Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 27 de marzo de 1996 Páx. 2.860

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 125/1996, do 7 de marzo, polo que se aproban os estatutos da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos.

A Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, crea na súa disposición adicional a Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos, como entidade de dereito público que ten por obxecto a xestión daquelas obras e a prestación daqueles servicios que lle sexan encomendados, dentro do programa de actuacións do organismo autónomo Augas de Galicia.

A mesma disposición legal encárgalle ó Consello da Xunta de Galicia a aprobación do estatuto da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos e a determinación do momento do inicio da súa actividade.

En consecuencia, o presente decreto vénlle dar cumprimento ó mandato legal indicado, cunha triple finalidade da organización interna da empresa, establecemento do réxime dos encargos de realización das obras e servicios, e de publicidade fronte a terceiros da empresa e a súa representación.

Os estatutos constan de cinco capítulos e unha disposición adicional.

O capítulo primeiro configura a Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos como unha entidade de dereito público da Xunta de Galicia con personalidade xurídica propia que axusta a súa actividade ó dereito privado. A continuación desenvolve o seu obxectivo (artigo 2), domicilio (artigo 3) e as relacións derivadas da adscrición á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

No capítulo segundo atópanse as referencias ós órganos de goberno e as súas atribucións, ó funcionamento do Consello de Administración e á representación que ostentan o presidente da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos e os vocais que o constitúen. Esta regulación, nunha norma que deberá someterse á publicidade legal, permite outorgarlle á nova entidade, que deberá actuar no xiro é tráfico empresarial, o necesario coñecemento de terceiros, en canto ós órganos sociais, réxime de adopción de acordos, representantes da entidade e apoderamento que ostentan, etc.

A previsión legal de adecuación ó ordenamento xurídico privado da actuación da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos desenvólvese no capítulo terceiro, dedicado ó seu réxime funcional e xurídico. Así mesmo, as relacións entre a devandita empresa e o seu persoal sométense ás normas de dereito laboral, co seu especial tratamento estatutario para os funcionarios públicos que, provenientes da Administración autonómica da Xunta de Galicia, pasen a ocupar postos de traballo na empresa.

En canto ó desenvolvemento do obxecto da Empresa de Obras e Servicios Hidráulicos, o capítulo cuarto dedica unha parte do seu articulado á execución de obras e o resto á prestación de servicios de explotación. Tanto nun coma noutro caso, a actuación da dita empresa será no nome propio, pero por conta de organismo autónomo Augas de Galicia, titular último, de acordo coa lei, da competencia de programación, execución, financiamento e explotación das obras hidráulicas.

As relacións entre unha e outra entidade nesta materia establécense nos artigos 27 a 35, con suxeición ás técnicas do mandato ou encargo, no cal a Empresa de Obras e Servicios Hidráulicos asume tamén certas funcións de contido administrativo como a tramitación, aprobación e contratación dos proxectos, e que xera en todo caso unha retribución económica compensatoria pola prestación instrumental do servicio en réxime empresarial.

Finalmente, os estatutos conteñen unha detallada regulación do réxime económico e financeiro da Empresa de Obras e Servicios Hidráulicos, con referencia ó seu patrimonio e recursos económicos; suxeición dos orzamentos á lexislación aplicable, que é a establecida na Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia; fixación das condicións de endebedamento e determinación das normas de fiscalización e réxime contable, segundo o disposto con carácter xeral para o resto do sector público empresarial de Galicia.

Por todo isto, en cumprimento do disposto na Lei 8/1993, do 23 de xuño, e en virtude da autorización contida na súa disposición derradeira segunda, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

Apróbanse os estatutos da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos en desenvolvemento da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, que terá o carácter de sociedade pública autonómica a que se refire o artigo 12.1º.b da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, que se publican a continuación.

Disposición adicional

Primeira.-A Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos iniciará a súa actividade o 1 de xuño de 1996.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

Estatutos da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

1.1. A Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos, é unha entidade con personalidade xurídica propia que axusta a súa actividade ó dereito privado e que se rexe por estes estatutos e pola lexislación xeral sobre sociedades públicas autonómicas que lle é de aplicación.

1.2. A Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos, no sucesivo «a empresa», ten personalidade xurídica e patrimonios propios, así como plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. En consecuencia, pode adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar ou allear calquera tipo de bens, concertar créditos, establecer contratos, executar e explotar obras e servicios, obrigarse, interpoñer recursos e exerce-las accións previstas nas leis.

Artigo 2º

2.1. Constitúe o obxecto da empresa a xestión das obras e a prestación dos servicios que lle sexan encomendados dentro do programa de actuacións do organismo autónomo Augas de Galicia.

2.2. Considéranse incluídas no citado obxecto as actividades seguintes:

a) A elaboración de estudios, anteproxectos e proxectos.

b) A preparación e contratación de obras e servicios.

c) A explotación de instalacións de xeito directo ou indirecto.

d) O establecemento de convenios ou acordos de colaboración e cooperación con administracións e entidades públicas, empresas públicas ou privadas e outros interesados para o desenvolvemento das actividades que constitúen o obxecto da empresa.

e) A realización de operacións financeiras dirixidas á dispoñibilidade de recursos económicos para a consecución dos programas de obras e servicios.

f) Calquera outra que en relación con el lle sexa encargada polo Consello da Xunta de Galicia ou ó organismo autónomo Augas de Galicia.

2.3. A empresa poderá prestar servicios de asesoramento e asistencia técnica en materias relacionadas co seu obxecto.

Artigo 3º

O domicilio legal da empresa para calquera tipo de efectos xudiciais ou administrativos radicará na súa sede de Santiago de Compostela, nos edificios administrativos de San Caetano da Xunta de Galicia. O Consello de Administración poderá acorda-la modificación deste domicilio legal, acordo que deberá ser obxecto de publicación. Así mesmo, poderanse establecer oficinas ou dependencias no municipio indicado ou noutros, de acordo co que se dispoña no acto que ordene ese establecemento.

Artigo 4º

4.1. A empresa adscríbese á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, para os efectos previstos nestes estatutos e cantos se deriven da lexislación aplicable ás sociedades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Sen embargo, poderase relacionar directamente co resto dos departamentos e organismos para cantos asuntos relativos ó seu xiro e tráfico sexa necesario, sempre que non comporten o exercicio de funcións da tutela administrativa.

4.2. Corresponderalle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda dictar ou propoñe-las disposicións normativas de contido técnico ou organizativo a que teña que suxeitarse a prestación dos servicios a cargo da empresa.

Capítulo II

Organización

Órganos de goberno.

Artigo 5º

5.1. Os órganos de goberno da empresa son o presidente e o Consello de Administración.

5.2. O presidente ostenta a representación legal da empresa e exerce as súas funcións directivas e executivas superiores.

5.3. O Consello de Administración exerce de forma colexiada as funcións que lle atribúen os presentes estatutos.

Artigo 6º

6.1. O Consello de Administración está constituído polos membros seguintes:

a) O director xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

b) Tres vocais designados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

c) Un vocal designado pola Consellería de Economía e Facenda.

d) Un vocal designado pola Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6.2. O acordo ou resolución de designación de membros do Consello de Administración poderá incluí-la dun membro suplente do titular respectivo. A designación dos membros do Consello de Administración deberá ter en conta o réxime vixente en materia de incompatibilidades.

Artigo 7º

7.1. O presidente da empresa é nomeado polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, entre os membros do Consello de Administración.

7.2. O presidente da empresa é tamén o do seu Consello de Administración con exercicio das atribucións correspondentes.

7.3. No exercicio do seu cargo, o presidente poderá ter unha remuneración fixa, con independencia das

axudas de custo que lle poidan corresponder como membro do Consello de Administración. Todo o anterior, sen prexuízo do réxime de incompatibilidades.

Atribucións dos órganos.

Artigo 8º

Son atribucións do Consello de Administración:

a) Fixa-las directrices xerais de actuación da empresa, á vista dos encargos recibidos, e avaliar periodicamente o seu grao de execución.

b) Eleva-los orzamentos da empresa ó órgano competente da Xunta de Galicia e efectua-lo seguimento da súa execución.

c) Aproba-lo balance e outros documentos que resulten do cumprimento das normas contables de aplicación.

d) Aproba-las operacións de crédito ou préstamo que vaia efectua-la empresa con carácter previo ás autorizacións que sexan preceptivas en cada caso.

e) Autoriza-los actos de adquisición, disposición, alleamento ou transacción de bens e dereitos cando a cifra da operación exceda do 10% do orzamento anual da empresa.

f) Autoriza-la sinatura de convenios xerais coas administracións públicas e entidades privadas, sen prexuízo da súa delegación no presidente.

g) Fixa-las bases de organización dos servicios da empresa, sen prexuízo da súa delegación no presidente, aproba-lo seu cadro de persoal e establece-lo procedemento xeral de selección e admisión do persoal, de acordo co disposto no artigo 25º.

h) Ratifica-lo exercicio das accións e recursos e a comparecencia nos procesos de interese da empresa.

Artigo 9º

Correspóndenlle ó presidente da empresa as atribucións que seguen:

a) Cumpri-las directrices xerais de actuación fixadas polo Consello de Administración e executa-los seus acordos.

b) Elabora-los orzamentos anuais e o programa de actuación e financiamento da empresa.

c) Contrae-los compromisos económicos que non constitúan operacións de endebedamento.

d) Ordena-los pagamentos da empresa.

e) Aproba-los proxectos de obras, instalacións e servicios.

f) Outorgar e formalizar tódolos contratos e convenios, incluídos os actos a que se refire o artigo 8º.e) anterior, todo iso sen prexuízo da delegación da súa sinatura.

g) Exerce-la dirección superior e a inspección da prestación do servicio, a execución das obras e o funcionamento das instalacións que a empresa teña ó seu cargo.

h) Exerce-las facultades e cumpri-las obrigas que lle correspondan á empresa como beneficiaria nos expedientes de expropiación forzosa.

i) Dirixi-la selección e contratación do persoal.

j) Exerce-la dirección superior do persoal da empresa.

k) Representa-la empresa e o seu Consello de Administración ante toda clase de persoas e entidades e, en particular, interpoñer accións e comparecer en procedementos administrativos ou xudiciais, con facultade para conferir mandatos a procuradores e/ou letrados que representen e defendan a empresa.

l) Autorizar e adxudica-los contratos de obras e servicios.

m) Exercer tódalas funcións que lle sexan delegadas e calquera outra non expresamente atribuída a un órgano distinto da empresa.

Artigo 10º

10.1. O Consello de Administración, por proposta do presidente, poderá nomear un director ou xerente da empresa que exercerá as funcións que este ou o propio consello lle asignen.

10.2. En especial, as funcións e atribucións citadas nas letras c), d), f), g), h), i), j), e k) do artigo precedente poderán ser delegadas, parcialmente ou na súa totalidade, no director ou xerente.

Funcionamento do Consello de Administración.

Artigo 11º

11.1. O Consello de Administración reunirase sempre que o convoque o presidente, por propia iniciativa ou a pedimento da terceira parte dos seus membros.

11.2. O Consello de Administración quedará, así mesmo, validamente constituído sen convocatoria ou faltando algún requisito na que fora cursada, cando se atopen reunidos tódolos seus membros e así o acorden por unanimidade.

11.3. Será obrigatorio un número mínimo anual de dúas reunións, co obxecto de coñece-los proxectos de orzamentos e darlles cumprimento a aquelas obrigas estatutarias que se cualifiquen de inescusables.

Artigo 12º

12.1. A convocatoria de reunión, coa orde do día correspondente, teráselles que notificar ós membros do Consello cunha antelación de corenta e oito horas, excepto en casos de urxencia apreciada polo presidente, que deberán facerse constar na convocatoria.

12.2. O Consello quedará validamente constituído cando concorran á reunión, presentes ou representados, a metade máis un dos seus compoñentes. Os membros do Consello poden delega-la súa representación e voto noutro membro para sesións determinadas.

12.3. Coa autorización do Consello, poderán asistir ás súas sesións técnicos da empresa ou da Administración da Xunta de Galicia.

Artigo 13º

13.1. Correspóndelle ó presidente do Consello de Administración asegura-lo cumprimento das leis e a regularidade das súas deliberacións, forma-la orde do día, convocar, presidir, suspender e remata-las sesións, da-lo visto e prace ás actas e velar polo cumprimento dos acordos.

13.2. O presidente designará un secretario do Consello que, en caso de non ser membro del, asistirá ás reunións con voz e sen voto.

13.3. Son funcións do secretario cursa-las convocatorias, prepara-las reunións, redacta-las actas delas, dar fe dos acordos e tramitalos para a súa execución.

Artigo 14º

No caso de que o presidente ou o secretario non asistisen a unha reunión do Consello, o propio órgano colexiado designará, antes de se inicia-la sesión, a persoa ou persoas que deberán ocupa-lo devandito posto no seu transcurso.

Artigo 15º

15.1. Os acordos do Consello de Administración serán adoptados co voto favorable da maioría dos membros asistentes.

15.2. En tódolos supostos, o voto do presidente dirimirá os empates.

15.3. Os membros do Consello que fagan constar en acta o seu voto contrario a un acordo adoptado quedarán exentos da responsabilidade que, chegado o caso, se puidese derivar. Se os acordos consistisen en formular propostas, peticións ou reclamacións a un órgano da Administración, os votos particulares dos membros teranse que facer constar expresamente na documentación que se presente.

Artigo 16º

O cargo de membro do Consello de Administración non será retribuído, sen prexuízo da percepción das axudas de custo e indemnizacións que sexan fixadas de acordo coa normativa aplicable, pola asistencia ás reunións que se celebren.

Artigo 17º

As normas aplicables ó funcionamento dos órganos colexiados da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia serán supletorias das contidas nos artigos precedentes por canto se refiere ó funcionamento do Consello de Administración.

Capítulo III

Réxime funcional

Réxime xurídico da empresa.

Artigo 18º

A empresa, como entidade de dereito público, está suxeita ás disposicións da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia e, en canto lle sexan aplicables, ás da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, así como ás das sucesivas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma.

Artigo 19º

19.1. A empresa somete a súa actividade ás normas do dereito mercantil, civil ou laboral, de acordo coa natureza do acto de que se trate.

19.2. Os contratos que estableza para a redacción de proxectos, a execución de obras ó seu cargo, a recepción e prestación de servicios e asistencias técnicas relativos a elas e a explotación e mantemento das instalacións rexeranse polas normas de dereito privado.

19.3. A selección dos contratistas terá que efectuarse de acordo cos principios de publicidade e concorrencia propios do sector público.

Artigo 20º

20.1. Cando a empresa exerza funcións públicas, propias ou delegadas pola Administración competente, débese axustar ó ordenamento xurídico-administrativo, ó cal quedarán, así mesmo, suxeitos os actos derivados das relacións de tutela coa Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, en virtude da adscrición establecida no artigo 4º destes estatutos.

20.2. Contra os actos da empresa suxeitos ó dereito administrativo poderase interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e a resolución causará estado para os efectos da súa impugnación en vía xurisdiccional contencioso-administrativa.

Artigo 21º

A adquisición de bens inmobles por procedemento distinto da expropiación forzosa rexerase polas normas reguladoras do Patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 22º

Dos acordos e actos dos órganos da empresa non suxeitos ó dereito administrativo e das pretensións que sobre eles se deduzan, coñecerá a xurisdicción competente en cada caso, sen que sexa preciso formula-la reclamación previa en vía administrativa.

Artigo 23º

O asesoramento xurídico e a defensa e representación en xuízo da empresa poderanlles ser encomendados, mediante convenio, ós letrados que desempeñan estas funcións na Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia. O convenio determinará a compensación económica que se aboará neste concepto.

Persoal.

Artigo 24º

As relacións entre a empresa e o seu persoal rexeranse polas normas do dereito laboral que sexan de aplicación en relación con cada función e categoría.

Artigo 25º

25.1. O cadro de persoal da empresa será seleccionado e contratado de acordo co regulamento esta

blecido polo Consello de Administración. A selección do persoal que non sexa de alta dirección ou de confianza realizarase atendendo, ademais de ós principios de igualdade, mérito e capacidade, ó de publicidade.

25.2. Os funcionarios públicos pertencentes ós corpos da Administración da Xunta de Galicia que pasen a ocupar un posto de traballo do cadro de persoal da empresa pasarán automaticamente á situación de excedencia voluntaria, coas especialidades que se deriven da prestación de servicios en entidades do sector público.

Artigo 26º

O persoal da empresa terá a consideración de axente da Administración no exercicio das funcións de vixilancia e protección das instalacións ó seu cargo.

Capítulo IV

Obxecto da empresa

Execución das obras.

Artigo 27º

27.1. A empresa promoverá e executará por conta do organismo autónomo Augas de Galicia e en réxime de cooperación, cando proceda, coas administracións locais, as obras que lle sexan encargadas en materia de infraestructura hidráulica e saneamento.

27.2. As dotacións económicas destinadas a financia-lo custo de investimento desta modalidade de actuación fixaranse para cada exercicio no estado de gastos do orzamento de Augas de Galicia dentro do capítulo correspondente a «investimentos reais» e cunha ou varias aplicacións específicas en función do destino do investimento.

Artigo 28º

28.1. O encargo da actuación ou programa de actuacións corresponderalle a Augas de Galicia. Cando as actuacións teñan carácter plurianual requirirán acordo do Consello da Xunta.

28.2. O encargo deberá conter, en todo caso, os extremos seguintes:

a) Denominación precisa das actuacións, con referencia, cando a haxa, ó proxecto básico ou de construcción a desenvolver ou executar.

b) Orzamento estimado, sen prexuízo do que resulte da adxudicación do contrato, distribuído, se procede, nun ou en varios exercicios orzamentarios.

c) Prazo previsto de execución.

d) Condicións especiais do encargo que resulten de actuacións preparatorias de Augas de Galicia ou doutros órganos da Xunta de Galicia en relación co destino das obras.

e) A información a remitir pola empresa relativa ás adxudicacións de obras e previsións de execución unha vez contratadas.

f) A periodificación por anualidades, se é o caso, do importe total dos encargos.

28.3. A falta de indicación expresa, entenderase que o encargo de execución dunha obra comprende,

así mesmo, a realización dos estudios, anteproxectos e proxectos que sexan necesarios con cargo á dotación para o ejercicio ou exercicios de que se trate, agás que estes documentos estean elaborados ou en fase de elaboración por Augas de Galicia ou polas entidades destinatarias das obras.

Artigo 29

29.1. Augas de Galicia achegaralle á empresa dentro de cada exercicio e como contrapartida económica dos encargos efectuados unha cantidade máxima igual á dotación anual aprobada. O concepto destas achegan será o de anticipos a conta da futura liquidación do custo total das obras.

29.2. As devanditas achegas instrumentaranse mediante mandamento de pagamento a favor da empresa contra a presentación por esta de facturas ou relacións de obra executada, correspondentes ás actuacións encargadas.

Artigo 30º

30.1. A empresa asumirá a xestión integral das actuacións e, en particular, as seguintes funcións:

a) A tramitación e aprobación definitiva dos proxectos de construcción.

b) A contratación e execución dos proxectos e obras encargados, conforme o disposto no artigo 19º destes estatutos.

c) A xestión das incidencias que en materia de dispoñibilidade de terreos, afectación e reposición de servicios públicos e obtención de permisos e licencias, queden a cargo da empresa.

d) A dirección facultativa das obras e proxectos ata a súa recepción definitiva.

30.2. Nos actos administrativos relacionados cos proxectos e as obras obxecto dos encargos corresponderalle en todo caso a Augas de Galicia o coñecemento e participación na recepción das obras, a aprobación da súa liquidación definitiva e a adopción de resolucións que lle correspondan en materia de expropiación forzosa.

Artigo 31º

As instalacións que resulten das obras realizadas aplicaranse ó servicio público que determine a súa construcción unha vez finalizadas e recibidas provisionalmente. Con esta finalidade, a empresa poñeraas ó dispor de Augas de Galicia, sen prexuízo da explotación que lle poida corresponder, ou fará a súa entrega por conta daquel organismo ás entidades locais destinatarias, se é este o caso.

Artigo 32º

A empresa percibirá unha retribución compensatoria do custo dos servicios que preste en execución dos encargos efectuados ou no desenvolvemento de tarefas relacionadas con eles. Esta retribución fixarase para cada encargo en relación cos gastos derivados das funcións que teña que desenvolver a empresa.

Explotación de instalacións.

Artigo 33º

33.1. A empresa poderá levar a cabo a explotación e mantemento de instalacións de regulación, de abastecemento de augas e de tratamento e evacuación de augas residuais de titularidade da Xunta de Galicia ou doutras administracións no territorio da Comunidade Autónoma.

33.2. O encargo de prestación de servicio será formulado pola Administración titular en cada caso e requirirá a aceptación da empresa cando esta titularidade non corresponda á Xunta de Galicia ou a entidades públicas nas que esta teña participación maioritaria.

33.3. O encargo deberase referir necesariamente ós seguintes aspectos:

a) Prazo de prestación do servicio.

b) Orzamento estimado de acordo coa xustificación que se efectúe do contido da prestación.

c) O réxime de retribución anual con expresión, se é o caso, das achegas que se efectúen para a dotación dun fondo de reposición das instalacións.

d) As condicións técnicas a que deba suxeitarse a explotación.

Artigo 34º

A empresa prestará os servicios encomendados de forma directa ou indirecta; neste último caso, mediante os contratos oportunos con terceiras empresas. Coa mesma finalidade poderanse constituír sociedades públicas, empresas mixtas ou doutro tipo e consorcios, todo iso de conformidade co disposto na Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e, se é o caso, coas normas de réxime local aplicables.

Artigo 35º

35.1. Cando preste servicios susceptibles de seren retribuídos mediante tarifas esixibles ós destinatarios daqueles, a empresa procederá ó seu cálculo e aplicación, de acordo co procedemento e requisitos establecidos na Lei 13/1991, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

35.2. En cada caso, as tarifas calcularanse de xeito que permitan cubrir na súa integridade os custos de prestación do servicio de que se trate, incluídos os gastos de explotación e xestión, as cargas financeiras, os investimentos e amortizacións repercutibles e os impostos esixibles pola actividade.

Capítulo V

Réxime económico e financeiro

Patrimonio e recursos económicos.

Artigo 36º

36.1. Constitúen o patrimonio da empresa os bens que lle sexan adscritos para o cumprimiento dos seus fins e os bens e dereitos de calquera natureza que produza ou adquira con cargo ós seus recursos propios.

36.2. Os bens da Comunidade Autónoma adscritos ou cedidos á empresa conservan a súa titularidade e cualificación xurídica orixinais, correspondendo a esta utilizalos, administralos e explotalos conforme as disposicións da lexislación do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

36.3. En ningún caso se integrarán no patrimonio da empresa os bens de titularidade estatal, autonómica ou local que estean afectos a servicios dos que lle fose encomendada a súa explotación, así como as instalacións que resulten das obras a que se refiren os artigos 27º a 32º destes estatutos.

Artigo 37º

Os recursos económicos da empresa están constituídos por:

a) As asignacións orzamentarias da Xunta de Galicia e dos seus organismos autónomos, así como das entidades locais e outras administracións públicas.

b) As subvencións, as achegas voluntarias ou as doazóns que lle concedan calquera persoa pública ou privada.

c) O producto das taxas, prezos e demais instrumentos financeiros derivados por prestacións previstas na Lei 13/1991, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) O rendemento do seu patrimonio.

e) As remuneracións derivadas da prestación dos distintos servicios que lle sexan encargados polo organismo autónomo Augas de Galicia.

f) Os ingresos obtidos por operacións de crédito.

g) Calquera outro que lle corresponda de conformidade coas leis.

Orzamentos.

Artigo 38º

38.1. O presidente da empresa ordenará anualmente a elaboración dun programa de actuación, de investimentos e de financiamento das actividades da entidade na forma prevista nos artigos 83 e seguintes da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. Este programa considerará separadamente os encargos de obras e servicios efectuados á empresa e o réxime das dotacións económicas correspondentes.

38.2. O Consello de Administración aprobará inicialmente este programa antes do 15 de maio anterior ó exercicio de que se trate e remitirallo á Consellería de Economía e Facenda a través da de Política Territorial, Obras Públicas e Vivienda, que deberá informar acerca do seu contido.

Artigo 39º

39.1. Os orzamentos de explotación e de capital da empresa elaboraranse conforme as disposicións da Lei 11/1992, e presentaranse ante o Consello

de Administración antes do inicio do exercicio correspondente.

39.2. Así mesmo, o presidente formulará anualmente a memoria, o balance e as contas do exercicio, axustados ás previsións do Plan Xeral de contabilidade pública, que deberán ser aprobados nos tres primeiros meses do exercicio seguinte polo Consello de Administración antes da súa remisión ó Consello da Xunta de Galicia. A documentación presentada conterá, se é o caso, a proposta de distribución do resultado do exercicio, con indicación da porcentaxe destinada á constitución das reservas ou outras finalidades.

39.3. Para os efectos do disposto neste artigo e o precedente entenderase, en todo caso, que o exercicio económico coincide co ano natural.

Endebedamento.

Artigo 40º

40.1. O Consello de Administración da empresa poderá formaliza-las operacións de crédito, dentro do límite e cos requisitos que se recollen na Lei 11/1992 e nas leis anuais de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e de acordo coas características que sexan fixadas ou aprobadas para cada operación.

40.2. A empresa poderá prestar avais, nos termos dos artigos 41 e 45 da Lei 11/1992, en favor das empresas en que participe, e unicamente dentro dos límites e para as finalidades determinadas que expresamente se establezan para ela nas leis anuais de orzamentos.

Fiscalización e réxime contable.

Artigo 41º

41.1. A empresa está sometida ó réxime de contabilidade pública nos termos previstos pola Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e nas disposicións dictadas para o seu desenvolvemento.

41.2. A suxeición ó réxime de contabilidade pública comporta a obriga de renderlle contas das operacións, calquera que sexa a súa natureza, ó Consello de Contas de Galicia.

41.3. A empresa levará a súa contabilidade segundo os procedementos máis axeitados á índole das súas operacións, de modo que permita un coñecemento adecuado e un control efectivo das súas actividades e os seus custos.

Artigo 42º

O control financeiro da empresa efectuaranse mediante procedementos de auditoría e de acordo coas previsións do título V, capítulo I, sección 3ª da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

2192