Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 29 de marzo de 1996 Páx. 2.953

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 13 de marzo de 1996 pola que se clasifica como benéfico-asistencial a Fundación de Adultos Discapacitados de A Coruña.

Visto o expediente de clasificación da Fundación de Adultos Discapacitados de A Coruña, con domicilio na Coruña, Centro Cívico Parque Europa.

-Supostos de feito:

1. Andrés Velle Cañas, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 19 de febreiro de 1996, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 12 de febreiro de 1996, perante o notario Pablo Valencia Ces, co número catrocentos noventa e un do seu protocolo, pola Asociación de Pais do Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apostol, a Asociación Coruñesa de Promoción del Sordo (Acoprós), a Sociedade Compañía de Tranvías de A Coruña, S.A. e a entidade Hijos de Rivera, S.A., por medio dos seus representantes.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto e finalidade da fundación é a promoción e xestión de servicios de asistencia social para persoas adultas descapacitadas, con descapacidades psíquicas, que acrediten mediante a correspondente certificación legal a condición de minusválidos.

4. O padroado da fundación regúlase no artigo 14 dos seus estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-asistencial da Fundación de Adultos Discapacitados de A Coruña, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-asistencial e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

-Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 11 de marzo de 1996.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-asistencial a Fundación de Adultos Discapacitados de A Coruña, e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

1779