Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 29 de marzo de 1996 Páx. 2.944

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 7 de marzo de 1996 reguladora das autorizacións de transporte discrecional de viaxeiros de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

O sistema de distribución de competencias establecido na nosa Constitución e Estatuto de autonomía determina que a Xunta de Galicia ostente competencias exclusivas naquelas autorizacións de transporte con ámbito de actuacións circunscrito ó territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. É por isto polo que resulta preciso regula-lo réxime xurídico de outorgamento, modificación e extinción destas autorizacións, para recolle-las particularidades da Comunidade Autónoma dentro do marco común que conforman a Lei 16/1987, de ordenación dos transportes terrestres, e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 1211/1990. Na súa consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 27.8º da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía para Galicia, e en uso das competencias conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, e visto o informe do Consello Galego de Transportes,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Queda suxeito ó disposto nesta orde o outorgamento, modificación e extinción das autorizacións de transporte discrecional de viaxeiros de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

Artigo 2º

1. As autorizacións de transporte público habilitarán para a realización do transporte cun vehículo concreto, e deberán figurar nelas a identificación deste.

2. As empresas titulares de autorizacións poderán solicitar ante o servicio provincial de transportes competente a suspensión daquelas cando, por calquera causa do seu interese, teña que cesar provisionalmente na realización da actividade de transporte autorizada cos vehículos adscritos a estas.

Presentada a devandita solicitude, o servicio provincial de transportes competente procederá, sen mais trámite, a declarar suspendida a autorización, realizando a oportuna anotación no rexistro xeral de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, ou procedendo a retira-la tarxeta na que estivera documentada.

3. Cando a Administración teña coñecemento de que, por calquera causa, o vehículo ó que está referido a autorización de transporte deixase de estar afectado a esta, procederá de oficio a declarala suspendida, en idénticos termos ós anteriormente sina

lados, notificándollo ó seu titular con indicación expresa dos prazos e condicións en que, consonte o disposto neste artigo, poderá solicita-lo levantamento da devandita suspensión.

4. O tempo máximo no que as autorizacións poderán estar en suspenso, sexa cal fose a orixe da súa suspensión, será de cinco anos contados desde o momento en que esta foi declarada, se ben este prazo poderá ser prorrogado por petición do transportista, formulada antes de que expirase o prazo da suspensión, por outros cinco anos.

Transcorridos eses prazos sen que o transportista reanudase o exercicio efectivo do transporte autorizado, a Administración procederá á cancelación definitiva da autorización.

Non será preciso visa-las autorizacións de transporte mentres se atopen suspendidas, conforme o previsto neste artigo.

5. O Servicio Provincial de Transportes competente levantará a suspensión das autorizacións, sexa cal fose a súa orixe, cando así o solicite o seu titular dentro dos prazos anteriormente establecidos, acompañando idéntica documentación á que, conforme o disposto nesta orde, resultaría esixible para o orixinario outorgamento da autorización de que se trate e esta teña que continuar referida ó mesmo vehículo ó que o estaba no momento de ser suspendida ou se refira a outro que cumpra os requisitos esixidos para a substitución de vehículos.

Así mesmo, o titular da autorización suspendida poderá solicitarlle ó servicio provincial de transportes competente o simultáneo levamentamento da suspensión e a transmisión da autorización a favor dun novo titular; deberá ser entón o adquirente quen acredite o cumprimento de idénticos requisitos ós esixidos para o orixinario outorgamento da autorización e a refira, ben ó mesmo vehículo ó que o estaba no momento de ser suspendida, se é que á súa vez o adquiriu, ou ben a outro que cumpra os requisitos esixidos para a substitución de vehículos.

Artigo 3º

1. Os vehículos que se adscriban ás autorización deberán, en todo caso, de cumpri-los seguintes requisitos:

a) Ter capacidade de tracción propia.

b) Estar matriculados e habilitados para circular. Para tal efecto, só poderá considerarse que os vehículos que circulen amparados temporalmente polos permisos e placas especiais a que fai referencia o artigo 243 do Código de Circulación cumpren este requisito cando xa pasasen a correspondente inspección técnica de vehículos e obtivesen o oportuno certificado.

c) Estar vixente a última inspección técnica periódica que legalmente lles corresponda.

2. Os vehículos que se adscriban ás autorizacións de transporte público deberán cumprir, xunto cos

requisitos previstos na alínea anterior, unha das seguintes condicións:

a) Ser propiedade do titular da autorizarización ou desfrutado en usufruto.

b) Estar arrendados en réxime de leasing polo titular da autorización.

c) Estar arrendados polo titular da autorización nas condicións previstas na sección primeira do capítulo IV do título V do regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres e na normativa que a desenvolve.

3. A Dirección Xeral de Transportes poderá autorizar outras formas concretas de disposición dos vehículos que se adscriban ás autorizacións, sempre que quede garantida a plena dispoñibilidade do vehículo polo titular da autorización e este así o xustifique documentalmente.

Artigo 4º

A autorización administrativa esixida no artigo anterior non será necesaria para os seguintes transportes:

a) Transportes privados complementarios que se realicen en vehículos de turismo.

b) Transportes públicos ou privados complementarios que se realicen integramente en recintos pechados dedicados a actividades distintas do transporte terrestre, salvo nos supostos en que, por concorrer circunstancias especiais de repercusión no transporte público da zona, a Dirección Xeral de Transportes da Xunta de Galicia, mediante resolución motivada e previo informe do Comité Galego de Transportes por Estrada, estableza expresamente a obriga da autorización.

c) Transportes oficiais.

Artigo 5º

As autorizacións reguladas na presente orde deberán domiciliarse naquel lugar no que o seu titular teña o domicilio legal para efectos fiscais ou un centro de traballo permanente ou temporal.

Cando se solicite domicilia-la autorización nun centro de traballo, deberá achegarse documentación acreditativa da existencia deste.

As autorización existentes no momento da entrada en vigor desta orde que incumpran o preceptuado neste artigo poderán seguir sendo visadas, se ben, cando se produza unha novación subxectiva, exceptuando as transferencias a herdeiros forzosos, deberá cambiarse o lugar de residencia, a teor do disposto neste artigo.

Artigo 6º

1. O outorgamento das autorizacións de transporte público de viaxeiros será realizado polo servicio provincial do lugar no que deban estar domiciliadas, e documentarase a través da expedición das correspondentes tarxetas de transporte.

2. As autorizacións de transporte público outorgaranse sen prazo de duración prefixado, se ben a súa validez quedará condicionada á constatación periódica da subsistencia das condicións que orixinariamente xustificasen o seu outorgamento, e daqueloutras que, aínda no sendo esixidas orixinariamente, resulten de obrigado cumprimento. Esta constación levarase a efecto polo servicio provincial mediante a realización do correspondente visado.

3. A realización periódica do visado non será obstáculo para que a Administración poida, en todo momento, comproba-lo cumprimento adecuado das condicións que orixinariamente xustificasen o outorgamento das autorizacións ou que constitúan requisitos para a súa validez, solicitando para tal efecto, do seu titular a documentación acreditativa pertinente.

Artigo 7º

Con independencia do ámbito territorial e das características do vehículo que se vaia adscribir ás autorizacións de transporte público, para o outorgamento destas será necesario acredita-lo cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser persoa física, e non poderán outorgarse os títulos de forma conxunta a máis dunha persoa nin a comunidades de bens, ou ben persoa xurídica, e deberán revestir neste caso, a forma de sociedade mercantil, sociedade anónima laboral ou cooperativa de traballo asociado.

b) Te-la nacionalidade española, ou ben a dun estado da Comunidade Europea ou doutro país estranxeiro co que, en virtude do disposto nos tratados ou convenios internacionais subscritos por España, non sexa esixible o citado requisito.

c) Cumpri-las obrigas de carácter fiscal establecidas pola lexislación vixente.

d) Cumpri-las obrigas laborais e sociais esixidas pola lexislación correspondente.

e) Ter cuberta de maneira ilimitada a responsabilidade civil por danos que se causen con ocasión do transporte.

Artigo 8º

1. Para a obtención da primeira autorización de transporte público que se solicite ante o servicio provincial competente, será necesaria a presentación do correspondente impreso oficial normalizado de solicitude, ó que haberá de acompañarse o orixinal ou fotocopia compulsada da seguinte documentación:

a) Documento nacional de identidade en vigor do solicitante ou, cando este fose estranxeiro, documento de identificación que produza efectos equivalentes no seu país de orixe, ou ben o pasaporte, así como, en todo caso, acreditación de estar en posesión do correspondente número de identificación fiscal.

Cando o solicitante sexa unha persoa xurídica, deberá presenta-lo correspondente documento de

constitución e a súa tarxeta de identificación fiscal, e acredita-la súa inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é caso, no rexistro que corresponda.

Cando os documentos ós que se refire esta alínea lles fosen presentados ó servicio provincial con ocasión da solicitude dunha autorización referida a outro vehículo, será suficiente a súa exhibición ó funcionario receptor da documentación, para efectos da constatación da súa vixencia.

b) Certificado de capacitación profesional para a actividade de transporte interior de viaxeiros, expedido a favor do solicitante, nos casos en que o citado requisito resulte esixible conforme o previsto nesta orde.

Cando o solicitante sexa unha persoa xurídica ou, se é persoa física, non cumpra o requisito de capacitación profesional por si mesma, ó certificado de capacitación de, polo menos, unha das persoas que realicen a dirección efectiva da empresa deberán acompañarse os seguintes documentos:

-Documento público ou certificación rexistral na que se acredite que a citada persoa ten conferidos poderes xerais para representa-la empresa, por si mesma ou conxuntamente con outras, nas operacións propias do seu tráfico ordinario.

-Documento público, certificación rexistral ou certificación da correspondente entidade bancaria na que se acredite que a mencionada persoa ten poder de disposición de fondos nas principais contas bancarias da empresa, ben por si mesma, ou ben conxuntamente con outras persoas, sempre que, neste último suposto, a súa sinatura sexa en todo caso necesaria para a referida disposición de fondos.

-Documentación acreditativa de que a citada persoa está dada de alta na Seguridade Social como persoal directivo da empresa, ou ben de que é propietaria de, polo menos, un 15% do capital da empresa. Non se esixirá tal acreditación cando o solicitante fose unha persoa física e a dirección efectiva da empresa recaia sobre do seu cónxuxe. Cando o solicitante fose unha persoa xurídica e xustifique que o 50% ou máis do seu capital é da titularidade dunha empresa distinta, bastará con que acredite que a persoa que realiza a dirección efectiva cumpre este requisito na devandita empresa.

c) Declaración xurada do solicitante de non estar incurso en ningunha das circunstancias que, conforme o previsto no artigo 37 do Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, comporte a perda do requisito de honorabilidade, nos casos en que o cumprimento deste requisito resulte esixible conforme o previsto nesta orde.

Non obstante, cando o servicio provincial tivese dúbidas acerca da veracidade da declaración, poderá esixi-la presentación dunha certificación da inexistencia, ou, se é o caso, cancelación de antecedentes penais que leven consigo a perda do requisito de honorabilidade expedida polo rexistro xeral de Penados e Rebeldes a favor do solicitante.

Cando o solicitante fose unha persoa xurídica haberá de presentarse a documentación prevista neste apartado en relación con cada unha das persoas que, de forma efectiva e permanente, dirixan a empresa, en cumprimento do previsto no artigo 42.3º da Lei de ordenación dos transportes terrestres.

d) Documentación acreditativa da capacidade económica da empresa prevista no artigo 40 do regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, nos casos en que o cumprimento deste requisito resulte esixible conforme o disposto nesta orde, de acordo coas seguintes precisións:

-Cando o solicitante fose unha persoa física haberá de presenta-la correspondente declaración ou documento de ingreso do imposto sobre o patrimonio das persoas físicas correspondente ó prazo de presentación que vencese durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de solicitude.

Só cando o solicitante estivese exento da aplicación dese imposto, poderá substituí-la mencionada documentación por unha certificación expedida por entidade financeira legalmente recoñecida, ou por unha das asociacións que teña recoñecida representatividade polas administracións de transportes, ou pola correspondente cámara de comercio, industria e navegación, acreditativa da suficiencia da súa capacidade económica. No seu defecto, o solicitante poderá substituír esta certificación por unha declaración xurada de cumpri-lo requisito, á que acompañará, en todo caso, outros documentos contables, comerciais ou financeiros ou xustificativos de posuir activos dispoñibles, propiedades incluídas, que a empresa poida utilizar como garantía, que avalen a declaración.

-Cando o solicitante fose unha persoa xurídica deberá de presenta-lo correspondente libro de inventarios e balances da empresa, copia do balance do último exercicio recollido no libro, e certificación expedida polo secretario do Consello de Administración ou órgano equivalente da empresa acreditativa do contido das anotacións relativas ó capital social e reservas que figuren no mencionado balance do último exercicio.

Excepcionalmente, cando da documentación prevista no parágrafo anterior non se desprenda estrictamente a adecuación da capacidade económica da empresa, o servicio provincial competente poderá considerar cumprido o requisito se esta se acompaña doutros documentos contables, comerciais ou financeiros que, ó seu xuízo, proben suficientemente o dito cumprimento.

e) Declaracións ou documentos de ingreso do imposto sobre a renda das persoas físicas ou do imposto sobre sociedades, dos pagos a conta ou fraccionados ou das retencións a conta destes, e do imposto sobre o valor engadido, correspondente ó prazo regulamentario de presentación que vencese durante os doce meses inmediatamente anteriores á data da solicitude.

Esta documentación poderá ser substituída por unha certificación expedida polo órgano competente do Ministerio de Economía e Facenda acreditativa do cumprimento por parte do solicitante das súas obrigas en relación cos mencionados impostos durante o período sinalado no parágrafo anterior.

f) Xustificante da afiliación en situación de alta da empresa solicitante no réxime da Seguridade Social que corresponda.

g) Xustificante de que o solicitante está ó día no pagamento do imposto sobre actividades económicas, salvo que legalmente non se encontrase aínda obrigado a realiza-lo devandito pagamento, neste caso bastará con que se xustifique a súa matriculación no referido imposto.

h) Permiso de circulación, a nome do solicitante, do vehículo ó que vaia referirse a autorización. Cando o vehículo ó que vaia referirse a autorización sexa arrendado, deberá presentarse o permiso de circulación a nome da empresa arrendadora, acompañándose este do correspondente contrato de arrendamento ou dun precontrato ou documento análogo no que o solicitante da autorización de transporte e a empresa arrendadora se compromentan a realiza-lo arrendamento e no que deberá de figura-lo prazo da súa duración, a identificación da empresa arrendadora, e os datos do vehículo e da correspondente autorización de arrendamento a el referida.

i) Ficha de inspección técnica do vehículo na que conste estar vixente o recoñecemento periódico legal ou, no seu defecto, certificación acreditativa para tal efecto.

j) Xustificante de ter cuberta de maneira ilimitada a súa responsabilidade civil polo danos que se causen con ocasión do transporte.

2. Para a obtención de sucesivas autorizacións de transporte público que se soliciten ante o servicio provincial do que xa se obtivese o outorgamento doutra ou outras autorizacións de transporte público en vigor, o impreso de solicitude haberá de acompañarse unicamente da documentación prevista nos apartados g), h), i) e j) do punto anterior. Os documentos previstos nos apartados b), c) e d) só deberán presentarse cando resulten esixibles para a obtención das novas autorizacións e non fose necesaria a súa presentación para o outorgamento doutras anteriores do mesmo peticionario.

3. Presentada a solicitude ante o servicio provincial para a súa resolución, este poderá proceder, sempre que se acompañe a documentación a que se refiren os puntos anteriores e non conste ou se observe o incumprimento dalgún dos requisitos esixibles para o outorgamento da autorización, a estender unha autorización provisional que habilitará por un prazo máximo de seis meses, en caso de non ser revogada, para dedica-lo vehículo consignado nela ó exercicio da actividade de transporte conforme o solicitado.

4. Unha vez examinado o expediente e constatado que se cumpren as condicións esixidas, o servicio

provincial procederá ó outorgamento da autorización definitiva.

Artigo 9º

1. Para a realización do visado de tódalas autorizacións de transporte público de que sexa titular a empresa que teña o domicilio fiscal na Comunidad Autónoma de Galicia o cal se levará a cabo bianualmente, será necesario presentar diante do servicio provincial respectivo a seguinte documentación:

A) De forma unitaria e en relación co conxunto das autorizacións, a prevista nos apartados e), f) e g) do artigo 8, en todo caso.

Ademais, cando o titular das autorizacións sexa unha persoa xurídica, deberá achegarse a documentación prevista no apartado b) do citado artigo, cando esta lle fose esixida para o outorgamento das devanditas autorizacións.

B) En relación con cada unha das autorizacións, a prevista nos apartados h), i) e j) do artigo 8º, e unha fotocopia da tarxeta na que a autorización estea documentada.

Non obstante, o servicio provincial competente poderá igualmente esixi-la presentación de calquera outro dos documentos expresados no artigo 8º, xa sexa en relación con todos ou con algunha das autorizacións de que a empresa sexa titular, cando considere oportuno verifica-lo adecuado cumprimento dos requisitos que mediante as devanditos documentos se xustifican.

2. Rematado o prazo do visado sen que procedese á súa solicitude ou a achega-la totalidade da documentación esixida, consideraranse caducados sen necesidade de revogación expresa por parte da Administración tódalas autorizacións de transporte público de que fora titular a empresa. Se tan só se deixase de presenta-la documentación prevista no apartado b), c) e d) do artigo 8º cando resultaren esixible, a caducidade producirase exclusivamente en relación con aquelas autorizacións para as que foi esixida orixinariamente dito outorgamento.

3. As autorizacións caducadas por falta de visado poderán ser rehabilitadas polo órgano competente para a súa expedición cando así se solicite no prazo ordinario dun ano contado a partir do vencemento do prazo que regulamentariamente se atope establecido para a realización do visado e se achegue idéntica documentación á esixida por este.

En todo caso, o pagamento das sancións pecuniarias impostas por resolución definitiva en vía administrativa por infraccións á lexislación de transportes será requisito necesario para que proceda a rehabilitación das autorizacións en relación coas que cometeran os seus titulares as correspondentes infraccións.

A rehabilitación prevista neste artigo levarase a cabo sen prexuício da incoación do oportuno expediente sancionador pola comisión da infracción leve tipificada no artigo 199 n) do ROTT, empezando

a conta-lo prazo de prescrición a partir da solicitude de rehabilitación.

4. Ós efectos previstos no artigo seguinte o servicio provincial competente expedirá a favor da empresa, cando ésta así o solicite, un certificado acreditativo de ter presentado a documentación expresada no apartado a) do número 1 e da adecuación desta.

Artigo 10º

1. Para a realización do visado das autorizacións de transporte público domiciliadas nunha provincia distinta daquela na que a empresa teña o seu domicilio fiscal será necesario presentar diante do servicio provincial respectivo a seguinte documentación:

A) De forma unitaria en relación co conxunto de autorizacións a prevista no apartado g) do artigo 8º e o orixinal ou unha fotocopia compulsada do certificado a que fai referencia o número 4 do artigo anterior.

B) En relación con cada unha das autorizacións que se pretendan visar, a prevista nos apartados h), i) e j) do artigo 8º, e unha fotocopia da tarxeta na que a autorización estea documentada.

Non obstante, o servicio provincial competente poderá igualmente esixir a presentación de calquera outro dos documentos expresados no artigo 8º en relación con algunha das autorizacións de que a empresa sexa titular cando consideren oportuno verifica-lo adecuado cumprimento dos requisitos que mediante o dito documento se xustifiquen.

2. Serán de aplicación en relación con este visado as regras contidas nos números 2 e 3 do artigo anterior.

Artigo 11º

As autorizacións de transporte público para vehículos de máis de nove prazas, incluído o conductor, reguladas na presente orde soamente se expedirán a persoas físicas ou xurídicas que reúnan o requisito de capacitación profesional, honorabilidade e capacidade económica nos termos establecidos na lexislación vixente.

Artigo 12º

1. Outorgaranse cantas novas autorizacións de transporte público de ámbito territorial, provincial e local de competencia exclusiva da Xunta de Galicia se soliciten para vehículos de mais de nove prazas, incluído o conductor, sempre que o peticionario reúna os requisitos de capacidade económica, honorabilidade e capacitación profesional nos termos establecidos na normativa vixente e o vehículo para o que se realice a petición teña unha antigüidade, contada a partir da primeira matriculación, que non exceda de seis anos para as territoriais e locais, e de dez para as provinciais.

2. As autorización de ámbito territorial, para vehículos de máis de nove prazas, incluído o conductor, só se poderán outorgar dentro das cotas que habilite a Dirección Xeral de Transportes e con arreglo ás

condición que sexan establecidas por esta, sempre que o vehículo non exceda de 8 anos contados desde a súa primeira matriculación.

Artigo 13º

1. As autorizacións de transporte público de ámbito territorial para vehículos de máis de nove prazas, incluído o conductor, poderan ser transmitidas a outro titulares, sempre que a Administración así o autorice, realizando a correspondente novación subxectiva delas en favor dos adquirentes.

A dita autorización estará condicionada a que os adquirentes cumpran os requisitos previstos no artigo 7º e 11º da presente orde.

Os vehículos ós que se refiran as autorizacións transmitidas poderán se-los mesmos ós que anteriormente estivesen referidas, cando o adquirente destas adquirise, ó mesmo tempo, a disposición sobre tales vehículos conforme algunha das modalidades previstas no punto 2 do artigo 3º, ou ben ser outros distintos, achegados polo novo titular, sempre que se cumpran os requisitos previstos para a substitución de vehículos nos puntos 1 e 2 do artigo 14º.

Non obstante, as empresas que obtivesen novas autorizacións de ámbito territorial para vehículos de máis de nove prazas, incluído o conductor, conforme o procedemento específico de outorgamento previsto no artigo 12º e a súa normativa de desenvolvemento, non as poderán transmitir ata que transcorran dous anos desde a data do seu outorgamento, salvo nos supostos de novación subxectiva das autorizacións en favor dos herdeiros forzosos do seu titular e de transmisión conxunta de tódolas autorizacións de que sexa titular o tramitente a un único adquirente. No caso de producirse algunha relación contractual que implique o incumprimento do anteriormente disposto, logo da tramitación do correspondente procedemento sancionador, procederase, sen prexuízo da imposición da sanción pecuniaria que proceda, á anulación das autorizacións ás que a citada relación se refira, revogándose ademais un número igual de autorizacións do mesmo ámbito, ou subsidiariamente o dobre do ámbito inmediatamente

inferior, das que fose titular o transmitente.

O servicio provincial competente non autorizará a transmisión das autorizacións cando teña coñecemento oficial de que se produciu o embargo daquelas polo órgano xudicial ou administrativo competente.

2. As autorizacións de transporte público de ámbito local ou provincial poderán transmitirse cando se cumpran conxuntamente os dous seguintes requisitos:

a) Que os adquirentes cumpran os requisitos esixibles para o orixinario outorgamento das autorizacións de que se trate.

b) Que a novación subxectiva, salvo no suposto de transmisión a herdeiros forzosos, se solicite en favor dun único cesionario ó que se transfiran tódalas autorizacións non continxentadas das que sexa titu

lar o transmitente e estas continúen referidas ós mesmos vehículos, sobre dos que o adquirinte ou adquirintes deberán ter algunha das formas de disposición establecidas no artigo 3º, ou ben sexan referidas a vehículos distintos, achegados polo novo titular, sempre que se cumpran os requisitos previstos para a substitución de vehículos nos puntos 1 e 2 do artigo 14º.

3. Non obstante o previsto nos puntos anteriores deste artigo, cando se produza o falecemento do titular das autorizacións, poderá realizarse, aínda cando non se cumpra o requisito esixido no apartado a) do artigo 8º, a novación subxectiva delas en favor dos seus herdeiros de forma conxunta por un prazo máximo de dous anos. No momento en que se produza a adxudicación hereditaria ou, en todo caso, unha vez transcorrido o referido prazo, deberá cumprirse o citado requisito, procederase, en caso contrario, á revogación das citadas autorizacións.

Así mesmo, cando a dirección efectiva da empresa e o cumprimento do requisito de capacitación profesional recaesen persoalmente no empresario individual titular das correspondentes autorizacións, poderá realizarse a novación subxectiva de tales autorizacións en favor dos seus herdeiros forzosos, aínda cando estes non cumpran o requisito de capacitación profesional, nos casos de morte, xubilación por idade ou incapacidade física ou legal do citado titular, sempre que se comprometan a cumpri-lo requisito de capacitación profesional no prazo máximo dun ano.

O servicio provincial competente poderá prorroga-la validez das autorizacións durante un tempo máximo suplementario de seis meses cando, por causas extraordinarias debidamente xustificadas, non fose posible cumpri-lo requisito de capacitación profesional no prazo previsto no parágrafo anterior.

No suposto de incumprimento dos citados prazos, o servicio provincial competente procederá á revogación das autorizacións, salvo solicitude previa de suspensión destas.

Artigo 14º

1. Os vehículos ós que estean referidas as autorizacións de transporte público reguladas na presente orde poderán substituirse por outros cando así o autorice o servicio provincial competente, mediante a adscrición da correspondente autorización ó novo vehículo. Esta substitución quedará subordinada ó cumprimento dos seguintes requisitos:

a) O vehículo substituto terá que cumpri-los requisitos previstos no artigo 3º e non poderá supera-la antigüidade máxima esixida para o outorgamento da autorización de que se trate ou, en caso contrario, haberá de ter unha antigüidade non superior á do substituído, debendo isto xustificarse mediante a presentación dos documentos previstos nos apartados h) e i) do artigo 8º.

Por excepción a esta regra, poderase autoriza-la novación obxectiva da autorización por adscrición

a un vehículo máis antigo cando a autorización deste se adscriba a outro vehículo máis moderno.

b) A desvinculación do vehículo sustituído respecto da autorización e a adscrición desta ó vehículo substituto deberán ser simultáneas, salvo que a solicitude de substitución vaia acompañada da suspensión da autorización.

2. Non obstante, o previsto no apartado a) do punto anterior, non serán de aplicación as regras relativas á antigüidade máxima do vehículo substituto cando sexa un vehículo arrendado polo titular da autorización conforme o previsto nos artigos 174 ó 178 do Regulamento de ordenación dos transportes terrrestres, e nas súas normas de desenvolvemento.

Cando se substitúa un vehículo arrendado por outro en propiedade, este último non poderá supera-la antigüidade máxima de oito anos.

3. Non será de aplicación o previsto nos puntos anteriores nos casos de substitución provisional, por un prazo non superior a dous meses, do vehículo ó que estea referida a autorización que se encontre avariado por outro arrendado nas condicións establecidas na sección 1ª do capítulo IV do título V do Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres e na súa normativa de desenvolvemento. En tales casos, para poder realizar transporte co vehículo arrendado, deberá levarse a bordo deste a seguinte documentación:

a) Orixinal da autorización de transporte correspondente ó vehículo avariado e dun permiso de circulación.

b) Certificado do taller no que se atope en reparación o vehículo avariado, no que se exprese a duración prevista da citada reparación.

c) Xustificante expedido en modelo normalizado de pór en coñecemento do servicio provincial competente a correspondente avaría, presentando o certificado do taller e facendo consta-los datos do vehículo avariado e os do vehículo arrendado substituto. Este xustificante, que será estendido de forma inmediata, terá un prazo de validez máxima de dous meses, contados a partir da súa data de expedición. Cando este prazo resulte insuficiente para a reparación do vehículo, poderá solicitarse da Administración a renovación do xustificante cumprindo idénticos requisitos cós establecidos para o seu primitivo outorgamento. Os vehículos arrendados para os fins previstos neste punto, deberán cumpri-los mesmos requisitos esixibles ós substituídos provisionalmente.

Artigo 15º.

Cando se realicen modificacións das características do vehículo ó que estea referida unha autorización de transporte público en autobús que afecten o seu número de prazas, será preciso solicitar do órgano competente para o outorgamento da dita autorización que confirme que a validez desta continúa en vigor modificando os datos expresados na tarxeta en que se documenta. Esta confirmación estará, en

todo caso, subordinada a que a modificación das características do vehículo fose previamente autorizada polos órganos competentes en materia de industria e tráfico, o que se xustificará mediante a presentación da documentación prevista nos apartados h) e i) do artigo 8º. En ningún caso poderá admitirse unha diminución do número de prazas que implique a transformación de autobús en turismo, e procederase neste suposto á anulación da autorización polo servicio provincial competente.

Artigo 16º

Para o outorgamento das autorizacións de transporte privado complementario de viaxeiros en autobús deberán acreditarse os seguintes extremos:

a) Xustificación da necesidade de realiza-lo transporte para o que se solicita a autorización de acordo co número de empregados da empresa, ou de posibles usuarios do servicio segundo a natureza deste, podendo o servicio provincial de transportes competente, en función dos datos obtidos, limita-lo número máximo de prazas dos vehículos para ós que se lles concede a autorización.

b) Os vehículos ós que teñan que estar referidas as autorizacións, terán que cumpri-los requisitos previstos no artigo 3º.1, e que a súa antigüidade non exceda de 8 anos para as autorizacións territoriais ou comarcais ou de 10 anos para as de ámbito local ou provincial e terán que ser propiedade da empresa ou estar a disposición desta no rexime de arrendamento financieiro ou leasing.

c) A empresa deberá dispor dun número de conductores provistos de permiso de conducción de clase adecuada, que resulte suficiente en relación co número de vehículos ós que teñan que estar referidas as autorizacións.

Artigo 17º

Para ós efectos do artigo anterior, para a obtención de autorizacións de transporte privado complementario por quen non sexa titular doutras autorización en vigor da dita clase, será preciso presenta-lo correspondente impreso normalizado de solicitude, que será facilitado na oficina receptora do órgano competente, acompañado de orixinal ou fotocopia compulsada dos seguintes documentos:

a) Documento nacional de identidade en vigor do solicitante, ou, cando este fose estranxeiro, documento de identificación que produza efectos equivalentes no seu país de orixe ou pasaporte; así como, en todo caso, acreditación de atoparse en posesión do correspondente número de identificación fiscal.

Cando o solicitante fose unha persoa xurídica debera presenta-lo o correspondente documento de constitución e a súa tarxeta de identificación fiscal, e acredita-la súa inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no rexistro que corresponda.

b) Xustificante de ter realizada declaración do imposto sobre a renda de persoas físicas ou do imposto sobre sociedades e do imposto sobre o valor engadido, que teñan os prazos regulamentarios de presentación vencidos durante os doce meses inmedia

tamente anteriores á data da solicitude, salvo que legalmente non estivese obrigada a isto.

A documentación prevista neste apartado deberá en todo caso, presentarse debidamente selada ou dilixenciada polo órgano competente do Ministerio de Economía e Facenda ou, se é o caso, por unha das entidades colaboradoras deste.

Esta documentación poderá ser substituída por unha certificación expedida polo órgano competente do Ministerio de Economía e Facenda acreditativa do cumprimento por parte do solicitante das súas obrigas en relación cos devanditos impostos durante o período sinalado no parágrafo anterior.

c) Xustificante da afiliación en situación de alta da empresa solicitante no réxime da Seguridade Social que corresponda.

d) Xustificante de que o solicitante se atopa ó corrente no pagamento do imposto sobre actividades económicas.

e) Documentación acreditativa do número de empregados ou posibles usuarios que xustifique suficientemente a necesidade de realiza-lo transporte para o que se solicita a autorización, conforme o previsto no apartado a) do artigo anterior.

f) Documentación acreditativa da contratación e correspondente inscrición en réxime de alta na Seguridade Social do número de conductores que resulte pertinente conforme o previsto no apartado d) do artigo anterior, xunto cos permisos de conducción de que se atopen provistos.

g) Permiso de circulación do vehículo ó que vaia referirse a autorización, a nome do solicitante.

h) Ficha de inspección técnica do vehículo no que conste atoparse vixente o recoñecemento periódico legal ou, se e o caso, certificación acreditativa para tal efecto.

Artigo 18º

Para a obtención de sucesivas autorizacións da transporte privado complementario por quen xa sexa titular doutras autorizacións de dita clase en vigor, ó impreso de solicitude haberá de acompañarse unicamente da documentación prevista nos apartado e), f) g) e h) do artigo anterior.

Artigo 19º.

Presentada a solicitude ante o órgano competente este procederá nos mesmos termos previstos no artigo 8.3º para o outorgamento de autorizacións de transporte público de viaxeiros en autobús.

Artigo 20º

1. Para a realización do visado de tódalas autorizacións de transporte privado complementario de que sexa titular a empresa que se atope domiciliada no territorio sobre o que ostenta a competencia un mesmo órgano, será necesario achega-la seguinte documentación:

a) De forma unitaria en relación co conxunto de autorizacións, a prevista nos apartados b), c), d), e) e f) do artigo 16º.

b) En relación con cada unha das autorizacións, unha fotocopia da tarxeta na que se atope documentada.

Non obstante, o órgano competente poderá igualmente esixi-la presentación de calquera outro dos documentos expresados no artigo 16º, xa sexa en relación con todas ou con algunha das autorizacións de que a empresa sexa titular, cando considere oportuno verifica-lo adecuado cumprimento dos requisitos que mediante os ditos documentos se xustifican.

2. Na relación deste visado seguiranse idénticas regras ás previstas no número 2 do artigo 9º.

Artigo 21º

Só excepcionalmente as autorizacións caducadas por falta de visado previsto no artigo anterior poderán ser rehabilitadas nos mesmos termos que se establecen no artigo 9.3º para as autorizacións de transporte público.

Artigo 22º

1. Nos supostos de cambio de propiedade da empresa, fusión ou absorción por outra e, en xeral, de cambio de titularidade do negocio, procederá a novación subxectiva das correspondentes autorizacións de transporte privado complementario de viaxeiros en favor do novo titular dos vehículos ós que estiveran referidas, se así o solicita este, acompañando a documentación que, se é o caso, corresponda conforme o previsto nos artigos 16º e 17º, e sen que sexa esixible o cumprimento do requisito de antigüedade máxima dos vehículos á que se refire o artigo 16º b).

O establecido no parágrafo anterior será, así mesmo, de aplicación cando o cambio de titularidade se produza en relación coa área ou sector diferenciado da empresa que realice unha actividade independente, respecto dos vehículos adscritos ó exercicio desa actividade.

2. En todo caso, o pagamento das sancións pecuniarias impostas por resolución definitiva en vía administrativa por infraccións da lexislación de transportes, será requisito necesario para que proceda a autorización administrativa á transmisión das autorización en relación coas que cometeran os seus titulares as correspondentes infraccións.

Artigo 23º

Os vehículos ós que estean referidas as autorizacións de transporte privado complementario de viaxeiros poderán substituírse por outros, nos mesmos termos previstos no artigo 14º para os adscritos ás de transporte público, tendo en conta que, a substitución non poderá implicar un aumento da capacidade do número de prazas globalmente autorizada á empresa, salvo que o devandito aumento sexa expresamente aprobado polo órgano competente.

En todo caso, a solicitude deberá acompañarse da documentación prevista nos apartado e) e f) do artigo 16º referida ó vehículo substituto.

Artigo 24º.

A modificación do número de prazas dos vehículos a que estiveran adscritas as autorizacións de trans

porte privado complementario de viaxeiros, unicamente poderá realizarse cando non supoña un aumento respecto da autorización anterior, salvo que o dito aumento sexa expresamente autorizado pola Administración.

Artigo 25º

As autorización de transporte reguladas na presente orde poderán ser modificadas polo servicio provincial competente nos seguintes supostos:

a) Modificación do ámbito das autorizacións por cambio de comarcal a territorial ou de local a provincial e viceversa, para vehículos con residencia en Galicia, ou que fixen a súa residencia en Galicia, como consecuencia do establecido no punto seguinte.

b) Cambio de residencia do vehículo provisto de autorización de transporte, motivada polo cambio de domicilio legal, para efectos fiscais, da empresa ou centro de traballo.

c) Reducción voluntaria do ámbito de actuación.

Cando se realicen modificacións das características do vehículo ó que estea referida unha autorización de transporte público discrecional en autobús que afecten ó número de prazas, será preciso solicitar do servicio provincial competente para o outorgamento da autorización que confirme que a validez desta continúa en vigor modificando os datos expresados na tarxeta en que se documenta. Esta confirmación estará, en todo caso, subordinada a que a modificación das características do vehículo fose previamente autorizada polos órganos competentes en materia de industria e tráfico, o que se xustificará mediante a presentación da documentación prevista nos apartados h) e i) do artigo 8º. En ningún caso poderá admitirse unha diminución do número de prazas que implique a transformación de autobús en turismo, e procederase neste suposto á anulación da autorización polo servicio provincial competente.

Artigo 26º.

De conformidade co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 160/1988, a Dirección Xeral de Transportes poderá, con carácter excepcional, e logo do informe do servicio provincial de transportes, que, en todo caso, dará vista ás asociacións provinciais de transporte de viaxeiros, outorgar autorizacións de transporte VE, para vehículos de ata nove prazas, incluído o conductor, que no momento da primeira solicitude de autorización non excedan de 10 anos, cando non existan vehículos provistos de autorizacións de transporte discrecional ou regular de viaxeiros ou de autorizacións VT dispostos a presta-lo servicio en similares condicións.

As citadas autorizacións habilitarán unicamente para o servicio determinado na autorización e, en todo caso, deberá levarse no vehículo xunto coa relación de usuarios.

O incumprimento desta obriga sancionarase como infracción leve do artigo 142, b), da Lei de ordenación dos transportes terrestres.

As autorizacións reguladas neste artigo deberán ser renovadas cada ano, sempre que perduren as

circunstancias que determinasen o seu outorgamento.

Artigo 27º

Con igual carácter excepcional, a Dirección Xeral de Transportes, por proposta do servicio provincial e logo do informe do Comité de Coordenación Provincial de Transportes, poderá conceder unha autorización específica para a prestación de servicios de transporte de viaxeiros, con cobramento por asento individual, con vehículos provistos de autorización de transporte, serie VD, sempre que a poboación afectada non dispoña de servicio regular de transporte de viaxeiros de uso xeral por discorre-lo servicio en zonas de débil tráfico ou ben, que polas súas características, sexa inviable establecer un servicio concesional.

Cando non existan titulares de autorizacións de transporte, serie VD, dispostos a presta-lo servicio, poderá autorizarse a realización deste con vehículos provistos de autorización de transporte, serie VT, outorgándolles ós seus titulares a autorización específica a que se refire este artigo.

Cando non fose posible atende-lo servicio na forma establecida nos parágrafos anteriores, ou cando resulten insuficientes as prazas dos vehículos provistos de autorización, serie VT, a autorización específica achege outorgarse a titulares desta clase de autorizacións, ou a calquera outra persoa que aporte un vehículo que reúna as características técnicas esixibles para o transporte público de viaxeiros e non teña máis de dez anos de antigüidade desde a súa primeira matriculación.

A autorización específica regulada neste artigo estará referida a un itinerario concreto e correspondelle á Dirección Xeral de Transportes fixa-las condicións para as prestacións do servicio. A súa duración será por un prazo máximo de cinco anos, sen prexuízo de posibles prórrogas cando perduran as circunstancias que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 28º

O pagamento das sancións pecuniarias que sexan definitivas en vía administrativa, será requisito necesario para que proceda a realización do visado, así como a autorización administrativa á transmisión das autorizacións en relación coas que os seus titulares cometeran as correspondentes infraccións.

Disposicións adicionais

Primeira.-Facultase a Dirección Xeral de Transportes para interpretar cantas dúbidas suscite a aplicación desta orde e para dicta-las instruccións precisas para a súa execución e resolve-los casos excepcionais non regulados nela, podendo solicitar informe do Consello Galego de Transportes.

Segunda.-Mentres non se fixen por resolución da Dirección Xeral de Transportes da Xunta de Galicia os prazos para a realización dos visados das autorizacións reguladas na presente orde, será de aplicación o calendario que a Dirección Xeral de Transportes Terrestres estableza para as autorizacións de competencia do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente.

Terceira.-Mentres a Dirección Xeral de Transportes non determine a cota de autorizacións de ámbito territorial a outorgar ex novo, non se admitirá solicitude ningunha para ese ámbito.

Cuarta.-A substitución de vehículos adscritos a liñas regulares de viaxeiros e provistos da correspondente autorización VR, poderá realizarse sempre que o vehículo substituto sexa máis moderno có substituído, ou que a súa antigüidade sexa inferior ó prazo de amortización establecido para a concesión de que se trate, sen que en ningún caso poida supera-los quince anos.

Quinta.-Non se outorgarán novas tarxetas VR para vehículos dedicados exclusivamente á prestacións de transportes regulares de uso xeral, salvo que o aumento de tráfico na correspondente concesión faga necesaria a incorporación de novos vehículos e quede suficientemente demostrado no expediente a imposibilidade de que estes aumentos de tráfico poidan ser cubertos polos vehículos de transporte discrecional de viaxeiros dos que dispoña ou poida dispo-lo concesionario, ou que se trate de concesións de débil tráfico.

Sexta.-Os titulares de autorizacións serie VR poderán solicita-la súa substitución por unha da serie VD mediante a presentación da documentación que en cada caso resulte preceptiva para a obtención desta última. Recibida a solicitude, o servicio provincial competente procederá ó seu outorgamento referindoo ó mesmo vehículo independentemente de cal sexa a antigüidade deste e á anulación da autorización de transporte serie VR no que o devandito vehículo se amparaba, unha vez comprobado que se cumpren os demais requisitos que xustifican o outorgamento da autorización de transporte serie VD, retirando a tarxeta en que aquela se atope documentada.

O outorgamento da autorización de transporte serie VD estará condicionada ó pagamento das sancións pecuniarias impostas por resolución definitiva en vía administrativa por infraccións á lexislación de transporte en relación coa autorización de transporte VR da que fai causa.

O órgano competente non outorgará a referida autorización de transporte serie VD cando teña coñecemento oficial de que o órgano xudicial ou administrativo competente procedeu ó embargo da autorización de transporte, serie VR, que se pretende substituir.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde do 4 de abril de 1994, e cantas disposicións de menor ou igual rango se opoñan ó previsto na presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 1996.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

2190