Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 21 de marzo de 1996 Páx. 2.623

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 14 de febreiro de 1996 pola que se convoca o V concurso Pelegrín de composición de panxoliñas ou cantos de Nadal.

O fenómeno xacobeo constitúe un acto de singular transcendencia no acervo histórico cultural galego.

Co fin de promocionalo e dar a coñecela nosa herdanza folclórica, faise preciso elaborar un programa de actividades culturais que poñan especial énfases na continuidade das tradicións desta terra, mediante a convocatoria de premios, concursos e mostras.

Por todo isto, a Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Promoción do Camiño, creada polo Decreto 291/1993 ,de 11 de decembro, e no uso das competencias conferidas polo Decreto 49/1994, de 4 de febreiro, de estructura orgánica da Consellería de Cultura, convoca o V concurso Pelegrín de composicións de panxoliñas ou cantos de Nadal. Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultural convoca o V concurso Pelegrín de composición de panxoliñas ou cantos de Nadal dacordo coas bases que figuran no anexo da presente orde.

Artigo 2º

O xurado que resolverá o premio terá a seguinte composición:

Presidente: o director xeral de Promoción do Camiño de Santiago, ou persoa en quen delegue.

Vocais: tres persoas de recoñecido prestixio na materia, nomeadas polo conselleiro de Cultura.

Secretario: un representante da Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 3º

O libramento da contía deste premio farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.121A.640.0 dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral de Promoción do Camiño de Santiago para que dicte as disposicións oportunas para o adecuado desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

ANEXO

Bases que rexen a convocatoria do V concurso Pelegrín de composición de panxoliñas ou cantos de Nadal

Primeira.-Poderán optar a este premio tódolos compositores de panxoliñas ou cantos de Nadal inéditos en letra e música, que versen ou garden relación co fenómeno xacobeo.

Segunda.-As composicións terán que cumpri-los seguintes requisitos:

a) Ser de creación propia e inéditas en letra e música.

b) Estar escritas en galego.

c) Estar adaptadas a coral.

d) Ter unha duración mínima de tres minutos e máxima de cinco.

Terceira.-O autor enviará a partitura do canto, antes do 30 de setembro de 1996, á Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, edificios administrativos San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela.

Cuarto.-Cada compositor poderá presenta-lo nº de obras que desee. As partituras deberán ser claras, lexibles, sen equívocos nin riscaduras, escritas con tinta negra e coas páxinas numeradas.

Quinta.-As composicións deberán presentarse por triplicado e incluirán ademais, un orixinal das partituras dos diferentes instrumentos e da parte do coro.

Presentaranse nun sobre pechado e cun lema. Noutro sobre pechado incluirase o nome do autor, enderezo, teléfono, copia do DNI, breve currículum vitae e título da obra. Este sobre só se abrirá no caso de que a obra resulte premiada. Os participantes

que presenten varias obras, terán que facelo en sobres separados e con lemas distintos.

Sexta.-Concederanse os seguintes premios:

-Un primeiro premio de 330.000 (trescentas trinta mil) pesetas e trofeo.

-Un segundo premio de 200.000 (duascentas mil) pesetas e placa conmemorativa.

-Un terceiro premio de 135.000 (cento trinta e cinco mil) pesetas e placa conmemorativa.

Sétima.-O premio poderá ser outorgado de forma compartida a dous composicións ou declararse deserto. Do mesmo modo, sempre a xuízo do xurado, poderán concederse ata un máximo de tres mencións honoríficas.

Oitava.-Nun acto que se celebrará nunha localidade dos camiños de Santiago, na segunda quincena de decembro do presente ano, lerase a decisión do xurado e procederase á entrega de premios. Neste acto interpretaranse as obras premiadas nas anteriores edicións.

Novena.-As obras premiadas pasarán a ser propiedade da Consellería de Cultura, quen poderá publicalas e utilizalas dentro dos seus plans de actuación cultural.

Décima.-A participación no presente concurso implica a aceptación das súas bases.

A organización resolverá calquera dúbida que poida xurdir nos aspectos non considerados especificamente nas bases, sen que, en ningún caso, poida haber contradicción co disposto nelas.

9601727