Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 1996 Páx. 2.071

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 1 de marzo de 1996 pola que se convocan axudas para o mantemento de centros de atención á primeira infancia dependentes das corporacións locais.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, atribuíndolle o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Por outra banda, o Ministerio de Asuntos Sociales é o órgano da Administración do Estado ó que lle corresponde a promoción e o fomento dos programas sociais no marco das obrigas estatais e da cooperación coas Comunidades Autónomas.

A Lei 41/1994, de presupostos xerais do Estado para 1995 recollía unha partida orzamentaria destinada a programas de desenvolvemento dos servicios de atención á primeira infancia (0-3), partida que se mantén de acordo co Real decreto Lei 12/1995, do 28 de decembro, sobre medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira. Estes programas poden ser promovidos e xestionados polas comunidades autónomas e as corporacións locais.

Con este fin, os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1996, nas aplicacións orzamentarias 14.02.212A.461.0 e 14.02.212D.460.0 existen partidas orzamentarias consignadas para as axudas que se establecen no articulado da presente orde, nunha contía de 75.182.527 e 34.993.664 ptas. respectivamente.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para subvenciona-lo mantemento de centros dedicados á atención á primeira infancia dependentes das corporacións locais, nos que se preste atención educativa e asistencial preferentemente a nenos/as de 0 a 3 anos.

2. Quedan excluídos da presente orde todos aqueles programas de atención á primeira infancia que polas súas propias características non se apoien para a súa execución en centros municipais de atención á primeira infancia.

Artigo 2º.-Criterios de concesión.

Serán criterios preferentes para a concesión das axudas previstas nesta orde, e co obxecto de darlles continuidade ós centros en funcionamento:

a) Aqueles centros que fosen cofinanciados en anos anteriores con cargo ó programa de atención á primeira infancia (0-3) polo Ministerio de Asuntos Sociales, a Comunidade Autónoma e a corporación local.

b) Os centros de atención á primeira infancia que recibiron subvencións da Consellería de Familia, Muller e Xuventude en anos anteriores e obtiveran unha valoración satisfactoria.

c)As novas solicitudes atenderanse en función da dotación de recursos e criterios de necesidade e poboación.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención de mantemento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 4º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

1. Para cuantificar economicamente as axudas teranse en conta os seguintes módulos de referencia:

Módulo A: centros que posúan unidades de atención a nenos e nenas de 0 a 1 anos e que ofrezan servicio de comedor a estes. Calcúlase o custo máximo para subvencionar por praza neno/mes en 18.000 ptas.

Módulo B: centros que dispoñan de unidades de atención a nenos e nenas de 1 a 3 anos e que ofrezan servicio de comedor a estes. Calcúlase o custo máximo para subvencionar por praza neno/mes en 15.000 ptas.

Módulo C: no caso de nenos e nenas de 1 a 3 anos que presenten minusvalideces físicas, psíquicas ou sensoriais, debidamente diagnosticadas polos equipos de valoración e orientación das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e que utilicen os servicios de comedor. Calcúlase o custo máximo para subvencionar por praza neno/mes en 18.000 ptas.

Módulo D: centros que dispoñan de unidades de atención a nenos e nenas de 1 a 3 anos e que non ofrezan servicio de comedor. Calcúlase o custo máximo para subvencionar por praza neno/mes en 10.000 ptas.

2. Estas axudas calcularanse en función dos nenos atendidos integrantes dunha unidade familiar cunha renda per cápita mensual inferior a 35.000 ptas. estando, en todo caso, supeditada a súa concesión á existencia de crédito suficiente.

3. En caso de non existir crédito suficiente, reduciranse proporcionalmente a contía das axudas de

xeito tal que estas sexan iguais por cada neno-módulo para tódolos concellos que resulten beneficiarios.

Artigo 5º.-Financiamento.

Os concellos deberán participar no financiamento do mantemento do centro polo menos cun 20% do seu orzamento total.

Artigo 6º.-Solicitude e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) acompañada da seguinte documentación:

1. Proxecto educativo do curso 95/96 e previsións ou modificacións para o curso 96/97.

2. Certificación da contía establecida nos orzamentos da corporación local da cantidade específica destinada ó mantemento do centro de atención á primeira infancia no presente exercicio económico.

3. Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida (anexo II).

4. Memoria do centro do curso escolar 94/95.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. A solicitude e maila documentación requirida presentaranse na Dirección Xeral da Familia, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de 1 mes contado a partir do día da publicación da presente orde.

Artigo 8º.-Tramitación.

1. Os órganos responsables da tramitación dos expedientes comprobarán que estes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta e/ou documentos preceptivos para completa-los expedientes, co apercibimento de que, se así non o fixesen nun prazo de 10 días, considerarase que desistiron da súa petición, e arquivarase sen máis trámite segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á comisión central de valoración que terá a función de propoñerlle a concesión ou denegación das axudas ó órgano competente para a súa resolución.

A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: a directora xeral da Familia.

Vocais: 3 funcionarios designados pola conselleira por proposta da directora xeral, actuando un deles como secretario.

Á dita comisión poderá asistir, con voz pero sen voto un representante da intervención competente.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución das axudas por proposta da comisión de valoración e unha vez fiscalizadas pola Intervención, correspóndelle á conselleira de Familia, Muller e Xuventude.

2. As resolucións seranlles notificadas ós interesados debendo ser motivadas as de carácter denegatorio.

3. O órgano competente poderá modifica-las devanditas resolucións se houbese alteración nas circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento.

4. As resolucións concedidas seranlle comunicadas ó Ministerio de Asuntos Sociais para o seu coñecemento.

Artigo 10º.-Convenios de colaboración.

A concesión das axudas poderase suxeitar á formalización dun convenio de colaboración coa corporación local beneficiaria, de acordo coas esixencias establecidas legalmente.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

1. Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación, agás nos casos de formalización de convenios en que se terá en conta o que nel se dispoña.

2. As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe dun millón de pesetas (1.000.000 de ptas) poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, mediante a correspondente certificación de inicio de actividades, e librarase o 20% restante unha vez presentada pola corporación local certificación de que foi realizada a actividade cun gasto igual ou superior á axuda concedida e que esta foi destinada ó fin para o que foi outorgada.

Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida polo órgano competente da corporación do inicio das actividades.

b) Ata o seguinte 50% da subvención sempre que presente certificación emitida polo órgano compe

tente de que os gastos realizados son iguais ou superiores ó 80% da cantidade concedida, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida; neste caso, procederase ó aboamento do 100% da subvención tal e como se específica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade subvencionada cun gasto igual ou superior á axuda concedida.

En todo caso, a dita corporación deberá emitir no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

Artigo 12º.-Outras obrigas.

Os concellos estarán, ademais, obrigados a:

a) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude respecto dos centros subvencionados.

b) Cumpri-la normativa vixente reguladora deste tipo de centros.

c) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins.

Segunda.-As entidades locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acorda-la Consellería de Familia, Muller e Xuventude así como as de control financeiro que lle correspondan á Consellería e Economía e Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.

Terceira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional autonómica, constituirá causa determinante de revogación da axuda ou do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 14/1992, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais para 1993.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral da Familia para dictar cantas disposicións sexan precisas en relación coa presente orde.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

1497