Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 1996 Páx. 2.684

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Plastic Omnium Industrial, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Plastic Omnium Industrial, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 22-1-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, con data do 5-1-1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representación económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación, no BOP e no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, 25 de xaneiro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo para a empresa Plastic Omniun Industrial, S.A.

Centro de traballo Vincios-Zamáns (Pontevedra).

Sección de plástico

Disposición preliminar.

Dada a situación de dependencia absoluta respecto a un único cliente, as necesidades postas de manifesto por este, serán tomadas en conta como prioritarias para os efectos da aplicación do presente convenio colectivo.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo regulará as condicións mínimas a que se axustarán as relacións laborais e económicas dos traballadores da empresa Plastic Omniun Industrial, S.A. no seu centro de traballo de Zamáns-Vincios, sección de plástico.

Por tanto, exclúense do ámbito do presente convenio, tódolos traballadores doutras seccións e/ou actividades da empresa establecidas na provincia

de Pontevedra e no resto do territorio nacional, e sen prexuízo da aplicación ós ditos traballadores do convenio colectivo que regulamentariamente proceda.

Para os efectos do presente convenio, enténdese por sección de plástico a que se dedica á transformación de plástico por procedementos mecanofísicos non químicos e as operacións de montaxe e afíns.

Artigo 2º.-Vixencia e denuncia.

O presente convenio colectivo entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1996 e manterá a dita vixencia ata o 31 de decembro de 1997.

Artigo 3º.-Xornada de traballo.

Durante a vixencia deste convenio a xornada laboral será de 1.792 horas efectivas en cómputo anual, como máximo.

A xornada de traballo comezará á hora prevista no cadro horario fixado pola empresa co coñecemento e aprobación dos representantes legais dos traballadores.

O tempo de traballo computarase de modo que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria o traballador se encontre no seu posto de traballo. O tempo de descanso na xornada, denominado tempo de bocadillo, non terá a consideración de tempo de traballo efectivo.

A fixación do horario de traballo e calendario laboral será facultade da dirección da empresa, razoando o seu establecemento cos representantes legais dos traballadores, no que prevalecerá o criterio que supoña unha reducción de custos, aumento de vendas ou ben favoreza as necesidades estacionais da producción. En calquera caso, establécese como principio básico do presente convenio que a configuración da xornada de traballo e o horario estarán suxeitos á preferente necesidade da empresa Citroën hispania, S.A., actualmente o principal e único cliente. En función do anterior, poderase establecer, cando as necesidades do cliente así o requiran, unha distribución irregular da xornada de traballo ó longo do ano, sen superar, en ningún caso, a xornada anual pactada neste convenio.

Os traballadores afectados polo presente convenio quedan obrigados, dentro dos límites legalmente establecidos, á realización de horas extraordinarias, logo de solicitude pola dirección da empresa, cando sexa necesaria a súa realización para atende-las necesidades productivas perentorias e urxentes, reparación de sinistros, avarías. A obriga anterior, non será operativa en domingos e festivos de 15 a 23 horas, salvo causas de forza maior ou ameaza grave de parada da cadea de producción do cliente. As horas extraordinarias, a criterio da dirección da empresa, poderán ser compensadas con tempo de descanso equivalente, ou no seu defecto mediante retribución específica que se determinará conforme a seguinte fórmula:

Número de horas anuais de xornada/11 meses = media mensual horas.

[Salario base mensual (segundo táboa anexa)/Media mensual horas] x A = valor hora extra.

A = incremento = 1,55

As horas realizadas entre as 23 e as 7 horas terán a consideración de horas extras nocturnas, e retribuiranse cun incremento do 20 por cento, sobre o valor de hora extra anteriormente fixado. As horas extras realizadas en día festivo e as realizadas entre as 23 horas do sábado e as 7 horas do luns terán un incremento do 50 por cento, sobre o valor da hora extra anteriormente fixado.

As horas extras realizadas nun sábado entre as 7 horas e as 23 horas e as realizadas durante vacacións terán un incremento do 30 por cento sobre o valor hora extra anteriormente fixado.

Igualmente, os traballadores afectados polo presente convenio obríganse á realización de quendas semanais rotatorias de traballo, conforme a seguinte distribución:

Sistema de 4 quendas rotativas en períodos repetitivos de 4 semanas e dentro de cada período un descanso mínimo de 7 días. As ditas quendas realizaranse en xornada de mañá, tarde e noite, con horarios: para o de mañá de 7 a 3, para o de tarde de 3 a 11 e o de noite de 11 a 7.

Se por calquera circunstancia a dirección da empresa, implantase un sistema de quendas máis beneficioso para os traballadores que o establecido anteriormente, o dito sistema terá carácter temporal e non implicará, polo tanto, o recoñecemento por parte da empresa da súa condición de definitivo. En tal suposto, a dirección poderá retornar ó traballador ou traballadores afectados o anterior sistema de quendas que se establece no parágrafo anterior, sen que se poida alega-la condición de norma máis favorable ou dereito adquirido.

Se se dese a circunstancia de que un traballador de determinada quenda, sen mediar aviso nin comunicación previa, non acudise a traballar, a dirección poderá requirir ó traballador da quenda anterior no mesmo posto de traballo, para que permaneza e continúe prestando os seus servicios polo tempo exclusivamente indispensable ata que a empresa cubra o posto. En calquera caso, o exceso de xornada será retribuído ou compensado como horas extraordinarias.

En calquera circunstancia, ningún traballador estará na quenda de noite máis de dúas semanas consecutivas, salvo adscrición voluntaria.

Os traballadores que na data de entrada en vigor do presente convenio presten os seus servicios entre as 23 horas e 7 horas, percibirán mensualmente, e en concepto de plus de nocturnidade, unha cantidade equivalente ó 25% do salario base mensual e proporcionalmente ó número de horas prestadas no dito período nocturno. Sen prexuízo do anterior, a empresa, potestativamente, poderá establece-la

seguinte forma de retribución para o período nocturno: estimarase anualmente a media de horas nocturnas (entre as 23 e 7 horas) que poidan realizar tódolos traballadores afectados ó longo de todo un ano, e unha vez obtida esta cifra calcularase a retribución correspondente conforme o criterio antes sinalado, a cal se distribuirá en 11 mensualidades para efectos do seu aboamento ó traballador. Para os contratados posteriormente, aplicarase o que se estableza en cada caso no respectivo contrato de traballo.

Artigo 4º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais, e desfrutaranse preferentemente entre os meses de xuño a setembro, dentro de cada ano natural, pero tendo sempre en conta as necesidades do cliente da empresa.

Sen prexuízo do anterior, a dirección da empresa poderá fixar para o persoal de mantemento ou que realice traballos ocasionalmente neste departamento, outro período ou períodos distintos do resto do persoal.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa con dous meses de anticipación ó comezo do seu desfrute para coñecemento dos traballadores.

A empresa, cando concorran circunstancias de carácter organizativo e/ou productivo, e conforme as necesidades do cliente, poderá fixar como período de vacacións aquel que coincida coa menor actividade.

En calquera caso, e debidamente acreditado, o período de vacacións poderá ser modificado por causa de avaría grave de maquinaria, falta de materias primas, exceso de stocks ou necesidades do cliente.

Artigo 5º.-Festivos.

Para 1995 e 1996 establécense como máximo os días festivos que con carácter nacional e local se fixen no Diario Oficial de Galicia, BOE e BOP de Pontevedra; en todo caso aplicarase o que dispón ó respecto o artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Sen prexuízo do anterior, a dirección da empresa, por necesidades do proceso productivo ou da organización do traballo, poderá despraza-lo descanso do festivo a outro día laborable. Respectaranse, en todo caso, os días 1 e 6 de xaneiro, 1 de maio, 1 de novembro e 24, 25 e 31 de decembro.

Artigo 6º.-Mobilidade funcional e xeográfica.

O persoal afectado polo presente convenio, en canto a mobilidade funcional e xeográfica e sen prexuízo da normativa legal aplicable, rexerase polas seguintes normas:

a) Mobilidade funcional: poderase levar a cabo a mobilidade funcional no interior dos grupos profesionais cando isto non implique traslado de localidade. Exercerán de límite para esta os requisitos de idoneidade e aptitude necesarios para o desempeño das tarefas que se lle encomenden ó dito traballador. Ós traballadores obxecto de tal mobilidade

seranlles garantidos os seus dereitos económicos e profesionais, de acordo coa lei. Os representantes dos traballadores poderán solicitar información acerca das decisións adoptadas pola dirección da empresa en materia de mobilidade funcional, así como da xustificación e causa delas, estando obrigada a empresa a facilitala.

b) Mobilidade xeográfica:

1) Os desprazamentos: os traballadores da empresa poderán ser desprazados en todo momento a outro centro de traballo distinto da mesma empresa ou a presta-los seus servicios para un cliente na mesma ou distinta localidade, por necesidades do servicio, cando isto no comporte cambio de residencia definitiva. O traballador estará obrigado a efectua-lo desprazamento, sendo a orde de carácter executivo, e isto sen prexuízo do seu dereito á compensación económica e/ou axudas de custo que legalmente lle corresponda percibir.

2) Cambio de centro de traballo: cando a mobilidade xeográfica veña imposta polo cambio definitivo e fixo de centro de traballo, o traballador non terá dereito a compensación económica ningunha nin ó percibo de axudas de custo, sempre que non supoña cambio de residencia.

Artigo 7º.-Seguridade e hixiene no traballo.

A empresa obrígase ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo.

En tal sentido, dedicará especial atención en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias, duchas, etc., de conformidade co disposto na normativa vixente, obrigándose a cumprir con aquelas disposicións e/ou normas que, durante a vixencia do presente convenio, fosen publicadas en materia de seguridade e hixiene.

Así mesmo, a empresa, cando sexa necesario ou estea legalmente establecido, proporcionaralles ós traballadores outra roupa e/ou útiles de protección, tales como botas, portectores auditivos e outros, coa finalidade en todo caso de protección dos riscos da súa actividade.

Artigo 8º.-Recoñecemento médico.

A empresa estará obrigada a solicitar a través da mutua patronal coa que teña concertado o risco de accidentes de traballo e enfermidades profesionais un recoñecemento médico anual para todo o persoal. O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa.

Artigo 9º.-Permisos e licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, terá dereito a permisos retribuídos durante o tempo e nos supostos seguintes:

a) Dezaseis días naturais en caso de casamento do traballador/a

b) Tres días laborables en caso de nacemento de fillo

c) Catro días naturais en caso de falecemento de pais, fillos e cónxuxe.

d) Dous días naturais no suposto de enfermidade grave de cónxuxe, fillos, netos, pais, pais políticos, irmáns, irmáns políticos, avós, avós políticos e falecemento de netos, pais políticos, irmáns, irmáns políticos, avós e avós políticos.

e) Un día natural no suposto de traslado de domicilio.

f) O tempo indispensable nos casos de asistencia a consulta médica de especialistas do Servicio Galego de Saúde (Sergas) cando, coincidindo o horario de consulta co de traballo, é prescrita a dita consulta polo facultativo de medicina xeral, debendo presenta-lo traballador na empresa, o volante xustificativo da referida prescrición médica. Nos demais casos ata o límite de 16 horas anuais.

g) As traballadoras por lactancia dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada habitual en media hora coa mesma finalidade.

h) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o disposto nela, en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

i) Un día natural en caso de casamento de fillos, irmáns, irmáns políticos.

No suposto da alínea c), se o traballador necesitase facer un desprazamento fóra da provincia e a unha localidade distante do seu domicilio máis de 100 quilómetros, concederánselle dous días natuais máis.

Artigo 10º.-Salarios.

Desde o 1 de xaneiro de 1996, os salarios base dos traballadores serán os que figuran na táboa anexa I do presente convenio e que se corresponden ós vixentes no ano 1995 incrementados nun 4%. Para o ano 1997, os salarios incrementaranse na mesma porcentaxe que o IPC previsto polo Goberno central da nación, máis 0,5; do incremento que resulte para o ano 1997, a empresa, con carácter obrigatorio, aplicará o incremento resultante reducido nun un por cento, e da dita porcentaxe restante (1%), a empresa reserva para si expresamente a súa aplicación obrigatoria, como de libre distribución, para os conceptos de aumentos de categoría profesional, complementos de producción, e outras melloras de carácter salarial. Da distribución efectuada do referido 1%, dará conta a dirección da empresa á comisión paritaria, unicamente para o efecto de comproba-lo cumprimento do pactado.

Operará a compensación e absorción cando os salarios realmente aboados no seu conxunto e cómputo anual sexan máis favorables para os traballadores

que os fixados na orde normativa ou táboa salarial de referencia.

No suposto de que o IPC real do ano 1996 supere o 4% estimado, a comisión paritaria do convenio reunirase tan pronto se constate a dita circunstancia para efectos de determina-lo punto de partida para o incremento salarial para o ano 1997; en defecto de acordo, aplicarase o establecido no parágrafo primeiro do presente artigo.

Sen prexuízo do anterior, o compromiso en materia salarial contido no presente convenio non será de aplicación cando a empresa acredite descensos, en termos reais, da facturación ou dos resultados dos dous últimos exercicios, correspondendo en tal suposto o mantemento retributivo anterior. As partes asinantes do presente convenio asumen expresamente que a presente disposición sexa aplicable cara á negociación do próximo convenio colectivo.

A documentación acreditativa fidedigna dos descensos será entregada pola empresa ós representantes legais dos traballadores, os cales, no prazo de dez días poderán, se ó seu dereito conviñer, emiti-lo correspondente informe sobre a suficiencia ou non da documentación entregada pola empresa. Se o informe emitido non fose favorable ou este non se emitise, as partes poderán acudir á comisión paritaria do convenio, a cal, en reunión para o efecto, intentará alcanzar un acordo sobre a cuestión suscitada, no prazo máximo de 10 días. No suposto de que a comisión paritaria non alcanzase o dito acordo, as partes poderán instar ante a xurisdicción social a reclamación pertinente para a solución do conflicto.

Artigo 11º.-Antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio non percibirá a partir da data aumentos periódicos polo concepto de antigüidade, tendo en conta que nas condicións globais pactadas, as partes negociadoras tiveron en conta a supresión de tal complemento.

Sen prexuízo do anterior, os traballadores que, á entrada en vigor do presente convenio viñesen percibindo cantidades polo concepto de antigüidade, continuarán na súa percepción a nivel anual, e distribuído en once mensualidades, quedando conxelado como concepto retributivo, e pasará a formar incrementando o complemento voluntario que se establece no artigo 12º do presente convenio colectivo.

Artigo 12º.-Primas e incentivos.

Os traballadores que na data de entrada en vigor do presente convenio presten os seus servicios para a empresa percibirán, ademais do salario base concepto de primas e incentivos, a seguinte percepción:

Co carácter de retribución compensable e absorbible, a empresa aboará a cada traballador en concepto de gratificación voluntaria as cantidades que se reflicten ó final deste artigo; as ditas cantidades serán aboadas en proporción ó tempo de traballo efectivo do traballador; para tal efecto, a falta de

asistencia ó traballo por enfermidade ou accidente, licencias ou permisos, entre outras causas, será causa bastante para que opere a reducción proporcional. A indicada retribución aboarase exclusivamente durante once mensualidades ó ano.

Peón : 6.000 pesetas.

Opeador con funcións de autocontrol: 6.000 pesetas

Especialista: 6.500 pesetas

Técnico de organización de 2ª e oficial 2ª: 7.000 pesetas

Técnico de organización de 1ª e encargado: 7.500 pesetas

As cantidades fixadas anteriormente poderán ser absorbidas pola empresa cando o traballador estivese xa percibindo outros complementos salariais, respectando, en todo caso, a cantidade superior que perciba.

Para o recoñecemento e aboamento do presente complemento, serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Que se produza un aumento da productividade na fabricación de depósitos, ben sexa polo aumento de depósitos fabricados anualmente ou pola reducción total das horas investidas na súa fabricación do 4%.

b) Que o índice xeral de absentismo no supere o 5%.

No prazo de 30 días contados a partir da sinatura do presente convenio, a comisión paritaria reunirase para fixa-los datos de referencia reais obtidos no exercicio de 1995.

A comisión paritaria, reunirase igualmente para determina-los criterios de aplicación das normas deste artigo.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio colectivo percibirá 2 gratificacións extraordinarias nos meses de xullo e decembro, na contía cada unha delas de 30 días de salario base, conforme a táboa anexa.

As gratificacións extraordinarias serán concedidas en proporción ó tempo traballado, rateándose cada unha delas por semestres naturais do ano en que se outorguen.

Artigo 14º.-Plus de traballos especiais.

Os postos de traballo que impliquen penosidade, toxicidade ou perigosidade darán dereito á correspondente bonificación. A determinación ou cualificación dun traballo como penoso, tóxico ou perigoso farase por acordo entre a empresa e os representantes legais dos traballadores, e, en caso de desacordo, formularase a correspondente reclamación ante a xurisdicción social.

A expresada bonificación fíxase en: 49 pesetas/hora.

A bonificación percibirase exclusivamente durante o tempo en que o traballador preste os seus servicios no posto de traballo considerado como penoso, tóxico ou perigoso.

Cando fose posible, poderase determinar anualmente para cada traballador o importe que percibirá do plus, distribuíndose o seu aboamento en 11 mensualidades.

Artigo 15º.-Saídas, axudas de custos e viaxes.

Tódolos traballadores que por necesidade da industria e por orde da dirección teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos que lle impidan realizar comidas ou pernoctar no seu lugar habitual ou domicilio, terán dereito ás seguintes axudas de custos:

-Axuda de custos completa: 3.263 pesetas/día

-Media axuda de custos: 1.424 pesetas/día

Se, como consecuencia do desprazamento, houbese que inicia-la viaxe antes de dar comezo á xornada laboral, ou se como consecuencia do regreso ó seu punto de partida, este se producise unha vez superada a hora oficial de terminación da xornada, o traballador percibirá o tempo de exceso de xornada como horas extraordinarias.

Cando o traballador, por necesidades da empresa e a requirimento desta e aceptación voluntaria daquel, tivese que se desprazar utilizando o seu propio vehículo, aboaráselle a cantidade de 27 pesetas por quilómetro.

Artigo 16º.-Plus de transporte.

O persoal afectado por este convenio percibirá, por día efectivamente traballado, polo plus de transporte ou gastos de locomoción a cantidade de 496 pesetas/día.

Artigo 17º.-Servicio militar e prestación social substitutoria.

O traballador que se incorpore a filas con carácter oficial-obrigatorio ou voluntario polo tempo mínimo de duración do servicio militar, terá reservado o seu posto de traballo durante o tempo que permaneza cumprindo o servicio militar e máis un mes.

Poderanse reintegrar ó traballo os licenciados do servicio militar con permiso temporal superior a un mes, sendo potestativo da empresa facelo cos que desfrutan permiso de duración inferior ó sinalado, sempre que en ámbolos casos medie a oportuna autorización da autoridade correspondente para poder traballar.

O traballador fixo que ocupe a vacante temporal dun compañeiro en servicio militar, ó regreso deste volverá ó seu antigo posto na empresa.

A non reincorporación do traballador fixo en servicio militar dentro do prazo de reserva do seu posto dará dereito á rescisión do seu contrato de traballo, sen que poida esixir ningunha compensación.

O disposto no presente artigo será igualmente aplicable no que proceda para o suposto de que o tra

ballador realizase en lugar do servicio militar a prestación social substitutoria conforme a normativa vixente en cada momento.

Artigo 18º.-Excedencias.

Os traballadores cunha antigüidade na empresa de polo menos un ano terán dereito a que se lles recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito, só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo, contado desde a data do nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia, que, se é o caso, porá fin ó que viñesen desfrutando. Cando o pai ou a nai traballe, só un deles poderá exercer este dereito.

Poderán, así mesmo, solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

No non previsto neste artigo rexerá o que establece o artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

A petición de excedencia será formulada por escrito e presentada á empresa cun mes de anticipación como mínimo á data en que se solicite comezala e a empresa dará recibo de tal presentación.

A concesión de excedencia por parte da empresa efectuarase tamén en comunicación escrita.

Artigo 19º.-Seguro colecivo.

A empresa deberá concertar seguro colectivo de accidente, con prima íntegra ó seu cargo, mediante póliza que cubra as seguintes continxencias e indemnizacións.

-Accidente laboral ou común con resultado de morte: 3.000.000 de pesetas

-Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente total, absoluta ou gran invalidez: 5.000.000 de pesetas.

O traballador estará obrigado a facilita-lo nome do beneficiario ou beneficiarios da póliza.

Para o persoal de nova incorporación, a empresa estará obrigada e incluílo na cobertura da póliza no prazo máximo dun mes contado desde a dita incorporación.

Artigo 20º.-Comisión paritaria e de vixilancia.

Créase a comisión paritaria do convenio, como órgano de interpretación, conciliación e vixilancia do seu cumprimento.

A comisión estará integrada polos seguintes membros:

Dous representantes da empresa: Manuel García Claro e Manuel Pestana Sanjurjo.

Dous representantes por parte dos traballadores: José Luis Camino Mosquera e Jaime Otero Quintas

Ademais das competencias xerais de interpretación, aplicación e seguimento do convenio, a comisión mixta paritaria poderá funcionar por instancia de parte como órgano de mediación de conflictos derivados da aplicación do presente convenio.

A comisión paritaria reunirase con carácter ordinario a primeira quincena de cada trimestre a partir da sinatura do convenio e con carácter extraordinario a petición de calquera das partes, logo de convocatoria nun prazo máximo de 72 horas.

Para efectos de notificacións sinálase como domicilio da comisión paritaria o domicilio social da empresa en Zamáns-Vincios.

Artigo 22º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente regulado neste convenio aplicarase o previsto no Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais vixentes ou que se poidan promulgar durante a súa vixencia.

Artigo 23º.-Disposición adicional.

As partes asinantes do presente convenio foron:

Pola representación empresarial: (seguen rúbricas).

Pola reprentación dos traballadores: (seguen rúbricas).

Por parte da mesa negociadora: (seguen rúbricas).

TABOA SALARIAL DE REFERENCIA PARA 1996

Categoría-grupo profesionalSalario 96

Técnicos titulados
Enxeñeiros e licenciados187.662
Perito con responsabilidade169.446
Enxeñeiros e técnicos industriais161.405
Graduados sociais126.704
Mestres industriais124.628
Practicantes105.513

Técnicos de taller
Xefe de taller137.039
Mestre de taller122.612
Contramestre122.612
Encargado111.907
Capataz de especialistas95.422
Capataz de peóns ordinarios91.489

Técnicos de laboratorio
Xefe de 1ª143.175
Xefe de 2ª122.612
Analista de 1ª111.907
Analista de 2ª92.206
Auxiliar87.327

Técnicos de oficina
Delineante proxectista129.041
Delineante de 1ª106.723
Delineante de 2ª97.461
Auxiliar87.327

Organización científica do traballo
Xefe de 1ª136.506
Xefe de 2ª126.788

Categoría-grupo profesional Salario 96

Técnico de organización de 1ª110.012
Técnico de organización de 2ª98.244
Auxiliar87.327

Administrativos
Xefe de 1ª137.065
Xefe de 2ª126.788
Oficial de 1ª110.019
Oficial de 2ª98.244
Viaxante110.009
Auxiliar87.327

Persoal subalterno
Chofer de camión96.170
Chofer de turismo94.094
Chofer de motociclo87.865
Listeiro93.034
Almaceneiro89.932
Pesador de báscula87.865
Vixilante85.789
Porteiro e ordenanza83.721

Operarios de taller
Oficial de 1ª103.256
Oficial de 2ª98.896
Oficial de 3ª94.512
Especialista91.792
Operador con funcións de autocontrol89.559
Peón87.327

1555