Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 05 de marzo de 1996 Páx. 1.795

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Esgrima.

Visto o Estatuto da federación deportiva galega de esgrima e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 1-11-1995.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade

co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Esgrima

TÍTULO I

Disposicións xerais

Capítulo I

Denominación, natureza xurídica, obxecto social e domicilio

Artígo 1º

A Federación Galega de Esgrima é unha entidade privada, con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, o seu ámbito de territorialidade comprende a Comunidade Autónoma de Galicia no desenvolvemento das competencias que lle son propias, estando integrada polas entidades deportivas, deportistas, técnicos, adestradores, xuíces e árbitros e outros colectivos dedicados á práctica do deporte da esgrima.

A Federación Galega de Esgrima, ademais das competencias que lle son propias, exerce por delegación funcions públicas de carácter administrativo, actuando como axente colaborador da Administración pública.

Artígo 2º

A Federación Galega de Esgrima estructúrase orgánica e funcionalmente de forma democrática e representativa, con personalidade xurídica e patrimonio propio e independente dos seus asociados, e plena capacidade de obrar, dentro do marco legal vixente, podendo adquirir para os seus propios fins toda clase de bens, mobles e inmobles, contratar e obrigarse, para o cumprimento destes fins, e está suxeita ás súas propias responsabilidades.

A Federación Galega de Esgrima encóntrase integrada na Federación Española de Esgrima, ostentando de maneira exclusiva a representación desta dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, conservando en tal integración a súa personalidade xurídica, o seu patrimonio propio e diferenciado, o seu presuposto e seu réximen xurídico particular.

Artigo 3º

A Federación Galega de Esgrima ten como obxecto social promocionar, dirixir e ordenar exclusivamente dentro de Galicia, sen prexuízo das competencias concorrentes das administraciones públicas, as actividades propias da súa modalidade deportiva, en coordinación cos organismos correspondentes da Xunta de Galicia, e rexerase por estes estatutos e os seus regulamentos, polos da Federación Española de Esgrima, no que lle sexan aplicables, polas disposicións da Xunta de Galicia, e supletoriamente, polas da Administración do Estado.

A Federación Galega de Esgrima e a única entidade competente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia para proporcionar, regulamentar, organizar, xestionar e controla-las competicións oficiais de esgrima, nas súa modalidades de espada e florete masculinos e femininos e sabre masculino, nas categorías oficiais de menores de 15 anos, menores de 17 anos, menores de 20 anos e absolutos.

Artigo 4º

A Federación Galega de Esgrima, dentro da súa actividade, na Comunidad Autónoma de Galicia, ademais das súas funcións propias de promoción, goberno, administración, xestión e organización da esgrima, exercerá, baixo a coordinación e tutela da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, as seguintes funcións públicas de carácter administrativo:

a) A promoción e divulgación da esgrima en tódalas súas facetas.

b) Orienta-los deportistas á práctica da esgrima, mediante os oportunos cursos de iniciación, formación e perfeccionamento.

c) Apoiar técnica e administrativamente a práctica da esgrima, velando ante os organismos competentes polo apoio a esta modalidade deportiva dentro de Galicia.

d) Cualificar e organiza-las actividades e competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico galego.

e) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os integrantes da federación nos termos previstos pola lei.

f) Exerce-lo control das subvencións que asignen as asociacións e entidades deportivas nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

h) Calquera outra que lle sexa atribuída pola lexislación vixente ou que acorde, no ámbito da súa competencia, a asemblea xeral.

Os actos realizados pola Federación Galega de Esgrima, no exercicio das súas funcións públicas de carácter administrativo, son susceptibles recurso ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, as súas resolucións esgotan a vía administrativa.

Artigo 5º

O domicilio social da Federación Galega de Esgrima, establécese no Complexo Polideportivo de Elviña, O Birloque s/n, 15008 A Coruña.

A comisión delegada, pór maioría dos seus membros e cando as circunstancias o aconsellen, poderá acorda-lo cambio de domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado de domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma galega, será necesario o acordo maioritario da asemblea xeral, debén

dose, en ámbolos casos, notificarlle o cambio á Secretaría Xeral para o Deporte.

Por acordo da asemblea xeral, e para efectos de organización interna, poderanse establecer delegacións da federación nas localidades de Galicia que decida a asemblea.

Capítulo II

Requisitos para ser membro da federación. Dereitos e deberes

Artigo 6º

As entidades deportivas poderán integrarse, a petición propia, na Federación Galega de Esgrima sempre que teñan o seu domicilio social e desempeñen a súa actividade en Galicia e se encontren constituídas conforme os requisitos esixidos pola lexislación vixente e inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, debendo comprometerse a cumpri-los estatutos e regulamentos da Federación Galega de Esgrima e someterse á autoridade dos órganos federativos, en relación coas materias da súa competencia.

Os mesmos criterios serán de aplicación, no que atinxa, á integración na federación dos deportistas, técnicos, xuíces e árbitros e outros colectivos interesados se os houbera.

Artigo 7º

A integración na federación dos clubs e asociacións deportivas, comportará a automática integración, para tódolos efectos, na Federación Española de Esgrima, e a obriga dos seus afiliados, que practiquen a esgrima, de integrarse na Federación Galega de Esgrima, e na correspondente federación nacional.

Artigo 8º

A integración na federación producirase mediante a expedición da correspondente licencia federativa ou documento de afiliciación ou inscrición.

Contra a denegación, que deberá ser motivada, caberá recurso ante a asemblea xeral.

En todo caso, para a participación nas actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico, será preciso estar en posesión da licencia ou documento acreditativo de afiliación, expedido pola federación.

Artigo 9º

Tódolos membros da federacción teñen dereito a recibi-la súa tutela con respecto ós seus intereses deportivos comúns e individuais, así como o de participar nas súas actividades e no funcionamento dos seus órganos, de acordo cos presentes estatutos e cos regulamentos internos daquela. Os membros da federación teñen, ó mesmo tempo o deber de acata-los acordos dos seus órganos, sen que iso obste o seu dereito ós recursos correspondentes.

TÍTULO II

Dos órganos de goberno e representación

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 10º

Son órganos de goberno e representación da federación, a asemblea xeral e o presidente.

No seo da asemblea xeral, deberá constituírse unha comisión delegada de asistencia a ela.

Artigo 11º

1.-Serán órganos electivos da federación o presidente, a asemblea xeral e a comisión delegada, no ámbito das súas respectivas competencias.

Os membros dos demais órganos e comités, serán designados e revogados libremente polo presidente, coas excepcións previstas nestes estatutos.

2.-O nomeamento ou a renovación dos órganos de goberno e representación dos órganos complementarios e dos comités que puideran crearse no seo da federación, deberán ser comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e á Secretaría Xeral para o Deporte, nun prazo máximo de quince días a partir do nomeamento.

3.-Os órganos de goberno e representación reuniránse na forma e termos establecidos nestes estatutos; os seus acordos, salvo disposición expresa en contrario, adoptaranse por maioría simple en caso de empate o presidente terá voto de calidade. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade coa lexislación vixente e o disposto nestes estatutos.

4.-A responsabilidade dos membros dos órganos da federación no exercicio das suas funcións será esixida no ámbito disciplinario de conformidade co disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, nos ámbitos civil e penal de acordo coa lexislación vixente.

5.-Son requisitos xerais para ser membro de calquer órgano da Federación Galega de Esgrima, sen prexuízo do establecido regulamentariamente, os seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia segundo o disposto no artigo 3º do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar suxeito a corrección disciplinaria de carácter deportivo que o inhabilite.

d) Non ter sido condenado en sentencia penal firme, que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.

e) Non estar incurso en ningunha causa de incompatibilidade legal ou estatutaria.

f) Reuni-los requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.

Capítulo II

Da asemblea xeral

Sección primeira

Natureza, composición, nomeamento e cesamento

Artigo 12º

A asemblea xeral é o órgano superior de goberno e representación da Federación Galega de Esgrima.

Artigo 13º

A asemblea xeral está constituída polo presidente da federación e polos representantes das entidades deportivas, os deportistas, técnicos-adestradores, os xuíces-árbitros e outros colectivos se os houbera.

Os componentes da xunta directiva, por este só carácter, poderán asistir ás reunións da asemblea, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 14º

A asemblea xeral estará integrada por 10 membros, mailo presidente, e a representación dos estamentos sinalados anteriormente responderá ás seguintes proporcións:

-Entidades deportivas o 60%, correspondente 6 membros.

-Deportistas, o 20%, correspondendo 2 membros.

-Adestradores-técnicos, o 5%, correspondendo 1 membro.

-Xuíces-árbitros, o 5%, corresopondendo 1 membro.

Aqueles estamentos obrigatorios, que nas súas porcentaxes non acaden un membro, completaranse ata alcanzalo, sen ter en conta a vulneración das porcentaxes mínimas.

Artigo 15º

A convocatoria de eleccións deberá indicar expresamente o número de membros da asemblea xeral e o de cada un dos estamentos.

Artigo 16º

Os membros da asemblea xeral e a comisión delegada cesarán polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Disolución da entidade á que representan.

c) Expiración do mandato para o que foron elixidos.

d) Renuncia voluntaria ou demisión.

e) Estar incurso en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade legal ou estatutaria.

f) Sanción disciplinaria imposta regulamentariamente, que implique o cesamento no cargo.

g) Perda dos requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento.

Artigo 17º

As vacantes que se produan na asemblea xeral antes das seguintes eleccións xerais a ela, serán cubertas, dentro de cada estamento e de maneira sucesiva, polos candidatos que no proceso electoral obtivesen maior número de votos despois dos electos

e, a falta destes, mediante a realización de eleccións parciais sempre que, neste último caso, as vacantes superen o 20% dos membros da asemblea; o seu mandato terá a duración do tempo que falte para a celebración das seguintes eleccións xerais.

Sección II

Réxime de funcionamento

1.-Competencias

Artigo 18º

A asemblea xeral, en canto órgano máximo de goberno e representación da federación, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre ela, con sometemento ás regras de competencia e procedemento. En especial son competencias da asemblea xeral as seguintes:

1.-A aprobación e modificación dos estatutos da Federación Galega de Esgrima.

2.-A elección, mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto, do presidente e da comisión delegada da Federación Galega de Esgrima, así como o cesamento e a moción de censura ó presidente.

3.-Aprobación e liquidación do orzamento anual da Federación Galega de Esgrima.

4.-Aprobación do programa ou calendario deportivo anual que vai desenvolve-la Federación Galega de Esgrima e das bases ou regulamentos que rexerán a competición.

5.-Aprobación da creación de órganos territoriais da Federación Galega de Esgrima.

6.-Aprobación dos regulamentos electorais da Federación Galega de Esgrima.

7.-Aprobación dos regulamentos sobre conciliación extraxudicial ou arbitraxe.

8.-Aprobación do Regulamento de disciplina deportiva.

9.-Calquera outra competencia non atribuída expresamente a outro órgano.

2.-Convocatoria

Artigo 19º

A asemblea xeral será convocada polo presidente da Federación Galega de Esgrima, cun mínimo de 10 días naturais de antelación á data da súa celebración, no taboleiro de anuncios da federación, debendo incluir necesariamente os puntos da orde do día, ademais da notificación individual a cada un dos membros da asemblea, por calquer medio que permita ter constancia da recepción, con corenta e oito horas de antelación mínima.

Os defectos formais na convocatoria non darán lugar a súa nulidade, sempre que os membros da asemblea recibisen a convocatoria, coa orde do día, no prazo establecido, e, en todo caso, será válida a asemblea, sen ningún outro requisito, sempre que comparezan a totalidade dos seus membros.

A orde do día poderá ser modificada, no sentido de incorporar novos puntos, pola petición fundada da quinta parte dos membros da asemblea xeral, sempre que a solicitude se efectúa coa antelación suficiente para a súa notificación no prazo de corenta e oito horas ós membros da asemblea xeral.

Artigo 20º

O presidente da Federación Galega de Esgrima deberá convocar unha asemblea xeral ordinaria, anualmente, antes do inicio da tempada deportiva, para trata-los asuntos propios da xestión ordinaria, aproba-la memoria anual de actividades, aproba-lo novo orzamento e liquida-lo anterior, aprobación do calendario deportivo e regras que han de rexer-la competición, así como o exame das propostas que formulen os membros da asemblea, da comisión delegada, da xunta directiva e o presidente.

As demais asembleas terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente da Federación Galega de Esgrima sempre que o estime oportuno ou o solicite, polo memos, o 25% de membros da asemblea xeral, neste caso a asemblea deberá ser convocada, coas formalidades citadas, no prazo de 10 días, transcorridos os cales sen producirse a convocatoria, poderán os solicitantes facer uso dos dereitos que a lexislación vixente establece, ante a Secretaría Xeral para o Deporte.

Cando o presidente estime a existencia dunha situación urxente, poderá convoca-la asemblea xeral, sen outro requisito de forma que a notificación persoal ós seus membros, debendo estar presentes polo menos, os 2/3 dos seus integrantes para a súa validez, así como pronunciarse os asistentes, como primeiro punto da orde do día, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade ou non desta. En todo caso nunha asemblea xeral convocada por este medio, non se poderán modifica-los estatutos.

Artigo 21º

A asemblea xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria, cando a ela concorran a maioría dos seus membros.

Na segunda convocatoria será válida sexa cal sexa o número de asistentes. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá mediar un mínimo de media hora.

3.-Adopción de acordos

Artigo 22º

As votacións no seo da asemblea xeral, realizaranse de forma e pola orde que a presidencia estableza, e decidirá sobre a súa condición de ordinarias, nominais ou secretas, salvo que o 25% dos membros da asemblea solicite unha forma determinada de votación, caso en que decidirá a asemblea por maioría simple.

Artigo 23º

A asemblea xeral será presidida polo presidente da federación, e o seu voto será de calidade no caso

de empate. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos asistentes.

Artigo 24º

De tódolos acordos adoptados na asemblea xeral e a comisión delegada levantara acta delas o secretario, especificando o nome dos intervenientes, no contido dos acordos adoptados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado, os cales, ademais das abstencións motivadas, eximirán a quen os emita de calquera responsabilidade derivada do acordo adoptado.

Artigo 25º

Os acordos da asemblea xeral e da comisión delegada, son vinculantes e de obrigatorio cumprimento para a totalidade de órganos, persoas e entidades que integran a federación e terán forza executiva a partir da data da súa adopción.

Artigo 26º

Nin a asemblea xeral nin calquera outro órgano da federación poderá adoptar ningún acordo que poida comprometer de forma irreversible o seu patrimonio ou a actividade que constitúe o seu obxecto.

En caso de dúbida ou por petición do 25% dos membros de dereito da asemblea, será requisito imprescindible a emisión dun informe favorable por parte dos organismos competentes da Xunta de Galicia.

Artigo 27º

1.-No seo da asemblea xeral constituirase a comisión delegada, que terá carácter electivo e será un órgano de goberno e representación de federación.

2.-A comisión delegada será elixida na primeira reunión da asemblea xeral, despois da súa constitución, mediante sufraxio entre os seus membros, e o seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

3.-O número de membros da comisión delegada será o 30% dos membros da asemblea xeral, sen que poida ser inferior a 5 nin superior a 15.

4.-O presidente da federación convocará a comisión delegada a unha reunión, como mínimo cada catro meses, para os fins da súa competencia e polo menos para o seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

5.-Correspóndelle á comisión delegada da asemblea xeral:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

As modificacións non poderán exceder dos límites fixados pola asemblea xeral. A proposta dos temas para tratar na comisión delegada correspóndelle ó presidente ou a 1/3 dos membros desta.

Capítulo IV

Do presidente

Artigo 28º

O presidente da federación é o órgano de goberno e representación que ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación e executa os acordos deles.

Correspóndelle o nomeamento dos delegados nas delegacións que a asemblea xeral establecese.

Artigo 29º

A duración do cargo de presidente será de catro anos.

No caso de que quede vacante a presidencia antes do fin do seu mandato, considerarase demisionaria a toda a xunta directiva, constituíndose en comisión xestora a comisión delegada, presidida polo seu membro de máis idade. Esta convocará á asemblea xeral que haberá de elixir novo presidente para cubri-lo cargo polo tempo que reste ata o final do mandato ordinario. Se a vacante se produce por moción de censura, deberá aterse ó disposto no artigo 32º de estes estatutos.

Artigo 30º

O desenvolvemento do cargo de presidente será incompatible coas seguintes actividades:

a) A ocupación de cargos directivos noutras federacións deportivas, agás a federación española da mesma disciplina deportiva.

b) Desenvolvemento de cargos en asociacións deportivas ou clubs dependentes integrados na federación.

Non existirá incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do deporte.

Artigo 31º

O presidente cesará por:

a) Transcurso do prazo polo que foi elixido.

b) Demisión.

c) Incapacidade física ou psíquica para o desenvolvemento do cargo.

d) Aprobación dunha moción de censura pola asemblea xeral.

e) Estar incurso ou incorrer posteriormente en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade, neste último caso disporá do prazo dun mes para cesar no cargo incompatible co de presidente.

Artigo 32º

A moción de censura ó presidente poderá ser presentada por un número de membros non inferior ó 20% da asemblea xeral, por medio de escrito presentado no rexistro da federación, solicitando ó tempo a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria que como único punto da orde do día teña a moción de censura e propondo un candidato alternativo á presidencia.

Para que prospere a moción de censura deberase acada-lo voto favorable da maioría absoluta dos membros que compoñen a asemblea xeral na primeira votación ou a maioría simple dos asistentes na segunda, celebradas cunha hora de diferencia; neste caso o candidato proposto será investido por un mandato que terá como duración o prazo que reste para concluí-lo período ordinario.

A convocatoria da asemblea xeral para a moción de censura deberá facerse cos requisitos formais establecidos nestes estatutos e será presidida polo membro de maior idade da asemblea, non admitíndose o voto por correo nin a delegación de voto.

Se a moción de censura non prosperase non se poderá presentar outra, antes de transcorridos seis meses, así como, no caso de prosperar, tampouco se poderá promover contra o candidato investido na dita moción, e igual prazo.

TÍTULO III

Órganos complementarios dos de goberno e representación

Artigo 33º

Son órganos complementarios dos de goberno e representación:

a) A xunta directiva.

b) O secretario xeral.

c) O tesoureiro.

Artigo 34º

1.-A xunta directiva é o órgano colexiado de xestión da federación, e os seus membros son nomeados e revogados libremente polo presidente.

O número de membros da xunta directiva será establecido pola asemblea xeral, non podendo ser inferior a 5 nin superior a 15.

O presidente elixirá, entre os membros da súa xunta directiva, un vicepresidente, que o será tamén da federación e que substituirá o presidente por delegación cando sexa preciso, un secretario, e un tesoureiro, como cargos de confianza do presidente serán nomeados e revocados libremente por este.

Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea poderán acudir ás sesións desta, con voz pero sen voto.

Todos estes cargos son honoríficos, e no caso de establecerse unha compensación económica para algún deles, deberá ser expresamente aprobada pola asemblea xeral, debendo constar de maneira diferenciada no orzamento, e non poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación.

2.-O presidente da federación nomeará un secretario xeral da federación, que exercerá a función de dar fe e esesorar, e máis específicamente de:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación, cos requisitos esixidos nestes estatutos.

b) Expedi-las certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.

c) Remitirlle á Secretaría Xeral para o Deporte as actas da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a súa celebración, así como as súas convocatorias.

d) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación, ou lle sexan delegadas polo presidente.

3.-O tesoureiro da federación é o órgano de administración dela.

Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da federación.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos organos da federación.

c) Elaborar e presentar informes á comisión delegada do estado contable da federación.

Artigo 35º

Para ser membro da xunta directiva non será necesario formar parte da asemblea xeral.

Artigo 36º

Os membros da xunta directiva cesarán polas seguintes causas:

a) Vacancia na presidencia, sen prexuízo da súa conversión en comisión xestora nos casos previstos nos estatutos.

b) Demisión.

c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para o desenvolvemento do cargo.

d) Por incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade.

e) Por cesamento directivo do presidente.

Artigo 37º

A xunta directiva, como órgano colaborador do presidente, non terá competencias propias e exercerá por delegación as que lle encomende o presidente que poderá revoga-la delegación en calquera momemto.

Artigo 38º

Os asuntos de trámite ordinarios serán despachados polo presidente e o secretario.

Artigo 39º

A federación poderá crear, logo da súa aprobación pola asemblea xeral, cantas comisións técnicas precise, ademais das seguintes:

a) Os comités de disciplina deportiva: comité de competición ou xuíz único e comité de apelación.

b) O comité de xuíces-árbitros.

c) A dirección técnica.

Tódalas comisións rexeranse polos seus regulamentos internos e, se é o caso, pola normativa nacio

nal, pola lexislación aplicable e o disposto nestes estatutos.

Tódolos presidentes dos comités serán nomeados polo presidente, actuando como secretario o da federación, sen voz e sen voto, salvo que fose membro deles.

Capítulo II

Comité de xuíces árbitros

Artigo 40º

No seo da asemblea xeral da federación constituirase un comité de xuíces-árbitros.

Este comité adoptará a estructura territorial da federación.

Serán funcións deste comité:

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente os xuíces-ábitros, en función de criterios prefixados pola asemblea xeral, propondo á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaránselle á asemblea xeral.

c) Propo-los candidatos a xuíces ou árbitros nacionais.

d) Porpor á xunta directiva as normas administrativas que regulen a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea.

e) Designa-los árbitros nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos demais órganos da federación.

TÍTULO V

Réxime electoral

Capítulo I

Os censos

Artigo 41º

Comporán os censos correspondentes a cada estamento electoral tódolos membros da federación que reúnan os requisitos establecidos para cada estamento nos presentes estatutos e no regulamento electoral.

Terán a condición de electores e elixibles en cada estamento e por tanto comporán o censo electoral:

a) Os tiradores/as que, con plena capacidade xurídica e de obrar, teñan licencia en vigor expedida ata o momento da convocatoria das eleccións, e que a tivesen durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen nas competicións ou actividades de ámbito autonómico e carácter oficial.

b) As entidades deportivas inscritas na Federación Galega de Esgrima, con iguais requisitos cos sinalados no apartado anterior de antigüidade na inscrición e participación.

c) Os técnicos, xuíces e árbitros, cos mesmos requisitos.

Capítulo segundo

Regulamento electoral

Artigo 42º

Os procesos electorais desenvolverán conforme o regulamento electoral, que deberá ser aprobado pola asemblea xeral, a proposta da presidencia e que regulará as seguintes cuestións:

1.-Número de membros da asemblea xeral, circunscricións electorais e representantes que correspondan a cada estamento por circunscrición electoral.

2.-Calendario electoral.

3.-Censos electorais.

4.-Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

5.-Requisitos para a presentación e proclamación de candidaturas. O prazo para presentación de candidatos á presidencia e asemblea xeral non poderá ser inferior a 10 días.

6.-Procedemento e resolución de conflictos, impugnacións e reclamacións, así como recursos electorais.

7.-Regulación do voto por correo ás eleccións á asemblea xeral. Non se admitirá nas eleccións á presidencia nin comisión delegada.

8.-Composición, competencia, número e colocación das mesas electorais.

9.-Procedemento de elección do presidente.

10.-Elección da comisión delegada.

Este regulamento deberá ser ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Capítulo III

Da comisión xestora

Artigo 43º

Acordada a convocatoria de eleccións pola asemblea xeral, o presidente procederá, no prazo que se lle sinale no dito acordo, a convoca-las eleccións á asemblea xeral. A partir deste instante a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora e someterán o regulamento electoral á ratificación sinalada no artigo anterior.

A comisión xestora garantizará a máxima difusión e publicidade das convocatorias electorais á asemblea e á presidencia, así como do regulamento electoral, a través dos medios que permitan asegura-la recepción das notificacións a tódalas entidades deportivas, que as difundirán entre os seus membros. Igualmente, todo iso exporase no taboleiro de anuncios de cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

A comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións no prazo de tres meses, no caso de que non se presentara ningunha candidatura ou non fosen válidas as presentadas.

Capítulo IV

Circunscrición electoral

Artigo 44º

A circunscrición electoral da Federación Galega de Esgrima é unha soa e para todo o territorio da Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de que a asemblea xeral, en exercicio das súas funcións, modifique ou amplíe o seu número e distribución territorial, cando o considere necesario.

Capítulo quinto

Da xunta electoral

Artigo 45º

1.-A xunta electoral estará composta por tres membros, elixidos por votación da asemblea entre as candidaturas que se presenten, na maneira que dispoña o regulamento electoral.

2.-De entre os membros da xunta, o presidente desta será o de maior idade, e actuará como secretario o que o sexa da federación, con voz pero sen voto.

3.-Os membros da xunta electoral non poderán figurar como candidatos á asemblea xeral ou á presidencia da federación.

4.-A xunta electoral terá como competencias controlar todo o proceso electoral, resolve-las incidencias que xurdan sobre o censo electoral, presentación de candidaturas, proclamación de candidatos e membros da asemblea xeral, comisión delegada e presidente da federación, así como a decisión de calquera outra cuestión que afecte directamente a celebración das eleccións e os seus resultados. Unha vez finalizada a votación e o reconto, levantará acta deste e remitiralle á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo de 5 días.

5.-As decisións da xunta electoral son executivas no marco da súa competencia e tomaranse por maioría, tendo o presidente voto de calidade en caso de empate.

6.-Unha vez concluído o proceso electoral na súa totalidade a xunta electoral disolverase.

Capítulo VI

Das mesas electorais

Artigo 46º

Para a elección dos membros dos distintos estamentos da asemblea xeral, constituiranse unha ou varias mesas electorais, na forma establecida no regulamento electoral. Os membros da mesa ou mesas non poderán ser candidatos, e o seu funcionamento axustarase ó disposto no Regulamento electoral.

Capítulo VII

Dos recursos

Artigo 47º

As reclamacións e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral dirixiranse á xunta electoral e contra o que esta resolva caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva, o mesmo recurso caberá contra calquera acto, acordo ou resolución, de calquera órgano ou membro da federación, en materia electoral.

Capítulo VIII

Elección da asemblea xeral

Artigo 48º

1.-Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos, coincidindo cos Xogos Olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo, entre e polos componentes dos diversos estamentos da federación.

2.-As eleccións á asemblea xeral serán acordadas pola mesma que aprobará a convocatoria con tódolos requisitos que se establezan no regulamento electoral que se aprobe.

3.-Acorda a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente quen asinará aquela.

4.-Desde a convocatoria para a celebración de eleccións, a xunta directiva constituirase en comisión xestora, segundo o disposto nestes estatutos.

Artigo 49º

Para ser elector e elixible a membro da asemblea xeral, requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral no Art. 5º e en particular os esixidos polo Art. 41º destes estatutos, os ditos requisitos deberán estar cumpridos o día que se publique a convocatoria.

Artigo 50º

Os representantes das entidades deportivas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os representantes dos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que integren o censo de entidades deportiva, conforme o disposto no artigo 41º destes estatutos.

Os representantes dos deportistas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os maiores de 18 anos correspondentes a cada circunscrición electoral que integren o censo de deportistas, conforme o disposto no artigo 41º destes estatutos, o anterior será de aplicación ó estamento de xuíces-árbitros, que integrarán o censo con independencia da súa categoría, cos requisitos esixidos no dito artigo 41º.

Capítulo IX

Elección do presidente

Artigo 51º

Unha vez concluídas as eleccións á asemblea xeral, ó presidente da comisión xestora, logo de acordo dela, procederá inmediatamente á convocatoria da

dita asemblea para a elección do presidente e comisión delegada da federación.

O presidente será elixido para un perídodo de catro anos que coincidirá cos anos en que se celebren Xogos Olímpicos de inverno, pola asemblea xeral, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto, sen que poida admitirse o voto por correo nin por delegación das persoas físicas, logo da presentación e aceptación das candidaturas corespondentes que deberán estar avaladas, polo menos, polo 10% dos membros da asemblea. Os candidatos a presidente poderán non ser membros da asemblea xeral.

Artigo 52º

Será elixido presidente o candidato que obteña maioría absoluta dos votos, se ningún candidato alcanzase esta maioría procederase a unha segunda votación entre os candidatos máis votados na primeira, resultando elixido o que obteña a maioría dos votos.

Se só se presentase un candidato non se efectuará votación, sendo este proclamado presidente.

Artigo 53º

Para poder ser candidato a presidente da Federación Galega de Esgrima, deberán reunirse as seguintes condicións:

a) Tela condición de cidadán de Galicia segundo o disposto no artigo 3 do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar incurso en ningunha sanción disciplinaria de carácter deportivo que o inhabilite, dictada polos órganos disciplinarios da federación ou polo Comité Galego de Disciplina Deportiva.

d) Non ter sido condenado en sentencia penal firme, que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.

e) Non estar incurso en ningúna outra causa de incompatibilidade legal ou estatutaria.

Capítulo X

Eleccións da comisión delegada

Artigo 54º

Na mesma asemblea xeral convocada para a elección de presidente, e realizada esta, procederase á elección dos membros da comición delegada da asemblea xeral.

A comisión delegada estará composta por un 15% dos membros da asemblea xeral, cun mínimo de 5 membros, incluído o presidente da federación, que serán elixidos por e entre os integrantes da asemblea xeral.

Serán elixidos membros da comisión delegada os que obteñan maior número de votos ata cubri-lo número de membros correspondentes. a ela.

TÍTULO VI

Do réxime económico da federación

Artigo 55º

A Federación Galega de Esgrima está sometida ó réxime de administración, orzamento e patrimonio propio e caixa única.

O tesoureiro someterá á asemblea xeral ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, memoria económica e orzamento para a tempada seguinte; balance e orzamento que deberán ser modificados á Secretaría Xeral para o Deporte.

Non poderá aprobarse un orzamento deficitario, salvo autorización da Secretaría Xeral para o Deporte.

En ningún caso a Federación Galega de Esgrima poderá repartir beneficios entre os seus membros.

A federación elaborará unha memoría que analizará fielmente a súa actividade económica, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que se van desenvolver, e informará como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1.-Diferenciación dos ingresos e aportacións en:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou aportacións privadas.

c) Venda de activos.

d) Ingresos procedentes da organización de competicións.

e) Ingresos por servicios prestados pola federación, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

2.-Tamén constará o destino da totalidade dos recursos dividido, como mínimo, nos seguintes grupos de gasto:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluídos viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmovilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de elite e profesional.

i) Arbitraxe.

j) Órganos xurisdiccionais.

3.-O importe das obrigas de pagamento que sexa necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

4.-O importe das garantías e avais comprometidos.

5.-A liquidación do orzamento, que haberá de explica-las variacións sufridas en relación co orza

mento aprobado na asemblea xeral ordinaria anterior.

As contas anuais e os orzamentos estarán no domicilio social da federación, cunha antelación mínima de 15 días á data da celebración da asemblea xeral ordinaria, a disposción das persoas ou entidades con dereito a voto nela, as cales poderán pedir copia que se lles entregará antes da celebración da asemblea.

Artigo 56º

Constitúen os ingresos da Federación Galega de Esgrima:

a) As subvencións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Galicia ou as que lle concedan outras entidades públicas, así como as que proveñan da Federación Española de Esgrima.

b) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón das persoas físicas ou entidades particulares, así como os premios que lle sexan outorgados.

c) As cotas dos seus afiliados.

d) As sancións pecuniarias que se lles impoñan ós seus afiliados no exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os froitos, rendas e xuros xerados polos seus bens patrimoniais.

f) Os préstamos ou créditos que se lle concedan.

g) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

h) Calquera outro que poida serlle atribuído por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 57º

A Federación Galega de Esgrima destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

Artigo 58º

A xestión económica ordinaria da Federación Galega de Esgrima correrá a cargo de tesoureiro, baixo a supervisión do presidente, coidando das operacións de cobramentos e pagamentos.

Autorizará coa súa sinatura, mancomundada coa do presidente, ou do vicepresidente autorizado, tódolos documentos de movimentos de fondos. Será responsable da levanza e custodia dos libros de contabilidade e formulará os balances que anualmente deberán presentarse á aprobación da asemblea xeral.

TÍTULO VII

Do réxime documental

Artigo 59º

O rexíme documental da Federación Galega de Esgrima comprenderá como mínimo os seguintes libros debidamente dilixenciados:

a) Libro de rexistro de entrada e saída de documentos e comunicacións oficiais.

b) Libro de rexistro de clubs no que constarán a denominación destes, o seu domicilio social e o seu número de inscrición no rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas da Xunta de Galicia.

c) Libros de actas que consignarán as reunións que celebren tódolos órganos colexiados da federación, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Libros de contabilidade.

e) Libro inventario de bens mobles e inmobles.

f) Rexistro de membros da asemblea xeral e da comisión delegada, no que deberán consta-los nomes dos titulares ou representantes legais e os domicilios para as citacións e notificacións.

Artigo 60º

O réxime documental da federación estará a cargo do seu secretario xeral, a quen lle corresponde a custodia dos libros, o levantamento das actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobadas, co visto e prace do presidente, expedir e remiti-las certificacións e acordos que procedan a Secretaría Xeral para o Deporte e, en xeral, prepara-la resolución e despacho de tódolos asuntos.

En caso de ausencia ou imposibilidade física do secretario as súas funcións serán desempeñadas polo propio presidente ou pola persoa en quen delegue.

TÍTULO VIII

Do réxime disciplinario e xurisdiccional

Artigo 61º

A Federación Galega de Esgrima ten potestade, en materia de disciplina deportiva, sobre tódalas persoas que forman parte da súa estructura orgánica, as entidades deportivas, os deportistas, técnicos e directivos, xuíces-árbitros e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas desenvolvan a actividade deportiva que constitúe o seu obxecto social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 62º

Os órganos competentes en materia disciplinaria serán:

a) Na primeira instancia un xuíz único.

b) Na segunda instancia un comité de apelación.

Ámbolos órganos rexeranse por e aplicarán o disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva.

O xuíz único será nomeado pola asemblea xeral, así como os tres membros que integrarán o comité de apelación.

Os seus integrantes poderán ser membros ou non da Federación Galega de Esgrima, neste caso, desde o momento do nomeamento pola asemblea xeral, integraranse na federación.

Artigo 63º

As resolucións dictadas polo comité de apelación no marco das súas competencias terán carácter definitivo no ámbito da Federación Galega de Esgrima e poderán ser recorridas ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva, conforme a lexislación vixente.

TÍTULO IX

Da modificación dos estatutos e da disolución da Federación Galega de Esgrima

Artigo 64º

Os estatutos da Federación Galega de Esgrima só poden ser modificados pola asemblea xeral e de acordo co previsto neles.

Artigo 65º

A proposta de modificación dos estatutos deberá ser acordada polo presidente ou a comisión delegada da federación, cando así o coiden oportuno, o obrigue a lexislación vixente, ou o solicite o 50% dos membros da asemblea xeral.

Aprobada a reforma dos estatutos pola asemblea xeral deberá ser ratificada pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 66º

A Federación Galega de Esgrima extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da maioría do 2/3 dos membros da asemblea xeral, refrendado por maioría absoluta, por tódolos membros da federación, en votación libre, igual, directa e secreta.

b) Polas demais causas que determinen as leis.

Unha vez disolta, procederase á liquidación do seu patrimonio, o patrimonio neto resultante, destinarase ós fins de carácter deportivo de interese xeral, que determine a Secretaría Xeral para o Deporte.

953