Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 21 de marzo de 1996 Páx. 2.619

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 12 de febreiro de 1996 de subvencións para as actividades e proxectos declarados de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

A Consellería de Cultura regulou, polo Decreto 245/1994, do 23 de xuño, o procedemento para que determinadas actividades e proxectos obteñan a declaración de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

O artigo 5 do dito decreto establece que anualmente se convocarán subvencións para as ditas actividades e proxectos. Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante subvencións a fondo perdido, aquelas actividades e proxectos declarados de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 2º.-Partida orzamentaria.

O libramento da contía da subvención farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.121A.471.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións os titulares das actividades e proxectos declarados de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

Articulo 4º.-Beneficios.

As actividades e proxectos declarados de interese poderán ser subvencionados ata o esgotamento do crédito orzamentario previsto para o efecto.

A subvención farase efectiva unha vez realizada a actividade ou proxecto previsto, logo de entrega da seguinte documentación:

a) Dossier acreditativo da realización. Será condición indispensable para percibi-la subvención presenta-lo dossier antes do 31 de outubro de 1996.

b) Factura.

c) Certificación bancaria orixinal acreditativa de que a conta sinalada para o pagamento, está a nome do beneficiario.

Artigo 5º.-Solicitude de beneficios.

As solicitudes das subvencións obxecto da presente disposición presentaranse no rexistro da Consellería de Cultura, mediante instancia dirixida á Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago.

A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Número de inscrición no Rexistro de Actividades e Proxectos de Interese para a Promoción do Camiño de Santiago.

b) Orzamento das actividades.

c) Certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

d) Certificado de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

e) Fotocopia da tarxeta do CIF ou, se é o caso, do NIF.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención presentarase no prazo de trinta días desde a publicación desta orde no DOG.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

A comisión de valoración será a establecida na Orde do 7 de marzo de 1995 (DOG nº 63, do 30 de marzo), pola que se nomea a comisión de valoración das actividades e proxectos que obteñan a declaración de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 8º.-Aprobación.

A comisión valorará as solicitudes presentadas e elevará, no prazo de quince días, a súa proposta motivada ó conselleiro, que resolverá a convocatoria.

Artigo 9º.-Resolución.

No prazo de quince días desde a data da elevación da proposta, o conselleiro de Cultura resolverá a convocatoria. A resolución notificaráselles ós interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Denegación da subvención.

A denegación da subvención será expresa e motivada e o interesado poderá interpoñer contra esa resolución o pertinente recurso.

Artigo 11º.-Recoñecemento e pagamento das subvencións.

As propostas de pagamento formularanse segundo a normativa vixente de aplicación, especialmente a Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Artigo 12º.-Realización das actividades.

As actividades e proxectos subvencionados levaranse a cabo de conformidade co proxecto presentado e na súa realización deberá deixarse constancia de que se trata de actividades ou proxectos de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 13º.-Seguemento e modificacións.

A Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago velará para que as actividades e proxectos obxeto da subvención se realicen de conformidade co disposto no artigo anterior, podendo toma-las medidas que considere oportunas ó respecto.

As modificacións deberán ser autorizadas polo conselleiro de Cultura, unha vez que a comisión encargada da valoración das solicitudes, informe favorablemente as ditas modificacións.

Artigo 14º.-Sancións.

A non realización ou a realización parcial das actividades subvencionadas poderá comporta-la anulación total ou parcial da axuda outorgada, e a obriga de reintegra-las cantidades percibidas en concepto de subvención e os correspondentes xuros legais, sen prexuízo das demais responsabilidades nas que se incorra.

Disposición derradeira

A presente orden entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

1728