Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 20 de marzo de 1996 Páx. 2.572

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 1996 pola que se convoca unha xornada de estudio sobre garantías constitucionais do contribuínte: a experiencia europea.

1.-Obxecto.

Organizada pola EGAP, o día 12 de abril de 1996 terá lugar, no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública, unha xornada de estudio sobre «Garantías constitucionais do contribuínte. A experiencia europea».

2.- Obxectivos.

Os ordenamentos da Unión Europea vanse dotando, en materia tributaria, dun conxunto de medidas que protexen -tomando este termo nun sentido lato- o contribuínte fronte ó «fisco» nas variadas e múltiples esixencias que este pode legalmente esixir para realiza-lo seu crédito tributario. Mirando pola outra cara, que garantan -tomando agora o termo nun sentido máis técnico-xurídico- a posición do contribuínte no cumprimento das súas obrigas tributarias.

A vía máis frecuente que o ordenamento xurídico lle brinda ó contribuínte para a protección dos seus dereitos é a propia legalidade dos seus códigos e leis xerais tributarias na aplicación das potestades administrativas ás ordes de liquidación, inspección, comprobación, recadación e sancións. É dicir, situación circunscrita, dentro da relación xurídico-tributaria ó aspecto formal da mesma, ó procedemento de xestión. Ante as quebras, as discrepancias, neste procedemento, o contribuínte pode acudir por vía de reclamacións ou recursos ante a propia Administración, ou, por último, ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Sen embargo, existe outro momento, non o da aplicación da norma, senón o da creación dela no que é necesario saber se existe unha protección do contribuínte porque o lexislador ten en conta a recepción que a Constitución fai dos principios tributarios, especialmente o da xustiza en materia tributaria como garantía de quen ex lege ten que pagar un tributo. Á xusrisdicción constitucional corresponderalle contratar se o fenómeno impositivo viola o contido esencial dese dereito constitucional que nos atrevemos a cualificar anticipadamente de fundamental.

Esta xornada sobre «Garantías constitucionais do contribuínte» proponse precisamente analizar esta rica, variada problemática xurídico-constitucional. Saber ata qué punto se produciu penetración da Constitución no dereito tributario, cal é o encadramento constitucional dos impostos, o alcance e contido da tutela material do contribuínte na aplicación das normas tributarias pola Constitución, e, como non, os efectos dos principios de imposición. Todo isto, sen esquece-la abundante e valiosa achega

xurisprudencial que nestes últimos anos elaboraron os tribunais constitucionais da Unión Europea.

Esta xornada pretende ser unha mostra intensa, ó tempo que breve, dunhas cuestións que conviven co home de tódolos días e están orientadas pensadas cara ó cidadán fiscal europeo do mañá.

3. Contido.

-A influencia da Constitución alemana na súa lexislación tributaria.

-A penetración da Constitución no dereito tributario.

-O encadramento constitucional do dereito dos impostos en Portugal: a xurisprudencia do Tribunal Constitucional.

-Tutela do contribuínte e constitución material na aplicación da norma tributaria.

-Xurispruedencia constitucional e principios da imposición.

4. Destinatarios.

Persoal ó servicio de calquera das administracións públicas galegas, e interesados en xeral.

5. Desenvolvemento e duración.

A xornada abrirase o venres, día 12 de abril, ás 9 horas, e rematará, ás 18.30 h. dese mesmo día.

6. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 9 de abril de 1996.

-Lugar de presentación: No rexistro xeral da EGAP (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15703, Santiago de Compostela). Tfno. 57 08 00. Telefax nº 57 15 40.

-Forma: as solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que figura ó final destas bases. Serán rexeitadas todas aquelas peticións que non reúnan o dito requisito.

As peticións de admisión poderanse enviar por correo ordinario ou por telefax ó número consignado.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán de quedaren prazas baldeiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

A partir do 10 de abril, os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono en días laborables, de 11.30 a 14.45 horas, ó seguinte número: (981) 57 08 00 (Ext. 229), ou ben consultando a lista de admitidos que se expoñerá no taboleiro de anuncios da EGAP 24 horas despois do remate do prazo de presentación de solicitudes.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles ó remate desta xornada a aqueles asistentes que concorresen asiduamente á mesma, e expresarase neste documento a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 1996

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

1764