Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 05 de marzo de 1996 Páx. 1.805

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Hípica Galega.

Vistos os estatutos da Federación Hípica Galega e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria de 19-12-1995.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995, de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte, e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e auto

riza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Hípica Galega

Adaptados o Decreto 228/1994, de 14 de xullo, do Consello da Xunta de Galicia e orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública de 28-7-1995

I Denominación, obxecto, enderezo e funcións

Artigo 1º

1. A Federación Hípica Galega e con esta denominación, é a entidade privada de utilidade pública constituída por tódolos deportistas, clubs deportivos, técnicos, xuíces e outros colectivos, se os houber, que promovan, practiquen, ou contribúan ó desenvolvemento do deporte da hípica no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Federación Hípica Galega gozará de plena personalidade xurídica e capacidade de obrar.

3. A Federación Hípica Galega rexerase polos presentes estatutos e, no que non se opoña a estes, polos da Federación Hípica Española, todo iso de acordo coas normas que dicte o Consello da Xunta de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte, en particular o Decreto 228/1994, do 14 de xullo, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 28 de xullo de 1995.

Artigo 2º

A Federación Hípica Galega terá competencia exclusiva para dirixir e ordenar dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, tódalas actividades propias e relacionadas co deporte da hípica, en coordinación e baixo a tutela da Secretaría Xeral do Deporte da Xunta de Galicia, sen prexuízo das facultades que poidan corresponder á Federación Hípica Española.

A Federación Hípica Galega terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Regulamentar, promocionar, organizar, xestionar e controla-lo deporte da hípica dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto no campo afeccionado como no profesional, e as competicións oficiais nas seguintes modalidades: salto de obstáculos, concurso completo de equitación, doma clásica, raid, ponis, acoso e derribo, doma vaqueira, enganches, volteo, marchas e turismo ecuestre.

b) Actuar en coordinación coa Federación Hípica Española e as demais federacións de ámbito autonómico para a promoción en xeral da hípica.

c) Facilita-la práctica da hípica a tódolos deportistas en Galicia, promovendo e fomentando a cons

trucción de instalacións e a celebración de probas e competicións.

d) Expedi-la licencia federativa para a práctica deportiva e participación en competicións deportivas oficiais.

e) Tramita-la inscrición no rexistro correspondente da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia de tódolos clubs deportivos de hípica.

f) Aprobar anualmente o calendario deportivo de competicións autonómicas, evitando no posible coincidencias de datas coa Federación Hípica Española en todo o que se refire a compionatos e concursos.

g) Potestade disciplinaria sobre os seus membros.

h) Elaborar e aproba-lo orzamento do exercicio anual, memoria, balance e contas.

i) Colaborar coas administracións públicas o coa Federación Hípica Española na formación de deportistas e técnicos deportivos e na prevención, control e represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos e métodos non regulamentarios no deporte.

j) Celebrar convenios coas administracións públicas e corporacións ou entidades dependentes destas, e outras persoas ou entidades xurídico privadas.

k) Exercer funcións de carácter administrativo que por lei lle corresponda, actuando, neste caso, como axente colaborador das administracións públicas competentes.

l) Exerce-lo control das subvencións que se lles asignen ós membros integrantes da federación.

ll) Executa-los programas e plans de preparación do deporte de alto nivel.

m) Calquera outra actividade relacionada coa regulamentación, organización e funcionamiento do deporte da hípica en Galicia.

n) Exercer por delegación das funcións da Federación Hípica Española en Galicia.

Artigo 3º

O enderezo da Federación Hípica Galega fíxase en Vigo, rúa Príncipe, nº 43 . 6º C, sen prexuízo de que puidese troca-la outra localidade galega por acordo da Asamblea Xeral co voto de 2/3 partes dos asistentes.

A Comisión Delegada poderá acorda-lo troco, dentro do mesmo municipio.

Artigo 4º

Terán o dereito de afiliarse á Federación Hípica Galega:

a) Tódolos deportistas que queiran practicar asiduamente o deporte da hípica e teñan a súa residencia legal en Galicia.

b) Tódolos clubs que, estando inscritos no Rexistro de Clubs da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, teñan en Galicia instalacións adicadas

á práctica da hípica e/ou organicen competicións e/ou actividades deste deporte en Galicia.

c)Tódolos técnicos e xuíces con residencia legal en Galicia.

Artigo 5º

Os afiliados terán a obriga de contribuír ás atencións ó orzamento da Federación Hípica Galega mediante o pagamento das cotas que sexan establecidas pola asemblea xeral, e han de someterse ás normas disciplinarias dictadas pola federación, e han de respecta-los regulamentos deportivos, nacionais e estranxeiros, admitidos pola Federación Hípica Galega.

II

Órganos de goberno e representación da Federación Hípica Galega

Artigo 6º

Os órganos de goberno e representación da Federación Hípica Galega, con carácter necesario, son a asemblea xeral e o presidente.

No seo da asemblea xeral deberá constituirse unha Comisión Delegada que axudará á Asemblea Xeral como órgano complementario dos anteriores; haberá un secretario xeral, un tesoureiro e unha Xunta Directiva que axudará ó presidente.

A Asamblea Xeral, a súa Comisión Delegada e o presidente son órganos electivos. Os demais son de libre designación do residente, os cales poderán ser revogados por el cando o considere oportuno e cesan cando cese o presidente.

1. Da asemblea xeral

Artigo 7º

A asemblea xeral é o máximo órgano de goberno da Federación Hípica Galega. Será competente para coñecer tódolos asuntos concernentes e relacionados coa modalidade deportiva de hípica, de conformidade co disposto nos presentes estatutos.

Os seus membros serán elixidos cada catro anos coincidindo cos anos de celebración dos Xogos Olímpicos de inverno (salvo casos excepcionais autorizados pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia) por sufraxio libre, igual, directo e secreto ante e polos que compoñen cada estamento.

Os seus acordos serán de inmediato executados e obrigarán a tódolos membros da Federación Hípica Galega, sen prexuízo dos recursos que procedan.

Artigo 8º

Son facultades da asemblea xeral con carácter necesario, as seguintes:

a) A elección e nomeamento do presidente da Federación Hípica Galega e dos membros da Comisión Delegada, así como o cesamento de todos eles.

b) A aprobación, reforma e modificación dos presentes estatutos.

c) A aprobación do orzamento, memoria, balance e contas de cada exercicio anual, determinando as achegas que terán que face-los afiliados.

d) Aproba-los actos de disposición e gravames de bens mobles e máis inmobles, así como os actos de xestión que supoñan a aceptación de préstamos, emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial e venda de valores mobiliarios integrantes do patrimonio federativo.

e) Aprobar e resolve-lo voto de censura ó presidente da Federación Hípica Galega, presentado cando menos por un quinto dos membros da asemblea xeral en escrito por eles asinado, con expresión das razóns ou motivos, así como ós membros da Xunta Directiva, cos mesmos requisitos.

f) Optar, por cesamento anticipado do presidente, entre a celebración de eleccións ou que o vicepresidente ocupe o cargo o tempo que resta de mandato. Así mesmo no caso de calquera membro da Xunta Directiva.

g) Aproba-lo Regulamento de disciplina deportiva.

h) Aproba-lo Regulamento de réxime electoral polo que se rexerán as eleccións dos órganos de goberno e representación no que non estea previsto nestes estatutos.

i) Aprobar o exercicio complementario de actividades de carácter industrial, comercial, profesional, ou de servicios e destina-lo seus bens e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderá repartir beneficio entre os seus membros.

j) Resolver calquera outro asunto da competencia da asemblea.

k) Aprobar anualmente o calendario deportivo de competicións que sexan da súa competencia.

l) Regulamenta-lo deporte da hípica dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto no campo afeccionado como no profesional.

Composición da asemblea

Artigo 9º

1. A asemblea xeral estará constituída polo presidente e por representantes dos seguintes estamentos:

-Clubs deportivos ou entidades deportivas inscritos na federación e no Rexistro de Clubs da Xunta de Galicia.

-Deportistas.

-Técnicos (xefes de pista, profesores e monitores con título homologado pola F.H.E. ou a F.H.G.)

-Xuíces e árbitros (xuíces de campo).

2. A asemblea xeral da Federación Hípica Galega estará composta de acordo coa seguinte proporción e sempre cun representante como mínimo:

-Entre un 60% y un 70% de clubs, entidades deportivas, incluso sociedades anónimas deportivas.

-Un 20% de deportistas.

-Un 5% de técnicos, (xefe de pista, profesor ou monitor).

-Un 5% de xuíces ou árbitros.

Convocatoria da asemblea xeral

Artigo 10º

1. A asemblea xeral será necesariamente convocada con carácter ordinario unha vez ó ano polo presidente da Federación Hípica Galega antes de se iniciar a tempada deportiva, para aproba-las contas do anterior exercicio, os presupostos do exercicio corrente, o calendario deportivo e mailas materias da súa competencia e a memoria das actividades da tempada anterior.

2. A convocatoria da asemblea xeral ordinaria coa orde do día farase pública no taboleiro de anuncios da federación e nas súas delegacións territoriais, e individualmente a cada un dos seus membros por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción polo menos con 48 horas de antelación. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá mediar un mínimo de 30 minutos.

3. A convocatoria da asemblea xeral extraordinaria farase pública cos mesmos requisitos previstos no apartado anterior e poderá ser convocada polo presidente ou por este, por proposta de membros desta non inferior ó 25%, e sempre por un mínimo de 4, por medio de solicitude por escrito expresando os asuntos que se van tratar. O presidente deberá convocala no prazo de 10 días naturais, sen que desde a convocatoria ata a data de celebración poidan transcorrer máis de 20 días naturais.

4. A asemblea xeral, tanto a ordinaria como a extraordinaria, quedarán validamente constituídas en primeria convocatoria, cando concorran a metade máis un dos seus membros, e en segunda, sexa cal fose o número de asistentes. A segunda celebrarase 30 minutos máis tarde.

5. Os acordos da asemblea adoptaranse por maioría simple de votos dos asistentes, con excepción daqueles que supoñan actos de disposición ou gravame de bens mobles e inmobles e calquer modificación dos presentes estatutos; estes acordos precisarán dos dous tercios de votos favorables dos membros asitentes.

6. Os votos son persoais e non se admitirá a súa delegación, correspondendo a cada un dos membros da asemblea un voto.

Poderá delegar unicamente o presidente dun club noutra persoa da súa Xunta Directiva, e de acordo cos estatutos do club, con carácter expreso e escrito para cada reunión. A persoa en quen delegue non pode ser membro da asemblea por ningún dos seus estamentos.

7. O presidente da Federación Hípica Galega poderá autoriza-la asistencia á asamblea de calquera persoa física ou representante de persoa xurídica, que, malia non ter dereito de asistencia, poida resultar

conveniente a súa presencia polos seus coñecementos sobre o deporte da hípica ou dos temas que se van tratar. Estes asistentes terán voz pero non voto.

Ningún poderá ostentar máis dunha delegación de voto.

8. O presidente da federación, ou quen regulamentariamente o substitúa, presidirá a asemblea e dirixirá os debates. O seu voto será dirimente en caso de empate.

9. Se a asemblea xeral e a Comisión Delegada non fosen convocadas polo presidente ou non o fosen no prazo establecido levará a cabo tal convocatoria a Secretaría Xeral para o Deporte.

10. A asemblea xeral poderase reunir en Pleno ou en Comisión Delegada.

2. Da Comisión Delegada

Artigo 11º

A Comisión Delegada estará composta por cinco membros integrantes da asemblea xeral mailo presidente, que será o da Federación Hípica Galega, elixidos na seguinte forma ante e por a asemblea xeral mediante sufraxio entre os seus membros.

-Membros elixidos por e entre os representantes dos clubs deportivos.

-Membros elixidos por e entre os representantes dos deportistas.

-Membros elixidos por e entre os representantes dos técnicos (xefes de pista, profesores, monitores con título homologado pola F.H.E. ou a F.H.G.).

-Membros elixidos por e entre os representantes dos xuíces (xuíces de campo).

O presidente terá voto dirimente en caso de empate nas reunións da Comisión Delegada.

A duración do seu mandato será a mesma, coincidirá co da asemblea xeral como membros que son desta. As vacantes que se produzan cubriranse co seguinte candidato máis votado no respectivo estamento.

Na mesma data establecida no regulamento e calendario electoral para a celebración da asemblea xeral para a votación e elección do presidente, celebrarase á elección dos membros da Comisión Delegada; a Mesa Electoral será a mesma que a constituída para as eleccións de presidente.

Serán candidatos para os distintos estamentos quen así llo manifeste á Xunta Electoral nos prazos establecidos no regulamento e calendario electorais.

No caso de non haber suficientes candidatos para algún estamento teranse por tales a tódolos membros deste.

Artigo 12º

A Comisión Delegada será convocada polo presidente, como mínimo, unha vez cada catro meses.

Facultades da comision delegada

Artigo 13º

a) Modificación do calendario deportivo.

b) Modificación dos orzamentos.

c) Modificación dos regulamentos.

d) Elaboración dun informe previo á elaboración dos orzamentos.

e) O seguimento da xestión deportiva e económica da Federación Hípica Galega mediante a elaboración dun informa anual á asemblea xeral sobre a memoria de actividades e a liquidación dos orzamentos.

f) Nomea-la auditoría anual que establece o artigo 32º.4.

3. Do presidente

Artigo 14º

O presidente da Federación Hípica Galega é o órgano de goberno e representación ó que lle corresponde a xestión e a administración e a execución dos acordos da asemblea, Comisión Delegada e, se é o caso, da sua Xunta Directiva.

En consecuencia, terá a representación legal da federación e exercerá as facultades executivas que lle correspondan, de acordo co establecido nas leis e nas normas estatutarias e regulamentarias.

Nomeamento e requisitos

Artigo 15º

1. A asemblea xeral elixirá o presidente da Federación Hípica Galega mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto.

2. Para ser presidente da Federación Hípica Galega é preciso reuni-los seguintes requisitos:

-Ser español e cidadán de Galicia segundo o artigo 3 do Estatuto de autonomía.

-Ser maior de idade.

-Non atoparse incurso en expediente deportivo sancionador, nin incorrer en sanción deportiva que o inhabilite.

-Estar en pleno uso dos dereitos civís.

-Non é preciso ser membro da asemblea xeral.

Duración e cesamento

Artigo 16º

1. O nomeamento do cargo de presidente terá unha duración máxima de catro anos coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de inverno, salvo causas excepcionais autorizadas pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e poderá ser reelexido por máis períodos de igual duración. O cargo será honorífico e, en caso extraordinario, cando se estableza unha compensación económica xustificada, ten que ser expresamente acordada por maioría absoluta da asamblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación. O presidente

non poderá exercer actividades de técnico, xuíz, profesor ou directivo de club hípico, sexa onerosa ou gratuitamente.

2. O presidente da federación cesará nas súas funcións:

a) Por cumprimiento do prazo para o que foi elixido.

b) Por dimisión.

c) Por cesamento acordado pola asamblea.

d) Por calquera causa determinada nas leis.

e) Por sanción disciplinaria e acordo coa normativa vigente.

f) Por concorrer causa de inelixibilidade sobrevida ou incompatibilidade legalmente prevista.

Artigo 17º

A moción de censura ó presidente poderá serlle presentada polo menos por un quinto dos membros da asemblea xeral mediante escrito presentado no rexistro da federación. Na dita petición deberán solicitar do presidente a convocatoria dunha asamblea xeral extraordinaria coa dita moción como único punto da orde do día así, como propoñer un candidato alternativo á presidencia.

No caso de prospera-la moción de censura, que se votará nun sistema de doble volta, debendo alcanza-la maioría absoluta de membros que compoñen a asamblea na primeira ou maioría simple de asistentes na segunda, celebradas cunha hora da diferencia, o candidato quedará investido, cun mandato polo prazo que falte para concluí-lo período ordinario.

Para a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria á que se refire este artigo, estarase ó disposto no artigo 10 destes estatutos. A sesión da asemblea xeral en que se debata a moción de censura, estará presidida polo membro de maior idade. Non será válido o voto por correo nin a asistencia por representación.

Se a moción de censura non prosperase, non poderá presentarse unha nova dentro do mesmo período de mandato, como tampouco poderá presentarse, caso de prosperar, contra o candidato investido na dita moción polo período dun ano.

4. Da Xunta Directiva

Artigo 18º

Os membros da Xunta Directiva serán nomeados e cesados libremente polo presidente que é o órgano de xestión a quen lle corresponde o exercicio das competencias que lle recoñecen os presentes estatutos.

Composición da Xunta Directiva

Artigo 19º

1. A Xunta Directiva estará composta por un número mínimo de 5 membros e un máximo de 15.

2. A Xunta Directiva estará formada por un presidente, que será o da Federación Hípica Galega,

un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e, os restantes, vocais.

3. Os membros da Xunta Directiva que non sexan da asamblea xeral terán libre acceso ás sesións da dita asemblea, con dereito a voz, pero sen voto.

Artigo 20º

A Xunta Directiva reunirase, con carácter ordinario, como mínimo unha vez cada 4 meses, e con carácter extraordinario sempre que a convoque o presidente por propia iniciativa ou por petición dun tercio dos seus membros.

A convocatoria poderá facerse oralmente ou por escrito, cunha antelación mínima de sete días naturais á data de celebración, excepto en casos de urxencia nos que poderá ser convocada telegraficamente con 48 horas de antelación.

Artigo 21º

A Xunta Directiva quedará validamente constituída coa asistencia, como mínimo, do presidente ou vicepresidente (en caso de delegación) e do 50% dos restantes membros.

Os acordos tomaranse por maioria simple, sendo o voto da presidencia dirimente en caso de empate.

Artigo 22º

1. O vicepresidente substituirá ó presidente da federación nos supostos de delegación, ausencia, enfermidade, cesamento, no caso de que o acorde a asemblea xeral, ou por calquera outra imposibilidade física ou legal.

2. O secretario da Xunta Directiva, que será secretarío xeral da federación, terá ó seu cargo a custodia dos libros de actas, dos libros de rexistro, e de toda a documentación da Federación Hípica Galega que se enumera no artigo 38º; levantará as actas das sesións de tódolos órganos de goberno e representación, remitindo, no prazo de 15 días desde a súa celebración, á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, copias das actas da sesión da asemblea xeral e da Comisión Delegada, e expedirá as certificacións do seu contido co visto e prace do presidente. Nomea o presidente.

O secretario comunicará ó presidente, no prazo de 48 horas, a moción de censura que se presentara contra este cos requisitos sinalados nestes estatutos.

3. O tesoureiro terá ó seu cargo a administración e inspección económica de tódolos órganos da federación, do patrimonio federativo; autorizará coa súa sinatura e a do presidente ou a dos membros da Xunta Directiva que o presidente designe, todos aqueles documentos que signifiquen movemento de fondo e rexistrará tódalas operacións de cobros e pagamentos, formulando tamén os balances que periodicamente han de ser presentados á Xunta Directiva e a asemblea xeral e elaborará os orzamentos, balances e contas anuais, e levará a contabilidade.

Facultades da Xunta Directiva

Artigo 23º

Correspóndelle á Xunta Directiva as máis amplas e ilimitadas facultades para o goberno e administración da federación, podendo, en nome dela, executar e outorgar toda clase de actos e contratos, ben sexa de mera administración, ben de rigoroso dominio, ou de disposición e adquisición de toda clase de bens, tanto de carácter mercantil como civil, procesual, administrativo, laboral, contencioso ou de calquera outra índole, así como conferir apoderamentos con carácter xeral ou especial a favor de terceiros, coa soa excepción dos expresamente reservados á asemblea xeral, Comisión Delegada e presidente.

Duración e cesamento da Xunta Directiva

Artigo 24º

Os nomeamentos dos membros da Xunta Directiva terán unha duración máxima da catro años e poderán ser nomeados do novo para os mesmos cargos ou distintos. Os cargos serán honoríficos e nunca retribuídos, excepto no caso do presidente ou persoa que o substitúa. Segundo no artigo 16º destes estatutos.

Os membros da Xunta Directiva cesarán nesta cando lles sexan aplicables, nos mesmos e polas mesmas causas que o presidente da federación, ou se foran cesados por este.

5. Dos comités

Artigo 25º

A Xunta Directiva da Federación Hípica Galega poderá designar cantos comités considere necesarios, nomeando o seus respectivos presidentes, e tales como: o comité de competicións, o de apelación, o de xinetes menores, o de ponis, os de distintas especialidades ecuestres, o de xuíces, o de técnicos, etc...

Soamente será obrigatoria a constitución do Comité de xuíces, no cal o seu presidente será designado polo presidente da Federación Hípica Galega, sendo as funcións deste comité:

a) Establece-los niveis de formación dos xuíces.

b) A súa clasificación técnica.

c) Propoñe-los candidatos a xuíces nacionais.

d) Os nomeamentos destes para a competición do calendario da Federación Hípica Galega.

III

Dos clubs deportivos

Artigo 26º

Para os efectos dos presentes estatutos enténdese por club deportivo de hípica, aquelas asociacións privadas, integradas por persoas físicas ou xurídicas que entre os seus fins teñan por obxecto a promoción e práctica do deporte da hípica e que cumprindo cos requisitos establecidos no capitulo II da Lei

10/1990, do 15 de outubro, se encontren inscritos no Rexistro da Federación Hípica Galega e con sección hípica no da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Obrigas dos clubs deportivos

Artigo 27º

Os clubs hípicos federados en Galicia teñen entre outras, as seguintes obrigas:

a) Someter á Federación Hípica Galega a aprobación dos seus calendarios anuais das probas que desexen celebrar supeditadas ás normas vixentes en cada momento, evitando no posible coincidencias de datas coas probas organizadas pola Federación Hípica Española ou por outras da Federación Hípica Galega.

b) Contribuír ás atencións dos orzamentos federativos na forma que lle corresponda, por acordos validamente adoptados pola asemblea por proposta da Xunta Directiva.

c) Remitir á Federación Hípica Galega, unha vez finalizadas as probas deportivas, relación detallada de tódolos participantes, xunto cos resultados.

IV

Réxime disciplinario

Artigo 28º

A Federación Hípica Galega ten a facultade de investigar e, se é o caso, sancionar ou corrixi-las persoas sometidas á súa disciplina deportiva.

Están suxeitas á potestade disciplinaria da Federación Hípica Galega:

a) Tódalas persoas que forman parte da súa estructura orgánica.

b) Os clubs deportivos, os seus directivos, deportistas, técnicos, y xuíces afiliados á Federación Hípica Galega.

c) En xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva da hípica no territorio de Galicia.

Artigo 29º

A Federación Hípica Galega elaborará no prazo de seis meses un regulamento de disciplina deportiva no que se establecerá un réxime de faltas y de sancións para todas aquelas accións ou omisións tipificadas como infraccións ós presentes Estatutos, ás normas e decisións adoptadas polos órganos da Federación Hípica Galega, así como á disciplina social federativa en xeral e infraccións de carácter deportivo e de competición. O contido do regulamento de disciplina, inexcusablemente, observará as prescricións legais que ó respecto establece o título XI da Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, e demais disposicións legais aplicables, establecendo o procedemento para imposición de sancións e os correspondentes recursos, baixo os principios de legalidade, defensa e audiencia.

Artigo 30º

Para as infraccións cometidas nunha competición deportiva oficial coñecerá, en primeira instancia, o xurado da competición e, en segunda instancia, o Comité de Apelación que designe a Xunta Directiva contra o cal caberá recurso de alzada ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Para as infraccións alleas a unha competición deportiva a Xunta Directiva designará un instructor e secretario que non sexan membros da mesma nin da Comisión Delegada, os que formularán por proposta de resolución que resolverá en primeira instancia a Comisión Delegada. Contra a resolución desta cabe recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

En tódolos expedientes disciplinarios haberá de ser oído en audiencia o expedientado, o cal poderá propoñer cantas probas considere oportuno.

V

Réxime económico

Artigo 31º

1. A Federación Hípica Galega poderá ter patrimonio propio. O patrimonio da Federación Hípica Galega estará integrado polos bens ós que corresponde a súa titularidade.

2. Son recursos da federación, entre outros, os seguintes:

a) As subvencións e transferencias que as entidades públicas lle poidan conceder.

b) A porcentaxe que lle sexa asignada pola Federación Hípica Española.

c) As achegas, cotas ou outros dereitos que satisfagan os deportistas, técnicos, xuíces, e clubs, segundo determine a asemblea coa aprobación do orzamento de cada exercicio.

d) Os froitos do seu patrimonio.

e) As doazóns, herdanzas, legados e premios que lle sexan outorgados.

f) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realicen.

g) Os préstamos ou créditos que obteñan.

h) As sancións pecunarias que se impoñan ós seus afiliados, de conformidade coa lexislación vixente.

i) Calquera outro que lle poida ser atribuído por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 32º

1. A Federación Hípica Galega ten orzamento propio. A economía da Federación Hípica Galega axustarase ó orzamento que se elaborará anualmente e que aprobará a asemblea xeral, por proposta da Xunta Directiva. A asemblea xeral non poderá aprobar orzamento deficitario, salvo autorización da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

2. Na administración e xestión do orzamento e patrimonio, a federación poderá:

a) Promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó público, aplicando os beneficios económicos, se os houber, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

b) Gravar e allea-los seus bens inmobles, tomar diñeiro ou préstamo e emitir títulos representativos de débeda o de parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou o seu obxecto social. Cando a súa contía supere o 25% do seu orzamento anual ademais do acordo da asamblea xeral será impresdincible o informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Cando se trate de bens inmobles que foran financiados, en todo ou en parte, con fondos públicos da Administración Autonóma, será preceptiva a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

3. A Federación Hípica Galega non poderá comprometer gastos de carácter plurianual sen autorización previa da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, cando a natureza do gasto, ou a porcentaxe deste en relación co seu orzamento anual supere o 10% deste ou supere o período do mandato do presidente.

4. A federación someterase anualmente a auditorías financeiras, e, se é o caso, de xestión e documentación, así como a informes de revisión limitada, sobre a totalidade dos gastos a requirimiento da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 33º

A Federación Hípica Galega pode exercer, complementariamente, actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderá repartir beneficios entre os seus membros.

Artigo 34º

En caso de disolución da Federación Hípica Galega o seu patrimonio neto, se o houber, recibirá o destino que estableza a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 35º.-Os fondos da Federación Hípica Galega serán depositados nunha ou máis contas de establecementos bancarios ou caixas.

Para dispoñer destes fondos precisarase a sinatura conxunta de dúas persoas designadas pola Xunta Directiva e membros da mesma, das cales inexcusablemente un ha de se-lo tesoureiro da Federación Hípica Galega.

VI

Réxime electoral

Artigo 36º

O réxime electoral da Federación Hípica Galega será o regulado polo regulamento electoral da dita federación.

Incompatibilidades

Artigo 37º

As incompatibilidades serán as establecidas na lexislación vixente e as que poidan establecerse por vía regulamentaria.

VII

Réxime documental

Artigo 38º

A Federación Hípica Galega levará obrigatoriamente os seguintes libros:

a) Libro rexistro de clubs deportivos, no que deberá consta-las denominacións e o enderezo social.

b) Os libros das actas da federación, onde se consignarán as reunións que celebra a asemblea xeral, a Comisión Delegada e a Xunta Directiva expresando a data, asistentes, asuntos tratados e acordos adoptados. As actas serán asinadas polo presidente e secretario do órgano correspondente.

c) Libros de contabilidade, nos que figurarán o patrimonio, dereitos, obrigas, ingresos e gastos da federación con indicación da procedencia dos ingresos e investimento dos gastos.

d) Libro rexistro de tódolos deportistas, técnicos, xuíces, árbitros y organizacións privadas de competicións adicadas á hípica en Galicia onde constarán nome, apelidos, enderezo, número da licencia federativa, data de inscrición e participación en probas deportivas.

e) Libro rexistro de bens mobles e inmobles.

VIII

Aprobación e reforma de estatutos e regulamentos

Artigo 39º

A aprobación e modificación dos estatutos e regulamentos é competencia da asemblea xeral en pleno e en sesión extraordinaria. A asemblea xeral poderá delegar na súa comisión a modificación dos regulamentos, fixándolle previamente os criterios e límites que hai que seguir.

IX

Causas de extinción e disolución da federación

Artigo 40º

A federación poderá disolverse polas seguintes causas:

a) Por acordo da asemblea xeral adoptado por unha maioría de dous tercios da totalidade dos seus membros, ratificado pola Secretaría Xeral do Deporte da Xunta de Galicia.

b) Por cualquera outra causa prevista na lexislación vixente.

95-1273