Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 1996 Páx. 1.520

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa S.T.T., S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa S.T.T., S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 4-1-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, con data do 26-12-1995, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso

de funcións e servicios da Administarción do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 22 de xaneiro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial

Conveniocolectivo da empresa S.T.T., S.L.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio rexerá para a empresa S.T.T., S.L. e os seus traballadores, regulando as relacións entre amba-las partes.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

A vixencia deste convenio terá unha duración de tres anos desde o 1 de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro de 1998.

Artigo 3º.-Denuncia e revisión.

Calquera das partes poderá solicita-la revisión do convenio, formulando a denuncia deste á outra parte e á autoridade laboral competente, con dous meses de antelación como mínimo á data de expiración da súa vixencia ou á de calquera das súas prórrogas. Caso de non chegaren a unha negociación despois de realizada a denuncia, o texto do convenio quedará prorrogado, non así os conceptos salariais que aumentarán de acordo coa subida do IPC.

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

A duración máxima da xornada de traballo ordinaria será de corenta horas de traballo efectivo á semana.

As empresas que teñan establecida xornada intensiva durante o verán non poderán excede-las 36 horas semanais durante o período en que a teñan implantada.

Artigo 5º.-Vacacións.

O período de vacacións para todo o persoal afectado será de 30 días naturais ó ano.

Artigo 6º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores terán dereito a dúas gratificacións extraordinarias ó ano, en contía equivalente ó 100% do salario base de convenio máis a antigüidade.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Os traballadores comprendidos no ámbito de aplicación deste convenio desfrutarán como complemento persoal de antigüidade dun aumento periódico por cada tres anos de servicio, na contía do 5% para cada trienio sobre o salario base.

Artigo 8º.-Período de proba.

1. Poderá concertarse por escrito un período de proba, que en ningún caso poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados, nin de dous meses para os demais traballadores, excepto para os non cualificados, e neste caso a duración máxima será de quince días laborables.

2. Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e ó posto de traballo que desempeñe, como se fose de cadro de persoal, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso.

3. Transcorrido o período de proba sen que se producise o desistimento, o contrato producirá plenos

efectos, computandose o tempo dos servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa.

Artigo 9º.-Licencias e permisos.

1. Os traballadores teñen dereito ós seguintes permisos retribuídos:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Cinco días en caso de nacemento de fillos.

c) Cinco días en caso de enfermidade grave ou falecemento de parente ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade e irmáns políticos.

d) Cinco días en caso de falecemento de cónxuxe, pais, pais políticos, fillos ou irmáns.

e) Necesidade de atender asuntos propios que non admitan demora; o tempo indispensable para iso. Outorgarase este permiso unha vez demostrada a necesidade.

f) Licencia a representantes sindicais. Rexerá o lexislado nesta materia.

2. En todo o que respecta a dereitos ou situacións referidas nos apartados anteriores, na que a condición de esposa/a e cónxuxe sexa a causa, entenderase que a condición de parella estable con convivencia continuada e suficientemente xustificada dará lugar ós mesmos dereitos e situacións.

Artigo 10º.-Clasificación profesional.

Os grupos profesionais e as definicións das categorías que se recollen na táboa salarial do presente convenio segundo as funcións ou actividades do persoal dentro da empresa serán os seguintes:

Titulados: é o persoal que se atopa en posesión dun título ou diploma oficial de grao superior ou medio, que está unido á empresa por un vínculo de relación laboral concertado en razón do título que posúe, para exercer funcións específicas para as que este o habilita e sempre que preste os seus servicios na empresa con carácter exclusivo ou preferente por un soldo ou tanto global, sen suxeición á escala habitual de honorarios da súa profesión.

Xefe administrativo: é o empregado capacitado que actúa ás ordes inmediatas dun xefe superior, se o houber, e leva a responsabilidade directa dun ou máis servicios. Están incluídas tamén aquelas persoas que organizan ou constrúen a contabilidade da empresa.

Auxiliar administrativo: é o empregado maior de dezaoito anos, que se dedica a operacións elementais administrativas e en xeral, ás puramente mecánicas inherentes ó traballo da oficina ou despacho.

Analista de informática: verifica análises orgánicas de aplicacións complexas para obte-la solución mecanizada destes en canto se refire a:

-Cadeas de operacións que se van seguir.

-Deseño de documentación base.

-Documentos que se van obter.

-Deseño destes.

-Ficheiros que se van tratar: a súa definición.

-Posta a punto das aplicacións.

-Creación de xogos de ensaio.

-Enumeración de anomalías que poidan producirse e definición do seu tratamento.

-Colaboración co programa das probas de lóxica de cada programa.

-Finalización dos expedientes técnicos de aplicacións complexas.

Programador de informática: é o traballador que debe ter un coñecemento profundo das técnicas e recursos que manexa, enfocado principalmente ás linguaxes de programación existentes no ordenador que utiliza, así como das facilidades e axuda que lle presta o software para a posta a punto programas, correspóndelle estudia-los procesos complexos definidos polos analistas, e confeccionar organigramas máis detallados de tratamento. Correspóndelle redactar programas na linguaxe de progamación que lle sexa indicado. Así mesmo confecciona xogos de ensaio, pon a punto os programas e completa os expedientes técnicos dos mesmos.

Grabador de datos: son os traballadores que realizan o perfecto manexo das máquinas e ordenadores, coñecendo suficientemente a técnica de programación das ditas máquinas, formatos, tipos de validación, etc, e debendo consulta-las táboas, listados ou documentos necesarios para desenvolver o seu traballo.

Oficial de 1ª, oficial de 2ª: inclúe o persoal, como mecánicos, carpinteiros, electricistas, soldadores, etc, que realizan os traballos propios dun oficio das categorías sinaladas.

Especialista: é o persoal que realiza operacións seguindo un método de traballo preciso, con alto grao de supervisión.

Vendedor: traballadores que se dedican á comercialización de productos.

Conserxe: é o empregado que, cun mínimo de tres persoas ás súas ordes, ten ó seu cargo a vixilancia e responsabilidade dos servicios subalternos. Ten como misión específica vixila-las portas e accesos ós locais da empresa.

Telefonista: é o empregado que realiza a recepción de chamadas cunha central telefónica.

Ordenanza: terá esta categoría o subalterno que teña a misión de facer recados, recoller e entregar correspondencia, así como outros traballos secundarios ordenados polos seus xefes.

Vixilante: ten ó seu cargo o servicio de vixilancia diurna ou nocturna dos locais.

Xardineiro: ten ó seu cargo o servicio de xardinería das plantas e xardíns da empresa.

Persoal de limpeza: está ocupado da limpeza dos locais da empresa.

Mozo-peón: realizará tarefas que se executen segundo instrucccións específicas claramente establecidas, cun alto grao de dependencia, que requiran preferentemente esforzo físico e/ou atención e que non necesitan de formación específica e ocasionalmente dun período de adaptación.

Artigo 11º.-Faltas e sancións.

1. As faltas cometidas polos traballadores ó servicio da empresa regulada por este convenio clasificaranse atendendo á súa importancia, reincidencia e intención, en leves, graves e moi graves, de conformidade co que se dispón no presente artigo e nas normas vixentes do ordeamento xurídico laboral no que resulten de pertinente aplicación.

A) Consideraranse faltas leves:

-Tres faltas de puntualidade durante un mes sen que exista causa xustificada.

-A non comunicación, coa antelación debida, da súa falta ó traballo por causa xustificada, a non ser que probe a imposibilidade de facelo.

-Faltar ó traballo e dilixencia cos clientes.

-Discusións que repercutan na boa marcha dos servicios.

-Faltar ó traballo un día ó mes sen causa xustificada.

-A embriaguez ocasional.

B) Son faltas graves:

-Faltar tres días ó traballo sen xustificación.

A simulación de enfermidade ou accidente.

-Simula-la presencia doutro traballador, valéndose da súa ficha, sinatura, tarxeta ou medio de control.

-Cambiar, mirar ou remexe-los armarios e roupas dos campañeiros sen a debida autorización.

-As cometidas contra a disciplina no traballo ou contra o respecto debido ós seus superiores.

-A reincidencia nas faltas leves, agás as de puntualidade, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun trimestre, cando mediasen sancións.

-O abandono do traballo sen causa xustificada.

-A neglixencia no traballo cando cause prexuízos graves.

C) Son faltas moi graves:

-Faltar ó traballo máis de cinco días ó mes sen causa xustificada. Non se considerará inxustificada a falta ó traballo que derive da detención do traballador, mentres non se trate de sanción firme imposta pola autoridade competente e sempre que o feito da detención fose posto en coñecemento da dirección da empresa antes de transcorridos catro días hábiles de ausencia ó traballo. En todo caso, a empresa non estará obrigada a aboa-los salarios correspondentes ós días de ausencia ó traballo por causa de detención.

-A fraude, a deslealdade e abuso de confianza nas xestións encomendadas.

-O furto e o roubo tanto ós demais traballadores como á empresa ou a calquera persoal dentro dos locais da empresa o fóra desta, durante acto de servicio. Quedan incluídos neste inciso falsear datos perante a representación legal dos traballadores, se tales falsidades teñen como finalidade maliciosa conseguir algún beneficio.

-A simulación comprobada de enfermidade: inutilizar, estragar ou causar desperfectos en máquinas, aparellos, instalacións, edificios, utensilios e departamentos da empresa; recaer sobre o traballador sentencia dos tribunais de xustiza competentes por delictos de roubo, furtos estafa e malversación, cometidos fora da empresa, que poida motivar desconfianza cara o seu autor, a continua e habitual falta de aseo e limpeza persoal que produza queixas xustificadas dos compañeiros, a embriaguez durante o traballo, dedicarse a traballos da mesma actividade que impliquen competencia á empresa, se non media autorización desta, os malos tratos de palabra ou obra ou falta grave de respecto e consideración ós xefes, compañeiros ou sobordinados, abandona-lo traballo en postos de responsabilidade, a reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, dentro deste trimestre, sempre que fose obxecto de sanción e demais establecidas no artigo 54 da Lei do Estatuto dos traballadores.

2. As sancións que a empresa poderá aplicar, segundo a gravidade e circunstancias das faltas cometidas, serán as seguintes:

A) Faltas leves:

-Amonestación verbal.

-Amonestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo dun día.

B) Faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo dun a dez días.

C) Faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de once días a dous meses.

-Despedimento.

A prescrición destas faltas será de dous meses.

Artigo 12º.-Retribucións.

1. Os salarios e remuneracións de todas clases establecidos no presente convenio teñen o carácter de mínimos, podendo ser mellorados por concesión da empresa ou contratos individuais de traballo.

2. O incremento salarial para os anos 1997 e 1998 calcularase aplicando ás táboas salariais do ano anterior o IPC correspondente a ese último ano, con efectos do 1 de xaneiro do ano respectivo.

Artigo 13º.-Pagamento mensual.

Como norma xeral, o pagamento de salarios efectuarase mensualmente.

Artigo 14º.-Traballo nocturno.

1. Considerarase traballo nocturno o realizado entre as dez da noite e as seis da mañá.

2. Cando o traballo se realice parcialmente en período nocturno e diurno aboaranse co complemento salarial de nocturnidade soamente as horas traballadas en período nocturno. Queda exceptuado do aboamento deste plus o suposto no que se considerase no cálculo da retribución pactada a circunstancia de prestación de traballo en horas nocturnas.

Artigo 15º.-Dereitos de reunión e libre sindicación.

1. A empresa, dentro sempre das normas establecidas pola lexislación vixente en cada momento, facilitará ós seus traballadores o exercicio do dereito de reunión nos seus locais, se as condicións destes o permiten, fóra das horas de traballo e sen perturba-la acitividade normal da empresa.

2. A empresa respectará o dereito de tódolos traballadores a sindicarse libremente e non poderá suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que non se afilie ou renuncie á súa afiliación sindical e tampouco despedir a un traballador ou prexudicalo de calquera outra forma, a causa da súa afiliación ou actividade sindical.

Artigo 16º.-Dereitos e obrigas dos sindicatos de traballadores.

1. Nesta materia as partes sométense expresamente ás normas contidas na Lei orgánica de liberdade sindical.

2. A requirimento dos traballadores afiliados ós sindicatos, a empresa descontará na nómina mensual destes o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado na realización de tal operación remitirá á dirección da empresa un escrito no que se expresará con claridade a orde de desconto, a contía da cota, así como o número da conta corrente ou cartilla da Caixa de Aforros á que deber ser transferida a correspondente cantidade. As empresas efecturarán as anteditas detraccións agás indicación en contrario, durante períodos dun ano. A dirección da empresa entregará copia da transferencia á representación sindical na empresa.

Artigo 17º.-Comisión paritaria.

Acórdase establecer unha comisión paritaria como órgano para conciliación, interpretación e vixilancia do pactado no presente convenio.

Esta comisión estará formada, por acordo das partes, polas representacións económica e social que deliberaran este e que figuren como asinantes do presente convenio.

Disposición adicional

En todas aquelas materias non reguladas no presente convenio aplicarase o disposto na Lei do Estatuto dos traballadores, o convenio colectivo de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra, a ordenanza laboral do sector e ó previsto nas disposicións de carácter xeral que sexan de aplicación.

Os pactos contidos no presente convenio sobre materias nel reguladas serán de preferente aplicación sobre calquera outras disposicións legais de carácter xeral que rexan nesta materia.

Taboa salarial para o ano 1996

CategoríasSalario baseRemun. anual

Titulado de grao superior130.2501.823.500
Titulado de grao medio113.4301.588.020
Analista informática113.4301.588.020
Programador informática113.4301.588.020
Xefe administrativo113.4301.588.020
Administrativo100.1501.402.100
Auxiliar administrativo 90.7501.270.500
Gravador datos 90.7501.270.500
Oficial de 1ª 90.7501.270.500
Oficial de 2ª 85.2001.192.800
Especialista 83.9991.175.986
Vendedor 83.9991.175.986
Conserxe 83.9991.175.986
Telefonista 83.9991.175.986
Ordenanza 82.2851.151.990
Vixilante 82.2851.151.990
Xardineiro 82.2851.151.990
Limpador 82.2851.151.990
Peón-mozo82.2851.151.990
Aprendiz de 17 anos 56.140 785.960
Aprendiz de 16 anos 48.590680.260

1296