Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 28 de marzo de 1996 Páx. 2.911

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 23 de febreiro de 1996 pola que se convoca a VII Mostra Galega de Coros Polifónicos Xuventude-96.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido

conxuntamente polas consellerías de Familia, Muller e Xuventude que, a través da Dirección Xeral de Xuventude, desenvolve o programa Fomento da actividade xuvenil, figurando entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, a través da súa Dirección Xeral de Cultura, que ten entre outras funcións a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, artes líricas e da imaxe, así como a promoción das artes plásticas e populares, de acordo co Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, e o Decreto 49/1994, do 4 de febreiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude-96.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude convoca a VII Mostra galega de coros polifónicos Xuventude-96, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

A mostra obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura.

Artigo 3º

As actividades que leven consigo o desenvolvemento desta mostra serán custeadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO I

VII Mostra galega de coros polifónicos Xuventude-96

I.-Participantes

Tódolos grupos ou coros polifónicos que o soliciten, formados por xoves galegos ou residentes en Galicia, cun máximo de 40 compoñentes.

II.-Condicións xerais

1.-A mostra terá carácter convivencial e non competitivo.

2.-Os compoñentes dos coros terán entre 15 e 30 anos cumpridos no ano 1996. Soamente poderán superar estas idades o 10 % dos compoñentes totais do coro.

3.-Os temas presentados serán tres e terán que respectarse na actuación da fase final, no caso que se acceda a ela. Enviaranse nunha cinta casete ou casetes indicando os títulos dentro dun sobre pechado. No exterior do sobre deberá figura-lo lema do grupo e os títulos dos temas.

Noutro sobre pechado presentarase o boletín de inscrición que se indica no anexo III xunto cunha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras de cada un dos compoñentes do coro, debendo figurar no seu exterior o lema do grupo.

4.-A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito de editar ou difundi-las obras musicais que sexan seleccionadas para a fase final.

III.-Inscricións

As solicitudes deberán formularse no impreso normalizado que se indica no anexo II e dirixiranse ó director xeral de Xuventude.

Os grupos ou coros deberán presenta-las solicitudes xunto cos sobres pechados no Servicio de Xuventude da Delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude da provincia á que pertenza, que poderá ser na:

R/ Ronda de Fingoi, s/n- 27002 Lugo

Avda. da Habana, 81- baixo- 32004 Ourense

R/ Durán Loriga, 9-1º- 15003 A Coruña

R/ Benito Corbal, 47- 2º- 36001 Pontevedra

ou a enviarán por correo certificado, antes do 8 de outubro de 1996.

IV.-Organización

A Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de Pontevedra supervisará a presente mostra.

V.-Desenvolvemento.

O xurado seleccionará os grupos ou coros que considere de máis calidade, ata un máximo de seis. Para actuar na fase final, cada grupo dispón dun tempo máximo de 15 minutos. A fase final terá lugar no Auditorio Municipal de Lalín (Pontevedra) o día 9 de novembro de 1996.

VI.-Premios

Establécense os premios e axudas seguintes:

Premios: 60.000 pesetas, trofeo e diploma para cada un dos seis coros seleccionados para a fase final.

Axudas: os gastos de transporte e manutención serán por conta da organización.

A organización convidará a unha cea de convivencia os finalistas o día da fase final.

VII.-Xurado

Será nomeado polo director xeral de Xuventude e polo director xeral de Cultura e estará composto por persoas cualificadas no campo da polifonía, recaendo a Secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de Pontevedra.

A decisión do xurado será irrecorrible.

96-2249