Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 01 de abril de 1996 Páx. 2.991

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 14 de marzo de 1996 pola que se regulan as axudas para o desenvolvemento de cursos e seminarios de formación e capacitación de agricultores e as súas familias.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ten como un dos seus fins promover e orienta-las accións dos agricultores e as súas familias para a mellor utilización dos seus recursos, actuando permanentemente sobre os membros das familias rurais co fin de activar neles cambios de actitude, melloras no seu medio social e a difusión de coñecementos e técnicas que contribúan ó logro deste obxectivo.

O cumprimento deste fin esixe unha permanente atención ós agricultores, ós mozos, colaboradores familiares e agricultores asalariados que superen a idade de escolarización, co fin de mellora-la súa cualificación profesional.

Para acadar este fin é necesario instituír axudas que permitan realizar cursos de formación agraria dirixidos a aquelas persoas que desexen capacitarse e mellora-las técnicas que van aplicar nas súas

explotacións, por un importe de cincuenta e catro millóns cento noventa e nove mil pesetas (54.199.000 ptas.).

Por todo isto e en virtude das competencias que me outorga a lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Tipos de cursos: obxectivos e duración.

1.-Cursos de actualización profesional, dirixidos a agricultores, mozos colaboradores na explotación familiar e traballadores asalariados que superen a idade de escolarización obrigatoria. A duración mínima destes cursos será de 5 días e 30 horas lectivas.

2.-Cursos de formación agraria, dirixidos a mozos de 18 a 40 anos que desexen adquiri-lo nivel profesional adecuado para acceder ás responsabilidades de dirección e xestión da empresa agraria e ás esixencias da súa primeira instalación como agricultores. A duración mínima destes cursos será de 200 horas lectivas, ben realizadas en réxime continuo ou en 5 módulos de 40 horas, en réxime descontinuo.

3.-Cursos de actualización e perfeccionamento empresarial dirixidos a agricultores que, estando exercendo a súa profesión como cultivadores directos e persoais, pretendan adquirir ou actualizar bloques de coñecementos específicos que afectan á súa explotación. A duración mínima destes cursos será de 200 horas lectivas, ben realizadas en réxime continuado ou en módulos de 40 horas.

4.-Cursos de formación dirixidos a agricultores ou mozos establecidos en empresas agrarias (pertencentes a grupos de xestión ou grupos con tarefas de empresa), para o seu adestramento na realización de prácticas de contabilidade, toma de decisións e aqueloutras cuestións que poidan contribuír a mellora-la capacidade de xestión das súas empresas. A duración mínima destes cursos será de 60 horas lectivas, impartidas en réxime descontinuo ó longo dun exercicio económico e seguindo un programa previamente aprobado polo xefe provincial de Extensión Agraria, no que se indicarán os contidos e o calendario de desenvolvemento das actividades.

5.-Cursos monográficos de actualización, perfeccionamento profesional e introducción de novas tecnoloxías, dirixidos a agricultores e mozos xa establecidos en explotacións agrarias. A duración mínima será de 40 horas lectivas.

Artigo 2º

A Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural coordinará, a través dos servicios provinciais de Extensión Agraria, a planificación, organización, desenvolvemento e xustificación das actividades formativas a que van destinadas as axudas.

Artigo 3º.-Réxime das axudas.

As axudas establecidas na presente orde irán destinadas a cubri-los gastos que se indican:

a) Gastos de aloxamento e manutención dos alumnos durante o período de duración do curso.

b) Gastos de organización e desenvolvemento dos cursos: material didáctico, material de prácticas, viaxes educativas e pagamento de profesorado.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1.-Os cursos de 30 horas a que se refire o apartado 1 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda máxima de cinco mil pesetas alumno/curso e serán impartidos polas axencias de Extensión Agraria en réxime de externado e de xeito continuado.

2.-Os cursos de 200 horas a que se refiren os apartados 2 e 3 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda máxima de cincuenta mil pesetas por alumno e curso completo ou de dez mil pesetas por módulo de 40 horas. Estes cursos serán impartidos nas escolas e centros de capacitación agraria en réxime de internado e polas axencias de extensión agraria dunha área natural autorizada a isto, por non existir un centro ou escola de capacitación agraria próximo a ela.

3.-Os cursos a que se refire o apartado 4 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda máxima de doce mil pesetas por alumno e curso completo. Estes cursos soamente poderán ser impartidos polas axencias comarcais de Extensión Agraria e en réxime descontinuo.

4.-Os cursos a que se refire o apartado 5 del artigo 1º dispoñerán dunha axuda de dez mil pesetas por alumno e curso. Estes cursos soamente poderán ser impartidos polas escolas de capacitación agraria e axencias de área natural autorizadas para este fin, por carecer de centros de capacitación agraria próximos, con internado.

Artigo 5º.-Solicitude de cursos. Aprobación. Publicidade. Presentación de solicitudes e prazos e criterios para a selección de alumnos.

1.-As axencias de extensión agraria e escolas de capacitación, ó faceren as programacións anuais de actividades, presentarán na Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria unha proposta de cursos a realizar en cada comarca, de acordo coas necesidades detectadas e a demanda da poboación rural.

A adxudicación de cursos a cada unidade será aprobada pola Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural por proposta da Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria, unha vez estudiadas estas, o custo de cada curso e as dispoñibilidades orzamentarias.

2.-Autorizados os cursos, as unidades encargadas de impartilos farán pública a súa convocatoria atendendo ás condicións, criterios e requisitos marcados pola Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural. O prazo mínimo para a convocatoria dos cursos será de 30 días antes da súa iniciación e 20 para a presentación de solicitudes de asistencia a eles.

No caso de cursos de 200 horas, desenvolvidos de forma modular, a instancia de solicitude será única para a asistencia a tódolos módulos.

3.-Os criterios de selección polos que se rexerá a admisión de solicitantes a cada curso serán os seguintes:

a) Estar ligado a unha explotación agraria como titular cultivador directo e persoal, ser cónxuxe ou colaborador da empresa como man de obra familiar.

b) Agricultores novos que solicitaron axudas oficiais para a súa instalación ou modernización das súas explotacións e adquiriron o compromiso de obte-lo diploma de aptitud empresarial no prazo de execución das melloras.

c) Antigüidade na incorporación á empresa agraria.

d) Solicitudes de asistencia a ciclos completos de formación.

Artigo 6º.-Pagamento e xustificación de subvencións.

1.-O libramento da subvención para o pagamento ós alumnos asistentes ó curso, realizarase mediante a presentación da relación nominal dos alumnos que participaron nel, debidamente conformada polo xefe provincial de Extensión Agraria. Nela indicarase: tipo de curso, duración, domicilio, DNI dos asistentes, así como a axuda por alumno e o total do curso. A relación irá acompañada da certificación correspondente expedida polo xefe do Servicio de Extensión Agraria.

2.-A xustificación das axudas realizarase, unha vez efectuado o pagamento ós beneficiarios destas, mediante a presentación da nómina asinada polos interesados, debidamente dilixenciada polo xefe da unidade que impartiu o curso e o xefe do Servicio de Extensión Agraria.

Artigo 7º

As axudas económicas recollidas no artigo 4º da presente orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.322 S.480.0 do orzamento de 1996, por un importe máximo de cincuenta e catro millóns cento noventa e nove mil pesetas (54.199.000.ptas.). Este importe poderá incrementarse na medida na que se reciban transferencias procedentes do Estado e do Fondo Social Europeo.

Disposicion derradeira

Facúltase o director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para dictar cantas normas complementarias se consideren de interese para a correcta interpretación e aplicación das que aquí se sinalan. A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería Montes

9601087