Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 19 de marzo de 1996 Páx. 2.446

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Montañismo.

Vistos os estatutos da Federación Galega de Montañismo e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 7-10-1995.

Visto o informe da sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e auto

riza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Montañismo

TÍTULO I

Denominación, obxecto e actividades

Capítulo I

Denominación

Artigo 1º

A Federación Galega de Montañismo constituíuse o 23 de outubro de l963 baixo a denominación de Federación Galaica de Montañismo, pasando a chamarse despois Federación Gallega de Montañismo e máis tarde Federación Galega de Montañismo.

a) A Federación Galega de Montañismo é unha entidade privada, de utilidade pública, sen ánimo de lucro, que goza de personalidade xurídica, patrimonio propio e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

b) A Federación Galega de Montañismo reúne dentro do territorio galego, as asociacións, clubs deportivos, técnicos, xuíces e árbitros, e deportistas, dedicados á práctica ou competición dos deportes de montaña ou escalada en todas e cada unha das modalidades que máis adiante se especifican.

c) A Federación Galega de Montañismo declárase á marxe de calquera afiliación política, confesión relixiosa ou clasificación social e rexerase polo disposto nos presentes estatutos, que se axustan ó Decreto 228/1994 do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas.

Capítulo II

Obxecto

Artigo 2º

É obxecto da Federación Galega de Montañismocomo ente asociativo:

1. Apoiar técnica, administrativa e economicamente os deportes de montaña e escalada en tódalas e cada unha das súas modalidades no territorio galego, e en actividades federativas que realicen clubs e deportistas galegos afiliados á Federación Galega de Montañismo.

2. Aglutinar e prestarlles apoio ós deportistas que desenvolvan a súa actividade en calquera das modalidades que comprenden os deportes de montaña e/ou escalada, e potencia-la realización dos oportunos cursos de iniciación, perfeccionamento, alto nivel e de titulación, incluíndo tamén a árbitros e xuíces de competicións.

3. Representar oficialmente e de maneira exclusiva os deportes de montaña e escalada galegos ante os organismos e institucións autonómicas e estatais, e tamén difundi-las normas e recomendacións emanadas deles. Ostenta-la representación de Galicia nas actividades e competicións deportivas de carác

ter estatal celebradas fóra e dentro do territorio galego.

4. Traballar e colaborar na protección do medio natural co obxectivo prioritario de preservalo de accións que modifiquen o seu estado natural inicial, e intervir ante os entes públicos e/ou privados con responsabilidades e/ou relacionados con estas cuestións.

5. Estimular e potenciar entre os cidadáns, a práctica dos deportes de montaña e/ou escalada en todas e cada unha das súas modalidades.

6. Colaborar e poñer en práctica os mecanismos necesarios para incrementa-la seguridade na práctica destes deportes.

7. Difundi-lo coñecemento das belezas naturais que se atopan no ámbito da montaña, prestando o apoio e colaboración precisos para a construcción e conservación de camiños, sendeiros e refuxios, así como a confección de mapas, guías e monografías, e a publicación, realización e organización de revistas, películas, conferencias, etc.

8. Desenvolver e fomenta-los estudios e traballos xa sexan científicos, artísticos, de divulgación ou de calquera outra índole que estean relacionados coa montaña e/ou coas modalidades deportivas que esta Federación Galega de Montañismo acolle.

9. Fomentar e colaborar en actividades científicas como investigacións e exploracións xeolóxicas, xeográficas, meteorolóxicas, fauna, flora, etc. e calquera outra relacionada co medio natural.

10. Xestionar ante organismos públicos e/ou privados os apoios e axudas de toda índole que sexan necesarios ou útiles para os deportes de montaña e a escalada.

Capítulo III

Actividades

Artigo 3º

Os deportes de montaña e a escalada comprenden:

1. As excursións e travesías na baixa, media e alta montaña en tódalas súas modalidades e/ou combinacións (deportivas, turísticas, entorno natural, culturais e científicas).

2. A acampada con fins alpinísticos ou montañeiros fóra das instalacións comerciais.

3. As excursións e percorridos por barrancos, canóns e desfiladeiros en tódalas súas modalidades e/ou combinacións (deportivas, turísticas, medio natural, culturais e científicas).

4. O alpinismo en tódalas súas modalidades e/ou combinacións (con esquís, alta montaña en tódalas épocas do ano, expedicións, "trekking", etc.)

5. O esquí de travesía ou de montaña fóra do ámbito das estacións de esquí comerciais.

6. Os percorridos e travesías por montaña con raquetas de neve.

7. O sendeirismo (sendeiros de gran e pequeno percorrido sinalizados de acordo coa normativa internacional), incluídas as actividades necesarias para a apertura, sinalización, mantemento e divulgación dos camiños e sendeiros.

8. A escalada en tódalas súas modalidades e/ou combinacións (en rocha, en xeo, deportiva, urbana, etc.), incluída a apertura e mantemento de vías e a súa divulgación.

9. As probas e competicións (travesías e circuítos pedestres por baixa, media e alta montaña, travesías e circuítos de esquí de montaña, con raquetas de neve, marchas reguladas por montaña, competicións de escalada ó aire libre e en instalacións cubertas).

10. Os espectáculos deportivos relacionados cos deportes de montaña e/ou escalada.

Artigo 4º

Terán a consideración de actividades afíns ós deportes de montaña e a escalada aquelas que os complementen cultural e civicamente. A título enunciativo terán tal consideración as seguintes:

1. Actividades e estudios científicos, investigacións e exploracións sobre o medio natural tales como xeolóxicas, xeográficas, meteorolóxicas, astronómicas, toponímicas e as súas relacións co folclore, a música e a lingüística.

2. Actividades, traballos, estudios, e investigacións con referencia ós aspectos médicos relacionados cos deportes de montaña e/ou escalada.

3. Actividades e traballos destinados á protección e defensa do medio natural e ó estudio e conservación do solo, a fauna, a flora e o patrimonio natural, paisaxístico e arquitectónico.

4. Estudios, traballos, exposición, proxeccións, congresos, xornadas, concursos e cursos relacionados con aspectos científicos e humanísticos relacionados cos deportes de montaña e/ou escalada.

5. A confección e edicións de libros, mapas, guías, monografías e revistas especializadas para unha mellor información e desenvolvemento dos deportes de montaña e/ou escalada.

6. A construcción, acondicionamento e mantemento de refuxios de montaña, terreos de acampada e muros naturais e artificiais de escalada.

7. O estudio e planificación do turismo pedestre ou sendeirismo con actividades e traballos destinados ó desenvolvemento do turismo verde ou difuso, no ámbito da montaña.

TITULO II

Competencicas da Federación Galega de Montañismo

Artigo. 5º

A Federación Galega de Montañismo será a única federación deportiva con competencia plena no relativo ós deportes de montaña e escalada no territorio galego.

A Federación Galega de Montañismo gozará por tanto de tódalas competencias e facultades conforme a dereito, para o desenvolvemento da súa xestión, administración, como tamén dos seus órganos de goberno en todo canto estea relacionado co cumprimento dos seus obxectivos.

Igualmente terá competencia para tutelar, desenvolver, fomentar e regulamentar todo o relacionado coas modalidades deportivas que abarca.

Artigo 6º

Ten ademais, en virtude do disposto no artigo 2º destes estatutos, a competencia de selecciona-los deportistas que teñan que representar a Galicia nas competicións estatais e internacionais nas modalidades deportivas que abarca, que se celebren en Galicia, España ou no estranxeiro.

Artigo 7º

A Federación Galega de Montañismo non poderá solicitar, comprometer ou organizar actividades ou competicións oficiais de carácter estatal ou internacional sen a previa consulta á Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 8º

Corresponde á Federación Galega de Montañismocomo competencia exclusiva no seu territorio:

a) Denominar, cualificar e organiza-las actividades e competicións oficiais dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Elaboración dos programas de promoción xeral da súa modalidade deportiva no ámbito da Comunidade Autónoma.

c) Colaborar coas administracións públicas na formación de técnicos deportivos, e na prevención, control e represión do uso de substancias prohibidas e da violencia no deporte.

d) Organizar e dirixir en exclusiva as competicións de carácter oficial que se celebren dentro do seu ámbito territorial, de acordo coas normas e regulamentos autonómicos, estatais e internacionais que lle sexan de aplicación. Expedirán para estes efectos as correspondentes licencias deportivas.

e) A representación de Galicia en actividades e competicións deportivas de carácter estatal organizando as seleccións autonómicas.

f) Exerce-lo control das subvencións oficiais que se asignen ás asociacións e entidades deportivas nas condicións que regulamentariamente se establezan.

g) Exerce-la potestade disciplinaria deportiva, nos termos establecidos na normativa, sobre todas aquelas persoas ou entidades que, atopándose federadas desenvolven a modalidade deportiva correspondente no ámbito territorial da nosa comunidade.

h) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

TITULO III

Domicilio, locais e instalacións

Artigo 9º

O domicilio da Federación Galega de Montañismo atópase en Vigo. rúa Celso Emilio Ferreiro, 9-Of. l.

Por acordo da asemblea xeral, a proposta da xunta directiva, o dito enderezo poderá trasladarse a calquera outro lugar dentro da Comunidade Autónoma.

O traslado de domicilio dentro do mesmo termo municipal, non terá a consideración de modificación de estatutos, non sendo de aplicación neste suposto, os requisitos e formalidades previsto no título XVI dos presentes estatutos.

Por acordo da comisión delegada, por proposta da xunta directiva, poderase establecer oficinas técnicas naquelas localidades que pola súa importancia e actividade xustifiquen esta medida.

TITULO IV

Estamentos federativos

Artigo 10º

Tendo en conta a natureza dos deportes de montaña e escalada, no seo da Federación Galega de Montañismo existirán os seguintes estamentos:

-Clubs e asociacións deportivas.

-Deportistas.

-Técnicos.

-Xuíces e árbitros.

Artigo 11º

Os clubs deportivos e asociacións constituídos de forma válida, de acordo coa lexislación vixente, integraranse a petición propia na Federación Galega de Montañismo sempre que o seu domicilio social estea dentro da Comunidade Autónoma galega, e sempre que acepten e se comprometan a observar e cumpri-los estatutos da Federación Galega de Montañismo e da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada e a someterse á autoridade dos órganos federativos en relación coas materias da súa competencia.

Artigo 12º

Polo que se refiren a deportistas, técnicos, xuíces e árbitros, seguiranse para a súa integración na Federación Galega de Montañismo os mesmos criterios que o artigo anterior.

Artigo 13

A integración na Federación Galega de Montañismo producirase mediante a concesión por parte desta da licencia deportiva.

TÍTULO V

Estructura orgánica xeral da Federación Galega de Montañismo

Artigo 14º

Son órganos superiores de representación e goberno da Federación Galega de Montañismo:

a) Necesarios:

-A asemblea xeral

-O presidente.

b) Complementarios:

-A xunta directiva

-O secretario xeral

-O xerente.

-O director técnico.

De acordo coas necesidades poderán existir:

-Presidentes de comités

-Asesores.

Artigo 15º

-Con carácter xeral, serán requisitos para ser presidente ou membro da xunta directiva da Federación Galega de Montañismo:

1. Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o que dispón o Estatuto de autonomía.

2. Ser maior de idade.

3. Estar en pleno uso dos dereitos civís.

4. Non estar suxeito a sanción disciplinaria deportiva de carácter inhabilitante, nin ter sido condenado por sentencia xudicial firme que implique inhabilitación.

5. Os demais que puideran establecerse na normativa vixente.

Artigo 16º

A duración dos cargos será de catro anos coincidindo cos anos dos xogos olímpicos de inverno, podendo ser reelixido.

Artigo 17º

En caso de substitución, os substitutos desempeñarán os seus cargos ata o primeiro ano olímpico, momento en que deberán renovarse os cargos.

Capítulo I

A asemblea xeral

Artigo 18º

A asemblea xeral e o órgano superior da Federación Galega de Montañismo, e nela estarán representados os seguintes estamentos:

a) Deportistas

b) Clubs e asociacións

c) Xuíces e árbitros

d) Técnicos

Estes representantes na asemblea xeral terán a consideración de electores e elixibles en representación do estamento ó que pertenzan:

1. Os deportistas, maiores de idade, en pleno exercicio dos seus dereitos civís, que teñan licencia en vigor expedida ata o momento da convocatoria das eleccións e a tivesen durante a tempada deportiva anterior.

2. As entidades deportivas inscritas na Federación Galega de Montañismoe nas mesmas circunstancias cás sinaladas no apartado anterior.

3. Os técnicos con titulación oficialmente recoñecida, xuíces e árbitros, así mesmo en idénticas circunstancias cás sinaladas no parágrafo 1).

Os membros da asemblea xeral formarán parte dela mentres cumpran os requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento. De producirse unha vacante será cuberta co seguinte candidato máis votado.

No seu seo constituirase unha comisión delegada coa composición e facultades que se determinan nestes estatutos.

A asemblea xeral poderá reunirse en Pleno ou en comisión delegada e as reunións poderán ter carácter ordinario ou extraordinario.

Artigo 19º

1. A representación na asemblea xeral dos distintos estamentos responderán ás seguintes proporcións:

-Entidades deportivas e clubs: dun 60% a un 75%.

-Deportistas: ata un máximo dun 20%.

-Técnicos: ata un máximo dun 5%.

-Xuíces e árbitros: ata un máximo dun 5%.

2. O número de membros da asemblea xeral fixarase na convocatoria de eleccións á mesma.

Artigo 20º

Son facultades da asemblea xeral reunida en sesión plenaria:

1. A aprobación do orzamento anual e súa liquidación, como tamén da xestión económica da Federación Galega de Montañismo.

2. A aprobación do calendario deportivo.

3. A elección e o cese do presidente.

4. A aprobación da modificación dos presentes estatutos.

5. A construcción ou compra de bens inmobles.

6. O gravame ou alleamento dos anteriores bens, cando o importe sexa superior ó 25% do orzamento da Federación Galega de Montañismo. Neste caso será imprescindible o informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte.

7. A aceptación de doazóns, herdanzas, cesións ou outros que constitúan dereitos reais.

8. A emisión de bonos, obrigas de pagamento, obrigacións, etc. e a solicitude de créditos a máis dun ano.

9. A constitución de hipotecas ou outros gravames que representen garantías reais sobre bens patrimoniais da Federación Galega de Montañismo.

10. A fixación de cotas ou contribucións extraordinarias.

11. A decisión de disolver a Federación Galega de Montañismo.

12. Calquera outra que estea prevista nos presentes estatutos, e, en xeral, todas aquelas que non estean atribuídas expresamente a outros órganos da Federación Galega de Montañismo.

Artigo 21º

a) A Federación Galega de Montañismo pode gravar ou allea-los seus bens inmobles, tomar diñeiro a préstamos e emitir títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de xeito irreversible o seu patrimonio, ou do seu obxecto social. En todo caso cando a contía sobrepase o 25% do orzamento anual da Federación Galega de Montañismo, ademais do acordo da asemblea xeral, será imprescindible o informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte.

Se se trata de bens inmobles que fosen financiados en todo ou parte, con fondos públicos da Comunidade Autónoma galega, será preceptiva a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte para o seu gravame ou alleamento.

b) A Federación Galega de Montañismo pode exercer, complementariamente, actividades de carácter industrial, comercial, profesional, ou de servicios e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderán repartir beneficios entre os seus membros.

c) Non se poderán comprometer gastos de carácter plurianual, nun período de mandato, sen autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte, cando o gasto anual comprometido supere un 10% do orzamento e supere o período de mandato do presidente.

d) A asemblea xeral terá que reunirse necesariamente, polo menos, unha vez ó ano en sesión plenaria para os fins da súa competencia. A dita reunión farase nos tres primeiros meses do ano para tratar dos orzamentos e do calendario deportivo.

e) A convocatoria, que deberá conte-la orde do día da reunión, farase pública no taboleiro de anuncios da federación con 10 días de antelación á data de celebración. En todo caso notificarase individualmente a cada un dos membros da asemblea, por calquera medio que permita ter constancia da data de recepción dela, cunha antelación mínima de 48 horas.

f) A asemblea xeral quedará validamente constituída cando concorran na primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros, e na segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, calquera que sexa o número de asistentes.

As demais reunións terán carácter extraordinario e poderán ser convocadas a iniciativa do presidente, comisión delegada por maioría, o por un número de membros da asemblea que non sexa inferior ó 20%.

En todo caso, haberán de ter carácter extraordinario aquelas asembleas no que no orde do día figuren a toma de acordos sobre todos ó algúns dos extremos comprendidos nos números 3 ó 10, ambos inclusive, dos numerados no artigo anterior, ou naqueloutros supostos que así o estableceran os presentes estatutos.

Artigo 22º

A comisión delegada estará integrada por tres representantes de entidades e tres representantes dos outros estamentos, e o presidente da Federación Galega de Montañismo.

A forma da súa elección será a que se estableza no Regulamento electoral da Federación Galega de Montañismo.

Presidiraa o presidente da Federación Galega de Montañismo.

Artigo 23º

Serán facultades da comisión delegada:

1. A modificación do calendario deportivo.

2. A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

3. A modificación dos orzamentos.

4. A aprobación e modificación de regulamentos.

5. O seguimento da xestión tanto deportiva como económica da Federación Galega de Montañismo, elaborando un informe anual para a asemblea xeral sobre a memoria anual de actividades e a liquidación do orzamento.

6. Calquera outras que se establezan.

Artigo 24º

A proposta sobre os temas a tratar, incluídos nos apartados 1, 3 e 4 do anterior artigo, corresponde ó presidente da federación ou a dous tercios dos membros da propia comisión delegada.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios fixados, se é o caso, pola asemblea xeral.

Artigo 25º

A comisión delegada reunirase, como mínimo, unha vez cada catro meses, por proposta do seu presidente e o seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

Capítulo II

O presidente

Artigo 26º

O presidente é o órgano executivo da Federación Galega de Montañismo.

-Ostenta a representación legal da Federación Galega de Montañismo.

-Convoca e preside os órganos colexiados de goberno e representación.

-Executa os acordos dos anteriores órganos.

Artigo 27º

En caso de ausencia ou por incapacidade temporal do presidente será substituído polo vicepresidente ou por outro vocal de maior idade.

Artigo 28º

O desempeño do cargo de presidente da Federación Galega de Montañismo será causa de incompatibilidade para ocupar cargos directivos en clubs deportivos propios da mesma federación.

O cargo de presidente da Federación Galega de Montañismo poderá ser retribuído, sempre que tal acordo, así como a contía de remuneración, sexan aprobados pola maioría absoluta da asemblea xeral. Estas retribucións non poderán facerse con cargo a subvencións públicas.

Artigo 29º

O presidente deberá estar en posesión da licencia federativa e poderá participar como deportista en tódalas probas e actividades.

Artigo 30º

Os candidatos a presidente, que poderán non ser membros da asemblea xeral, deberán avala-la presentación da súa candidatura, mediante a sinatura de, polo menos, o 10% dos membros da asemblea.

Artigo 31º

Será elixido presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato alcance esta maioría, procederase a unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que obteña a maioría dos votos.

Artigo 32º

O presidente gozará de voto de calidade en caso de empate naquelas decisións que adopten os órganos que preside.

Capítulo III

A xunta directiva

Artigo 33º

A xunta directiva é o órgano colexiado de xestión da Federación Galega de Montañismo.

Artigo 34º

A xunta directiva estará composta por:

-O presidente da Federación Galega de Montañismo.

-Os vicepresidentes.

-Os vocais.

Ademais formarán parte da xunta directiva, caso de non ser cargos remunerados:

-O secretario xeral

-O tesoureiro

-O director técnico

Artigo 35º

O nomeamento ou a renovación dos membros dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios, e dos comités que puidesen crearse dentro da Federación Galega de Montañismo deberán ser comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e á Secretaría Xeral para o Deporte nun prazo máximo de 15 días a partir da data de nomeamento.

Artigo 36º

Tódolos cargos da xunta directiva, a excepción do dito para o presidente no artigo 28º, serán honoríficos.

Artigo 37º

A xunta directiva reunirase en sesión ordinaria, polo menos, unha vez ó mes.

A convocatoria faraa o presidente, notificándollelo ós seus membros, por calquera medio que asegure a súa recepción, ó menos, cunha antelación de 48 horas, acompañando a orde do día.

As sesións convocadas con carácter urxente serán sempre extraordinarias.

Artigo 38º

A validez das reunións da xunta directiva requirirá que concorran, en primeira convocatoria, a maioría dos seus membros e, en segunda, -transcorrida media hora da primeira-, será válida calquera que sexa o número dos seus asistentes, sempre que fosen un mínimo de tres.

Artigo 39º

Os membros da xunta directiva deberán estar en posesión da licencia federativa e poderán participar como deportistas en tódalas probas e actividades.

Artigo 40º

Os órganos federativos poderán convocar igualmente os cargos remunerados, se os houbese, presidentes de comités e asesores, que requiran en cada caso, para pedi-lo seu informe sobre cuestións que crean oportunas.

Os cargos remunerados, presidentes de comités e asesores, actuarán nas reunións ás que fosen convocados, con voz pero sen voto.

Capítulo IV

O secretario xeral

Artigo 41º

O secretario xeral, desempeña funcións de fedatario e coordinador das tarefas administrativos, asistindo permanentemente a tódolos órganos de goberno

e representación da Federación Galega de Montañismo, actuando como secretario dos mesmos.

Igualmente poderá asistir ós órganos técnicos, e en tal caso actuará tamén como secretario de tales órganos.

Artigo 42º

O cargo de secretario xeral poderá ser remunerado, tendo, neste caso, a consideración de persoal laboral ó servicio da Federación Galega de Montañismo, con aplicación ó disposto no Estatuto dos traballadores e demais normativa social vixente.

Neste suposto, a súa remuneración non poderá facerse con cargo ás subvencións públicas.

Artigo 43º

As competencias do secretario xeral serán as seguintes:

-Ostenta, por delegación do presidente da Federación Galega de Montañismo, a xefatura do persoal laboral ó seu servicio.

-Coordina a actuación dos diversos órganos da Federación Galega de Montañismo.

-Prepara a resolución e despacho de tódolos asuntos.

-Prepara as reunións dos órganos de goberno, levanta actas das reunións e é responsable do mantemento e custodia dos libros de actas, expedindo as oportunas certificacións do acordos, co visto e prace do presidente.

-Recibe e expide a correspondencia da Federación Galega de Montañismo na súa sé social, levando un rexistro de entrada e saída da mesma.

-Organiza, mantén e custodia os arquivos da Federación Galega de Montañismo.

-Prepara a memoria anual da Federación Galega de Montañismo para a súa presentación á comisión delegada e a asemblea xeral.

-Remite á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada, nun prazo de 15 días dende a data da súa celebración.

Capítulo V

O tesoureiro

Artigo 44º

O tesoureiro é o órgano de administración da Federación Galega de Montañismo ó cal lle están encomendados, en xeral, os asuntos de contido económico.

O cargo de tesoureiro poderá ser remunerado, tendo neste caso, a consideración de persoal laboral ó servicio da Federación Galega de Montañismo, con aplicación ó disposto no Estatuto dos traballadores e demais normativa social vixente.

Neste suposto, a súa remuneración non poderá facerse con cargo a subvencións públicas.

Artigo 45º

O tesoureiro:

-Coidará das operacións de cobramentos e pagamentos.

-Autorizará coa súa sinatura, mancomunada coa do presidente ou a da persoa designada para o efecto pola xunta directiva, tódolos documentos de movementos de fondos.

-Será responsable do mantemento dos libros de contabilidade, arquivo dos documentos contables, e todo o concernente con ese departamento.

-Formulará os balances que periodicamente se lle teñan que presentar á xunta directiva, á comisión delegada, á asemblea xeral e ós organismos e institucións que teñan facultade de solicitalos.

-Controlará os gastos dos comités técnicos, para tales efectos deberá coñece-las actas das reunións cos asistentes a elas.

Capítulo VI

O director técnico

Artigo 46º

O director técnico da Federación Galega de Montañismo. desempeñará as funcións de asesoramento, representación e executivas, que lle asigne o presidente da Federación Galega de Montañismo.

Artigo 47º

O cargo de director técnico poderá ser remunerado tendo, neste caso, a consideración de persoal laboral ó servicio da Federación Galega de Montañismo, sendo de aplicación nos parágrafos segundo e terceiro do artigo 44º.

Artigo 48º

As competencias e cometidos asignados ó director técnico serán fundamentalmente a coordinación, control e supervisión no seu conxunto das áreas técnicas que se lle asignen.

Preparará as reunións dos órganos técnicos, e remitirálle-las súas actas ó tesoureiro para efectos contables e económicos.

Estanlle encomendados os seguintes comités técnicos:

-E.G.A.M. (Escola Galega de Alta Montaña)

-Comité de Escalada Deportiva e de Competición.

-Comité de Xuíces e Árbitros.

-Calquera outro que lles sexa designado posteriormente.

Capítulo VII

Asesores

Artigo 49º

En cualidade de colaboradores técnicos dos órganos federativos existirá un número sen determinar de asesores.

Consideraranse asesores aquelas persoas que pola súa cualificación e experiencia profesional ou titulación académica podan aportar coñecementos técnicos necesarios ou útiles para as boa marcha da Federación Galega de Montañismo.

Así existirán:

-Asesoría médica.

-Asesoría de socorro e salvamento en montaña.

-Asesoría xurídica.

-Asesoría de protección da natureza.

Ademais poderá existir calquera outra que sexa establecida con posterioridade.

Existirá un responsable da asesoría correspondente e un grupo de colaboradores que este coide oportuno. Dependendo da importancia e estructura que de acordo co seu cometido adquiran as asesorías, estas poderán adquirir, por acordo da xunta directiva, rango de comité técnico sen que por elo supoña a modificación de estatutos.

TITULO VI

Organización territorial

Artigo 50º

A Federación Galega de Montañismo está estructurada en clubs e asociacións de montaña.

TITULO VII

Integración dos clubs e asociacións

Artigo 51º

Para que os membros dos clubs e asociacións poidan participar en competicións e actividades deportivas de ámbito territorial, estatal ou internacional e podan acceder a calquera outro dereito recoñecido ós federados neste deporte, deberán, os ditos clubs e asociacións integrarse no seo da Federación Galega de Montañismo.

Artigo 52º

A integración dos clubs e asociacións solicitarase da Federación Galega de Montañismo, librándose para esto, por persoa con facultades suficientes, certificación do acordo polo que se expresa a vontade inequívoca do club que se trate de integrarse libre e espontaneamente no seo da Federación Galega de Montañismo.

Artigo 53º

A integración suporá a aceptación incondicional por parte dos clubs e asociacións das normas contidas nos presentes estatutos e será necesaria a adaptación dos seus propios estatutos á presente norma e demais concordantes. Tódolos membros das xuntas directivas dos clubs adscritos deberán estar en posesión da licencia federativa anual, ou como mínimo cinco deles.

Artigo 54º

Os clubs integrados na Federación Galega de Montañismo conservarán a súa personalidade xurídica, o seu patrimonio propio e diferenciado e o seu orzamento e réxime xurídico particular.

Artigo 55º

A súa representación ante a Federación Galega de Montañismo virá asegurada a través do presidente de cada club.

Artigo 56º

Á hora de determina-los representantes que haberán de formar parte da asemblea xeral da Federación Galega de Montañismo, por cada estamento, aplicarase o disposto no artigo 19º dos presentes estatutos.

Artigo 57º

En competicións oficiais de ámbito territorial, a potestade disciplinaria deportiva sobre os federados, con independencia do club ó que estean adscritos, exercerase de acordo co que dispoña o Regulamento disciplinario da Federación Galega de Montañismo.

Artigo 58º

A Federación Galega de Montañismo poderá establecer delegacións territoriais naquelas comarcas que o estime oportuno.

TÍTULO VIII

Dereitos e deberes dos membros da federeación

Capítulo I

Dereitos e deberes dos membros dos órganos de goberno

Artigo 59º

Os membros dos órganos federativos terán dereito a:

a) Participar nas deliberacións, expresando as súas opinións.

b) Exerce-lo seu dereito de votar, razoando o seu voto en caso de que emitan voto particular nalgunha cuestión.

c) Desempeña-las súas funcións en canto membros do órgano ó que pertencen.

Artigo 60º

Os deberes destes mesmos membros serán:

a) Acudir ás sesións dos órganos ós que pertenzan.

b) Participar co seu voto nas cuestións debatidas.

c) Dedicarse con dilixencia ós labores que lles foran encomendadas.

d) Gardar segredo naqueles asuntos que así o requiran.

e) Os demais que se establezan legal ou regulamentariamente.

Capítulo II

Dereitos e deberes dos federados

Artigo 61º

Tódolos membros da Federación Galega de Montañismo, en canto federados, terán os dereitos e obrigas que os presentes estatutos e ordenamento xurídico lles recoñeza ou impoña.

Artigo 62º

A Federación Galega de Montañismo non establecerá nin promoverá ningún tipo de discriminación entre os seus membros por razón de nacemento, raza, sexo, opinión ou calquera outra circunstancia persoal ou social.

Artigo 63º

Con carácter xeral, tódolos federados teñen o dereito a recibi-la tutela dela respecto ós seus intereses deportivos lexítimos, así como o de participar nas actividades e no seu funcionamento, a través dos medios e canles establecidos.

Igualmente poderán participar na súa xestión, sendo electores e elixibles para os seus órganos de goberno, de acordo co disposto nas normas electorais vixentes en cada momento.

Artigo 64º

Polo que se refire ás obrigas dos federados, como primeira dela e requisito indispensable para selo, será necesario estar en posesión da licencia deportiva, e polo tanto, ó corrente de pagamento das cotas establecidas, así como ter en vigor o seguro obrigatorio que se refire o artigo 59.2º da Lei do deporte.

Serán tamén obrigas dos federados a aceptación e cumprimento dos estatutos da Federación Galega de Montañismo e o sometemento á autoridade dos órganos federativos, en relación coas materias da súa competencia, sen prexuízo do dereito a impugnar ou recorre-las súas decisións ante as instancias federativas correspondentes, acudindo incluso ante a xurisdicción competente.

TÍTULO IX

Responsabilidade dos titulares e membros dos órganos federativos

Artigo 65º

Independentemente das responsabilidades penais, civís e administrativas que, de forma xeral, consagra o ordenamento xurídico, os membros dos diferentes órganos da Federación Galega de Montañismo son responsables, especificamente, dos actos, resolucións, ou acordos adoptados por aquel de que formen parte.

Son así mesmo responsables, nos termos previstos na lexislación deportiva xeral, nos presentes estatutos e disposicións de desenvolvemento, polo incumprimento dos acordos de calquera órgano federativo, normas xerais, ou comisión das faltas previstas no réxime disciplinario federativo.

Artigo 66º

Estará exento de responsabilidade por adopción de acordos dos órganos colexiados da Federación

Galega de Montañismo quen salvara expresamente o seu voto ou se abstivese motivadamente.

Artigo 67º

Sen prexuízo do anterior, a responsabilidade poderá ser esixida, por quen entenda que os seus dereitos foron lesionados ou se lle causou dano indemnizable, ante os órganos deportivos competentes, ou ben ante a xurisdicción que corresponda, por aqueles actos ou omisións que sexan susceptibles disto.

TÍTULO X

Elección e cesamento dos titulares dos órganos federativos de goberno e representación

Moción de censura ó presidente da Federación Galega de Montañismo

Capítulo I

Elección e cesamento

Asemblea xeral:

Artigo 68º

Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos, coincidindo cos anos nos que se celebren os Xogos Olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre e secreto, igual e dereito entre e polos compoñentes de cada estamento federativo.

Artigo 69º

O proceso da elección da asemblea xeral, o seu número, composición, requisitos para ser electores e elixibles, e demais circunstancias, rexeranse polas normas vixentes, e en particular, polo disposto no Regulamento electoral desta federación.

Artigo 70º

s membros da asemblea xeral cesarán por:

1. Pasamento.

2. Demisión.

3. Anulación do proceso electoral por resolución xudicial ou administrativa firme.

Presidente da Federación Galega de Montañismo:

Artigo 71º

O presidente da Federación Galega de Montañismo é elixido cada catro anos, coincidindo cos Xogos Olímpicos de inverno, polos membros da asemblea xeral, que terá carácter extraordinario, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto.

Artigo 72º

A elección do presidente axustarase ó establecido nas normas vixentes e, en particular ó disposto polo Regulamento electoral desta federación.

Para a súa elección non será válido o voto por correo.

Artigo 73º

O presidente da Federación Galega de Montañismo cesará por calquera dos motivos seguintes:

1. Pasamento.

2. Transcurso do período polo que foi elixido.

3. Demisión.

4. Aprobación dunha moción de censura pola asemblea xeral.

5. Incorrer nalgunha causa de incompatibilidade establecida na lexislación vixente ou nos presentes estatutos, sempre que non renuncie á actividade ou cargo incompatible.

6. Por atoparse incurso nalgunha causa de inelixibilidade.

7. Anulación do proceso electoral por resolución xudicial ou administrativa firme.

Artigo 74º

Vacante a presidencia da Federación Galega de Montañismo por calquera das causas previstas, a xunta directiva procederá, de inmediato, a constituírse en comisión xestora, presidida por un dos vicepresidentes, a cal convocará á asemblea xeral para celebrar eleccións, de acordo co previsto no Regulamento de eleccións, nun prazo máximo de tres meses, coa fin de cubri-la dita vacante.

Xunta directiva:

Artigo 75º

Os membros da xunta directiva serán designados e revocados libremente polo presidente da Federación Galega de Montañismo.

Artigo 76º

Os membros da xunta directiva cesarán en todo caso por:

1. Pasamento.

2. Demisión.

3. Revocación do nomeamento.

4. Incorrer nalgunha causa de incompatibilidade establecida na lexislación vixente ou nos presentes estatutos, sempre que non renuncien á actividade ou cargo incompatibles.

5. Anulación do proceso electoral por resolución xudicial ou administrativa firme.

O secretario xeral.

Artigo 77º

O secretario xeral será de libre designación e revocación polo presidente da Federación Galega de Montañismo.

Artigo 78º

O seu cesamento axustarase ó establecido con carácter xeral para os membros da xunta directiva.

Artigo 79º

Se o seu cargo fose remunerado, as circunstancias da súa contratación e cesamento axustaranse ó previsto na lexislación vixente de acordo coa natureza da súa relación laboral.

O tesoureiro e o director técnico.

Artigo 80º

Para a designación e cesamento do tesoureiro e do director técnico, serán de aplicación as mesmas normas que para o secretario xeral.

Presidentes de comités e asesores.

Artigo 81º

Os presidentes de comités serán designados e destituídos polo presidente da Federación Galega de Montañismo.

Os regulamento internos de ditos comités deberán ter sido aprobados pola xunta directiva e a comisión delegada.

Así mesmo, os asesores serán designados e revocados libremente polo presidente da Federación Galega de Montañismo.

Artigo 82º

En todo caso, os seu cesamento producirase por:

1. Pasamento.

2. Demisión.

3. Revogación do nomeamento.

4. Anulación do proceso electoral por resolución xudicial ou administrativa firme.

Capítulo II

Moción de censura ó presidente da Federación Galega de Montañismo.

Artigo 83º

A moción de censura ó presidente deberá proporse por un tercio, ó menos, dos membros da asemblea xeral.

Artigo 84º

A moción de censura será presentada, por escrito, de forma razoada, motivada, e sempre será de forma constructiva, para o cal será encabezada por un candidato alternativo. O presidente deberá convocar con carácter extraordinario á asemblea xeral en pleno para celebrar reunión nun prazo máximo de quince días, a partir da recepción do escrito, tratándose dita cuestión como único punto da orde do día.

A reunión poderase convocar, como mínimo, con setenta e dúas horas de antelación.

Artigo 85º

Se o presidente non convocase a asemblea xeral, a convocatoria poderá ser acordada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, naqueles casos previstos no artigo 43 apartado b) da Lei do deporte.

Artigo 86º

A asemblea constituirase validamente a estes efectos cando concorran tres cuartas partes dos seus membros en primeira convocatoria, ou a metade máis un en segunda.

A sesión na que se debata moción de censura será presidida, con carácter extraordinario polo membro de maior idade.

A sesión comezará expoñendo os motivos da moción, tralo cal se lle dará a palabra ó presidente para que expoña o que ó seu dereito conveña.

Para concluír, os asistentes emitirán os seus votos.

En ningún caso se admitirá para a moción de censura o voto por correo.

Artigo 87º

Para que prospere a dita moción será necesaria a súa aprobación por maioría absoluta.

De obterse tal maioría, o presidente cesará nas súas funcións, e será substituído polo candidato alternativo.

Artigo 88º

En caso de non prosperar, non se poderá intentar unha nova moción ata pasados seis meses da anterior.

Artigo 89º

Con relación ó tempo que quede vacante a presidencia estarase disposto no artigo 74º dos presentes estatutos.

TÍTULO XI

Réxime de funcionamento xeral e adopión de acordos

Artigo 90º

A convocatoria dos órganos superiores colexiados de representación e goberno da Federación Galega de Montañismo, correspóndelle ó seu presidente, que é o da Federación Galega de Montañismo, e deberá ser notificada ós seus membros, acompañada da orde do día, co prazo de antelación de, cando menos, 72 horas, salvo o disposto para a xunta directiva no artigo 37 dos presentes estatutos ou cando existan razóns probadas de urxencia.

Neste último suposto, a convocatoria deberá facerse cunha antelación non inferior a 24 horas.

Artigo 91º

Non obstante o establecido no artigo anterior, será válida a constitución dos citados órganos, incluída a xunta directiva, inda que non se cumprisen os requisitos anteriores de convocatoria, sempre que se encontren presentes tódolos seus membros e así o acorden unanimemente, fixando, previamente á sesión, a orde do día que se vai tratar.

Artigo 92º

Salvo para os casos nos que se estableza de forma expresa outra cousa, para a válida constitución dos órganos colexiados de goberno e representación será necesaria a asistencia, en primeira convocatoria, da metade máis un dos membros do mencionado órgano, sendo válida a reunión, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asistentes sempre que non sexa inferior a tres.

Entre a primeira e segunda convocatoria, requerirase, como regra xeral, o transcurso de quince minutos.

Artigo 93º

Os acordos dos órganos superiores colexiados de goberno e representación da Federación Galega de Montañismo adoptaranse por maioría simple de asistentes, salvo naqueles casos en que nestes estatutos ou na lexislación vixente se establecese outra cousa.

Artigo 94º

Para os efectos anteriores, existirá maioría simple cando voten favorablemente a metade máis un dos asistentes ás reunións que, polo seu quórum, quedasen validamente constituídas.

A maioría absoluta será a representada polos votos da metade máis un do número total de membros que legal, estatutaria ou regulamentariamente compoñan o órgano de que se trate.

Artigo 95º

De tódolos acordos dos órganos superiores colexiados de goberno e representación da Federación Galega de Montañismo, será levantada acta polo secretario xeral dela, especificando o nome dos que intervisen, e as demais circunstancias que se consideren oportunas, así como o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Artigo 96º

Con carácter xeral e salvo que expresamente se estableza outra cousa, non se admitirá o voto por correo.

Artigo 97º

Tódolos acordos dos órganos superiores colexiados de representación e goberno da Federación Galega de Montañismo, serán públicos, salvo cando, por motivos xustificados e con carácter excepcional, se acorde o contrario por maioría de dous tercios dos seus membros.

TÍTULO XII

Réxime económico-financeiro e patrimonial

Artigo 98º

A Federación Galega de Montañismo, que conta con patrimonio propio e orzamento, adaptará a súa contabilidade ás normas previstas para adaptación do Plan Xeral Contable das Federacións Deportivas.

Artigo 99º

Dentro do primeiro trimestre de cada ano o tesoureiro da Federación Galega de Montañismo confeccionará os estados financeiros previstos nas normas de adaptación no plan xeral de contabilidade para federacións deportivas, así como a liquidación do orzamento do exercicio anterior, xunto coa correspondente memoria explicativa, todo isto para o seu exame pola xunta directiva.

Artigo 100º

Os anteriores estados financeiros serán presentados a comisión delegada, que, xunto co seu informe previo, farallo chegar a asemblea xeral para a súa aprobación. Estes estados financeiros deberán estar en posesión dos membros da asemblea con quince días de antelación á celebración dela.

Artigo 101º

Constitúen os recursos da Federación Galega de Montañismo:

1. As subvencións da Xunta de Galicia, e outros que puidesen recibirse da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada, e outros organismos públicos ou privados.

2. Os bens e dereitos que integran o patrimonio da Federación Galega de Montañismo, recibidos por herdanza, legado ou doazón en concepto de premio.

3. As cotas dos afiliados.

4. Os procedentes de sancións pecuniarias, que en uso da súa potestade disciplinaria lles sexan impostas ós seus afiliados.

5. Os froitos e intereses dos seus bens patrimoniais.

6. Os préstamos e créditos que lles sexan concedidos.

7. Os ingresos que puideran obter pola organización de actos e competicións deportivas ou por contratos que realice.

8. Calquera outro recurso que sexa capaz de xerar, de acordo coa normativa vixente, como todos aqueles que se lles atribúa por disposición legal ou convenio.

Artigo 102º

A Federación Galega de Montañismo destinará a totalidade dos seus ingresos e do seu patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto.

TÍTULO XIII

Réxime documental

Artigo 103º

A custodia e mantemento da documentación e arquivos da Federación Galega de Montañismo corresponderalle ó secretario xeral.

Artigo 104º

A Federación Galega de Montañismo ademais de todos aqueles rexistros ou libros que, dada a súa natureza e actividade deba levar necesariamente por imperativo da normativa laboral ou fiscal, levará os seguintes:

-Rexistro de correspondencia oficial de entrada e saída.

-Rexistro ou censo actualizado de clubs e asociacións deportivas, no que constarán as súas denominacións, domicilios, datos persoais dos compoñentes dos órganos de representación e goberno, e datas de toma de posesión dos seus cargos e cesamento deles.

-Rexistro ou censo actualizado de deportistas coa mención dos seus nomes, números de DNI, idade, club ó que pertencen, categoría (maior, xuvenil, infantil), anos de afiliación, e demais que se consideren necesarios.

-Libros de actas das reunións dos órganos superiores colexiados de representación e goberno da Federación Galega de Montañismo.

-Libros oficiais de contabilidade.

-Libro inventario de bens mobles e inmobles.

-Calquera outro que se determine legal ou regulamentariamente.

Artigo 105º

Os anteriores rexistros documentais poderán levarse en soporte informático, salvo prohibición legal ou regulamentaria.

Artigo 106º

A publicidade dos libros e rexistros que teñan tal carácter, poderán levarse a cabo mediante certificación liberada polo secretario xeral, relativo ós puntos concretos que se soliciten.

Artigo 107º

A exhibición directa dos libros e rexistros ós afiliados á Federación Galega de Montañismo deberá solicitarse mediante escrito motivado, e será acordado pola xunta directiva, debendo realizarse, en calquera caso, nos locais da Federación Galega de Montañismo, baixo a custodia e presencia do secretario xeral, na data e hora que se estableza.

Artigo 108º

Os rexistros, libros e documentos estarán a disposición, en todo momento, da Secretaría Xeral para o Deporte, para o seu exame e supervisión.

TÍTULO XIV

Réxime disciplinario

Artigo 109º

A potestade disciplinaria da Federación Galega de Montañismo, dentro do seu ámbito territorial, ampararase no disposto no artigo 74.1 c) da Lei do deporte e rexirase pola dita lei e polas súas normas de desenvolvemento, especialmente o Real decreto 1591/1992 de 23 de decembro, sobre disciplina deportiva, e Orde do 28 de xullo de 1995 das federacións deportivas galegas (Capítulo VI), o cal se axustará ó disposto nos artigos dos estatutos da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada números 108 ó 130, ambos inclusive.

O comité de disciplina, en primeira instancia, estará composto por tres xuíces e, en segunda instancia, por cinco xuíces.

TÍTULO XV

Causas de extinción e disolución

Artigo 110º

A Federación Galega de Montañismo extinguirase e procederá á súa disolución por calquera das seguintes causas:

1. Por revocación do seu recoñecemento por parte da Secretaría Xeral para o Deporte.

2. Por acordo da maioría de dous tercios dos membros da asemblea xeral, reunida en sesión extraordinaria.

3. Por resolución xudicial ou administrativa.

4. Por calquera outra que estableza o ordenamento xurídico.

Artigo 111º

No caso de disolución e extinción da Federación Galega de Montañismo, unha vez liquidado o seu patrimonio, a parte restante, de habela, destinarase ós fins de carácter deportivo que determine a Secretaría Xeral de Deportes.

TÍTULO XVI

Aprobación e reforma de estatutos

Capítulo I

Aprobación de estatutos

Artigo 112º

A aprobación dos estatutos da Federación Galega de Montañismo farase por asemblea xeral reunida en sesión extraordinaria, que deberá ser convocada para tal fin, expresando este punto na orde do día.

Artigo 113º

O proxecto de estatutos a aprobar, no seu caso, será remitido a cada un dos membros da asemblea, para o seu coñecemento, cunha antelación, ó menos, dunha semana á data para a que fora convocada a reunión.

Artigo 114º

A asemblea constituirase validamente a estes efectos cando concorran tres cuartas partes dos seus membros en primeira convocatoria, e dous tercios en segunda.

Artigo 115º

Para a aprobación dos estatutos por parte da asemblea xeral será necesario o voto favorable dun número de membros que represente a maioría absoluta.

Artigo 116º

Unha vez aprobados os estatutos, remitiranse estes á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para o seu coñecemento e inscrición no Rexistro de asociacións deportivas.

Capítulo II

Reforma dos estatutos

Artigo 117º

Os estatutos da Federación Galega de Montañismo unicamente poderán modificarse por acordo da

asemblea xeral, reunida en sesión extraordinaria, previa inclusión ficación que se pretende.

Artigo 118º

A proposta para a modificación estatutaria, salvo cando esta teña que ser realizada por imperativo legal, poderá ser suxestionada por:

1. Un tercio dos membros da asemblea xeral.

2. Pola xunta directiva.

3. Cinco ou máis clubs ou asociacións deportivas.

Artigo 119º

Á proposta de modificación acompañarase o texto da mesma, o cal someterase ó estudio e dictame por parte da asesoría xurídica da Federación Galega de Montañismo.

Da proposta de modificación e do dictame xurídico darase traslado a cada un dos membros da asemblea xeral quen, deberán contar cun prazo non inferior a dez días para facer chegar á Federación Galega de Montañismo as emendas ou suxestións que estimen pertinentes.

Entre a data de recepción da proposta de modificación na sé da Federación Galega de Montañismo e a reunión da asemblea xeral na que se debata non poderán transcorrer máis de tres meses, polo cal, se non estivese prevista algunha reunión da asemblea xeral dentro deste prazo, deberase convocar para tal fin.

Artigo 120º

Entenderase que a asemblea queda validamente constituída, ós efectos de debater e aprobar, no seu caso, a modificación, cando concorran tres cuartas partes dos seus membros, en primeira convocatoria, e dous tercios en segunda.

Artigo 121º

A asemblea xeral abrirá a sesión coa lectura do texto da modificación proposta así como das emendas e suxestións efectuadas. Posteriormente tralo debate procederase á votación.

Artigo 122º

A aprobación pola asemblea xeral da modificación proposta requirirá o voto favorable da maioría absoluta dos seus membros.

Artigo 123º

A reforma requirirá, unha vez aprobada, a ratificación pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Disposicións finais

Primeira.-A Federación Galega de Montañismo non poderá introducir nos seus estatutos ou regulamentos, cláusulas contrarias ó texto da Orde 28 xullo 1995, Decreto 228/1994, do 14 de xullo.

Segunda.-Quedan derrogados os anteriores estatutos.

Terceira.-Os presentes estatutos publicaranse no Diario Oficial de Galicia unha vez aprobados pola Secretaría Xeral para o Deporte.

96-963