Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 20 de marzo de 1996 Páx. 2.560

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 22 de febreiro de 1996 pola que se segrega para efectos da execución dos traballos de concentración parcelaria a zona de San Vicente de Curtis e San Martín de Armental (Vilasantar-A Coruña).

Por Decreto 68/1989, do 13 de abril, foi declarada de utilidade pública e interese social a urxente execución da concentración parcelaria da zona de San Vicente de Curtis e San Martín Armental, no concello de Vilasantar, A Coruña, sinalándose o perímetro inicial da dita zona, que integran a totalidade dos terreos das parroquias de Curtis e Armental, suscetible das rectificacións, inclusións e exclusións que se acorden ó abeiro dos artigos 23 e seguintes

da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.

Iniciados os traballos relativos á concentración parcelaria da citada zona, detectouse unha forte oposición a esta por parte dos veciños da parroquia de Curtis, manifestada tanto por escrito como pola súa escasa colaboración. Non así na parroquia de Armental onde se xerou un claro ambiente, propicio ó citado proceso concentrador, polo que co fin de non interferir na marcha dos traballos realizados na mentada parroquia de Armental, faise necesario proceder á división por sectores dos terreos afectados.

Por iso e, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei galega 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, e en uso das facultazdes que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A zona de concentración parcelaria de Curtis-Armental (Vilasantar-A Coruña), divídese en dous sectores:

A. Sector de San Vicente de Curtis, que comprenderá a totalidade dos terreos da parroquia, cunha superficie de 1.840 ha.

B. Sector de San Martín de Armental, que comprenderá a totalidade dos terreos da parroquia, cunha superficie de 814 ha.

Artigo 2º

A execución e publicación das distintas fases do proceso de concentración poderán realizarse en cada sector de forma independiente.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

9601587