Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 1996 Páx. 1.344

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de xaneiro de 1996 pola que se anuncia a celebración de probas de avaliación de ensinanzas non escolarizadas para a obtención do título de formación profesional de primeiro grao (técnico/a auxiliar).

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, atribúenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

O Decreto 232/1994, do 14 de xullo, establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Por outra parte, a Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, implica a progresiva implantación de novos plans, segundo un calendario previsto. En consecuencia, durante o período de transición, algúns alumnos poden requirir facilidades para completa-los seus estudios de formación profesional de primeiro grao por un réxime de estudios distinto ó presencial. Esa mesma necesidade de posuír unha titulación pódena te-las persoas adultas, traballadoras ou en situación de desemprego, que precisen progresar na súa cualificación profesional ou atopar un emprego.

Así pois, vistas as ordes do 8 de marzo de 1977 (BOE do 12), do 8 de marzo de 1978 (BOE do 17) e do 22 de marzo de 1990 (BOE do 27), que regulan as probas de avaliación de ensinanzas non escolarizadas para a obtención do título de técnico auxiliar de formación profesional de 1º grao, procede fixa-lo prazo de convocatoria, inscricións, constitución de comisións avaliadoras e, en xeral, as normas sobre o desenvolvemento das probas durante o ano 1996.

Na súa virtude, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

1º Anuncia-la celebración de probas de avaliación de ensinanzas non escolarizadas para a obtención do título de técnico auxiliar nas ramas e profesións actualmente regradas e experimentais de formación profesional de 1º grao, segundo os cuestionarios vixentes oficialmente aprobados polas respectivas ordes ministeriais.

2º As probas de cada unha das dúas convocatorias ordinarias correspondentes ó ano 1996 comezarán os días 18 de abril e 7 de novembro respectivamente e axustaranse ó disposto nesta orde.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderanlle solicita-la celebración de convocatorias especiais á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos. A devandita solicitude será tra

mitada cunha antelación de polo menos 2 meses á data proposta de celebración.

3º Cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta do respectivo servicio de inspección, proporalle á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, polo menos con dez días hábiles de antelación á apertura do prazo de inscrición, os institutos da provincia nos que se poderán realiza-las inscricións, indicando en cada caso as profesións que poderán ser obxecto das probas de avaliación de ensinanzas non escolarizadas. Entenderase aceptada a proposta se non existe notificación contraria polo menos catro días antes da data inicial do prazo de inscrición.

4º A relación de institutos nos que se poderá formaliza-la inscrición será exposta no taboleiro de anuncios das respectivas delegacións provinciais, indicando as profesións que, en cada caso, correspondan. Así mesmo, remitirase a cada instituto de formación profesional da provincia unha copia da mencionada relación para que se faga pública.

5º A inscrición en cada convocatoria efectuarase nos prazos comprendidos entre o 11 e o 22 de marzo para a primeira e do 7 ó 18 de outubro para a segunda, ámbolos dous inclusive, utilizándose para tal efecto o modelo do anexo I desta orde.

6º Poderán inscribirse para a realización destas probas as persoas non escolarizadas en réxime ordinario no curso 1995/1996, para a primeira convocatoria e no curso 1996/1997, para a segunda convocatoria, nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que estean en posesión dun diploma ou certificado de ensino de carácter profesional, homologado polo Ministerio de Educación e Ciencia, de conformidade co disposto nos artigos 36 e 37 do Decreto 707/1976, do 5 de marzo (BOE do 12 de abril).

b) Que estean en posesión do certificado de escolaridade de formación profesional de primeiro grao.

c) Que acrediten terse presentado anteriormente ás probas de madurez para a obtención do título de oficialía industrial ou de 1º grao de formación profesional.

d) Que acrediten como mínimo un ano de actividade laboral e sexan bachareis elementais, graduados escolares ou posúan o certificado de estudios primarios.

e) Os profesionais que, sen cumpriren ningunha das circunstancias citadas nos parágrafos anteriores, acrediten máis dun ano de actividade laboral e posúan suficiente madurez.

Unicamente para os efectos do previsto no parágrafo anterior, tamén se considerará como período de actividade laboral o tempo de permanencia no

servicio militar ou de prestación social substitutoria, así como o período de permanencia como demandante de emprego, inscrito nos organismos oficiais correspondentes.

A madurez será estimada polos servicios de inspección, tendo en conta á documentación que achegue a persoa interesada no momento de efectua-la inscrición. Cando, á vista desta documentación, se estime oportuno, a inspección nomeará unha comisión de valoración integrada por profesorado do centro no que as persoas interesadas efectuaron a súa inscrición, que procederá a entrevistala. Non será preciso recorrer á comisión de valoración cando a persoa interesada acredite estar en posesión dalgún diploma de formación profesional ocupacional expedido pola Administración pública correspondente.

7º Para efectua-la inscrición, os aspirantes deberán presentar:

-Solicitude de matrícula segundo modelo normalizado que figura no anexo I desta orde.

-Documento nacional de identidade, pasaporte ou fotocopia compulsada de calquera deles.

Segundo o apartado do punto 6º no que estea comprendido, o aspirante deberá achegar ademais a documentación seguinte:

a) Diploma ou certificado de ensino de carácter profesional homologado polo Ministerio de Educación e Ciencia.

b) Certificado de escolaridade de formación profesional de 1º grao.

c) Certificado acreditativo de terse presentado anteriormente ás probas de madurez para a obtención do título de oficialía industrial ou de primeiro grao de formación profesional.

d) Título de bacharelato elemental, graduado escolar ou certificado de estudios primarios e, en todo caso, documento acreditativo dun ano, como mínimo, de actividade laboral.

e) Documento acreditativo de máis dun ano de actividade laboral e certificado de inscrición na oficina de emprego, así como a documentación complementaria.

O período de permanencia no servicio militar acreditarase mediante certificación do xefe da correspondente unidade ou, no caso de telo rematado, fotocopia compulsada da cartilla militar. O período de desenvolvemento da prestación civil substitutoria acreditarase mediante certificación do organismo competente.

As amas de casa e empregados de fogar xustificarán a actividade laboral da forma que se establece na Resolución do 5 de agosto de 1977 (BOE do 27) da Dirección Xeral de Ensino Medio ou mediante calquera outro documento que se considere válido.

Para este efecto estimarase suficiente a declaración de dúas testemuñas ante notario, da realización de actividades laborais por parte de quen solicita a inscrición por este concepto.

Así mesmo, considérase válida a actividade laboral realizada nos talleres de institucións penitenciarias, sendo suficiente a certificación expedida polas autoridades do centro penitenciario.

En caso de existir expediente académico do solicitante noutro instituto de formación profesional distinto daquel no que se efectúa a inscrición, este último solicitará de oficio ó centro de orixe o oportuno traslado de expediente.

8º Quen solicite a súa inscrición acolléndose ó que dispón o apartado 6º e), deberá ser advertido, no momento de formalizala, da obriga de estar pendente da posible convocatoria para a entrevista á que alí se alude, o cal se publicará no taboleiro de anuncios do instituto.

9º A realización e cualificación das probas estará a cargo de comisións avaliadoras integradas polos seguintes membros:

-Un presidente.

-Un vocal correspondente á área formativa común.

-Un vocal correspondente á área de ciencias aplicadas.

-Un vocal da correspondente área tecnolóxico-práctica por cada unha das profesións para as que se celebren probas no centro.

As devanditas comisións estarán integradas por funcionarios docentes dos institutos nos que se imparta formación profesional. Os presidentes serán funcionarios dos servicios provinciais de Inspección ou directores dos citados institutos. Actuará como secretario o vocal de menor antigüidade e, no caso de igualdade por este concepto, o que resulte elixido ó chou entre eles.

Estas comisións avaliadoras poderán solicita-los asesoramentos docentes que consideren necesarios.

O Servicio de Inspección proporalle á correspondente delegación provincial o nomeamento do presidente e vocais que constituirán as comisións avaliadoras, procurando, sempre que sexa posible, que pertenzan á mesma localidade do instituto onde se vaian realiza-las probas. Estas comisións serán as necesarias para que o número de persoas examinadas correspondentes a cada unha delas non sexa inferior a cincuenta nin superior a cen, ou o sexa en mínima medida, salvo excepcións debidamente xustificadas. Cando por calquera causa non fose posible nunha provincia organiza-las comisións avaliadoras correspondentes, seralle comunicado á dirección xeral para os efectos oportunos.

10º Os institutos receptores de inscricións comunicaranlle á inspección o número de persoas admitidas en cada profesión, dentro dos tres días hábiles seguintes ó da finalización do prazo de inscrición.

Á vista destes datos, estableceranse as comisións avaliadoras que sexan precisas, podéndose agrupa-las persoas inscritas nos distintos institutos da provincia, para os efectos de pasa-la proba perante unha mesma comisión avaliadora, sempre que o número delas e o de profesións que se van incluír así o aconsellen.

A delegación provincial comunicaralle mediante fax á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, antes do día 30 de marzo respecto da primeira convocatoria e antes do 23 de outubro para a segunda, a relación de institutos en que actuarán as comisións avaliadoras, expresando o número destas e as profesións correspondentes a cada unha delas. De non recibirse nas setenta e dúas horas seguintes ningunha comunicación da dirección xeral, entenderanse aceptadas as comisións establecidas.

11º Con sete días hábiles de antelación, como mínimo, ó comezo das probas, a delegación provincial comunicaralles ós institutos o lugar onde actuará cada unha das comisións avaliadoras designadas, así como a relación de alumnos que corresponden a cada unha delas.

Esta relación farase pública na propia delegación provincial e en cada un dos institutos receptores de inscricións, polo menos catro días antes do comezo das probas.

12º O contido das probas adecuarase ós vixentes cuestionarios oficiais de formación profesional de 1º grao aprobados polas respectivas ordes ministeriais. As materias serán agrupadas nas tres áreas de coñecementos:

-Formativa común.

-Ciencias aplicadas.

-Coñecementos técnicos e prácticos.

A dirección xeral remitirá os cuestionarios ás delegacións, que os enviará ós institutos para a súa custodia e posterior entrega, en sobre pechado, ó presidente da comisión avaliadora correspondente.

13º Os institutos que reciban as inscricións terán á disposición das comisións avaliadoras os expedientes dos aspirantes para facilitar cantos datos sexan necesarios.

14º O calendario das probas deberá ser anunciado no taboleiro de anuncios do instituto no que se realicen estas, sinalándose expresamente o lugar de celebración e os utensilios con que deberán acudir-los aspirantes (material de debuxo, táboas, máquinas de escribir, etc.).

As probas axustaranse á orde e horario que se indica a continuación:

Primeira xornada.

-Ás 9 horas: constitución das comisións avaliadoras dando lectura a esta orde.

O presidente procederá á apertura do sobre dos exercicios, a partir do cal quedarán baixo a súa custodia.

Á vista dos respectivos exercicios prácticos, adoptaranse as medidas oportunas que garantan a organización e desenvolvemento destes, de acordo coas dispoñibilidades do instituto. Para este efecto contarase co asesoramento do profesorado de prácticas.

Cando por razóns de instalacións ou locais existan dificultades para desenvolve-lo exercicio práctico no propio instituto onde actúe a comisión avaliadora, a inspección provincial poderá autoriza-la realización deste noutros locais que se consideren máis idóneos, expresándose neste caso o lugar e enderezo no calendario das probas, que se fará público inmediatamente despois de rematar esta sesión constitutiva.

-Ás 10 horas: exercicio global sobre as materias que constitúen a área de ciencias aplicadas, baseado fundamentalmente no cálculo matemático básico. Duración: 3,5 horas.

-Ás 16 horas: exercicio global sobre as materias que constitúen a área formativa común, baseado esencialmente na capacidade de comprensión e expresión lingüística. Duración: 3,5 horas.

Segunda xornada:

-Ás 9 horas: exercicio de tecnoloxía e de técnicas de expresión gráfica ou de comunicación, da área de coñecementos técnicos e prácticos. A duración será determinada pola comisión avaliadora en función da proba e profesión de que se trate. Esta duración en ningún caso excederá da xornada de mañá.

-Ás 16 horas: segunda parte do exercicio correspondente á área de coñecementos técnicos e prácticos. A duración será determinada pola comisión avaliadora para cada profesión. Esta duración non excederá da xornada de tarde.

15º Nunha terceira xornada, as comisións procederán á cualificación das probas globais e redactarán actas de avaliación para cada unha das áreas, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, acomodándoas á escala de sobresaliente, notable, ben, suficiente, insuficiente e moi deficiente. Tendo en conta a idade e circunstancias concretas deste alumnado, convén prestarlle máis atención á madurez persoal e profesional ca ó coñecemento puntual de cuestións concretas de cada materia. A estas actas uniranse os exercicios correspondentes e arquivaranse no centro onde actúe a comisión avaliadora.

As áreas superadas anteriormente, validadas ou homologadas, faranse constar coa expresión de «exenta» e debaixo delas, entre parénteses, a cualificación, se constase documentalmente.

16º A cualificación global (anexo III) correspondente a cada alumno obterase da seguinte forma:

a) Se o alumno obtivo cualificación positiva nas tres áreas, a súa cualificación final será a correspondente á área de coñecementos técnicos e prácticos.

b) Se o alumno obtivo cualificación negativa nalgunha das áreas, a súa cualificación global será «insuficiente» ou «moi deficiente».

As actas finais (anexo III) redactaranse por profesións e faranse públicas no centro onde fosen realizadas as probas, quedando arquivados os orixinais no devandito instituto.

Remitirase copia das actas de cada profesión (anexo III), ós institutos nos que se inscribisen aspirantes desa profesión, para efectos de constancia dos resultados nos respectivos expedientes e ós servicios de inspección técnica.

17º Os alumnos que superen algunhas das áreas poderán solicita-la correspondente certificación ó instituto que admitiu a súa inscrición. Esta certificación, entre outros, producirá os efectos de dispensa de realización das correspondentes probas en posteriores convocatorias.

18º Aqueles aspirantes que acaden puntuación global positiva poderán solicitar no centro receptor da súa inscrición a expedición do título de técnico auxiliar na profesión respectiva. A tramitación desta solicitude axustarase ó disposto na Orde ministerial do 18 de novembro de 1975 (BOE do 6 de decembro).

19º En determinadas ramas, cando a organización das probas faga imposible seu desenvolvemento nas condicións establecidas nesta orde, a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos poderá autoriza-la realización destas en dúas fases.

En todo caso, garantirase, por unha parte, a homoxeneidade dos exercicios de ámbalas dúas fases e, por outra, que cada aspirante concorra soamente a unha das fases da convocatoria.

20º Os profesores que participen nas comisións avaliadoras previstas no artigo 9º terán dereito á percepción das indemnizacións previstas no Decreto 299/1990. Para tales efectos estas comisións clasifícanse na categoría terceira.

O asesoramento docente non devengará ningún tipo de indemnización.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos

491