Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 19 de marzo de 1996 Páx. 2.444

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 1996 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de febreiro de 1996 polo que se establecen regras de adxudicación dos contratos de obras por concurso e polo procedemento negociado na Administración da Comunidade Autónoma.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de febreiro de mil novecentos noventa e seis, adoptou, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, o acordo polo que se establecen regras de adxudicación dos contratos de obras por concurso e polo procedemento negociado na Administración da Comunidade Autónoma.

Coa finalidade de lle dar cumprimento ó establecido no apartado sétimo do citado acordo, que se insire a continuación, ordénase a súa publicación no Diario Ofical de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de febreiro de 1996 polo que se establecen regras de adxudicación dos contratos de obras por concurso e polo procedemento negociado na Administración da Comunidade Autónoma

O 10 de maio de 1995 o Consello da Xunta adoptou un acordo no que se estableceron regras de adxudicación dos contratos de obras por concurso e por contratación directa na Administración da Comunidade Autónoma, coa finalidade de mellora-la obxectivación do sistema de selección dos contratistas.

A posterior entrada en vigor da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, na que, entre outros aspectos, se suprime a contratación directa, e a experiencia obtida na aplicación do citado acordo aconsellan a adopción, ó abeiro dos artigos 87 e 93 da mencionada Lei 13/1995, das seguintes regras de adxudicación dos contratos de obras por concurso e polo procedemento negociado na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia:

Primeiro.-Concurso de obra.

En tódolos pregos de cláusulas administrativas particulares que os órganos de contratación elaboren para a contratación de obras polo sistema de concurso teranse en conta as seguintes regras:

a) Na cláusula correspondente á presentación de proposicións, e particularmente no apartado relativo

ó contido do sobre de referencias técnicas, sinalarase como documentación que deberán presenta-los licitadores a seguinte:

1. Se é o caso, certificación expedida polo órgano competente da Administración que acredite que a empresa realizou a plena satisfacción do certificante, dentro dos últimos cinco anos, obras de natureza análoga á do concurso de que se trate.

2. Certificado expedido pola persoa con capacidade suficiente para representar á empresa licitadora, que acredite o volume de obra executada por ela na Comunidade Autónoma durante os últimos cinco anos.

3. Documento no que a empresa se compromete a ter como delegado de obra, con capacidade suficiente para representala en todo canto afecta á execución desta, a un facultativo con dedicación plena durante o tempo de execución da obra, sendo ademais responsable da súa seguridade.

A empresa deberá acredita-la experiencia do facultativo delegado na dirección das obras de natureza análoga en que participou, así como do equipo técnico que se vaia adscribir á obra, en función da importancia do proxecto, e xuntará currículum detallado deles. A súa substitución ó longo da obra será por técnicos de análogo perfil profesional e deberá ser aprobada pola dirección facultativa.

A Administración, por resolución motivada e por instancia da dirección facultativa, poderá esixir, en calquera momento, o cambio do facultativo e do persoal técnico adscrito á obra.

4. Programa da construcción das obras que aseguren a súa execución nos prazos (total e parciais) e anualidades contractuais, obtido a partir dun estudio de tempo-actividades e a súa coherencia co prazo de execución ofertado.

5. Relación de equipos, maquinaria e demais medios que a empresa se compromete a poñer á disposición da obra.

6. Plan de control de calidade da obra que a empresa manterá durante a súa execución, especificando a porcentaxe que asigne para tal efecto. A Administración reserva para si a aprobación do laboratorio homologado proposto pola empresa.

7. En relación co establecido no artigo 86.b) e 88.1º da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, os licitadores poderán presentar solucións técnicas que, sen alteraren substancialmente o proxecto aprobado, o melloren.

Igualmente, poderanse propoñer melloras que redunden nunha maior calidade constructiva.

En tal caso, os licitadores presentarán un novo orzamento coas medicións e prezos ofertados, e aquelas partidas non orzadas no proxecto aprobado e que se ofertan nesta opción modificada, así como unha memoria na que se indiquen as razóns que xustifiquen esta oferta.

Cando a Administración acepte a proposta con modificacións a dita proposta pasará a ser contractual.

Neste suposto a empresa adxudicataria responsabilízase de que a totalidade da nova medición presentada sexa a precisa para o desenvolvemento e execución normais da obra. Polo tanto, non poderán producirse orzamentos adicionais ou excesos de liquidación, salvo por razóns debidamente xustificadas.

As melloras a que se fai referencia neste apartado deberán estar incluídas nunha única variante.

b) Establecerase unha cláusula na que se fixarán os criterios que se terán en conta para a valoración das proposicións, atendendo ás seguintes regras:

1. Para a valoración das proposicións a mesa de contratación poderá solicitar cantos informes técnicos estime oportunos e, en todo caso, deberá ter en conta o seguinte baremo de puntuación, referido ó contido do sobre de referencias técnicas indicado no anterior apartado a):

Apdo. 1: ata 4 puntos.

Apdo. 2: ata 3 puntos.

Apdo. 3: ata 4 puntos.

Apdo. 4: ata 5 puntos.

Apdo. 5: ata 3 puntos.

Apdo. 6: ata 4 puntos.

Apdo. 7: ata 5 puntos.

2. O concurso seralle adxudicado a algunha das empresas licitadoras que, tendo obtido unha puntuación igual ou superior ós 2/3 da total posible segundo a aplicación que resulte do baremo anterior, presenten unha oferta económica que se encontre situada entre a media e a máis baixa, cando concorran 10 ou menos empresas, ou no tercio das máis baixas cando a concorrencia sexa maior a 10 empresas. En todo caso, a resolución deberá ser motivada. As fracccións consideraranse por exceso.

Para os efectos do parágrafo anterior, quedarán exluídas do cómputo as empresas que fagan unha proposición cunha porcentaxe de baixa que exceda en cinco unidades, polo menos, da media aritmética das porcentaxes de baixa de tódalas proposicións base presentadas polas empresas consideradas neste apartado.

Non obstante, o órgano de contratación poderá, logo dos informes adecuados e da audiencia do adxudicatario, adxudicarlle o contrato a algunha das empresas que de acordo co parágrafo anterior deberan quedar excluídas. Cando a adxudicación se realice en favor dalgunha daquelas empresas esixiráselle unha garantía definitiva polo importe total do contrato adxudicado.

3. Non obstante o anterior, e sempre antes da apertura da oferta económica, o órgano de contratación, por proposta da mesa, poderá non considera-las ofer

tas presentadas por aquelas empresas nas que, aínda alcanzando a puntuación mínima esixida, se aprecien causas, debidamente motivadas no expediente, que xustifiquen a súa exclusión.

Segundo.-Concurso de proxecto e obra.

Para o procedemento de concurso de proxecto e obra, que será utilizado con carácter restrictivo por resolución motivada, o baremo que figura no número 1 do apartado primeiro, b) deste acordo quedará establecido da seguinte forma:

Apdo. 1: ata 2 puntos.

Apdo. 2: ata 2 puntos.

Apdo. 3: ata 2 puntos.

Apdo. 4: ata 2 puntos.

Apdo. 5: ata 2 puntos.

Apdo. 6: ata 4 puntos.

Apdo. 7: ata 15 puntos.

Apdo. 8: ata 6 puntos.

Para este caso modifícase o punto 7 do apartado primeiro, a), e engádese un novo punto 8, os cales quedarán redactados da seguinte forma:

7. Calidade técnica da solución ofertada polo concursante de acordo co prego de prescricións técnicas do concurso promovido pola Administración.

8. Valorarase a mellor relación entre a oferta económica e a calidade do proxecto presentado e dos materiais empregados.

O concurso seralle adxudicado á empresa licitadora que obteña a maior puntuación.

Terceiro.

Tratándose da contratación de obras polo procedemento negociado, previsto no artigo 93 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, e regulado por un decreto da Xunta de Galicia do 8 de febreiro de 1996, cando o número de licitadores non exceda de 10, a proposta de adxudicación deberá recaer nalgunha das empresas cunha oferta económica situada entre a media e a máis baixa. No caso de que as ofertas excedan de 10, a proposta efectuarase en favor dunha das situadas no tercio das máis baixas. As fraccións consideraranse por exceso.

Para os efectos do parágrafo anterior, quedarán exluídas do cómputo as empresas que fagan unha proposición cunha porcentaxe de baixa que exceda en cinco unidades, polo menos, da media aritmética das porcentaxes de baixa de tódalas proposicións base presentadas polas empresas consideradas neste apartado.

Non obstante, o órgano de contratación poderá, logo dos informes adecuados e da audiencia do adxudicatario, adxudicarlle o contrato a algunha das empresas que de acordo co parágrafo anterior deberan quedar excluídas. Cando a adxudicación se realice en favor dalgunha daquelas empresas esixirá

selle unha garantía definitiva polo importe total do contrato adxudicado.

Cuarto.

Os órganos de contratación, logo do informe favorable da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa de Galicia, poderán introducir nos pregos de cláusulas administrativas particulares aplicables ós seus expedientes de contratación as especificacións que esixan as particularidades da licitación, así como adapta-la escala de puntuacións ás esixencias e características do tipo de obra de que se trate.

Quinto.

É obrigatorio aplica-las presentes regras ós concursos de obra e de proxecto e obra que se convoquen a partir do 30 de abril de 1996, e ós procedementos negociados para adxudicación de obras que se inicien a partir da mesma data. Non obstante, poderán aplicarse a partir da data de publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.

Mentres a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa de Galicia non entre en funcionamento, o informe a que se refire o apartado cuarto deste acordo será emitido pola Consellería de Economía e Facenda.

Sétimo.

O presente acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia para facilita-lo seu coñecemento xeral e a súa aplicación.

958