais

Artigo 53º.-Ausencias.

O traballador, logo do aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legalmente e neste convenio.

Artigo 54º.-Non discriminación.

Ningún traballador poderá ser discriminado por razón da súa afiliación sindical, e poderá expresar con liberdade as súas opinións, así como publicar e distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do traballo, as publicacións de interese laboral ou social, comunicándollo ó centro.

Artigo 55º.-Representación dos delegados do persoal.

Os delegados de persoal exercerán mancomunadamente perante o empresario a representación para a que foran elixidos e terán as mesmas competencias establecidas para os comités de empresa.

Artigo 56º

Os delegados de persoal terán tódalas competencias, dereitos e garantías que establece o Estatuto dos traballadores, a Lei orgánica da liberdade sindical e demais disposicións legais aplicables.

Artigo 57º.-Acumulación de horas.

Para facilita-la actividade sindical no centro, provincia, rexión, Comunidade Autónoma ou Estado, as centrais sindicais con dereito a formar parte da mesa negociadora do convenio poderán acumula-las horas dos distintos membros dos comités de empresa e, se é o caso, os delegados de persoal pertencentes ás súas organizacións naqueles traballadores, delegados ou membros do comité de empresa que as centrais sindicais designen.

Para facer efectivo o establecido neste artigo, os sindicatos comunicaranlle á patroal o desexo de acumula-las horas dos seus delegados.

Os acordos que, para efectos de fixa-lo número de permanentes sindicais, se negocien coas administracións na aplicación deste artigo, tamén serán notificados á organización patroal.

As administracións correspondentes farán efectivos os salairos dos ditos liberados, segundo a lexislación vixente.

Os sindicatos teñen a obriga de lle comunicar ó centro o nome do seu traballador liberado, logo da aceptación expresa deste.

Artigo 58º.-Dereito de reunión.

Garantirase o dereito que os traballadores do centro teñen a reunirse no mesmo centro, sempre que non se perturbe o desenvolvemento normal das actividades deste e, se é o caso, de acordo coa lexislación vixente. As reunións deberán serlle comunicadas ó director ou representante da empresa, coa antelación debida, con indicación dos asuntos incluídos na orde do día e as persoas non pertencentes ó centro que van asistir á asemblea.

Co fin de garantir este dereito ó persoal non docente, os centros poderán regula-lo traballo do día co fin de facer posible a asistencia deste persoal ás ditas asembleas.

Artigo 59º.-Cota sindical.

Por requirimento dos traballadores afiliados ás centrais ou sindicatos, os centros poderán descontar na nómina dos traballadores o importe da cota sindical que se ingresará na conta que o sindicato correspondente determine.

Artigo 60º.-Ausencia por negociación de convenio.

Os delegados sindicais ou cargos nacionais de centrais implantadas no sector a escala nacional que se manteñan como traballadores en activo nalgún centro e foran designados como membros da comisión negociadora (e sempre que o centro sexa o sector afectado pola negociación ou arbitraxe), logo do aviso e xustificación, poderán ausentarse do traballo con dereito a remuneración, para participar da comisión paritaria de mediación, arbitraxe e conciliación.

Título IV

Faltas, sancións infraccións

Capítulo I

Faltas

Artigo 61º

Para o persoal afectado por este convenio establécense tres tipos de faltas: leves, graves e moi graves.

-Son faltas graves:

Tres faltas de puntualidade inxustificadas no posto de traballo durante trinta días.

Unha falta inxustificada de asistencia durante un prazo de trinta días.

Dar por concluída a clase con anterioridade á hora da súa terminación, sen causa xustificada, ata dúas veces en trinta días.

Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente, cando se falte ó traballo por causa xustificada, ó menos que sexa evidente a imposibilidade de facelo.

Neglixencia na entrega de cualificacións nas datas acordadas, en control de asistencia e disciplina dos alumnos.

-Son faltas graves:

Máis de tres e menos de dez faltas inxustificadas de puntualidade cometidas nun prazo de trinta días.

Máis dunha e menos de catro faltas inxustificadas de asistencia ó traballo nun prazo de trinta días.

O incumprimento das obrigas educativas de acordo coa lexislación vixente.

Discusións públicas con compañeiros de traballo no centro que menosprecen perante os alumnos a imaxe do seu educador.

Faltar gravemente á persoa do alumno ou ós seus familiares.

A reincidencia en falta leve nun prazo de sesenta días.

-Son faltas moi graves:

Máis de nove faltas inxustificadas de puntualidade cometidas nun prazo de trinta días.

Máis de tres faltas inxustificadas de asistencia ó traballo cometidas nun prazo de trinta días.

O abandono inxustificado e reiterado da función docente.

As faltas graves de respecto e os malos tratos de palabra ou obra, a calquera membro da comunidadee educativa do centro.

O grave incumprimento das obrigas educativas de acordo coa lexislación vixente.

A reincidencia en falta grave, se se cometese dentro dos seis meses seguintes a producirse a primeira infracción.

Artigo 62º.-Prescrición.

As infraccións cometidas polos traballadores prescribirán: as faltas leves, ós dez días; as graves, ós quince dáis, e as moi graves, ós cincuenta días, a partir da data na que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de cometérense.

Capítulo II

Sancións

Artigo 63º

As sancións serán impostas pola dirección da entidade titular do centro, isto é, pola súa xunta directiva, directamente, ou por proposta das persoas que exerzan as súas funcións por delegación das súas facultades directivas.

As sancións serán:

Por faltas leves: amoestación verbal; se fosen reiteradas, amonestación por escrito.

Por faltas graves: amoestación por escrito; se existise reincidencia, suspensión de emprego e soldo de cinco a quince días, con constatación no expediente persoal.

Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo de dezaseis a trinta días, apercibimento de despedimento que poderá ir acompañado da suspensión de emprego e soldo. Despedimento.

Tódalas sancións seranlle comunicadas por escrito ó embaixador, indicando a data e feito que a motivaron. Remitirase copia desta ós delegados de persoal, membros do comité de empresa ou delegado sindical.

Artigo 64º

A dirección do centro, isto é, a xunta directiva directamente, ou por proposta das persoas que exerzan as súas funcións por delegación das súas facultades directivas, tendo en conta as circunstancias que concorren no feito e a conducta ulterior do traballador, poderá reduci-las sancións por faltas leves, graves ou moi graves, de acordo coa lexislación vixente.

Capítulo III

Infraccións dos empresarios

Artigo 65º

As omisións ou accións cometidas polos titulres dos centros que sexan contrarias ó disposto por este convenio e demais disposicións legais serán cosnsideradas como infración laboral.

O persoal contratado a través dos delegados de persoal, delegado sindical ou comité de empresa, tratará, en primeira instancia, de correxi-la suposta infracción apelando ó titular do centro.

Se no prazo de dez días, desde a notificación ó titular, non recibisen solución ou esta non fose satisfactoria para o reclamante, poderá incoar expedietne perante a comisión paritaria de conciliación, arbitraxe e interpretación, a cal, no prazo máximo de vinte días á recepción deste, emitirá dictame. Calquera das partes poderá apelar ó dictame da Inspección de Traballo ou Dirección Provincial do Ministerio de Traballo.

En todo caso, haberá que aterse ó previsto nas disposicións legais vixentes.

Disposición adicional

Primeira.-O presente convenio prorrogarase de ano en ano, a partir do 1 de xaneiro de 1995, por tácita

reconducción se non mediase denuncia expresa deste por calquera das partes cunha antelación de dous meses ó termo do seu período de vixencia ou ó de calquera das súas prórrogas. Denunciado o convenio, as partes comprométense a iniciar conversacións en prazo non superior a un mes antes da data de vencemento do convenio ou da prórroga.

Non obstante o anterior, as condicións económicas, se é o caso, serán negociadas anualmente para a súa efectiviadade a partir do 1 de xaneiro de cada ano de prórroga.

ANEXO I

Definición de categorías

A) Persoal docente:

a) Profesor/a ou profesores/as titulares. É o que reunindo as condicións e títulos académicos esixidos pola lexislación, exerce a súa actividade educativa para o adecuado desenvolvemento dos programas. Dentro do marco pedagóxico e didáctico establecido polo centro, de acordo coa lexislación vixente.

B)

b) Director/a. É quen encargado polo titular do centro dirixe, orienta e supervisa as actividades educativas en tódolos seus aspectos e outras que lle sexan encomendadas.

C) Persoal non docente:

a) Xefe/a de administración ou secretario/a. É quen ten ó seu cargo a dirección administrativa e /ou a secretaria do centro da que responderá perante o titular deste.

b) Xefe/a do negociado. É quen ás ordes do/a xefe/a de administración e secretario/a se encarga de dirixi-la sección ou departamento adminsitrativo.

c) Oficial/a. É quen exerce funcións burocráticas ou contables que esixa iniciativa e responsabilidade.

d) Auxiliar. Comprende esta categoría ó empregado que realiza funcións administrativas burocráticas ou de biblioteca, baixo a dirección do seu inmediato superior.

ANEXO II

Retribucións

Sal. baseComplement.

TrieniosTransporte

Profesores157.5544.8902.300
Directora157.55450.1684.8902.300
Xefe administración160.1674.6292.300
Xefe negociado136.1362.9542.300
Aux. Adminis.113.6893.9102.300
Limpeza088.0163.9102.300

9602668