Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 1996 Páx. 1.590

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO PARA AS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 89/1996, do 26 de xaneiro, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ensinanzas náutico-deportivas e subacuático-deportivas.

A Constitución española establece no seu artigo 149.1.20º que o Estado ten competencia exclusiva en materia de mariña mercante.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27.vintedous a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega en materia de deporte e ocio.

En consecuencia, procede traspasarlle á citada Comunidade Autónoma as funcións do Estado relativas a ensinanzas náutico-deportivas e subacuátivo-deportivas.

A comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, co fin de proceder ó referido traspaso, adoptou ó respecto o oportuno acordo na súa reunión do Pleno celebrado o día 21 de decembro de 1995, a virtualidade práctica do cal esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro para as Administracións Públicas e logo de deliberación

do Consello de Ministros na súa reunión do día vinteseis de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, sobre traspaso de funcións da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ensinanzas náutico-deportivas e subacuático-deportivas, adoptado polo Pleno da dita comisión na súa reunión do 21 de decembro de 1995 e que se transcribe como anexo do presente real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios que se mencionan no referido acordo da comisión mixta, nos termos e coas condicións alí especificadas, relativos a ensinanzas náutico-pesqueiras e subacuático-deportivas.

Artigo 3º

Estes traspasos serán efectivos a partir da data sinalada no acordo da comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente produza, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Disposición derradeira única

O presente decreto será publicado asemade no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, e adquirirá vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid o vinteseis de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Xoán Carlos R.

Juan Lerma Blasco

Ministro para as Administracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da comisión, celebrada o día 21 de decembro de 1995, se adoptou un acordo sobre traspaso das funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ensinanzas náutico-pesqueiras e subacuático-deportivas, nos termos que a seguir se expresan:

A) Normas constitucionais e estatutarias nas que se ampara o traspaso.

A Constitución, no artigo 149.1.20º, establece que o Estado ten competencia exclusiva en materia de mariña mercante.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27.vintedous a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega en materia de deporte e ocio.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 22 de febreiro, establecen as normas que regulan a forma e condicións a que se teñen que axusta-los traspasos de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Sobre estas bases normativas, cómpre facer unha ampliación das funcións e servicios que foron obxeto de traspaso nos devanditos reais decretos.

B) Funcións e servicios que se traspasan.

A Comunidade Autónoma de Galicia, para o ámbito do seu territorio, asume as funcións e servicios da Administración do Estado correspondente á autorización das escolas para as ensinanzas de vela, motonáutica e navegación de lecer e as correspondentes á autorización e apertura de centros e á realización e control de exames para o acceso a titulacións deportivas subacuáticas, así como a expedición de títulos deportivos que habiliten para o exercicio de todas estas actividades.

Así mesmo, levará a cabo a realización e control dos exames para o acceso ás titulación para o goberno

das embarcacións de lecer. O exercicio destas funcións realizarase de conformidade cos criterios establecidos con carácter xeral para a normativa estatal en canto ó contido dos programas, tipos de titulación e forma de realización das probas.

C) Bens, dereitos e obrigas da Administración do Estado obxecto de traspaso.

Non existen bens, dereitos e obrigas neste traspaso.

D) Valoración das cargas financeiras dos servicios que se traspasan.

Non existe valoración do custo efectivo neste traspaso.

E) Documentación e expedientes dos servicios que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes dos servicios traspasados realizarase no prazo dun mes desde a entrada en vigor do real decreto polo que se aprobe este acordo, subscribíndose, para tal efecto, a correspondente acta de entrega e recepción.

F) Data de efectividade dos traspasos.

O traspaso de funcións e servicios obxecto deste acordo terán efectividade a partir do día 1 de xaneiro de 1996.

E para que conste, expedímo-la presente certificación en Madrid o 21 de decembro de 1995.

Os secretarios da comisión mixta, Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín. Rubricado

1254