Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 1996 Páx. 1.524

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 1996 pola que se convoca un curso sobre dereito procesual básico, dirixido ós membros dos corpos da Policía Local de Galicia, e membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre dereito procesual básico, que deberá desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Obxectivos:

O curso ten por obxectivo principal dota-lo policía dun coñecemento teórico-práctico nos temas de dereito procesual, que lle poida ser eficaz no desempeño posterior da súa profesión.

Destinatarios:

O curso vai dirixido ós membros dos corpos da Policía Local de Galicia, e membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición:

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas:

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 50.

Solicitudes:

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará ás 14 horas do día 5 de marzo de 1996.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración:

O curso celebraráse en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataránse, entre outros, os seguintes temas: a) O proceso penal. b) A xurisdicción penal. c) Acción penal e a acción civil. d) Actuacións sumariais. e) A sentencia e a cousa xulgada penal. f) Os recursos. g) O proceso penal abreviado. O xuízo de faltas. h) O procedemento de habeas corpus. i) A execución penal.

Datas:

O curso celebraráse do 11 ó 15 de marzo de 1996.

O horario será de 16 a 20 horas do serán.

Relación de admitidos:

A relación de admitidos publicaráse o día 7 de marzo de 1996, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar:

No salón de actos do Centro Municipal de Servicios Sociais de Labañou (A Coruña).

Certificado de asistencia e aproveitamento:

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, e a non superación das correspondentes probas de coñecementos, impedirá a expedición do certificado.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adapta-lo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

1297