Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 21 de marzo de 1996 Páx. 2.624

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 14 de febreiro de 1996 pola que se convoca a V Mostra Xacobea de Panxoliñas.

As panxoliñas ou cantos galegos de Nadal, forman parte dun fenómeno de creación popular que superou os límites xeográficos e lingüísticos de Galicia. Debido a esta importancia histórica e institucional, mediante o seu estudio e investigación, así como da súa divulgación a fin de achegar esta tradición ó público en xeral.

Por todo isto, a Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, creada polo decreto 291/1993, do 11 de decembro, e no uso das competencias conferidas polo Decreto 49/1994, do 4 de febreiro, de estructura orgánica da Consellería de Cultura, convoca a V Mostra Xacobea de Panxoliñas. Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura convoca a V Mostra Xacobea de Panxoliñas de acordo coas bases que figuran no anexo da presente orde.

Artigo 2º

O libramento dos gastos orixinados por esta mostra farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.121A.640.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral de Promoción do Camiño de Santiago para que dicte as disposicións oportunas para o adecuado desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

ANEXO

BASES QUE REXEN A CONVOCATORIA DA V MOSTRA XACOBEA DE PANXOLIÑAS

Primeira.-Poderán participar nesta mostra tódalas corais que interpreten panxoliñas ou cantos galegos de Nadal, que versen ou garden relación co fenómeno xacobeo.

Segunda.-As corais que desexen participar enviarán as súas solicitudes, antes do 30 de setembro de 1996, á Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela.

Xunto coas solicitudes remitirán tamén unha casete caseira gravada, de duración non superior ós 45 minutos, cunha mostra do seu repertorio e unha relación das pezas que van interpretar, das que a metade polo menos debe ser en galego.

Terceira.-Das solicitudes recibidas seleccionaranse ata un máximo de 16 corais.

A selección efectuaraa de acordo coa calidade da coral, un xurado oportunamente designado pola Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago.

Cuarta.-Cada coral seleccionada actuará, no mes de decembro, nunha localidade dos camiños de Santiago que determine a Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago. O lugar da actuación comunicaráselle, antes do 10 de decembro, a cada unha das corais seleccionadas.

Quinta.-Cada concerto contará coa actuación de dúas corais, que recibirán a cantidade de 125.000 (cento vintecinco mil) pesetas, impostos engadidos, por coral e concerto, que lles será aboada mediante talón nominativo ó final da mostra.

No caso de que algunha das corais seleccionadas actúe na súa propia localidade, responsabilizarase da organización do concerto, sen que isto supoña, en ningún caso, incremento da cantidade que vaia percibir.

Sexta.-As corais poderán retira-las súas casetes nas dependencias da Dirección Xeral de Promoción

do Camiño de Santiago da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Sétima.-A Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago resolverá calquera dúbida que poida xurdir nos aspectos non incluídos especificamente nas bases, sen que, en ningún caso, poida haber contradicción co disposto nelas.

9602028