Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 27 de marzo de 1996 Páx. 2.866

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 14 de marzo de 1996 pola que se crea o ficheiro automatizado de datos de carácter persoal do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

Polo Decreto 199/1995, do 10 de maio, modificado polo Decreto 258/1995, do 5 de outubro, créase o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma co obxecto de axiliza-la contratación administrativa evitando a multiplicidade de documentación análogas que se deban presentar en cada licitación. Para o seu funcionamento é preciso crear un ficheiro automatizado cos datos das persoas físicas ou xurídicas que soliciten a inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

Así mesmo é preciso suprimi-lo ficheiro de datos de carácter persoal do Rexistro de Contratistas de Obras da Comunidade Autónoma de Galicia xa que éste foi suprimido polo Decreto 258/1995.

Por outra banda, o artigo 18 da Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado dos datos de carácter persoal establece a obriga de crear e suprimi-los ficheiros automatizados por medio de disposición xeral.

Pola sua parte, a disposición derradeira do Decreto 199/1995, do 10 de maio, de creación do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma faculta o conselleiro de Industria e Comercio para dictar tódalas disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do dito decreto.

Na súa virtude, e ante a necesidade de crea-lo ficheiro automatizado do Rexistro Xeral de Contratistas, da Comunidade Autónoma,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o ficheiro automatizado de datos de carácter persoal do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

Artigo 2º

1. O ficheiro automatizado do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma constitúe unha base de datos das persoas físicas e xurídicas que voluntariamente acceden a el a través da presentación da súa solicitude no modelo normalizado publicado no Diario Oficial de Galicia, do 10 de novembro de 1995, como anexo da Orde do 23 de outubro de 1995, de desenvolvemento do Decreto 199/1995, do 10 de maio, polo que se crea o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

2. Cos datos que constan no ficheiro, o Rexistro Xeral de Contratistas emitirá as certificacións de inscrición que exonerarán ós licitadores da presentación da documentación especificada no artigo 5 da Orde do 22 de outubro de 1995.

Artigo 3º

Os datos de carácter persoal incluídos no ficheiro son os relativos a:

-Documento nacional de identidade ou código de identificación fiscal.

-Nome e apelidos ou razón social.

-Enderezo.

-Teléfono.

-Escritura de constitución ou modificación.

-Obxecto social.

-Cumprimento das obrigas tributarias e de Seguridade Social.

-Clasificación do contratista.

Artigo 4º

Os datos de carácter persoal do ficheiro poderán cederse ás corporacións locais do ámbito territorial da Comunidade Autónoma nos termos que establezan os convenios que, para tal efecto, se subscriban e sempre dentro das funcións que ten encomendado o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

Artigo 5º

O órgano responsable do ficheiro será a Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio por ser quen exerce a organización e dirección do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

Os dereitos de acceso, rectificación e cancelación exerceranse ante o Servicio do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma adscrito á Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio. A rectificación e a cancelación de datos deberanse facer efectivos no prazo máximo de 3 meses desde que sexa solicitado polo afectado.

Se os datos notificados ou cancelados foran cedidos previamente, o responsable do ficheiro deberá notificar ó cesionario a rectificación ou cancelación efectuada.

Artigo 6º

Á entrada en vigor da presente orde queda suprimido o ficheiro automatizado de datos de carácter persoal do Rexistro de Contratistas de Obras da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio procederá á eliminación física do ficheiro mediante o sistema de triturado.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 1996.

P.D. (Orde 18-5-1994, DOG 100)

Manuel Barreiro Barbeito

Secretario xeral da Consellería de Industria e Comercio

1752