Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 1996 Páx. 1.526

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 1996 pola que se convoca un curso sobre técnicas asistenciais de urxencia, socorrismo e primeiros auxilios, dirixido ós membros dos corpos da Policía Local de Galicia, e membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre técnicas asistenciais de urxencia, socorrismo e primeiros auxilios, que deberán desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Obxectivos:

O curso ten por obxectivos: coñece-lo significado da técnica asistencial, evidenciar dominio na práctica das técnicas de rescate e auxilio e coñece-la importancia de traumatismos, queimaduras, conxelacións, tratamento en caso de infarto, etc., e a súa gravidade, así como clarifica-la actuación da policía neste tema.

Destinatarios:

O curso vai dirixido ós membros dos corpos da Policía Local de Galicia e membros da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición:

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas:

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 45.

Solicitudes:

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI, e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias ramatará ás 14 horas do día 5 de marzo de 1996.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992,do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración:

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) Traumatismos craneoencefálicos e da columna. b) Traumatismos toraco-abdominais. c) Resucitación cardiorespiratoria. Masaxe cardíaco e

respiración artificial. d) O infarto. Anxina de peito. e) Primeiros auxilios. Hemorraxias. Hemostasia. Feridas. f) Primeiros auxilios. Queimaduras. Conxelación. g) Enfermidades infectocontaxiosas: SIDA. Hepatite. Enfermidades de transmisión sexual. h) Intoxicacións por substancias inxeridas. Drogas e estupefacientes. Envenenamento por ácidos e álcalis, etc.

Datas:

O curso celebrarase en datas do 11 ó 15 de marzo de 1996.

O horario será de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos:

A relación de admitidos publicaráse o día 7 de marzo de 1996, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar:

O curso celebrarase no salón de actos da biblioteca pública provincial, sita na Avda. Ramón Ferreiro, en Lugo.

Certificado de asistencia e aproveitamento:

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia e aproveitamento, a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este, e non poderán supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, e a non superación das correspondentes probas de coñecementos, impedirá a expedición do certificado.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adapta-lo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

1317