Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 1996 Páx. 1.219

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de xaneiro de 1996 pola que se establecen axudas para a realización de actividades de alfabetización e formación de adultos na Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 1996.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 51.1º que o sistema educativo garantirá que as persoas adultas poidan adquirir, actualizar, completar ou amplia-los seus coñecementos e aptitudes para o desenvolvemento persoal e profesional. Asímesmo, no seu artigo 63.1º, establece que os poderes públicos desenvolverán accións de carácter compensatorio en relación coas persoas, grupos e ámbitos territoriais que se encontren en situacións desfavorables.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos, establece no seu artigo 5, entre outras actuacións previas e programas de acción, a de promove-la colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, empresariais e universitarias.

A Comunidade Europea proclamou, mediante unha decisión do Parlamento Europeo e do Consello de 10 de xullo de 1995, a celebración en 1996 do Ano Europeo da Educación e da Formación Permanentes. Con esta celebración preténdese sensibiliza-los europeos sobre o concepto de educación e formación permanentes (Lifelong Learning) e levar a cabo, a través de distintas iniciativas a varios niveis (europeo, nacional, rexional e local), unha reflexión de conxunto sobre o papel e a importancia da educación e a formación nos albores do século XXI.

Neste contexto, prestaráselle unha especial atención nas accións promovidas por esta orde á difusión das oportunidades e solucións ós desafíos que xera a sociedade do momento.

Co fin de potenciar cantas accións sexan conducentes a un mellor desenvolvemento persoal e profesional das persoas adultas e moi especialmente das máis desfavorecidas e á vista dos resultados das convocatorias anteriores, procede continuar co apoio a este tipo de accións cada vez máis consolidadas así como iniciar novos proxectos que lles proporcionen a estes cidadáns unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou prosegui-los seus estudios.

Os proxectos tendentes a alcanzar unha cualificación acorde coas necesidades tecnolóxicas e a evolución do mercado de traballo encádranse dentro da acción F.1.-Formación Profesional Educación do obxectivo 1.7 do Marco de Apoio Comunitario para o período 1994-1999, polo que son considerados entre os proxectos que son susceptibles de ser cofinanciados co Fondo Social Europeo.

Entre as accións que se proxecta desenvolver inclúese de forma específica a oferta de novos programas de garantía social, para as cidadás e cidadáns que tendo entre 16-20 anos non alcanzaron os obxectivos da educación obrigatoria promulgada pola LOXSE. De forma especial promocionaranse as accións orientadas a supera-las probas de ensinanzas non escolarizadas de formación profesional de primeiro grao, conducente á obtención do título de técnico auxiliar, que ademais de proporcionar unha cualificación profesional habilita para proseguir estudios regrados de 2º grao de FP ou de BUP co que se facilita a promoción cultural e académica dos que abandonaron os seus estudios básicos sen titulación.

Por todo isto, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Establécense axudas para o desenvolvemento de actividades que teñen como obxectivo alfabetizar ou eleva-lo nivel de formación básica ou cualificación profesional da poboación adulta e que se realicen durante o ano 1996, sendo incluídas para tales efectos tanto as que se veñen desenvolvendo desde o 1 de xaneiro do ano en curso como as que se programan para ser inciadas con posterioridade á resolución da convocatoria que regula esta orde.

Segundo.-A esta convocatoria poderán concorre-las corporacións locais e as institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan excluídos os centros docentes que proxecten desenvolver actividades que teñan como obxectivo prioritario a alfabetización ou outras actividades relacionadas coa educación de adultos.

Terceiro.-O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ós conceptos orzamentarios

07.04.322H.480.0, 07.04.322H.460.0, 07.04.322S.480.0 e 07.04.322S.460.0 da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, ata un total de 234.044.000 ptas, correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1996. Con motivo da conmemoración do Ano Europeo da Educación e Formación Permanentes e co afán de atende-lo incremento progresivo de solicitudes e actividades, o importe total das axudas incrementouse substancialmente con respecto ó ano 1995.

Cuarto.-As solicitudes serán presentadas polo titular ou representante legal da entidade solicitante, por duplicado, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días hábiles a partir da publicación da presente orde.

Quinto.-As solicitudes axustaranse ó modelo establecido no anexo I e irán acompañadas dun proxecto e un orzamento das actividades, tamén por duplicado, conforme ó anexo II. Así mesmo, xuntaranlle á documentación sinalada unha certificación bancaria da conta corrente a nome do titular ou representante legal da entidade solicitante na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

Sexto.-A Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que acompaña á solicitude seralle comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos constituirase unha comisión de selección encargada de valora-las solicitudes presentadas.

A dita comisión estará integrada por:

-O subdirector xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

-Catro inspectores correspondentes ós Servicios Provinciais de Inspección.

-O xefe do Servicio de Formación de Adultos e Xestión Económica.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir axudas de custos por asistencias e axudas para gastos de locomoción por concorreren ás sesións, conforme ó

Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Oitavo.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaralla ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.

A selección e contía das axudas estableceranse de acordo cas seguintes prioridades:

a) Actividades que teñan como principal obxectivo a alfabetización.

b) Formación de base conducente á obtención do certificado de escolaridade ou título de graduado escolar.

c) Preparación para a obtención do título de técnico auxiliar de formación profesional que permita o acceso á educación secundaria non obrigatoria para persoas adultas.

d) Programas de garantía social para menores de 21 anos que alomenos cumpran dezaseis no ano natural en que inician o programa e non alcanzaron os obxectivos da educación secundaria obrigatoria nin posúen titulación algunha de formación profesional.

Algunhas destas actividades poderanse realizar en cooperación con centros de educación permanente de adultos ou centros públicos que impartan ensinanzas regradas de formación profesional. Nestes supostos o material empregado na aplicación das actividades programadas cederaselles ós ditos centros.

En todo caso daráselles prioridade ós proxectos que se realicen en concellos ou comarcas que non conten con centros de educación de adultos ou de formación profesional regrada e nos que non se desenvolvan actividades, de oferta pública, para educación de adultos.

Sen prexuízo do anterior, terase en conta, ademais dos obxectivos dos proxectos e os orzamentos dispoñibles, a rendibilidade das accións.

Noveno.-As axudas concedidas en cada caso irán destinadas a sufraga-los gastos de persoal e de funcionamento xerados polo proxecto. En todo caso, os gastos referidos a funcionamento non superarán o 30% do importe total da subvención. Poderase destinar tamén un 5% do total da axuda concedida a sufraga-los gastos do tipo: edición de folletos, circulares informativas, carteis, materiais audiovisuais e materiais de prensa relacionados con actos de apoio ou difusión do Ano Europeo da Educación e da Formación Permanentes. Estas axudas serán aboadas, de conformidade co que dispón o artigo 36º, Dous A) da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 (DOG do 30 de decembro), da seguinte forma:

1º.-Concederase o 10% da contía subvencionada no momento da resolución desta orde, logo de aceptación da subvención e certificación por parte da entidade de ter comezado a/as actividade/s.

2º.-Libraranse, en concepto de pagos parciais, as cantidades que xustifiquen as entidades no prazo sinalado, sen exceder, en ningún caso, o 70% da cantidade total da subvención.

3º.-A cantidade restante librarase unha vez finalizada a actividade no momento da súa completa xustificación por parte do beneficiario e entrega da memoria dela, achegando certificación de percibir ou non outras axudas e subvencións para a finalidade subvencionada, para o efecto do disposto no artigo 78.3º da Lei 11/92, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario. A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados na mesma data en que se lle comunique a concesión das subencións.

Décimo.-As entidades que obteñan axudas no marco da presente convocatoria comprométense:

-Á gratuidade das actividades.

-Á xestión directa do proxecto subvencionado.

-A facilitar canta información demande a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

-Á cesión de cantos documentos e materiais se deriven do proxecto para a súa publicación.

-A comunica-lo número real de participantes e os axustes realizados.

- A presentar copia dos contratos do persoal laboral contratado visado pola oficina pública de emprego.

-En xeral, ó cumprimento do que establece a presente orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.

Undécimo.-Como remate de todo o proceso, as entidades subvencionadas quedan obrigadas a presentar, no transcurso dos 15 días posteriores á finalización da execución do proxecto, unha memoria detallada do seu desenvolvemento, que poderá servir como documento de difusión e debate. En todo caso deberanse organiza-las actividades co obxecto de poder presentar no seu momento e, sempre antes do día 15 de novembro de 1996, a memoria e a xustificación de gastos.

Duodécimo.-A Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de adultos, a través do Servicio Provincial de Inspección, realizará o seguimento dos proxectos subvencionados.

Décimo terceiro.-Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda das accións formativas conducentes á obtención do título de técnico auxiliar de formación profesional e naquelas que respondan a programas de garantía social e que se desenvolvan ó amparo desta orde, así como nos lugares onde se realicen as referidas accións, deberá figurar que estas están confinanciadas pola Xunta de Galicia,

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e polo Fondo Social Europeo, ambas denominacións cos seus respectivos anagramas.

Décimo cuarto.-A subvención poderá ser revogada, despois de audiencia ós interesados, sempre que dos informes de seguimento se deduza que as actividades non se axustan ó proxecto presentado. Esta circunstancia suporá a devolución das cantidades percibidas en virtude desta convocatoria e exerceranse, se é o caso, as accións legais pertinentes para esixi-lo reintegro correspondente.

Décimo quinto.-Facúltase expresamente a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo sexto.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación Adultos

913