Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 28 de marzo de 1996 Páx. 2.915

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 1996 pola que se convoca un simposio sobre cuestións actuais da ciencia administrativa.

A Escola Galega de Administración Pública organiza un simposio sobre cuestións actuais da ciencia administrativa, conforme as seguintes bases:

1.-Obxecto.

O día 19 de abril de 1996 terá lugar, na Escola Galega de Administración Pública, un simposio sobre cuestións actuais da ciencia administrativa, que se realizará en cooperación coa Asociación Española da Ciencia Política e da Administración, dentro do marco do II Congreso que a devandita asociación realizará en Santiago de Compostela entre os días 18 e 20 de abril de 1996.

2.-Contido e obxectivos.

O mencionado simposio acollerá as sesións dos catro grupos de traballo que o compoñerán, sendo as áreas temáticas de cada un deles as que se especifican a continuación:

I. Administración pública e institucións políticas

Grupo de traballo I: administracións autonómicas e Unión Europea.

Contido e obxectivos.-As comunicacións que se presenten neste grupo de traballo poden xirar arredor de: (1) A adaptación (reestructuración administrativa, canles de participación, comunicación, etc.) das CC.AA. para colaborar e influír na preparación das posicións de negociación española en Bruxelas. Poden ser estudios individualizados sobre as relacións dunha ou varias comunidades autónomas coa Administración do Estado; estudios comparados de diversas CC.AA., etc.; (2) sobre o funcionamento das diversas conferencias sectoriais; (3) sobre redistribución de competencias; (4) sobre adaptación e capacidade de xestión dos departamentos da Administración do Estado competentes na cuestión, para facilita-la participación das CC.AA.

Grupo de traballo II: reestructuración do Estado e do sector público.

Contido e obxectivos.-As comunicacións que se presenten neste grupo de traballo poder xirar arredor de: os criterios e modalidades de reconfiguración de institucións e procesos das administracións públicas e de institucións parapúblicas na perspectiva de racionalización da xestión, optimización do uso de recursos, técnicas e procedementos de producción do output público, etc.

II. Políticas públicas.

Grupo de traballo I: regulamento e mercado nas políticas públicas.

Contido e obxectivos.-Atopámonos nun contexto de reestructuración dos esquemas vixentes de actua

ción pública. O paradigma de separación nidia público-privado está dando paso a novos tipos de relación entre o Estado, o mercado e a sociedade, apoiados en valores políticos e ideolóxicos plurais.

O grupo de traballo pretende reflexionar sobre os ditos cambios, centrando a discusión en dúas áreas temáticas que consideramos de grande interese: a) as novas interaccións entre regulación e mercado en aspectos clave do desenvolvemento tecnolóxico (política científica, modelos reguladores e liberalización das telecomunicacións, etc.) e b) a redefinición dos roles públicos, privados e comunitarios nas políticas do Estado de benestar (mercado de traballo, protección social, loita contra a pobreza, etc.).

En ámbolos terreos incentívase a contribución tanto de propostas teóricas coma de estudios empíricos. Estes últimos poden abranguer desde o estudio da dimensión supranacional (capacidades reguladoras e da Unión Europea) ata a análise das políticas locais (iniciativas de emprego e políticas municipais de servicios persoais).

Grupo de traballo II: os procesos de posta en marcha das políticas públicas.

Contido e obxectivos.-O grupo de traballo proponse examina-los procesos de posta en marcha das políticas públicas.

Trataríase de analizar: a) en que consiste o papel dos diferentes axentes públicos implicados, b) que factores ou elementos interveñen, c) que constantes se poden apreciar, d) cales son os déficits ou onde se poden situa-los bloques.

Os estudios focalizaríanse, principalmente, nas políticas de reforma e modernización administrativa, valorando os instrumentos de implantación empregados. As contribucións poderían ser tanto xerais (comprendendo algunha das administracións públicas) coma concretas, é dicir, expoñendo estudios de caso.

Os inscritos neste simposio, de acordo coas súas preferencias, deberán indicar expresamente no(s) recadro(s) das súas instancias o(s) grupo(s) de traballo no(s) que se desexen integrar.

3.-Destinatarios.

Persoal ó servicio de calquera das administracións públicas galegas.

4.-Desenvolvemento e duración.

O simposio abrirase o venres, día 19 de abril, ás 9 horas, e rematará ás 19 h dese mesmo día.

5.-Inscrición.

-Prazo: remata o venres, día 12 de abril de 1996.

-Lugar de presentación: no rexistro xeral da EGAP (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15703 Santiago de Compostela). Tfno. 57 08 00. Telefax nº 57 15 40.

-Forma: as solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que figura ó final destas bases. Serán rexeitadas todas aquelas peticións que non reúnan o dito requisito.

As peticións de admisión poderanse enviar por correo ordinario ou por telefax ó número consignado.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán de quedaren prazas baldeiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

6.-Número de prazas.

O número de prazas é limitado e o criterio de selección dos participantes a esta actividade aterase ó establecido na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 27 de xuño de 1994 (DOG nº 149, do mércores 3 de agosto).

A partir do 16 de abril, os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono de 11.30 a 14.45 horas, ó seguinte número: (981) 57 08 00 (Ext. 229), ou ben consultando a lista de admitidos que se exporá no taboleiro de anuncios da EGAP na data antes sinalada.

7.-Certificación de asistencia.

Entregaráselles ó remate deste simposio a aqueles asistentes que concorresen asiduamente a el, e expresarase neste documento a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 1996.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

2314