Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 1996 Páx. 1.591

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO PARA AS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 90/1996, do 26 de xaneiro, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de instalacións radiactivas de segunda e terceira categorías.

A Constitución española no seu artigo 149.1.13º, 22º e 25º resérvalle ó Estado a competencia exclusiva sobre as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica; a autorización das instalacións eléctricas cando o seu aproveitamento afecte a outra Comunidade Autónoma ou o transporte de enerxía saia do seu ámbito territorial, e sobre as bases do réxime mineiro e enerxético.

Por outra banda, o Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no artigo 30.1.2, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de industria, sen prexuízo do que determinen as normas do Estado por razóns de seguridade, sanitarias ou de interese militar e as normas relacionadas coas industrias que estean suxeitas á lexislación de minas, hidrocarburos e enerxía nuclear. O exercicio da competencia realizarase de acordo coas bases e a ordenación da actividade económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38,

131 e apartado 1.11º e 13º do artigo 149 da Constitución.

En consecuencia, procede traspasar á citada Comunidade Autónoma as funcións do Estado en materia de instalacións radiactivas de segunda e terceira categorías.

A Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, para proceder ó referido traspaso, adoptou, na súa reunión do día 21 de decembro de 1995, o oportuno acordo, a virtualidade práctica do cal esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia por proposta do ministro para as Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día vinteseis de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia polo que se concretan as funcións e servicios da Administración do Estado que deben ser obxecto de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de instalacións radiactivas de segunda e terceira categorías, adoptado polo Pleno da dita comisión, na súa reunión do día 21 de decembro de 1995, e que se transcribe como anexo ó presente real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios, así como os créditos orzamentarios que se relacionan no referido acordo da comisión mixta, nos termos alí especificados.

Artigo 3º

Os traspasos a que se refire este real decreto terán efectividade a partir do día sinalado no acordo da mencionada comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio de Industria e Enerxía produza, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tiveran no momento da adopción do acordo.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se determinen, de conformidade coa relación número 1 do anexo, serán dados de baixa nos correspondentes conceptos orzamentarios e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda ós conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, destinados a financia-lo custo dos servicios asumidos polas comunidades autónomas, unha vez que se remitan ó departamento citado, por parte do Ministerio de

Industria e Enerxía, os respectivos certificados de retención de crédito, para dar cumprimento ó disposto na vixente Lei 41/1994, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 1995,

Disposición derradeira única

O presente real decreto será publicado simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, adquirindo vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid, vinteseis de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Xoán Carlos R.

Juan Lerma Blasco

Ministro para as Administracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

CERTIFICAN:

Que no Pleno da comisión mixta, celebrado o día 21 de decembro de 1995, se adoptou un acordo sobre traspaso das funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de instalacións radiactivas de segunda e terceira categorías nos termos que a seguir se detallan:

A) Referencia a normas constitucionais e estatutarias nas que se ampara o traspaso.

O artigo 149.1.13º, 22º e 25º da Constitución establece que o Estado ten competencia exclusiva sobre as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica; a autorización das instalacións eléctricas cando o seu aproveitamento afecte a outra comunidade autónoma ou o transporte de enerxía saia do seu ámbito territorial, e sobre as bases do réxime mineiro e enerxético.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 30.1.2 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de industria, sen prexuízo do que determinen as normas do Estado por razóns de seguridade, sanitarias ou de interese militar e as normas relacionadas coas industrias que estean suxeitas á lexislación de minas, hidrocarburos e enerxía nuclear. O exercicio da competencia realizarase de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131 e apartado 1.11º e 13º do artigo 149 da Constitución.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, establecen as normas que regulan a forma e condicións a que teñen que axustarse os traspasos de funcións e servicios da

Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Sobre a base destas previsións constitucionais, estatutarias e legais, procede realiza-lo traspaso de funcións e servicios en materia de instalacións radiactivas de segunda e terceira categorías á Comunidade Autónoma de Galicia.

B) Funcións que asume a Comunidade Autónoma de Galicia e identificación dos servicios que se traspasan

Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios do Ministerio de Industria e Enerxía, reguladas polas leis 25/1964, do 29 de abril, e 15/1980, do 22 de abril, e demais disposicións que as desenvolven, relativas a instalacións radiactivas das categorías segunda e terceira das citadas na Lei 15/1980, así como as referentes ós aparellos de raios X con fins de diagnóstico médico.

Entre o Ministerio de Industria e Enerxía e os órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia estableceranse os adecuados mecanismos de colaboración para unha mutua información e correcta xestión das funcións e servicios respectivos.

C) Bens, dereitos e obrigas que se traspasan

No prazo dun mes desde a publicación do real decreto que aprobe este acordo asinaranse as correspondentes actas de entrega e recepción dos bens mobles, documentación, expedientes relativos a instalacións radiactivas de segunda e terceira categorías e detectores de radiación existentes nas direccións provinciais do Ministerio de Industria e Enerxía da Comunidade Autónoma de Galicia e outro material inventariable, relativos ós servicios traspasados.

D) Persoal adscrito ós servicios que se traspasan

Non existen medios persoais para traspasar.

E) Valoración definitiva das cargas financeiras dos servicios que se traspasan

1. A valoración definitiva do custo efectivo que, en pesetas de 1990, corresponde ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma elévase a 758.288 pesetas.

2. O financiamento, en pesetas de 1995, que corresponde ó custo efectivo anual é o que se detalla na relación número 1.

3. O custo efectivo que figura detallado nos cadros de valoración da relación número 1 financiarase da seguinte forma:

Transitoriamente, ata que o custo efectivo se compute para revisa-la porcentaxe de participación da Comunidade Autónoma nos ingresos do Estado, o custo total financiarase mediante a consolidación da sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, dos créditos relativos ós distintos compoñentes do dito custo, polos importes que se determinan, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada Lei de orzamentos.

As posibles diferencias que se produzan durante o período transitorio, a que se refire o parágrafo anterior, respecto do financiamento dos servicios transferidos, serán obxecto de regularización ó peche do exercicio económico, mediante a presentación das contas e estados xustificativos correspondentes ante unha comisión de liquidación, que se constituirá no Ministerio de Economía e Facenda.

F) Documentación e expedientes dos servicios traspasados

As entrega da documentación e expedientes dos servicios traspasados realizarase no prazo dun mes desde a publicación do real decreto polo que se aprobe este acordo.

G) Data de efectividade

O traspaso de funcións e servicios obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de xaneiro de 1996.

E para que conste, expedímo-la presente certificación en Madrid o 21 de decembro de 1995.

Os secretarios da comisión mixta, Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín. Rubricado.

Relación número 1

Valoración do custo efectivo dos servicios que se traspasan

Sección 20: Ministerio de Industria e Enerxía

ServicioProgramaConcepto

orzamentario

Pesetas

(ano 1995)

Custo directo:

05 Dirección Xeral da Enerxía

731FCapítulo I1.055.800
Custo indirecto:

04 Dirección Xeral de Servicios

721ACapítulo I5.500

Total custe efectivo1.061.300

1255