Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 01 de marzo de 1996 Páx. 1.693

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de febreiro de 1996 pola que se clasifica como benéfico-docente a Fundación Belarmino Fernández Iglesias.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Belarmino Fernández Iglesias, con domicilio en Pazo de Ribas, Rosende, concello de Sober, Lugo.

Supostos de feito.

1. Belarmino Fernández Iglesias na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 9 de febreiro de 1996, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día dous de febreiro de 1996, perante o notario Ildefonso Sánchez Mera, co número seiscentos vinte do seu protocolo, por Belarmino Fernández Iglesias, casado en gananciais con Aglae Mazorra Fernández, intervindo no seu propio nome e ademais no nome e representación da súa dona, sendo rectificada por outra do nove de febreiro perante o mesmo notario e co número setecentos vinteseis de protocolo.

3. Segundo consta no artigo catro dos seus estatutos o obxecto e finalidade da fundación é a formación cultural dos veciños de Rosende e comarca, e por actividade principal e prioritaria a formación profesional nas actividades de hostelería e turismo, sen prexuízo de poder atender calquera outro fin educativo ou cultural que o padroado estime oportuno.

Ademais desta finalidade fundamental, a fundación poderá conceder axudas económicas para realizar estudios de toda clase e nivel, mediante a oportuna convocatoria pública de méritos e tendo en conta como criterio preferente para o seu tratamento a escaseza de medios económicos dos solicitantes.

4. O padroado da fundación estará constituído por Belarmino Fernández Iglesias como presidente, Belarmino Fernández Iglesias Filho como vicepresidente, Manuel Viéitez Rodríguez como secretario, Aglae Mazorra Fernández, José Carlos Fernández Iglesias, Luis Fernando Fernández Iglesias, Gilberto Pérez Vega, Carlos Mantilla Rodríguez, José Enrique Fernández Piñeiro, o director do Instituto de Formación Profesional A Pinguela, o delegado provincial de Educación de Lugo e o presidente da Asociación de Veciños de Rosende, como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevanlle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-docente da Fundación Belarmino Fernández Iglesias, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-docente e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño,e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias, establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 19 de febreiro de 1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-docente a Fundación Belarmino Fernández Iglesias, e adscribila á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

1502