Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 29 de febreiro de 1996 Páx. 1.645

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 15 de febreiro de 1996 pola que se abre un prazo xeral para a presentación de reclamacións, solicitudes e peticións relativas ó patrimonio resultante da extinción das antigas cámaras agrarias locais de Galicia.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, establece a integración definitiva do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais no da propia Comunidade Autónoma. Deste xeito o lexislador dotou da máxima protección xurídica posible a uns bens e dereitos que, do contrario, se atoparían en diversas situacións de incerteza debido á dispar orixe deles mesmos e ós avatares históricos polos que pasou a organización cameral nas súas diferentes fases de vida.

Desde o momento en que a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as funcións e servicios correspondentes á materia cameral, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes recibiu un elevado número de reclamacións, solicitudes e peticións concernentes ó patrimonio en cuestión, cunha casuística tan rica coma ampla, e na que conflúen intereses variados e diverxentes, cando non antagónicos. Perante desta realidade, a Administración iniciou de oficio os trámites para integrar e completa-la documentación que existía en poder das antigas cámaras agrarias locais, instando a revisión dos seus arquivos e a consulta dos diferentes rexistros públicos, co fin de ter unha visión o máis atinada posible da complexa situación xurídica dos bens e dereitos corporativos.

Nembargantes, constatouse que en moitos casos a adopción de decisións precipitadas podería supoñe-la concorrencia de hipotéticas demandas de tercería ou outras continxencias que non farían máis que incrementa-la inseguridade xurídica sobre os elementos patrimoniais sempre aludidos. Da mesma maneira, a multiplicidade de concellos, asociacións, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades que xa instaran a tenza ou desfroite do patrimonio resultante aconsella que, para adoptar unha decisión ecuánime e conforme a dereito, a Administración coñeza coa maior exactitude os distintos intereses en xogo, sen relegar pola súa falta de dilixencia ou celo aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que tivesen un mellor dereito ou un máis xusto interese acorde co destino agrario, que deberá garantirse, en calquera caso, en beneficio dos agricultores do ámbito territorial de cada respectiva cámara, dotando o proceso da maior publicidade posible.

Por todo o exposto, e en virtude das competencias que me confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro,

reguladora da Xunta e do seu presidente, o Decreto 205/1990, do 15 de marzo, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Por medio da presente orde ábrese un prazo xeral dun mes para que todas aquelas persoas, físicas ou xurídicas, tanto públicas coma privadas, presenten cantas reclamacións, solicitudes e peticións consideraren oportunas respecto ó patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Galicia, dirixíndoas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes. Nelas determinarán os fins e servicios de interese xeral agrario do ámbito da extinta cámara agraria para os que solicitan os seus escritos.

Artigo 2º

Os interesados deberán xuntar cantos documentos estimaren procedentes para a acreditación dos seus respectivos dereitos ou intereses, ou sinala-los medios de proba nos que se basaren, se houbera lugar a iso.

Artigo 3º

Aquelas persoas, físicas ou xurídicas, tanto públicas coma privadas, que xa dirixisen escritos á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes dos especificados no artigo 1º da presente orde non terán que reproducilos, sen prexuízo de que completen os xa cursados.

Artigo 4º

Á vista de toda a documentación aportada, e da súa integración coa que xa constase en poder da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, esta realizará os estudios e propostas necesarias para garanti-lo mellor uso do patrimonio cameral en beneficio dos agricultores da respectiva área de influencia de cada antiga cámara.

Disposición derradeira

O cómputo do prazo dun mes referido no artigo 1º da presente orde comezase a partires do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

1244