Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 1996 Páx. 3.318

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 1996, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de perruquerías de homes, unisex e beleza.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia do sector de perru

querías de homes unisex e beleza, que se subscribiu na data do 30-1-1996 entre a representación empresarial e a representación social trala mediación celebrada ó amparo do previsto no acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), e de conformidade co disposto no artigo 90, apartados 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e o artiogo 2 do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta dirección xeral,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 1996.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio coelctivo de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para perruquerías de homes, unisex e beleza

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º

O presente convenio establece as normas laborais polas que se rexerán tódalas empresas dedicadas ó sector de perruquería de homes, unisex e beleza, estean ou non encadradas na Fepega.

Artigo 2º

Queda comprendido neste convenio aquel persoal que preste o seu traballo e exerza as funcións características desta actividade en sanatorios, colexios, círculos de recreo, hoteis, balnearios, espectáculos públicos, grandes almacéns, etc., salvo que especificamente estivesen reguladas as súas actividades por outras disposicións propias das empresas de que dependan.

Artigo 3º

Quedan excluídos do ámbito deste convenio os traballadores familiares. Serán así considerados, sempre que convivan co empresario, ou cónxuxe, os ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade; ata o segundo grao inclusive e, se é o caso, por adopción.

Artigo 4º

As normas deste convenio serán de aplicación prioritaria en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º

A vixencia do presente convenio comezará en todo o seu contido a partir do primeiro de xaneiro de 1995 e se non fose denunciado no prazo de tres meses antes do seu vencemento, entenderase prorrogado de ano en ano, incrementándose os salarios do mesmo modo conforme o índice de prezos de consumo aprobado polo Instituto Nacional de Estatística referido ós doce meses anteriores; a vixencia será ata o 31 de decembro de 1996.

O aboamento dos incrementos salariais acordados para o ano 1995 deberá facerse tan só desde o mes

de xullo de 1995, é decir, o aboamento das diferencias salariais ten carácter retroactivo tan só desde o mes de xullo de 1995 en diante.

Capítulo II

Do persoal

Sección primeira

Disposicións xenéricas

Artigo 6º

A clasificación profesional do persoal que se consigna neste convenio non supón a obriga de ter provistas tódalas prazas ou postos de traballo especificados, axustándose estes ás necesidades da empresa. Non obstante, se un traballador realizase durante a xornada de traballo labores específicos doutra clasificación profesional distinta á aquela en que se encontre encadrado será retribuído proporcionalmente conforme o salario que este tivese fixado.

Así mesmo, son enunciativos os distintos cometidos asignados ás categorías profesionais como principais ou de especialidade, sen que isto supoña a realización en exclusiva destes cometidos, pois tódolos traballadores veñen obrigados a realizar cantas funcións lles sexan ordenadas pola empresa, sempre e cando non redundase en prexuízo da súa formación profesional ou en menoscabo da súa dignidade, e sen supera-los límites de tempo establecidos no Estatuto dos traballadores.

Sección segunda

Contratación, clasificación segundo as permanencias

Artigo 7º.-Medidas de fomento do emprego e da contratación laboral.

Co fin de fomenta-la contratación e debido ós límites a esta impostos a causa das últimas modificacións lexislativas, as partes acordan que a duración máxima do contrato eventual por circunstancias da producción será de 12 meses nún período de 15. Poderán acollerse a esta disposición os contratos que estean en vigor na data de publicación do presente convenio e aínda non esgotaran a súa duración máxima.

Sección terceira

Clasificación do persoal segundo a súa función

Artigo 8º

O persoal regulado por este convenio será clasificado atendendo á función que desenvolva, non pola que puidese considerarse capacitado para realizar e nun dos grupos seguintes:

1. Titulados.

2. Profesionais.

3. Persoal administrativo.

4. Persoal subalterno.

5. Persoal de oficios varios.

Artigo 9º.-Titulados.

Dentro deste grupo profesional quedarán encadrados os titulados de grao superior, os titulados de grao medio e os directores artísticos.

Artigo 10º.-Profesionais cualificados.

Neste grupo profesional aparecen:

1. Oficial maior.

2. Oficial especialista.

3. Oficial.

4. Auxiliar.

5. Menores de 18 anos.

Artigo 11º.-Persoal administrativo.

Quedan incluídos neste grupo os seguintes postos de traballo:

Xefe administrativo.

Oficial administrativo.

Auxiliar administrativo.

Caixeiro.

Artigo 12º.-Persoal subalterno.

Intégranse neste grupo:

Ordenanzas.

Limpadores.

Artigo 13º.-Persoal de oficios varios.

Neste grupo está o oficial.

Definicións específicas do persoal.

Artigo 14º.-Titulados.

Será considerada relación laboral a destes traballadores que, en posesión dun título superior de grao medio ou artístico, exerzan as funcións específicas pactadas legalmente no tocante á forma, lugar, tempo e remuneración non suxeita a tarifa profesional de honorarios.

Artigo 15º.-Profesionais cualificados.

1. Oficial maior.

É o que con coñecemento completo e actual do que constitúe a actividade de perruquería de cabaleiros, asume directamente, en representación do seu patrón, a dirección técnica e artística de cantos traballos se efectúen no establecemento, distribúe o labor entre o persoal e resolve cantas cuestións lle formulen os oficiais en canto ás incidencias que poidan producirse en relación ás dificultades técnicas do traballo.

A súa designación e provisión será potestativa do empresario cando este sexa persoal titulado.

2. Oficial especial.

Ten esta categoría o oficial que domina tódalas especialidades de perruquería masculina como son: o afeitado, corte, corte clásico, arcos e colo picado a punta de tesoira e corte a cepillo, lavados, peiteados, masaxes, tinxiduras, postizos, permanentes, moldeados, desrizados, decoloracións, «descapacht», etc., e con obriga de poñerse ó día nas novas técnicas que

puidesen producirse, para o cal a empresa se compromete a darlle as facilidades necesarias.

Así mesmo, terá esta consideración o oficial esteticista que, coñecedor dos diversos tratamentos de beleza, os aplica ós clientes despois de examina-lo seu cute, suxeríndolle-lo tratamento axeitado para combate-los defectos deste, combatendo a falta de circulación, sequidade, enrugas, manchas, etc., aconsellando o cliente co fin de mellora-la súa imaxe.

3. Oficial.

É o que realiza con perfección a maioría dos labores que constitúen a actividade de perruquería de homes, pero non tódalas que puidesen realizarse no establecemento, incluído o aseo e limpeza do posto de traballo.

4. Auxiliar.

Encádrase neste grupo aquel persoal que colabora na realización de tódolos servicios que se presten no establecemento, lavando, peiteando, secando e facendo a manicura, mantendo o local limpo, ordenado e en condicións de recibi-los clientes.

5. Aprendiz.

Considérase aprendices os operarios que, de 16 a 25 anos, se topa contratado baixo a modalidade de contrato de aprendizaxe, contrato que ten como obxecto principal adquiri-los coñecementos mínimos necesarios para o desenvolvemento futuro da súa profesión. As condicións xerais que regulan o desenvolvemento deste contrato quedan establecidas no Art. 11, parágrafo 2º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Persoal administrativo.

1. Xefe administrativo.

É aquel ou aquela que, tendo os coñecementos teóricos e prácticos dos traballos que se realizan nunha oficina, leva a dirección desta, sendo directamente responsable da súa marcha e actividade.

2. Oficial administrativo.

É aquel ou aquela que, baixo as ordes do xefe administrativo ou do empresario, coñece e desenvolve a práctica coa técnica necesaria dos traballos de oficina, incluídos aqueles que precisen de coñecemento de cálculo, iniciativa ou estudio.

3. Auxiliar administrativo.

Encádrase nesta clasificación os traballos elementais administrativos, de cobro a clientes, de recepción destes, así como os de atención ó teléfono.

4. Caixeiro.

Terá esta consideración aquel empregado con ou sen empregados ó seu servicio. Realiza os cobramentos e pagamentos xerais da empresa, documentándoos debidamente.

Artigo 17º.-Persoal subalterno.

1. Ordenanza.

Terá a categoría o traballador maior de 18 anos que ten como misión facer recados, dentro e fóra do establecemento, recoller e entregar correspondencia ou paquetes e, en xeral, traballos secundarios ordenados concretamente polos seus xefes, podendo alterna-las súas funcións coas de aparcador ou limpabotas.

2. Persoal de limpeza.

O persoal dedicado a estes labores nos locais dos centros de traballo será contratado fixándose o seu horario en xornada completa ou a tempo parcial e o seu cometido será a limpeza en xeral, independente do esixido ó persoal profesional.

Artigo 18º.-Persoal de oficios varios.

1. Oficial de primeira.

É aquel traballador que, con coñecementos de varios oficios, os practica e cobre as necesidades de mantemento do local ou locais da empresa con ou sen persoal ó seu mando.

Capítulo III

Ingresos, ascensos e traslados

Artigo 19º.-Ingresos.

O ingreso do persoal nas empresas realizarase de acordo coas disposicións vixentes en materia de emprego, na data da sinatura do presente convenio.

Artigo 20º.-Período de proba.

I. Titulados: seis meses.

II. Persoal administrativo: tres meses.

III. Profesionais cualificados: tres meses.

IV. Oficial de oficios varios: tres meses.

V. Subalternos: quince días.

Neste tempo de proba é de aplicación tanto a todo o persoal contratado coma fixo, aínda cando non se estableza contrato por escrito. Nos demais casos aplicarase o pactado entre as partes, sen que en ningún momento poidan ampliarse estes períodos.

Artigo 21º.-Ascensos.

Produciranse tendo en conta a formación e antigüidade por esta orde.

A provisión de vacantes de titulados, xefes administrativos e oficial maior son de libre designación do empresario. Non obstante, poderá convocar concurso entre os traballadores do grupo.

As vacantes de oficiais cubriranse por aqueles que estean en posesión deste título e dando preferencia a aqueles traballadores de inferior categoría que presten os seus servicios na empresa.

Artigo 22º.-Mobilidade xeográfica.

O traslado de traballadores que non fosen contratados especificamente para prestaren os seus servicios en empresas con centros de traballo móbiles ou itinerantes a un centro de traballo distinto da mesma empresa que esixa cambios de residencia, requirirá

da existencia de razóns económicas, técnicas, organizativas ou de producción que o xustifiquen, ou ben contratacións referidas á actividade empresarial.

Entenderase que concurren as causas ás que se refire este artigo cando a adopción das medidas propostas contribúa a mellora-la situación da empresa a través dunha máis axeitada organización dos seus recursos que favoreza a súa posición competitiva no mercado ou unha mellor resposta ás esixencias da demanda.

A decisión de traslado deberá notificárselle ó traballador, así como ós seus representantes legais, cunha antelación mínima de 30 días á data da súa efectividade.

Notificada a decisión de traslado, o traballador terá dereito a optar entre o traslado, percibindo unha compensación por gastos, ou a extinción do seu contrato, percibindo unha indemnización de 20 días de salario por ano de servicio cun máximo de 12 mensualidades.

Por razóns económicas, técnicas, organizativas ou de producción, ou ben por contratacións referidas á actividade empresarial, a empresa poderá efectuar desprazamentos temporais dos seus traballadores que esixan que estes residan en poboación distinta da do seu domicilio habitual, aboando, ademáis dos salarios, os gastos da viaxe e as axudas de custo.

En tódalas cuestións non reguladas neste artigo, haberá que aterse ó disposto no artigo 40 do Real decreto lexislativo 1/1995 polo que se aproba o texto refundido da Ley do Estatuto dos traballadores.

Traballos a domicilio: cando, dentro da xornada laboral e por circunstancias extraordinarias, sexa necesaria a realización dun traballo fóra do domicilio social da empresa, o traballador deberá levalo a cabo, sendo os gastos de desprazamento por conta dela. Cando esta necesidade se produza fóra da xornada legal establecida, a súa realización será pactada por ámbalas dúas partes.

Capítulo IV

Xornadas e horas extraordinarias

Artigo 23º.-Xornada.

A xornada máxima para todo o persoal afectado polo presente convenio será de 1.816 horas en cómputo anual ou 40 horas semanais.

O horario de entrada ó traballo pola mañá non será antes das 9 horas e de saída pola tarde non o será despois das 20.30 horas.

Os salóns que pechen o mediodía poderán atrasa-la hora de saída ó final do día na medida temporal na que fagan o peche na metade da xornada.

Artigo 24º.-Horas extraordinarias.

A realización de horas extraordinarias será por vontade do traballador, podéndose pactar estas, sempre e cando non excedan os límites establecidos polo artigo 35 do Estatuto dos traballadores e sempre que se compensen cun 75% de incremento sobre a ordinaria.

Artigo 25º.-Vacacións.

O persoal comprendido no presente convenio terá dereito a desfrutar 30 días naturais ó ano, dos cales desfrutará como mínimo de quince días ininterrompidamente, se o desexase o traballador na época na que acorden as partes, sendo sempre retribuídas. O traballador que non leve un ano na empresa desfrutaraas proporcionalmente ó tempo traballado.

Cando a empresa peche por vacacións, o desfrute delas por parte dos traballadores será nas ditas datas de peche vacacional.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses antes polo menos, do comenzo do seu disfrute.

As empresas primarán todos aqueles empregados que desfruten as súas vacacións no período non incluído entre o 1 de xuño e o 1 de setembro.

Capítulo V

Licencias e excedencias

Artigo 26º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais, en caso de matrimonio.

b) 3 días no caso de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao. Cando por estas causas o traballador necesite facer algún desprazamento estes prazos poderán ampliarse ata 5 días.

c) 1 día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable polo cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal e convencional un período determinado, establécese o que esta dispoña en canto á súa duración e a súa compensación económica.

Artigo 27º.-Excedencias.

As excedencias poderán ser voluntarias ou forzosas.

As voluntarias: poderán solicitar excedencia voluntaria os traballadores cunha antigüidade dun ano.

Son condicións indispensables para a súa concesión as seguintes:

a) Solicitude escrita, con expresión dos motivos.

b) Compromiso formal de que durante o tempo de excedencia o traballador non se vai dedicar á mesma actividade da empresa que lla concedeu, nin por conta propia, nin por conta allea; tal incumprimento será a causa da extinción da relación laboral, con perda do dereito obtido.

O tempo de excedencia non poderá ser inferior a dous anos nin superior a cinco.

O traballador excedente conserva o dereito preferente ó reingreso nas vacantes da mesma ou similar categoría que se producisen na empresa; para tal efec

to deberá solicitala dentro do período comprendido dentro do mes seguinte ó cesamento.

Para acollerse a outra excedencia voluntaria, o traballador deberá cubrir un novo período de, polo menos, dous anos de servicio efectivo na empresa.

As peticións de excedencia resolveranse dentro dos quince días seguintes á súa presentación e serán atendidas dentro das necesidades do servicio.

As mesmas normas, en canto a requisito de petición, son de aplicación á excedencia solicitada polos traballadores por un período non superior a tres anos, para atender ó coidado de cada fillo, contado desde a data do nacemento deste.

As forzosas: darán dereito á conservación do posto e ó cómputo de antigüidade da súa vixencia e concederáselle o traballador en quen concorran as seguintes circunstancias:

1. Nomeamento para cargo público que teña que realizarse por decreto ou elección.

2. Exercicio de cargo electivo nas centrais sindicais, na Seguridade Social ou organismos da Administración que, pola súa importancia, fagan imposible a asistencia ó traballo.

3. Invalidez provisional, desde o día seguinte ó derradeiro no que se cobrase prestación por ILT e polo prazo de duración dela.

4. Servicio militar obrigatorio ou prestación social substitutoria legalmente establecida ou a similar voluntaria para anticipa-lo seu cumprimento polo tempo mínimo de duración desde e dous meses máis contados desde a data de licenciamento.

Nos supostos de suspensión por exercicio de cargo público representativo ou funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, o traballador deberá incorporarse no prazo máximo de trinta días naturais a partir do cesamento no servicio, cargo ou función.

A reincorporación do traballador fixo procedente dunha excedencia determinará o cesamento automático do interino que fose contratado para substituílo, pero este deberá ser avisado, polo menos, con quince días de antelación e gozará de preferencia para o ingreso na empresa.

Capítulo VI

Réxime económico

Artigo 28º.-Salarios.

Os salarios mínimos que percibirán os traballadores serán os seguintes:

CategoríasPesetas ano 1995Salario ano

Persoal administrativo:
Xefe administrativo/a104.5561.463.784
Oficial 96.8121.355.368
Auxiliar adminsitrativo/a 82.4201.153.880

Profesionais cualificados:
Oficial maior 92.6561.297.184
Oficial especialista 92.6561.297.184
Oficial 87.0471.218.658

CategoríasPesetas ano 1995Salario ano

Auxiliar 74.5261.043.364
Menores de 18 anos 43.835 613.690

Persoal subalterno:
Ordenanza 79.4111.111.754
Limpador/a 82.4201.153.880

Persoal oficios varios:
Oficial 87.0471.218.658

Táboa salarial para 1996

CategoríasPesetas ano 1996Salario ano

Persoal administrativo:
Xefe administrativo/a107.9541.511.356
Oficial 99.9581.399.412
Auxiliar administrativo/a 85.0991.191.386

Profesionais cualificados:
Oficial maior 95.6671.339.338
Oficial especialista 95.6671.339.338
Oficial 89.8761.258.264
Auxiliar 77.3211.082.494
Menores de 18 anos 45.260 633.640

Persoal subalterno:
Ordenanza 81.9921.147.888
Limpador/a 85.0991.191.386

Persoal oficios varios:
Oficial 89.8761.258.264

Incentivos: con independencia dos soldos fixados neste artigo 28º os empresarios poderán establecer incentivos na función do traballo realizado pola atención prestada a el: pola súa calidade, etc., debendo figurar en nómina baixo este epígrafe cando se produzan.

Artigo 29º.-Remuneración anual.

Obterase multiplicando o salario fixado para a súa categoría e sinalado no número 28 polas 14 pagas e sumando as cantidades que por incentivos se percibisen.

Artigo 30º.-Antigüidade.

As partes que asinan o presente convenio entenden que o complemento de antigüidade dificulta a permanencia na empresa dos traballadores contratados, por isto, acórdase que a configuración do complemento de antigüidade quede establecida segundo as seguintes premisas:

-Os traballadores que no momento da entrada en vigor do presente convenio viñesen cobrando algunha cantidade en concepto de antigüidade, conservarana conxelada para anos sucesivos, como complemento de antigüedade inamovible (CAI)

-A partir do 1 de xaneiro de 1995, por cada novo trienio corresponderá unha cantidade fixa de 2.000 ptas.

-Non se lle computará a ningún traballador unha antigüidade superior a 8 trienios.

Artigo 31º.-Gratificacións extraordinarias.

Percibiranse dúas gratificacións extraordinarias ó ano, consistente en dúas mensualidades de salarios consignadas no artigo 28º, que se satisfarán na primeira quincena do mes de xullo, e na segunda do mes de decembro, pero antes do día 22.

Complemento: incapacidade laboral transitoria. A empresa aboaralles ós seus traballadores, nas baixas de enfermidade ou accidente de traballo, debidamente xustificadas, a diferencia ata completa-lo salario que viñese percibindo en activo.

Capítulo VII

Faltas e sancións

Artigo 32º.-Faltas.

As accións ou omisións punibles nas que incorran os traballadores comprendidos neste convenio clasificaranse segundo a súa índole nas circunstancias que nelas concorran, en leves, graves e moi graves.

Artigo 33º.-Faltas leves.

Consideraranse faltas leves:

1. Os descoidos, deficiencias ou demora na execución de calquera servicio sempre que non se produza reclamación do cliente.

2. Dúas faltas de puntualidade na asistencia ó traballo durante un mes.

3. Non cursar no tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo.

4. Os pequenos descoidos na conservación do material.

5. Non lle comunicar á empresa os cambios de domicilio.

6. As discusións cos compañeiros de traballo, sempre que non sexan en presencia do público nin durante a prestación dun servicio.

7. Faltas ó traballo sen a debida autorización ou causa xustificada, sempre que non sexa en venres, sábado, véspera de festa ou posterior a esta.

Artigo 34º.-Faltas graves.

Consideraranse faltas graves:

1. Máis de tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo, non xustificadas e cometidas no período dun mes.

2. Faltar dous días ó traballo sen causa justificada ou nun dos días sinalados no número 7 do artigo anterior.

3. Abandona-lo traballo sen permiso do empresario, aínda que sexa por tempo breve.

4. A falta de aseo e limpeza esixida pola empresa do establecemento.

5. A simulación de enfermidade ou accidente.

6. A desobediencia ós superiores que non implique gran quebranto no traballo.

7. Discusións cos compañeiros diante do público.

8. A reincidencia en faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza dentro dun trimestre, mediando amoestación.

Artigo 35º.-Faltas moi graves.

Serán así consideradas as seguintes:

1. Mais de 10 faltas de asistencia ó traballo inxustificadas, nun período de 6 meses ou 20 nun período dun ano.

2. A embriaguez ou drogadicción durante o servicio.

3. A falta de aseo e limpeza demostrable que produza queixa do cliente.

4. A falta de corrección, respecto, consideración ou malos tratos tanto ós seus xefes como ós seus compañeiros.

5. Traballar por conta propia ou para a competencia.

6. O pronunciamento de palabras obscenas, soeces ou blasfemias, en circunstancias habituais.

7. As rifas ou pendencias cos compañeiros ou clientes.

8. A reincidencia en faltas graves aínda que sexan de distinta natureza, sempre que se produzan nun período de 6 meses.

9. O incumprimento do determinado no artigo 23º, segundo parágrafo.

10. A repetida falta de rendemento na realización dos servicios.

Artigo 36º.-Sancións.

As sancións máximas que se lles poderán impoñer ós que incorran nalgunha das faltas anteriormente numeradas ou similares, posto que a relación anterior ten carácter indicativo, son as seguintes:

1. Por faltas leves, amoestación por escrito.

2. Por faltas graves, suspensión de emprego e soldo ata 15 días.

3. Por faltas moi graves, suspensión de emprego e soldo de 16 a 30 días, despedimento.

Artigo 37º.

Correspóndelle á dirección da empresa a facultade sancionadora, debéndolle comunicar ó traballador por escrito a súa decisión indicando as faltas cometidas e as datas da súa comisión.

Nos casos de despedimento seguirase o mesmo trámite, pero dándolle a posibilidade ó traballador de explicar por escrito as súas razóns no prazo de 24 horas. De seren estas convincentes o empresario deberá reconsidera-la súa decisión, tamén por escrito.

Artigo 38º.-Prescrición das faltas.

1. As faltas leves, ós 10 días.

2. As faltas graves, ós 20 días.

3. As faltas moi graves, ós 60 días.

Entenderanse hábiles os días para efecto de cómputo do prazo.

Capítulo VIII

Melloras de carácter social

Artigo 39º

As ferramentas de man necesarias para a prestación do traballo serán de propiedade do profesional, agás os secadores.

Artigo 40º

No caso de impoñe-la empresa uniforme, este correrá por conta dela, e o traballador usarao limpo, sendo pola súa conta esta limpeza.

O traballador poderá dispoñer de 16 horas anuais dentro do ano natural para resolver asuntos propios, comunicando previamente o atraso ou a ausencia.

Establecerase a concertación entre a empresa e os traballadores dunha ponte durante as festas de Semana Santa, patronais ou da comunidade.

Artigo 41

Os representantes dos traballadores, membros do comité de empresa ou delegados de persoal, terán as garantías das súas actuacións no contido do artigo 68 do vixente Estatuto dos traballadores e que se dá aquí por reproducido. As súas consecuencias serán as determinadas no anterior artigo 64 do mesmo texto legal, salvo que por disposición legal se modifique, neste caso, aplicarase a tal disposición.

Condicións adicionais:

1. Naquelas empresas nas que existan comités de delegados de persoal, serán estes os órganos base da representación dos traballadores.

Os vocais do comité e os delegados de persoal, se é o caso, coñecerán previamente as causas dos despedimentos, así como as solicitudes do expediente de crise, salvo que por disposición legal se modifique, neste caso, aplicarase tal disposición.

2. As empresas facilitaralles ós traballadores un taboleiro de anuncios en cada centro de traballo.

3. Establécese unha comisión paritaria do convenio, como órgano mixto de interpretación, conciliación e arbitraxe. A dita comisión estará composta por catro membros de cada parte. Pola parte social un representante de cada central sindical e outro para o sindicato máis representativo, pola parte empresarial haberá un representante por cada provinicia da Comunidade Autónoma, fixándose como domicilio da parte empresarial r/ Senra 12, Santiago de Compostela; e pola parte sindical, r/ Hernán Cortés 26, Vigo; r/ General Pardiñas 26, 1º Santiago de Compostela, e Gregorio Espino 47, Vigo.

4. En todo aquilo que non fose pactado neste convenio e que afecte as relacións laborais e económicas aplicarase o disposto na vixente ordenanza laboral

do 28-2-1974, ou acordo-marco que a sustitúa.

5. No caso de desaparecer esta, os artigos que non estean neste convenio pasarán a formar parte del.

6. O número de horas consideradas como xornada anual é de 1.816.

1299