Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 1996 Páx. 3.325

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 1996, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de perruquerías de mulleres de Galicia.

Visto o texto do convenio colectivo do sector de perruquerías de mulleres de Galicia, que se subscribiu na data 30-1-1996 entre a representación empresarial e a representación social, trala mediación celebrada ó abeiro do previsto no acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), e de conformidade co disposto no artigo 90, apartados 2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e o artigo 2 do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 1996.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo de perruquerías de mulleres de Galicia

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regula as relacións de traballo entre as empresas dedicadas á perruquería de mulleres, localizadas en Galicia, e para tódolos seus traballadores/as, das que a lexislación básica se encontra establecida na ordenanza do 28 de febreiro de 1974, ou acordo marco que a substitúa, así como no vixente Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Queda comprendido neste convenio aquel persoal que preste o seu traballo e exerza as funcións características desta actividade en sanatorios, colexios, círculos de recreo, hoteis, balnearios, espectáculos públicos, grandes almacéns, etc. salvo que espe

cificamente estiveran reguladas as súas actividades por outras disposicións propias das empresas de que dependan. Quedan excluídos deste convenio directores e os traballadores familiares. Serán así considerados, sempre que convivan co empresario, o cónxuxe, os ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao, inclusive, se é o caso, por adopción.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e prórroga.

A vixencia do presente convenio comezará en todo o seu contido a partir do primeiro de xaneiro de 1995 e, se non fose denunciado no prazo de tres meses antes do seu vencemento, entenderase prorrogado de ano en ano, incrementándose os salarios do mesmo modo, conforme o índice de prezos de consumo aprobado polo Instituto Nacional de Estatística referido ós doce meses anteriores. A vixencia será ata o 31 de decembro de 1996.

O pagamento dos incrementos salariais acordados para o ano 1995 deberá facerse tan só desde o mes de xullo de 1995, é dicir, o pagamento das diferencias salariais ten carácter retroactivo tan só desde o mes de xullo de 1995 en diante.

Artigo 4º.-Plus de asistencia.

Establécese un plus de asistencia ó traballo na contía de 3.500 ptas. mensuais para tódolos/as traballadores/as. O dito plus será tamén aboado durante o período de vacacións.

O dereito ó percibo deste plus perderase total ou parcialmente polas seguintes causas:

O 25% do plus correspondente ó salario dun día por falta de puntualidade de ata 5 minutos. A reincidencia neste tipo de falta gravarase co 50%.

O 75% do plus correspondente ó salario dun día por falta de puntualidade superior a 5 minutos e de non máis de media hora

O 100% por máis de media hora, sen chegar ó día completo.

O correspondente a dous días por cada falta de asistencia.

O abandono do traballo antes da hora sinalada, a non incorporación á hora xusta de comezalo e as interrupcións inxustificadas consideraránse como faltas de puntualidade para estes efectos.

Artigo 5º.-Data de cobro.

As retribucións mensuais serán aboadas pola empresa o derradeiro día hábil de cada mes.

Artigo 6º.-Clasificación do persoal.

Mantense a clasificación do persoal de categoría de profesionais e definición do seu cometido na ordenanza laboral do ramo, excepto no que respecta á categoría de aprendiz, que é considerado como aquel operario que, de 16 a 25 anos, se atopa contratado baixo a modalidade de contrato de aprendizaxe, contrato que ten como obxecto principal adquiri-los coñecementos mínimos necesarios para o desenvol

vemento futuro da súa profesión. As condicións xerais que regulan o desenvolvemento deste contrato quedan establecidas no artigo 11, parágrafo 2º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 7º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias aboaranse cas recargas legais establecidas. As porcións de horas extraordinarias acumuladas por este motivo desfrutaranse no tempo libre ou en aplicación de vacacións.

O número de horas extraordinarias non poderá exceder de setenta e cinco ó ano.

Artigo 8º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal percibirá dúas pagas ó ano, pagadoiras nos meses de xullo e decembro, e a contía será de trinta días de salario base máis antigüidade, debendo ser aboadas na primeira quincena dos ditos meses.

Artigo 9º.-Plus de transporte.

Todo o persoal percibirá un plus de transporte de 5.000 ptas. tódolos meses incluído o mes que se desfrute das vacacións regulamentarias.

Artigo 10º.-Antigüidade.

As partes que asinanan o presente convenio entenden que o complemento de antigüidade dificulta a permanencia na empresa dos traballadores contratados; por isto, acórdase que a configuración do complemento de antigüidade quede establecida segundo as seguintes premisas:

-Os traballadores que, no momento da entrada en vigor do presente convenio, viñesen cobrando algunha cantidade en concepto de antigüidade, conservarana conxelada para anos sucesivos, como complemento de antigüidade inamovible (CAI)

-A partir do 1 de xaneiro de 1995, por cada novo trienio corresponderá unha cantidade fixa de 2.000 ptas.

-Non se lle computará a ningún traballador unha antigüidade superior a 8 trienios.

Artigo 11º.-Vacacións.

O persoal comprendido no presente convenio terá dereito a desfrutar 30 días naturais ó ano, dos cales desfrutará como mínimo de quince días ininterrompidamente, se o desexase o traballador/a na época na que acorden as partes, sendo sempre retribuídas. O traballador/a que non leve un ano na empresa desfrutaraas proporcionalmente ó tempo traballado.

Cando a empresa peche por vacacións, o desfrute delas por parte dos traballadores será nas ditas datas de peche vacacional.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses antes, polo menos, do comezo do seu desfrute.

As empresas primarán todos/as aqueles/as empregados que desfruten as súas vacacións no período non incluído entre o 1 de xuño e o 1 de setembro.

Artigo 12º.-Período de proba.

O ingreso do persoal na empresa efectuarase de acordo con canto en materia de colocación determinan as disposicións legais vixentes e clasificarase aquel conforme as funcións para o desempeño das cales fora contratado.

A contratación do persoal na empresa considerarase provisional durante un período de proba variable, segundo a seguinte escala:

1. Título, tres meses.

2. Persoal administrativo, un mes.

3. Profesionais, subalternos e persoal de oficios varios, dous meses.

Artigo 13º.-Revisión médica.

A revisión médica anual obrigatoria será por conta da empresa.

Artigo 14º.-Permisos retribuídos.

Será de acordo co establecido no artigo 37 do Estatuto dos traballadores. Estas licencias retribuídas serán ampliadas no caso de necesidade, a xuízo e mutuo acordo de ámbalas dúas partes.

Artigo 15º.-Uniformes.

Cando a empresa tivera establecida a obriga de levar uniforme, deberá facilitarlle ó traballador dous uniformes de traballo anuais, un de verán e outro de inverno. O traballador/a que cese como tal na empresa, estará obrigado a devolve-lo seu uniforme de traballo.

Artigo 16º.-Vestiarios.

A empresa comprométese a facilitar cuarto apropiado ás necesidades do persoal.

Artigo 17º.-Incapacidade temporal.

A empresa aboaralles ós/ás seus traballadores/as, nas baixas de enfermidade ou accidente de traballo, debidamente xustificadas, a diferencia ata completa-lo salario que viñera percibindo en activo.

Artigo 18º.-Réxime de incompatibilidades.

Todo traballador/a que desempeñe a actividade profesional fóra do local da empresa, incorrerá en causa legal de despidimento, sen dereito ás indemnizacións tipificadas no Estatuto dos traballadores.

Artigo 19º.-Traballos a domicilio.

Cando, dentro da xornada laboral e por circunstancias extraordinarias, sexa necesaria a realización dun traballo fóra do domicilio social da empresa, o traballador deberá levalo a cabo, sendo os gastos de desprazamento ó cargo desta. Cando esta necesidade se produza fóra da xornada legal establecida, a súa realización será pactada por ámbalas dúas partes.

Artigo 20º.-Dereitos sindicais dos traballadores.

Garantías sindicais. Os representantes dos traballadores/as, membros do comité de empresa ou delegados de persoal, terán a garantía das súas actuacións no contido do artigo 68 do vixente Estatuto dos traballadores e que se dá aquí por reproducido; as súas consecuencias serán as determinadas no anterior artigo 64 do mesmo texto legal, agás que por disposición legal se modifique, en tal caso, haberá que aterse a tal disposición.

Artigo 21º.-Ordenación xurídica.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que anteriormente rexían por imperativo legal, xurisprudencial, contencioso-administrativo, pacto de calquera clase, contrato individual, usos e costumes locais, comarcais ou por calquera outra causa lexítima.

Artigo 22º.-Eficacia lexislativa.

As disposicións legais futuras que impliquen variación económica dalgún ou de tódolos conceptos retributivos unicamente terán eficacia práctica se, globalmente considerados e sumados ás vixentes con anterioridade ó convenio, superaran o nivel deste.

No caso contrario, consideraranse absorbidas polas melloras pactadas.

Artigo 23º.-Xornada.

A xornada máxima para todo o persoal afectado polo presente convenio será de 1.816 horas en cómputo anual ou 40 horas semanais.

O horario de entrada ó traballo pola mañá non será antes das 9 horas e o de saída pola tarde, non será despois das 20.30 horas.

Os salóns que pechen ó mediodía, poderán retrasa-la hora de saída ó final do día na medida temporal na que pechen na metade da xornada.

Artigo 24º.-Medidas de fomento do emprego e da contratación laboral.

Co fin de fomenta-la contratación e debido ós límites a esta impostos a causa das últimas modificacións lexislativas, as partes acordan que a duración máxima do contrato eventual por circunstancias da producción será de 12 meses nún período de 15. Poderán acollerse a esta disposición os contratos que estean en vigor na data de publicación do presente convenio e aínda non esgotaran a súa duración máxima.

Artigo 25º.-Aparencia externa do persoal.

Todo o persoal deberá presentarse ó traballo perfectamente peiteado e maquillado, de xeito que poida, de forma digna e presentable, poñerse de inmediato a atende-la clientela.

As condicións especiais nesta materia negociaránse no seo de cada empresa. En cada centro de traballo, por acordo entre a dirección e os traballadores, establecerase un día a semana, fóra das horas de traballo, para o personal dos traballadores/as.

Artigo 26º.-Seguro colectivo.

As empresas suxeitas a este convenio virán obrigadas a subscribir unha póliza de seguros en favor dos seus traballadores que cubra, no caso de accidente de traballo, incluído o accidente in itinere, sempre que non exista responsabilidade do traballador, os riscos de morte e invalidez permanente nos graos de total, absoluta e gran invalidez pola cuantía de 3.000.000 de pesetas de indemnización.

Para os efectos deste artigo, a cualificación de accidente de traballo e o grao de invalidez serán os que fixen os órganos administrativos ou, se é o caso, xurisdiccionais competentes.

As indemnizacións que sexan percibidas polos traballadores con cargo á póliza que se regula neste artigo, consideraránse entregadas a conta das indemnizacións que, se é o caso, poidesen declarar con cargo á empresa os tribunais de xusticia, compensándose hasta donde aquelas cheguen.

Artigo 27º.-Ferramentas.

As ferramentas de man necesarias para a prestación do traballo serán dos profesionais, agás os secadores.

Condicións adicionais:

Primeira.-Naquelas empresas nas que existan comités ou delegados de persoal, serán os órganos base de representación dos traballadores/as.

Os vocais do comité e os delegados de persoal, se é o caso, coñecerán previamente as causas dos despedimentos, así como as solicitudes do expediente de crise, agás que por disposición legal se modifique, en tal caso, haberá que aterse á tal disposición.

Segunda.-As empresas facilitaranlles ós/ás traballadores/as un taboleiro de anuncios en cada centro de traballo.

Terceira.-Establécese unha comisión paritaria do convenio, como órgano mixto de interpretación, conciliación e arbitraxe. A dita comisión estará composta por catro membros de cada parte. Pola parte social un representante de cada central sindical e outro para o sindicato máis representativo, pola parte empresarial haberá un representante por cada provincia da Comunidade Autónoma, fixándose como domicilio da parte empresarial r/ Senra 12, Santiago de Compostela, e pola parte sindical, c/ Hernán Cortes 26, Vigo; c/ Xeral Pardiñas 26, 1º Santiago de Compostela, e Gregorio Espino 47, Vigo.

Cuarta.-En todo aquilo que non fose pactado en convenio e que afecta as relacións laborais e económicas, haberá que aterse ó disposto na vixente ordenanza laboral de traballo aprobada por Orde do 28 de febreiro de 1974 ou acordo marco substitutorio.

Quinta.-En caso de desaparecer esta, os artigos que non estean neste convenio pasarán a formar parte del.

Sexta.-De acordo co establecido, ó final inclúese táboa salarial mínima con anexo.

Sétima.-O número de horas consideradas como xornada anual é de 1.816 horas.

ANEXO I

Táboa salarial para 1995

CategoríasSalario día

Oficial maior2.540

Oficial de primeira2.337

Oficial de segunda2.225

Axudante2.223

Salario mes

Axudante administrativa-telefonista

67.378

Telefonista-recepcionista67.611

ANEXO II

Os salarios anuais reflectidos corresponden a 1.816 horas

CategoríasSalario ano

Oficial maior1.150.740

Oficial de primeira1.066.950

Oficial de segunda1.020.120

Axudante1.018.230

Axudante administrativa-telefonista

1.029.346

Telefonista-recepcionista1.032.552

ANEXO I

Táboa salarial año 1996

CategoríasSalario día

Oficial maior2.623

Oficial de primeira2.413

Oficial de segunda2.307

Axudante2.302

Salario mes

Axudante administrativa-telefonista

69.568

Telefonista-recepcionista69.808

ANEXO IV

Os salarios anuais reflectidos corresponden a 1.816 horas

CategoríasSalario ano

Oficial maior1.203.660

Oficial de primeira1.115.460

Oficial de segunda1.070.940

Axudante1.068.840

Axudante administrativa-telefonista

1.075.952

Telefonista-recepcionista1.079.312

96-1189