Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 01 de abril de 1996 Páx. 2.995

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de almacenistas de madeira.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector almacenistas de madeira, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 15-2-1996, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios da Madeira (Asema), e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, en data 29-1-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, REal decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Rral decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 19 de febreiro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector de almacenistas de madeira da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son en representación dos traballadores as centrais sindicais CIG, CC.OO. e UGT e en representación dos empresarios, a Asociación Provincial de Empresarios da Madeira de Pontevedra (Asema).

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente convenio é de aplicación obrigatoria en toda a provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O convenio obriga a tódolos almacéns e cooperativas de compra-venda de madeiras, ben ó retallo ou por xunto e de importación e exportación.

Cando a empresa, ademais de dedicarse a algunha das actividades antes reseñadas, explota industrias de elaboración ou transformación dos artigos propios do seu comercio de compra-venda, xa sexa no mercado nacional ou comportador-exportador, respectará para o persoal, do que a actividade ou clase de traballo figura especificado neste convenio, as condicións máis favorables non sendo de aplicación a este persoal as doutros convenios que lles fosen menos vantaxosas.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

O presente convenio afectará a totalidade do persoal técnico, administrativo, subalterno, dependentes e obreiros dos almacéns, cooperativas de compra-venda de madeiras e importacións e exportacións destas.

Artigo 5º.-Efectos económicos.

Independientemente da entrada en vigor do presente convenio, os seus efectos económicos comezarán a rexer a partir do 1 de outubro de 1995.

Artigo 6º.-Duración.

O presente convenio rematará a súa vixencia o día 31 de decembro de 1996.

Artigo 7º.-Garantías persoais.

Tódalas condicións persoais máis beneficiosas consignadas en anteriores convenios ou pacto entre patronal e traballadores, serán respectadas individualmente.

Artigo 8º.-Salarios.

Todo o persoal afectado polo presente convenio, percibirá, desde o 1 de outubro de 1995, as retribucións cosignadas nos anexos deste convenio, acrecentadas no seu caso co premio de antigüidade.

Artigo 9º.-Revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos do consumo (IPC), establecido polo INE, rexistrase o 31 de decembro de 1996 respecto ó 31 de decembro de 1995, un incremento superior ó 3,75%, efectuarase unha revisión da táboa salarial, tan pronto se constate oficialmente a dita circunstancia no exceso sobre a indicada cifra. A dita revisión efectuarase con efectos do 1 de outubro de 1995, servindo así mesmo de base de cálculo para o incremento salarial de 1997. A revisión salarial pagarase dunha soa vez durante o primeiro trimestre de 1997.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

Por este concepto, os traballadores percibirán trinta días do salario establecido neste convenio, máis a antigüidade a que tiveran dereito, en cada unha das extras do 24 de xullo e Nadal. Asi mesmo, todo o persoal afectado polo presente convenio, percibirá 28 días de paga extra, fixados na ordenanza laboral da madeira, que se pagará o día 19 de marzo de cada ano.

Artigo 11º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio, desfrutará por este concepto de 30 días naturais, dos cales 22, como mínimo, serán laborables.

Artigo 12º.-Antigüidade.

O premio de antigüidade será calculado sobre o salario pactado neste convenio, a razón do 5% por cada quinquenio.

Artigo 13º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitarán a todo o persoal dúas pezas de roupa de traballo, que determina a ordenanza laboral e dous pares de guantes ó ano. O incumprimento desta obriga dará lugar ó pagamento de 6.300 ptas. para a roupa e de 1.510 pesetas para os guantes.

Artigo 14º.-Compensacións.

Como complemento por enfermidade, as empresas a partir do cuarto día de baixa por enfermidade, pagarán ós seus productores a diferencia, ata o total do salario, incluídas as melloras obtidas por este convenio, durante o período que o productor reciba asistencia polo seguro obrigatorio de enfermidade.

No suposto de baixas producidas por accidente de traballo as empresas completarán ata a totalidade do salario do convenio a correspondente prestación económica da Seguridade Social a partir do primeiro día da baixa.

Artigo 15º.-Denuncia.

De acordo coa lexislación vixente, o presente convenio terá que ser denunciado con tres meses de antelación á data do seu remate que é o 31 de decembro de 1996.

Artigo 16º.-Xornada.

A xornada ordinaria anual de vixencia para o presente convenio, polo período 1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 1996, será de 1792 horas.

Establécese o horario de inverno en corenta horas semanais, segundo establece a Lei 4/1983, descansando os sábados, nembargantes, para o período deste convenio e sen que sirva de precedente para outros, establécese o horario de 9 a 13 horas pola mañá e de 15 a 19 horas pola tarde.

Durante o verán, o horario que se establece, do 15 de xuño ó 31 de agosto, é o seguinte: de 7 a 15 horas, cada día laborable, descansando igualmente os sábados.

Artigo 17º.-Xornadas non laborables.

Para a vixencia do presente convenio terán a consideración de festivos e aboables para tódolos efectos os seguintes días: 23, 24, 30 e 31 de decembro de 1996.

Artigo 18º.-Licencias.

1. O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remu

neración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais no caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispoña en canto a duración da ausencia e a súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis de veinte por cento das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasar ó traballador afectado á situación de excedencia regulada no apartado 1 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivera dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

2. As traballadores, por lactancia dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá sustituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de que ambos traballen.

Este artigo de licencias terá vixencia namentres sexa de aplicación o artigo 37.3º e 4º do Estatuto dos traballadores na redacción dada polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 22 de marzo.

Artigo 19º.-Revisión médica.

As empresas estará obrigadas a xestiona-la realización dunha revisión médica anual para todo o persoal do cadro, sendo o tempo para ela retribuído, a través dos seus propios medios ou dunha entidade aseguradora.

Artigo 20º.-Taboleiro de anuncios.

Toda empresa estará obrigada a poñer no taboleiro de anuncios todo o relacionado con:

-Horarios.

-Lista de vacacións.

-Boletíns de cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 21º.-Comisión paritaria.

De acordo co establecido no artigo 85 do Estatuto dos traballadores, créase unha comisión paritaria integrada por tres representantes, un de cada central, e tres representantes da parte empresarial.

Artigo 22º.-Seguro colectivo.

As empresas concertará seguros colectivos de accidentes, con primas integradas ó seu cargo, mediante pólizas que cubran as seguintes indemnizacións: accidente laboral con resultado de morte: 1.400.000 ptas.; accidente laboral con resultado de invalidez permanente, total, absoluta ou grande invalidez: 1.800.000 ptas.

Estas indemnizacións entrarán en vigor a partir do 1 de outubro de 1994, e terá vixencia ata o 31 de decembro de 1997.

Artigo 23º.-Mesa negociadora.

Acórdase que, nos primeiros dez días do mes de xaneiro de 1997, se constitúa a mesa negociadora do próximo convenio, que terá vixencia do 1-1-1997 a 31-12-1997.

Artigo 24º.-Idioma.

O presente convenio publicarase no BOP en galego e castelán

Tabóa salarial do convenio de Almacenistas de Madeiras

CategoríasSalario/mes

Persoal administrativo
Xefe administrativo136.681 ptas.
Oficial de primeira120.080 ptas.
Oficial de segunda112.461 ptas.
Auxiliar, telefonista e mecanógrafo/a99.677 ptas

Viaxantes
Viaxantes corredores de praza112.461 ptas.

Persoal en xeral
Dependentes101.748 ptas.
Encargado116.956 ptas.
Carreteiro mozo100.705 ptas.
Peón especialista101.748 ptas.
Peón98.228 ptas.
Serrador de primeira112.461 ptas.
Serrador de segunda104.029 ptas.
Serrador de serra circular103.477 ptas.

* Nota: os choferes percibirán o salario correspondente ás categorías de oficiais de primeira ou segunda, de acordo co seu carné de conducir.

2210