Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 1996 Páx. 1.216

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 14 de febreiro de 1996 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga xeral convocada para o día 15 de febreiro de 1996 nos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña, na provincia de Pontevedra.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicio esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20).

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servicios esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga determinen o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, e o persoal preciso para prestalos.

A coordinadora das plataformas anti-encoro de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña, en escrito de data 24 de xaneiro de 1996, comunica a convocatoria de folga xeral para a xornada do día 15 de febreiro de 1996, entre as 0 e as 24 horas do mesmo día, que afectará a tódolos servicios públicos dos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña, na provincia de Pontevedra.

Ante o carácter de folga xeral, semella o máis axeitado regula-los servicios mínimos mediante unha única norma de aplicabilidade a tódolos centros, dependencias e servicios en xeral sobre os que pode ter incidencia esta convocatoria.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servicios esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servicios mínimos indispensables para o funcionamento dos servicios esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

Así pois, establécense servicios mínimos respecto a sectores e actividades dos que a regulación é competencia dalgunha das consellerías da Xunta de Gali

cia e que poden afecta-lo desenvolvemento ordinario da actividade cidadá.

Na Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, xúlgase necesario fixar servicios mínimos que cubran a área de transporte, e nese sentido o Decreto 61/1985, do 18 de abril, dispón que deberán manterse os servicios de transporte de estudiantes e escolares nas expedicións normalmente establecidas, e os dos obreiros que sexan estrictamente precisas para transportar ós traballadores imprescindibles para servicios de seguridade, gardería e mantemento.

No tocante ós servicios de transporte de carácter concesional en sentido estricto (servicios regulares de uso xeral), establécense soamente servicios mínimos necesarios nas expedicións que teñan a súa orixe ou destino nas localidades afectadas pola convocatoria da folga.

No referente ós servicios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o dereito á educación é un dereito de carácter social, e por tanto reclama dos poderes públicos as accións positivas necesarias para que poida ser levado a cabo en igualdade de tódolos que se encontran en calquera dos niveis formativos en calquera tipo de centro.

Por outra parte, a especial problemática de Galicia, coa maior porcentaxe de alumnos transportados e facendo uso dos comedores escolares ou o bó número de internados da nosa Comunidade Autónoma, non poden quedar paralizados no seu funcionamento como consecuencia do dereito constitucional de folga.

Sinálanse, por iso, os servicios mínimos necesarios para manter en funcionamento os comedores escolares, a limpeza dos centros, e un mínimo de vixilancia e atención para os alumnos que pidan acudir ós centros, xa que a maioría deles son menores de dezaoito anos, e moitos deles con idades comprendidas entre os tres e os catorce anos.

Os centros de educación especial necesitan, polas características dos seus alumnos, un maior coidado e asistencia e por iso cómpre a asistencia do maior número de persoal, como coidadores, persoal médico, etc.

Na área de competencias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes establécense servicios mínimos para garanti-los servicios esenciais definidos como tales no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, o que significa, tal e como xa declarou o Tribunal Constitucional, que o dereito da comunidade ás prestacións vitais é prioritario respecto do dereito á folga, se ben a dita prioridade necesita ser contrastada en cada situación de folga, e sometida ó principio de proporcionalidade dos sacrificios impostos ós folguistas, e ós beneficiados polo servicio, no que atinxe ós dereitos fundamentais, as liberdades públicas e os bens constitucionalmente protexidos.

O mencionado Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se dictan normas para garanti-la prestación

dos servicios esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma, establece que terán a consideración de servicios esenciais entre outros, e polo que respecta ós prestados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes afectados pola presente convocatoria de folga, os dos rexistros públicos.

A motivación da concreta determinación do mínimo de actividade e a fixación do persoal preciso para asegura-lo mantemento dos servicios esenciais prestados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes encóntrase no labor que na Axencia de Extensión Agraria se realiza en relación coas funcións de rexistro e recepción de documentos.

No referente á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais co fin de garanti-lo dereito constitucional de protección a saúde e ós intereses dos cidadáns dos que a súa tutela corresponde á consellería, fíxanse servicios mínimos tanto na área correpondente á asistencia sanitaria como na de servicios sociais do xeito seguinte:

Con respecto á asistencia sanitaria do nivel de atención primaria, os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mantene-la adecuada cobertura dos servicios dos centros sanitarios, en evitación de que se produzan graves prexuizos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

E, por iso, mantéñense os servicios mínimos necesarios para garanti-la asistencia imprescindible ós pacentes, así como a atención urxente ós usuarios, que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

No referente á área de servicios sociais, os mínimos requeridos responden á necesidade de garanti-la asistencia mínima ós diminuídos psíquicos ou outros marxinados sociais asistidos no Centro Ocupacional O Saiar de Caldas de Reis, que necesitan axuda para os labores básicos, como limpeza, control sanitario, comida, vestido, desprazamentos e necesidades similares.

En consecuencia, e de acordo co establecido no parágrafo 5.2º do Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia aprobado polo Decreto 111/1984, do 25 de maio, e por proposta das consellerías de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, Educación e Ordenación Universitaria, Agricultura, Gandería e Montes e Sanidade e Servicios Sociais, oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Con carácter xeral o mínimo de actividade e o persoal preciso para asegura-lo mantemento dos ser

vicios esenciais durante a folga xeral convocada nos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña na provincia de Pontevedra, para o día 15 de febreiro de 1996, é o seguinte:

1.1. Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

1.1.A. Servicios concesionais:

-Concesión V-461; XC-028.

Cuntis-Pontevedra: 7.

Pontevedra-Cuntis: 13.30.

19.30.

-Castromil S.A.

Santiago-Cuntis: 12.

1.1.B. Transportes escolares:

Prestaranse na súa integridade.

1.1.C. Transporte de obreiros:

Manteranse os servicios estrictamente necesarios para transporta-los traballadores imprescindibles para atende-los servicios de seguridade, gardería e mantemento das instalacións.

1.2. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

Nos centros escolares dependentes da consellería:

-O director ou un membro do equipo da dirección e 1 subalterno en cada centro escolar.

-O 30% do persoal de comedores e do persoal docente encargado destes, nos centros de educación básica con servicio de comedor.

-O 25% do persoal de comedores, limpeza e subalternos nas escolas-fogar.

-O 25% do persoal docente encargado de comedores das escolas fogar garantindo un mínimo de dúas persoas.

-O 30% de persoal de comedores, limpeza e subalternos nos centros residenciais docentes.

-O 25% do persoal de limpeza, nos centros de ensino secundario.

A totalidade de persoal de comedores, ATS, limpeza, coidadores e persoal médico dos centros de educación especial.

1.3. Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Axencia de Extensión Agraria de Caldas de Reis.

Un funcionario.

1.4. Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

1.4.A. Con respecto á asistencia sanitaria do nivel de atención primaria, os mínimos requiridos son os seguintes:

-Caldas de Reis:

Desde as 9 ás 15 horas:

1 médico xeral.

1 pediatra.

1 ATS/DUE.

Desde as 15 horas:

1 médico xeral.

1 ATS/DUE.

-Cuntis:

Desde as 9 ás 15 horas:

1 médico xeral.

1 ATS/DUE.

1 celador.

Desde as 15 horas:

1 médico xeral.

1 ATS/DUE.

-Moraña:

Dende as 9 ás 15 horas:

1 médico xeral.

1 ATS/DUE.

1 celador.

Dende as 15 horas:

1 médico xeral.

1 ATS/DUE.

1.4.B. No referente á asistencia do Centro Ocupacional O Saiar, de Caldas de Reis, a asistencia mínima que se debe garantir require a presencia dos servicios mínimos seguintes: 1 director- administrador, 2 monitores ocupacionais, 1 mestre taller, 1 oficial de 1ª e cociña, 1 auxiliar administrativo, 1 camareira-limpadora, 1 vixilante nocturno, 1 limpadora.

Artigo 2º

O persoal que debe presta-los servicios mínimos establecidos no artigo anterior será destinado, no suposto da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais -Servicio Galego de Saúde- polos directores xerentes do centro de gasto ó que pertenzan, polos delegados provinciais das consellerías respectivas e polos directores de persoal, nos restantes supostos, publicándose os nomes dos designados nos taboleiros de anuncios dos respectivos centros de traballo.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa lexislación vixente aplicable ós diversos colectivos.

Artigo 4º

O disposto na presente orde non suporá ningunha limitación dos deritos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez.

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

0799