Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 11 de abril de 1996 Páx. 3.276

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 1996 pola que se convoca unha bolsa de colaboración en tarefas de estudio e investigación.

Conforme os fins atribuídos a este centro nos artigos 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, 2.1º h) do Decreto 306/1990, do 24 de maio, e 5 do Decreto 336/1990, do 8 de xuño, faise pública a convocatoria, que se rexerá polas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Adxudicación dunha bolsa de colaboración en tarefas de estudio e investigación sobre materias xurídico-administrativas, que se realizarán na Escola Galega de Administración Pública.

Segunda.-Dotación.

A dotación será de 930.000 pesetas distribuídas en oito mensualidades de 116.250 pesetas, desde o 1 de maio ata o 31 de decembro de 1996.

Terceira.-Requisitos.

-Ser cidadán/cidadá español/a con veciñanza en Galicia.

-Ser titulado/a superior universitario.

Cuarta.-Solicitudes.

1. Enviaranse á Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, Rúa de Madrid, 2-4, 15703 Santiago de Compostela, conforme o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo o modelo anexo, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas na carreira.

-Memoria descritiva do proxecto de investigación en cinco folios, como mínimo, e dez, como máximo, explicando os obxectivos concretos da investigación nun centro de formación de funcionarios públicos e a posibilidade de aplicación práctica dos resultados.

-Currículum vitae.

-Declaración expresa de que non ten contraída ningunha débeda coa Xunta de Galicia.

Os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

2. O prazo de presentación é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria.

Quinta.-Selección.

Estará a cargo dun tribunal presidido polo secretario xeral da EGAP, José Antonio Frutos Páez, ou persoa en quen delegue, do que formarán parte, como vocal, Manuel Matías Cano Vera, xefe de Estudios da EGAP. Actuará como secretario, Manuel Braña Gutiérrez, xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións da EGAP.

O tribunal estudiará, puntuará e relacionará por orde de puntuación os expedientes dos solicitantes admitidos, formados polas solicitudes e documentación xustificativa.

O correspondente tribunal está clasificado na categoría primeira, segundo o artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio.

Sexta.-Obrigas do bolseiro.

1. Acepta-la bolsa e incorporarse ás tarefas dentro dos dez días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento. De non facelo así, sen causa suficiente a xuízo do director, a EGAP poderá chama-lo seguinte candidato por orde de puntuación, da relación formada para este efecto polo tribunal.

2. Permanecer asiduamente en horario lectivo, en sesións de mañá e/ou de tarde, nas instalacións que para estudio e investigación ten habilitadas a EGAP, horario que sinale o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

3. Atende-las explicacións e instruccións que dicte o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

4. Presta-la súa colaboración en cantas actividades garden conexión co obxecto desta convocatoria e que contribúan á realización do fin perseguido por ela.

5. Cubri-los informes ou partes de actividades que lle sexan requiridos.

Sétima.-Dereitos do bolseiro.

1. A percepción mensual, na súa conta corrente, do líquido que resulte de aplicarlle á mensualidade íntegra a retención fiscal que proceda.

2. O adxudicatario adquire exclusivamente a condición de bolseiro, coas obrigas e dereitos propios desta conforme a estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 1996.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

2644