Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 29 de febreiro de 1996 Páx. 1.659

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 31 xaneiro de 1996 pola que se convocan subvencións a particulares, asociacións e institucións culturais para a realización de actividades culturais.

A Consellería de Cultura creou o Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais, polo Decreto 334/1994 do 8 de setembro coa finalidade de acoller tódalas propostas de carácter cultural que lle formulen os particulares, asociacións e institucións de carácter cultural. Estas actividades abranguen os máis diversos aspectos da cultura nos campos de promoción e cooperación cultural audiovisuais e fotografía, difusión e animación sociocultural, teatro afeccionado, música, danza, artes plásticas, e en xeral as diversas expresións artísticas do ser humano, que mantiveron aceso durante moitos anos o facho da nosa identidade como pobo e aínda o seguen a manter na actualidade. Por outra parte, as máis das asociacións e institucións culturais carecen doutros ingresos como non sexan as escasas aportacións dos seus membros e as axudas que poidan conseguir de administracións públicas, empresas privadas e mesmo de particulares. A Consellería de Cultura quere contribuír ó desenvolvemento das actividades

culturais estimulando o asociacionismo cultural, instrumento idóneo da dinamización sociocultural.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

En virtude do disposto no artigo 6 do Decreto 334/1994, do 8 de setembro, polo que se crea o Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais, convócanse subvencións a particulares, asociacións e institucións culturais de Galicia, destinadas á realización daqueles proxectos que resulten preseleccionados pola Consellería de Cultura nos campos de promoción e cooperación cultural, audiovisuais e fotografía, difusión e animación sociocultural, teatro afeccionado, música, danza e artes plásticas, con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353.B.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Artigo 2º

2.1. Poderán optar a estas subvencións os particulares, asociacións e institucións culturais legal

mente constituídas, sen ánimo de lucro e que realicen a súa actividade en Galicia.

2.2. Quedan excluídas aquelas que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 3º

Os solicitantes presentarán o seu proxecto segundo o establecido no artigo 2.3º do Decreto 334/1994, do 8 de setembro, no Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura segundo modelo que figura como anexo desta orde, xunto coa da seguinte documentación:

-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

-Memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar indicando o seu ámbito territorial e social, así coma a forma de executalas ben directamente, en colaboración coa Administración autonómica, asociacións ou institucións.

-Orzamento de ingresos e gastos da actividade con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

-Breve memoria das actividades realizadas ata o ano 1995 polo solicitante.

Artigo 4º

Recibidas as solicitudes de subvención e demais documentación, inscribiranse no Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais, e serán analizadas pola Comisión de Programación e Coordinación de Iniciativas Culturais quen elevará proposta ó conselleiro de Cultura que resolverá, dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 5º

Na valoración de solicitudes, de acordo co previsto no artigo 4 do Decreto 334/1994, do 8 de setembro, teranse en conta os seguintes aspectos:

A) Importancia e interese cultural da correspondente proposta.

B) Novidade ou antecedentes dela.

C) Ámbito territorial e social da proposta, e posible repercusión na imaxe interior e exterior de Galicia ou da súa cultura.

D) Valoración económica da proposta.

E) Conveniencia de asumi-la proposta, con indicación do sistema máis adecuado para desenvolvela, ben directamente pola Administración ou ben polos propios autores da iniciativa, con ou sen colaboración doutros axentes culturais (asociacións e institucións).

Artigo 6º

6.1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que

foron concedidos, debendo comunicar á Dirección Xeral de Cultura lugar, día e hora da actividade subvencionada, así como comunicar calquera modificación da actividade. A Dirección Xeral de Cultura poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

6.2. Unha vez concedida a subvención e aceptada polo solicitante, librarase a cantidade adxudicada, de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

6.3. Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas, no prazo dos quince días naturais posteriores á realización das actividades e en todo caso antes do 1 de novembro do ano 1996, mediante a aportación de xustificantes acreditativos, orixinais e dúas fotocopias, de que a actividade foi realizada.

6.4. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura - Dirección Xeral de Cultura utilizando a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia, cumprindo coa normativa vixente esixida para o depósito legal.

Artigo 7º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 8º

A falta de resolución expresa por parte da Administración producirá efectos desestimatorios transcorridos seis meses desde a presentación no Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais, podendo o solicitante, a partir desta data, retira-la documentación presentada nun prazo de 30 días naturais. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámites.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

Sr. Director Xeral de Cultura

1203