Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 20 de marzo de 1996 Páx. 2.561

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 29 de febreiro de 1996 pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, atribúelle á Administración autonómica competencia para a regulamentación dos centros e servicios, públicos ou privados, con ou sen ánimo de lucro, que presten servicios sociais, establecendo as condicións para a súa apertura e funcionamento, modificación, capacitación do seu persoal e peche.

No exercicio desta competencia, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e no que se establecen os requisitos xerais que deben cumpri-los ditos centros para a súa creación, apertura e posta en funcionamento, remitindo a unha normativa de desenvolvemento a fixación das condicións e requisitos específicos que cada centro debe cumprir de acordo coa tipoloxía de que se trate e a área de actuación á que se dirixa.

A presente orde ten por obxecto determina-los requisitos específicos esixibles ós centros de menores e os dedicados á atención á infancia, co fin de garanti-la calidade na prestación dos seus servicios e unha asistencia axeitada ás necesidades e características dos seus usuarios.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o desenvolvemento do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, que regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais, no relativo ós requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e de atención á infancia, así como ás prestacións mínimas que debenlles ofertar ós usuarios para poderen ser autorizados para o seu funcionamento.

Artigo 2º.-Disposición xeral.

Tódolos centros de menores e de atención á infancia deberán cumpri-los requisitos xerais establecidos no artigo 7 do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, así como os específicos que, de acordo coa súa tipoloxía, se establecen no anexo I desta orde.

Artigo 3º.-Centros de menores.

Son centros de menores aqueles equipamentos destinados á atención de menores de idade de ámbolos dous sexos en situación de risco ou desamparo, nos que se desenvolven con regularidade programas e actividades dirixidos a este sector da poboación.

Estes centros poden ser de carácter residencial ou diurno.

Son centros residenciais de atención a menores aqueles destinados a acoller transitoriamente en situacións de urxencia a menores de idade privados do seu domicilio, así como aqueloutros que serven de soporte convivencial para unha atención especializada a menores en situación de risco ou desamparo, ofrecendo aloxamento, mantenza, apoio educativo e asistencia integral.

Os centros de carácter diurno proporciónanlles ós menores diversas atencións durante o día prestando servicios complementarios de soporte e apoio ás

familias e contribuíndo a palia-las súas carencias e a mellora-lo seu proceso de normalización socio-familiar.

Artigo 4º.-Centros de atención á infancia.

Son centros de atención á infancia todos aqueles equipamentos que, baixo diferentes denominacións, organizan o coidado dos nenos e nenas no seo dun grupo co fin de contribuír ó seu benestar e ó seu proceso evolutivo.

Artigo 5º.-Das autorizacións e permisos.

1. Para a obtención das autorizacións administrativas para a creación, construcción ou modificación substancial dos centros regulados na presente orde, así como os correspondentes permisos de inicio e cesamento de actividades neles, o titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro presentará unha solicitude normalizada segundo os respectivos modelos establecidos nos anexos II, III e IV da presente orde.

2. As solicitudes tramitaranse conforme ós procedementos establecidos nos artigos 13 e seguintes do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, e dirixiranse á Secretaría Xeral da consellería, que tramitará e resolverá os expedientes, todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Para os efectos de emiti-los informes a que se fain referencia nos artigos 17 e 22 do Decreto 243/1995, os órganos competentes poderán solicitar doutras unidades administrativas informes técnicos específicos da súa competencia.

Disposición adicional

Os libros de rexistro de usuarios e de reclamacións, regulados nos apartados c) e d) do artigo 7.1.2 do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, estarán constituídos por follas encadernadas e numeradas.

No libro de rexistro de usuarios deberán consta-los seguintes datos: nome e apelidos, data de alta, incidencias, data de baixa e causa.

O libro de reclamacións será dilixenciado pola Secretaría Xeral unha vez concedido o permiso de actividades do centro, e nas súas follas deberán figura-los apartados necesarios para identifica-la persoa que realiza a reclamación, o centro afectado por ela, a data e o obxecto da reclamación.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. Os centros regulados na presente orde que estean en funcionamento deberán adecuarse ós requisitos esixidos no anexo I nos termos e condicións establecidas na disposición transitoria segunda do Decreto 243/1995, do 28 de xullo.

Segunda.

O persoal dos centros en funcionamento á entrada en vigor desta orde, e que, de acordo coa norma,

poidan ser cualificados como centros de atención á primeira infancia, poderán seguir desempeñando as funcións propias do seu posto no mesmo centro, aínda que non reúnan os requisitos de titulación establecidos no anexo I, sempre que:

-Estean en posesión da titulación de mestre, diplomado en EXB, ou mestre de primeira ensinanza, sen a especialidade correspondente, ou ben posúan unha titulación de igual ou superior rango e teñan unha experiencia neste posto de alomenos 5 anos.

-O persoal non comprendido no parágrafo anterior disporá de 5 anos para acada-la titulación requirida no anexo I.

Terceira.

Os centros residenciais de menores que estean en funcionamento á entrada en vigor desta orde disporán dun prazo de cinco anos para cumpri-lo requisito de titulación esixido para o director ou responsable do centro.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, os directores de centros residenciais de menores que posúan unha titulación distinta pero de igual ou superior rango á esixida, e á entrada en vigor desta orde tivesen unha experiencia nese posto de alomenos 5 anos, quedarán habilitados para seguir realizando as ditas funcións no mesmo centro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO I

I. CENTROS DE MENORES.

1. Centros residenciais.

Os centros residenciais de menores clasifícanse nas seguintes tipoloxías: casas de acollida, casas de familia, minirresidencias, residencias, centros, centros de reeducación e vivendas tuteladas.

Así mesmo, en función da idade dos nenos e nenas atendidos, poderán clasificarse en:

-Infantil: cando atende preferentemente a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

-Xuvenil: cando a atención se dirixe principalmente a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos.

-Infanto-xuvenil: cando o centro atende preferentemente a nenos e nenas de case tódalas idades (entre 3 e 18 anos).

Son características comúns a tódolos centros residenciais de menores:

a) Usuarios.

Estes centros dirixen a súa atención a menores de idade en situación de risco ou desamparo.

Con carácter xeral atenden a menores de ámbolos dous sexos, se ben poderá haber centros especializados na atención de nenos ou nenas.

b) Situación.

Os centros de menores situaranse en núcleos poboacionais ou en lugares de fácil acceso, e cunha rede de transportes públicos adecuados, e próximos a equipamentos sanitarios, educativos e de servicios comunitarios.

c) Prestacións.

Tódolos centros deberán proporcionar unha atención integral, ofertando, alomenos, as seguintes prestacións: aloxamento e mantenza, apoio psicosocial e educativo, seguimento escolar e promoción da saúde.

d) Requisitos materiais.

-Os espacios destinados a dormitorios serán específicos para tal fin e non poderán ser paso obrigado a outras dependencias. Terán unha capacidade máxima de 4 prazas e unha superficie mínima de 6 m máis 2 m por praza, debendo dispor de ventilación e luz natural. Cada dormitorio terá espacios individualizados para garda-las pertenzas persoais.

-Contarán cunha zona de estar, diferenciada da zona de aloxamento, cunha superficie mínima de 2 m por menor.

-Disporán de cociña, servicio de lavandería e botica de urxencia para primeiros auxilios.

-Posuirán espacios con condicións adecuadas para o estudio, ben nos mesmos dormitorios ou nunha sala específica para este fin.

1.1. Casas de acollida.

Son establecementos de carácter residencial non permanente, destinados a acoller en situacións de urxencia a menores de ámbolos dous sexos nos casos en que se vexan privados do seu domicilio debido a situacións extremas causadas por problemas familiares, malos tratos, abandono e outros supostos análogos.

Requisitos materiais.

Ademais dos requisitos materiais comúns a tódolos centros residenciais, deberán reuni-los seguintes requisitos específicos:

-A capacidade máxima destes equipamentos será de 15 prazas, debendo contar cunha superficie mínima de 15 m por praza.

-O comedor contará cunha superficie mínima de 1,5 m por menor.

-Deberán dispor dun despacho de dirección/administración e outro para o equipo técnico/educativo.

-Contarán, como mínimo, con dous baños completos e ademais unha ducha por cada 5 prazas.

Requisitos de persoal.

-O director do centro deberá ter unha titulación mínima de grao medio en áreas psicolóxica, pedagóxica ou socio-educativa.

-A ratio de persoal será tal que permita a presencia de 1 educador no horario nocturno e alomenos un educador cada 8 menores nas quendas de día.

-Disporán dun equipo técnico formado alomenos por psicólogo e asistente social.

Prestacións.

Ademais das prestacións comúns a tódolos equipamentos realizarán un estudio multidisciplinar dos menores que comprenda observación, diagnóstico e orientación.

1.2. Casas de familia.

Son equipamentos residenciais destinados a menores, cunhas dimensións reducidas e instalados en vivendas normalizadas sen distinción das do seu contorno, e cunha capacidade máxima de 8 prazas para a atención de menores de ámbolos dous sexos. Están atendidas por educadores especializados e nelas procúrase un tipo de convivencia análoga á dunha familia natural.

Requisitos materiais.

Ademais dos requisitos materiais comúns a tódolos centros residenciais, deberán reuni-los seguintes requisitos específicos:

-A capacidade máxima destes equipamentos será de 8 prazas, cunha superficie mínima de 14 m por praza e unha superficie útil mínima de 112 m.

-Disporán como mínimo dun baño completo e un aseo con ducha, inodoro e lavabo.

Requisitos de persoal.

-O director ou responsable da casa de familia deberá ter unha titulación mínima de grao medio en áreas psicolóxica, pedagóxica ou socio-educativa.

-A ratio de persoal será tal que permita a presencia de, alomenos, 1 educador en tódalas quendas. Se a casa de familia fose exclusivamente infantil (0-3 anos) o mínimo será de 2 educadores/coidadores de presencia en tódalas quendas.

Prestacións.

Ademais das prestacións comúns a tódolos centros residenciais ofertarán tamén: animación planificada do tempo libre, formación nas habilidades sociais básicas e colaboración no apoio e orientación ás familias dos menores.

1.3. Minirresidencias.

Son minirresidencias de menores os equipamentos residenciais de dimensións reducidas, instalados en vivendas normalizadas, cunha capacidade máxima de 15 prazas para a atención de menores de ámbolos dous sexos, e que están ó coidado dun equipo de educadores especializados.

Requisitos materiais.

Ademais dos requisitos materiais comúns a tódolos centros residenciais, deberán reuni-los seguintes requisitos específicos:

-A capacidade máxima destes equipamentos será de 15 prazas, debendo contar cunha superficie míni

ma de 15 m por praza e cunha superficie útil mínima de 150 m.

-O comedor terá unha superficie mínima de 1,5 m por menor.

-Deberán dispor, como mínimo, de dous baños completos e ademais unha ducha por cada 5 prazas.

Requisitos de persoal.

-O director deberá ter unha titulación mínima de grao medio en áreas psicolóxica, pedagóxica ou socio-educativa.

-A ratio de persoal será tal que permita a presencia de 1 educador na minirresidencia e alomenos 1 por cada 8 menores nas horas do día en que estes estean no centro.

Se a minirresidencia fose exclusivamente infantil (0-3 anos) a ratio mínima será de 2 educadores/coidadores en quenda de noite e 1 educador/coidador por cada 4 menores nas quendas de día.

Prestacións.

Ademais das prestacións comúns a tódolos centros residenciais ofertarán tamén: animación planificada do tempo libre, formación nas habilidades sociais básicas e colaboración no apoio e orientación ás familias dos menores.

1.4. Residencias.

Son residencias de menores os establecementos de carácter asistencial e educativo destinados á atención de menores de ámbolos dous sexos, cunha capacidade de entre 15 e 25 prazas e que contan cun equipo de educadores especializados.

Requisitos materiais.

Ademais dos requisitos materiais comúns a tódolos centros residenciais, deberán reuni-los seguintes requisitos específicos:

-A capacidade máxima destes equipamentos será de 25 prazas, debendo contar cunha superficie mínima de 15 m por praza e unha superficie útil mínima de 300 m.

-Contarán cun despacho de dirección/administración e outro para o equipo educativo, ademais dunha sala de reunións.

-Posuirán unha sala de estudio con capacidade para, alomenos, a metade dos menores, agás que os dormitorios dispoñan de espacios e condicións axeitados para estas tarefas.

-O comedor terá unha superficie mínima de 1,5 m por menor.

-Deberán dispor como mínimo de 2 baños completos e ademais unha ducha por cada 5 prazas.

Requisitos de persoal.

-O director deberá ter unha titulación mínima de grao medio en áreas psicolóxica, pedagóxica ou socio-educativa.

-A ratio de persoal será tal que permita a presencia de 1 educador na residencia e alomenos 1 educador cada 8 menores nas horas do día en que estes permanezan nos centros.

Prestacións.

Ademais das prestacións comúns a tódolos centros residenciais ofertarán tamén: animación planificada do tempo libre, formación nas habilidades sociais básicas e colaboración no apoio e orientación ás familias dos menores.

1.5. Centros.

Son centros de menores os equipamentos residenciais de carácter educativo e asistencial destinados á atención de menores de ámbolos dous sexos e distintas idades e que teñen unha capacidade máxima de 40 prazas distribuídas en unidades de convivencia de dimensións reducidas (10 prazas) con espacios e ritmos de vida autónomos dentro da organización xeral. A atención dos menores estará a cargo dun equipo de educadores especializados.

Requisitos materiais.

Ademais dos requisitos materiais comúns a tódolos centros residenciais, deberán reuni-los seguintes requisitos específicos:

-A capacidade máxima destes equipamentos será de 40 prazas divididas en unidades de convivencia de 10 prazas cada unha como máximo, cunha superficie mínima de 15 m por praza e unha superficie útil mínima de 500 m.

-Contarán cun despacho de dirección/administración, un despacho do equipo educativo e unha sala de reunións.

-Cada unidade de convivencia deberá dispor de zona de estar; de, como mínimo, un baño completo e un aseo con ducha, inodoro e lavabo; de espacios acondicionados para o estudio nos mesmos dormitorios ou nunha sala específica para este fin; e de cociña e comedor.

Requisitos de persoal.

-O director do centro terá unha titulación mínima de grao medio en áreas psicolóxica, pedagóxica ou socio-educativa.

-A ratio de persoal será tal que permita a presencia de 1 educador no centro e alomenos 1 educador en cada unidade de convivencia nas horas do día en que os menores permanezan no centro.

Prestacións.

Ademais das prestacións comúns a tódolos centros residenciais ofertarán tamén: animación planificada do tempo libre, formación nas habilidades sociais básicas e colaboración no apoio e orientación ás familias dos menores.

1.6. Centros de reeducación.

Son centros de reeducación de menores os equipamentos residenciais de carácter educativo destinados a menores de ámbolos dous sexos e de máis

de doce anos que presentan problemáticas conductuais ou están sometidos a medidas xudiciais de internamento e requiren dun apoio especializado.

O réxime de atención destes centros pode ser:

1. Réxime aberto: a atención en réxime aberto supón a obriga do menor de residir no centro, participando na vida cotiá del e realizando as actividades escolares ou laborais fóra del. Os menores e xoves en réxime aberto poderán ademais saír tódolos fins de semana e períodos vacacionais en que sexa posible.

2. Réxime semiaberto: a atención en réxime semiaberto supón a obriga do menor ou xove de residir no centro, participando na vida cotiá del e realizando as actividades escolares ou prelaborais xeralmente dentro del, agás nos casos en que se considere que a súa realización fóra do centro non prexudica a aplicación da medida.

Os menores en réxime semiaberto poderán desfrutar de permisos de fins de semana e vacacións, agás as limitacións que se poidan establecer por resolución xudicial ou decisión do equipo educativo do centro en aplicación do regulamento de réxime interno.

3. Réxime pechado: a atención en réxime pechado supón a obriga do menor ou xove de residir no centro permanentemente, realizando tódalas actividades no interior del.

Os menores en réxime pechado soamente poderán saír do centro con autorización xudicial e, neses casos, farano acompañados dun educador.

Requisitos materiais.

-A capacidade máxima deste equipamento será de 40 prazas, divididas en unidades de convivencia con funcionamento autónomo en función dos distintos réximes de atención que poden ser aberto, semiaberto ou pechado. Segundo a súa capacidade e estructura terá os requisitos materiais específicos que correspondan ós distintos equipamentos residenciais de menores (casa de familia, minirresidencia, residencia ou centro).

-As unidades de réxime pechado contarán ademais con medidas arquitectónicas de contención que garantan a permanencia dos menores neles, debendo contar con espacios ó aire libre que permitan o esparexemento dos menores.

-Contarán cun despacho de dirección/administración, outro para o equipo educativo e unha sala de reunións.

-Cada unidade de convivencia deberá dispor de zona de estar; de, como mínimo, un baño completo e un aseo con ducha, inodoro e lavabo; de espacios acondicionados para o estudio nos mesmos dormitorios ou unha sala específica para este fin; e de cociña e comedor.

Requisitos de persoal.

-O director do centro posuirá unha titulación mínima de grao medio en áreas psicolóxica, pedagóxica ou socio-educativa.

-A ratio de persoal será a seguinte: deberá estar presente 1 educador por cada 8 menores nas horas do día en que estes permanezan no centro; nas unidadesde réxime semiaberto ou pechado a ratio mínima será de 1 educador por cada 5 menores durante as quendas de día. En tódolos casos deberá garantirse a presencia de alomenos 1 educador nas restantes horas.

Prestacións.

Ademais das prestacións comúns a tódolos centros residenciais ofertarán tamén: animación planificada do tempo libre, formación nas habilidades sociais básicas e colaboración no apoio e orientación ás familias dos menores.

1.7. Vivendas tuteladas.

Son vivendas tuteladas os equipamentos residenciais instalados en vivendas normalizadas dirixidos a xoves de idades en torno á maioría de idade que debido á súa situación socio-familiar necesitan apoios para alcanzaren a súa autonomía definitiva, funcionando en réxime de autoxestión baixo supervisión técnica.

Requisitos materiais.

Ademais dos requisitos materiais comúns a tódolos centros residenciais, deberán reuni-los seguintes requisitos específicos:

-A capacidade máxima deste equipamento será de 8 prazas, cunha superficie mínima de 14 m por praza e unha superficie útil mínima de 112 m.

-Contarán, como mínimo, cun baño completo e un aseo con ducha, inodoro e lavabo.

Requisitos de persoal.

As vivendas tuteladas estarán baixo a dependencia funcional dun centro residencial, sendo o director deste o máximo responsable da súa supervisión e apoio técnico, que realizará coa colaboración do seu propio persoal educativo.

Prestacións.

Estes equipamentos ofertarán, ademais das prestacións comúns a tódolos centros residenciais, apoio á integración socio-laboral e supervisión técnica.

2. Centros diurnos.

2.1. Centros de atención de día.

Son centros de atención de día os equipamentos que lles proporcionan durante o día a menores pertencentes a familias en situación de necesidade, unha serie de servicios de apoio socio-educativo e familiar, co obxecto de favorece-lo seu proceso de normalización. Poden funcionar como centros específicos de atención de día ou como unidades de atención de día integradas en centros residenciais de menores.

Requisitos materiais.

-Nos centros específicos a capacidade máxima será de 15 prazas, mentres que nas unidades integradas en equipamentos residenciais, a capacidade

non poderá exceder do 50% das prazas de residencia. A superficie mínima será de 8 m por praza.

-Contarán, como mínimo, cun baño completo e ademais unha ducha por cada 15 prazas.

-Instalaranse en vivendas normalizadas situadas en núcleos poboacionais ou en equipamentos residenciais, en lugares de fácil acceso e cunha rede de transportes públicos adecuados, e próximos a equipamentos sanitarios, educativos e servicios comunitarios.

-Os centros de atención de día terán un director con titulación mínima de grao medio en áreas psicolóxica, pedagóxica ou socio-educativa. Nas unidades integradas en equipamentos residenciais, o director da unidade de día poderá se-lo do equipamento residencial.

Requisitos de persoal.

A ratio de persoal será a seguinte: nos centros de atención de día haberá un mínimo dun educador para cada 8 menores; nas unidades integradas en centros, haberá un educador específico para a atención de día por cada 10 menores.

Prestacións.

O servicio de atención de día deberá prestarse, alomenos, durante o curso escolar e cunha atención desde as 8 h da mañá ata as 8 h da tarde. Son prestacións propias deste equipamento: o transporte, a alimentación, o apoio psico-social, educativo e seguimento escolar e actividades extraescolares. Deberán tamén colaborar na normalización da dinámica familiar.

2.2. Pretalleres.

Son pretalleres os equipamentos que ofrecen durante o día un servicio de actividades e diversos apoios dirixidos a mozos, co obxectivo de previr situacións de marxinación derivadas do fracaso ou absentismo escolar e proporcionarlles unha asistencia orientada ó desenvolvemento da autonomía persoal e á adquisición das habilidades necesarias para a súa incorporación ó mundo laboral, compensando os seus déficits formativos a través da aprendizaxe teórico-práctica dun oficio que lles facilite a dita incorporación.

Estes equipamentos poden ser autónomos ou estar integrados en centros de atención de día ou centros residenciais.

Requisitos materiais.

-Deberán dispoñer de sala-taller polivalente con material e utensilios axeitados ás especialidades que se impartan.

-Contarán cun aseo cun inodoro, lavabo e ducha por cada 15 prazas.

-Estes centros situaranse en núcleo urbano, ou en medio rural se desenvolven tarefas agropecuarias, en lugares de fácil acceso e cunha rede de transportes públicos adecuados.

Requisitos de persoal.

-O director posuirá unha titulación mínima de grao medio. Se o pretaller está integrado noutro equipamento, o director poderá se-lo mesmo.

-A ratio de persoal será de 1 monitor/educador cada 15 prazas.

Prestacións.

Os pretalleres prestarán, ademais das actividades ocupacionais e rehabilitadoras, o necesario apoio psicosocial, orientación laboral e realizará outras actividades de tipo cultural e recreativas.

II. CENTROS DE ATENCIÓN Á INFANCIA.

Son centros de atención á infancia os equipamentos que, baixo diferentes denominacións (centros de atención á primeira infancia, escolas infantís, garderías infantís, ludotecas, centros de xogo, etc.), organizan o coidado dos nenos e nenas no seo dun grupo co fin de contribuír ó seu benestar e ó seu proceso evolutivo.

Sen prexuízo dos requisitos específicos que por razón da súa tipoloxía se poidan establecer, estes centros deberán reuni-los seguintes requisitos xerais:

a) Situación.

Deberán estar afastados das actividades consideradas como molestas, insalubres, nocivas e perigosas e, nos proxectos arquitectónicos, terase en conta unha boa integración co medio ambiental, así como a súa adecuación ás condicións bioclimáticas do lugar.

b) Espacios exteriores.

-Deberán estar tratados cos materiais adecuados segundo os usos, dispoñendo das instalacións correspondentes tales como drenaxe, iluminación, toma de auga, sinalizacións, etc.

-Os desniveis do terreo, muros de contención ou elementos perigosos, cando sexan inevitables pola topografía do terreo, deberán estar debidamente protexidos e sinalizados.

-Cando no recinto do propio centro exista un espacio ó aire libre dedicado ó esparexemento dos nenos, este deberá estar debidamente delimitado, evitando un tratamento excesivamente pechado. Será recomendable a existencia de soportais, ben adosados ou exentos, segundo as condicións bioclimáticas da zona.

-Cando o espacio ó aire libre para esparexemento se trate dun parque público, este deberá estar debidamente mantido e conservado, así como ofrecer unhas condicións de seguridade axeitadas.

-Nas áreas exteriores de xogos que dispoñan de equipos de aparellos (tobogáns, bambáns, estructuras para gabear, balancíns, estructuras multixogos, etc.) estes deberán estar deseñados de xeito que non impliquen riscos nin problemas de uso e mantemento, así como de material apropiado.

c) Espacios interiores.

-Os materiais utilizados serán adecuados á idade dos nenos e nenas. Evitaranse superficies rugosas e arestas nas paredes. Os pavimentos serán de superficie cálida, lisa e antiesvarante, impermeable e continua, que permitan futuras redistribucións do espacio. As pinturas serán impermeables e non tóxicas.

-Os servicios sanitarios estarán dotados de auga fría e quente, con billas hidro-mesturadas. O tamaño dos sanitarios será proporcionado ás idades dos nenos.

-O mobiliario será de superficie non porosa, que non poida facer estelas, de bordes romos e ángulos redondeados sen salientes agresivos e de medidas axeitadas ós nenos.

-Os xoguetes serán atraumáticos, atóxicos, lavables e axeitados ás idades dos nenos.

-O deseño de portas e ventás respostará a criterios de funcionalidade, seguridade e durabilidade, de tal xeito que as portas de paso disporán da protección necesaria para evitar pilla-los dedos.

-Os elementos calefactores posuirán a protección necesaria para evita-las queimaduras por contacto.

-Os enchufes da luz serán de seguridade.

d) Persoal.

-Todo o persoal que realice funcións educativas, de coidados ou vixilancia dos nenos deberá acredita-lo seu correcto estado de saúde e periodicamente someterase a un recoñecemento médico axeitado para acreditar que non padece enfermidade infecto-contaxiosa nin defecto físico ou psíquico que impida ou dificulte as súas funcións. Será igualmente preceptiva, a vacinación do persoal contra a rubéola, co especial compromiso das mulleres en idade fértil de adopta-las medidas sanitarias preventivas que correspondan, durante os 3 meses despois da vacinación.

-O persoal que manipule alimentos deberá dispoñer do correspondente carné de manipulador de alimentos.

CENTROS DE ATENCIÓN Á PRIMEIRA INFANCIA.

Son centros de atención á primeira infancia (escolas infantís ou garderías infantís) aqueles equipamentos diurnos dirixidos ó sector infantil da poboación de ata 6 anos de idade que teñen por obxecto o desenvolvemento harmónico e integral dos nenos e nenas e a compensación das desigualdades sociais, económicas e culturais, realizando ademais un importante labor de apoio á función educativa da propia familia á vez que facilitan o acceso dos pais ó mundo laboral.

Estes centros, ademais dos requisitos xerais establecidos para os centros de atención á infancia, deberán cumpri-los seguintes específicos:

a) Usuarios.

A atención prestada nestes centros vai destinada a nenos e nenas de 0 a 6 anos sendo preferente a atención da poboación de 0 a 3 anos.

b) Prestacións e servicios.

Os centros de atención á primeira infancia deberanlles prestar atención integral ós nenos e nenas segundo o seu momento evolutivo, durante un mínimo de oito horas diarias, en xornada partida ou continuada, 5 días á semana e 11 meses ó ano.

No caso de que o centro oferte servicio de comedor ou de horario amplo, estes entenderanse nos termos sinalados a continuación.

O servicio de comedor, que incluirá en todo caso a comida de mediodía e, opcionalmente, almorzo e merenda e/ou cea, poderá ser ofertado:

a) Como servicio de comedor propiamente dito, prestado por persoal do propio centro ou ben alleo a el contratado con tal fin (servicio de catering), incluídos os alimentos.

En todo caso deberá existir unha relación semanal dos menús previstos que procurarán proporcionar unha dieta equilibrada e axeitada ás idades dos nenos.

b) Como servicio de cociña, entendendo por tal a prestación de asistencia técnica e persoal necesario propio do servicio de comedor, pero con exclusión dos alimentos.

Entenderase por horario amplo a atención ós nenos por parte do centro alomenos durante 10 horas diarias ininterrompidas, durante 5 días á semana, 11 meses ó ano. Non obstante, evitarase que o neno prolongue a súa estadía no centro máis de 8 horas diarias, agás que circunstancias excepcionais o determinen, que deberán, en todo caso, xustificarse.

c) Requisitos materiais ou arquitectónicos.

A. Aqueles centros que atendan nenos de 0-3 anos deberán contar cun mínimo de 3 unidades, agás nos casos en que a demanda actual non xustifique a existencia dun centro completo, e reuni-los seguintes requisitos materiais:

a) Estar en locais de uso exclusivo e con acceso independente desde o exterior.

b) Unha sala por cada unidade cunha superficie de 2 m por neno e que terá, como mínimo, 30 m. As salas destinadas a nenos menores de 2 anos disporán de áreas diferenciadas para o descanso e hixiene dos nenos.

c) Un espacio axeitado para a preparación de alimentos, cando haxa nenos menores de 1 ano, con capacidade para os equipamentos que determine a normativa vixente.

d) Unha sala de usos múltiples de 30 m que, se é o caso, poderá ser usada como comedor.

e) Un patio de xogos por cada nove unidades ou fracción de uso exclusivo do centro, cunha superficie mínima de 75 m.

f) Un aseo por cada sala destinada a nenos de 2 a 3 anos que deberá ser visible e accesible desde a mesma e que contará con 2 lavabos e 2 inodoros.

g) Un aseo para o persoal, que contará cun lavabo, un inodoro e unha ducha.

B. Os centros que atendan nenos de 3 a 6 anos deberán contar cun mínimo de 3 unidades, agás nos casos en que a demanda actual non xustifique a existencia dun centro completo, e reunir ademais dos requisitos sinalados coas letras d e g do apartado anterior, os seguintes:

a) Un aula por cada unidade cunha superficie de 2 m por neno, e que será como mínimo de 30 m.

b) Un patio de xogos, de uso exclusivo do centro, cunha superficie mínima de 150 m. No caso de que o centro conte cun número de unidades superior a 6, a superficie do patio de xogos incrementarase en 50 m por unidade.

c) Un aseo por aula, que contará cun lavabo e un inodoro.

C. Os centros que atendan nenos de 0 a 6 anos deberán contar cun mínimo de 6 unidades, 3 para cada un dos ciclos, agás nos casos en que a demanda actual non xustifique a existencia dun centro completo, e reuni-los requisitos que en canto a instalacións materiais se sinalan nos dous apartados anteriores, tendo en conta que a sala de usos múltiples e o patio de xogo poden ser comúns para ámbolos dous ciclos, se ben as dimensións do patio de xogos deberán se-las establecidas no apartado B.b). O incremento a que se refire este apartado aplicarase, exclusivamente, no caso de que as unidades que excedan de 6 correspondan ó segundo ciclo.

Os centros regulados neste apartado disporán de:

-Un despacho de dirección.

-Unha secretaría.

-Unha sala de mestres de tamaño axeitado ó número de prazas autorizadas.

d) Requisitos específicos de persoal.

Ratios.

A relación adulto/neno será, como máximo, a seguinte:

-Unidades para nenos menores de 1 anos: 1/8.

-Unidades para nenos de 1 a 2 anos: 1/13.

-Unidades para nenos de 2 a 3 anos: 1/20.

-Unidades para nenos de 3 a 6 anos: 1/25.

No caso de non existir demanda suficiente para formar un ou varios grupos do mesmo nivel de idade, os nenos poderán ser agrupados do seguinte xeito:

1. Grupos formados por nenos de ata 2 anos de idade: 1/10-12.

Grupos formados por nenos maiores de 2 anos: 1/20.

2. Grupos formados por nenos de idades comprendidas no tramo 0-3: 1/15.

Grupos formados por nenos de idades comprendidas no tramo 3-6: 1/25.

Titulación de persoal.

O persoal dedicado a funcións educativas e de atención directa ós nenos deberá estar en posesión das seguintes titulacións:

Primeiro ciclo (0-3):

-Mestre especialista en educación infantil ou equivalente.

-Técnico especialista en xardín de infancia.

-Técnico superior en educación infantil.

Segundo ciclo (3-6):

-Mestre especialista en educación infantil ou equivalente.

Os centros de atención á primeira infancia nos que se imparta exclusivamente o primeiro ciclo, deberán contar con persoal cualificado en número igual ó de unidades en funcionamento máis un.

Por cada seis unidades ou fracción deberá haber, alomenos, un mestre especialista en educación infantil ou equivalente.

Os centros de atención á primeira infancia nos que se imparta exclusivamente o segundo ciclo deberán contar, como mínimo, cun mestre especialista en educación infantil, ou equivalente, por cada unidade.

Os centros nos que se impartan os dous ciclos deberán contar co persoal cualificado referido para os centros de primeiro e segundo ciclo.

Cando o centro ofreza servicio de comedor, nas distintas modalidades, este deberá dispoñer do persoal necesario para o desenvolvemento das funcións propias deste servicio.

e) Requisitos funcionais.

Os centros de atención á primeira infancia adaptarán o seu funcionamento a un proxecto educativo de centro que defina a súa identidade, formule os obxectivos que se pretenden acadar e exprese a súa estructura organizativa.

1786