Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 1996 Páx. 1.589

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO PARA AS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 88/1996, do 26 de xaneiro, sobre ampliación de medios patrimoniais traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de transportes terrestres.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27.oito, que a Comunidade Autónoma galega ten competencia exclusiva en materia de ferrocarrís e estradas non incorporados na rede do Estado, o itinerario dos cales se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma e, nos mesmos termos, o transporte levado a cabo por estes medios e por cable.

Polos Reais decretos 212/1979, do 26 de xaneiro; 2299/1982, do 24 de xullo, e 3548/1983, do 28 de decembro, foron trasladados á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios en materia de transportes terrestres.

A comisión mixta prevista para a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia considerou a conveniencia de amplia-los medios adscritos ós servicios traspasados nos citados reais decretos, adoptando na súa reunión do día 21 de decembro de 1995 o oportuno acordo, a virtualidade práctica do cal esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro para as Administracións públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día vinteseis de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de Autonomía para Galicia, adoptado

polo Pleno con data 21 de decembro de 1995, polo que se amplían os medios patrimoniais correspondentes ás funcións e servicios da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polos reais decretos 212/1979, 2299/1982 e 3548/1983.

Artigo 2º

Quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia os inmobles que figuran identificados na relación anexa, nos termos que resultan do propio acordo e da dita relación.

Artigo 3º

Os traspasos ós que se refire este real decreto terán efectividade a partir do día sinalado no propio acordo da comisión mixta.

Disposición derradeira única

O presente real decreto será publicado asemade no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, e adquirirá vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid o vinteseis de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Xoán Carlos R.

Juan Lerma Blasco

Ministro para as Administracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

CERTIFICAN:

Que no Pleno da comisión mixta, celebrado o día 21 de decembro de 1995, se adoptou un acordo sobre a ampliación de inmobles traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de transportes terrestres, polos reais decretos 212/1979, do 26 de xaneiro; 2299/1982, do 24 de xullo e 3548/1983, do 28 de decembro, nos termos que a continuación se expresan:

A) Normas estatutarias e legais nas que se ampara a ampliación de medios traspasados.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27.oito que a Comunidade Autónoma galega ten competencia exclusiva en materia de ferrocarrís e estradas non incorporados na rede do Estado, dos que o seu itinerario se desenvolve integramente no territorio da Comunidade Autónoma e, nos mesmos termos, o transporte levado a cabo por estes medios ou por cable.

Polos reais decretos 212/1979, do 26 de xaneiro, 2299/1982, do 24 de xullo, e 3548/1983, do 28 de decembro, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios en materia de

transportes terrestres, así como os correspondentes medios entre os cales non foron incluídos os inmobles que agora son obxecto do presente acordo.

B) Inmobles que se traspasan.

Os bens inmobles afectados pola ampliación son os terreos e instalacións afectos á explotación das estacións de autobuses que se recollen na relación anexa número 1.

C) Data de efectividade do traspaso.

A ampliación de bens obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de xaneiro de 1996.

E para que conste, expedímo-la presente certificación en Madrid, o 21 de decembro de 1995.

Os secretarios da comisión mixta, Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín. Rubricado.

Relación número 1

Bes inmobles que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia

Nome e usoLocalidade e enderezoSituación xurídicaObservacións

Estación de autobuses da Coruña.A Coruña, rúa Caballeros, sen número.Dominio público.Sen inscribir.
Estación de autobuses de Santiago de Compostela.Santiago de Compostela, rúa San Caetano, sen número.Dominio público.Sen inscribir.
Estación de autobuses de Pontevedra.Pontevedra, rúa Alféreces Provisionales, sen número.Dominio público.Sen inscribir.
Estación de autobuses de Lugo.Lugo, Praza da Constitución, sen número.Dominio público.Inscrito no Rexistro da Propiedade de Lugo (tomo 784, libro 370, folio 47, predio 28.188).

1253