Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 21 de marzo de 1996 Páx. 2.622

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 13 de febreiro de 1996 pola que se convoca a VIII edición del premio periodístico Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.

Co motivo da subida anual conmemorativa do río Ulla e co fin de fomenta-lo coñecemento dos trascendentais feitos histórico-xacobeos que entrañan a traslación apostólica, desde Jaffa, en Palestina, a Iria Flavia, faise necesaria a programación duhna serie de actividades de índole cultural.

O comité organizador da ruta marítimo-fluvial de 1996 está integrado polos Alcaldes dos concellos de Rianxo, Dodro, Padrón, Teo, Valga, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Ribeira, Sanxenxo e Meaño.

Por iso, a Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Promoción do Camiño, creada polo Decreto 291/93, do 11 de decembro, e en uso das competencias conferidas polo Decreto 49/1994, do 4 de febreiro, de estructura orgánica da Consellería de Cultura, convoca, xunto co comité organizador da ruta marítimo-fluvial de 1996, a VIII edición do premio periodístico Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla. A tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura convoca a VIII edición do premio periodístico Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, de acordo coas bases que figuran no anexo da presente orde.

Artigo 2º

O xurado que resolverá o premio terá a seguinte composición:

Presidente: o do comité organizador da ruta marítimo fluvial de 1996.

Vicepresidente: un representante da Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, da Consellería de Cultura.

Vocais: os alcaldes da ruta ou persoa en quen deleguen.

Secretario: o alcalde do concello ó que corresponda este ano a organización.

Artigo 3º

O libramento da contía deste premio farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.121A.640.0 dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral de Promoción do Camiño de Santiago para que dicte as disposicións oportunas cara ó adecuado desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

ANEXO

Bases que rexen a convocatoria da VIII edición do premio periodístico Ruta Xacobea do mar de Arousa e Ulla

Primeira.-Esta edición comprende as seguintes modalidades:

-Premio xornalístico, para o mellor artigo xornalístico en prensa, radio ou televisión, publicado ou emitido entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño do presente ano.

A temática gardará relación cos diversos aspectos e vertentes que contén a ruta, a xuízo do autor, valorándose a información gráfica que acompañe ós textos.

-Premio de creación, para o mellor traballo literario, en verso ou en prosa, que non superen os cen versos ou os tres folios, respectivamente, inéditos ou publicados no prazo sinalado no parágrafo anterior, nos que se exalten aspectos ou matices da ruta do mar de Arousa e Ulla.

Segunda.-Poderán optar a este premio tódolos autores de obras que reúnan os requisitos esixidos por cada unha das modalidades.

Terceira.-As obras poderán estar escritas en galego normativizado ou en castelán.

Cuarta.-Os concursantes na modalidade ó premio xornalístico, presentarán cinco fotocopias do artigo xornalístico publicado ou radiado, logo de certificación, neste último caso, da emisora ou cadea televisiva na que se faga constar que foi emitido dentro do prazo previsto.

Os participantes na modalidade de creación enviarán cinco exemplares, cunha extensión máxima de tres folios a dobre espacio e por unha soa cara, do traballo literario creado. Estes traballos remitiranse, cun lema ou seudónimo, sen asinar, e nun mesmo sobre, cunha plica pechada que levará dentro o nome, teléfono e enderezo do autor ou autores, xunto cunha copia do seu DNI.

No exterior da plica indicaranse os títulos das obras.

Quinta.-Os traballos enviaranse antes das catorce horas do 15 de xullo de 1996, ó concurso xornalístico da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago. Consellería de Cultura. Edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela.

Sexta.-Concederanse un premio de cincocentas mil (500.000) pesetas, para a primeira modalidade e outro de cen mil (100.000) pesetas para a segunda.

Sétima.-O premio poderá ser outorgado de forma compartida ou declararse deserto. Da mesma forma, sempre segundo xuízo do xurado, poderán concederse ata un máximo de tres mencións honoríficas.

Oitava.-Tódalas decisións do xurado serán inapelables, reservándose ó comité o dereito de publicación dos traballos premiados.

Novena.-A decisión do xurado farase pública nun acto institucional que terá lugar no concello ó que corresponda este ano a organización. O premiado, ou a persoa que designe, recibirá un diploma e o importe do premio, que lle será aboado mediante talón nominativo.

Décima.-Os traballos presentados poderán ser retirados nas dependencias da Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Décimo primera.-A participación no presente concurso implica a aceptación das súas bases.

A organización resolverá calquera dúbida que poida xurdir nos aspectos non consideradas especificamente polas bases, sen que, en ningún caso, poida haber contradicción co disposto nelas.

1726