Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 1996 Páx. 1.224

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 31 de xaneiro de 1996 sobre concesión de axudas para a formación, promoción e divulgación da tecnoloxía no sector pesqueiro.

A formación do colectivo de traballadores do sector pesqueiro é unha necesidade cada vez máis urxente nuns momentos en que estes están asumindo unha participación máis directa na xestión dos recursos pesqueiros.

Nesta formación, que atinxe cada vez a máis áreas, tendo que atender a aspectos non só técnicos e biolóxicos, senón ós económicos e de organización, é preciso que participen máis activamente as organizacións do sector, debendo asumir unha iniciativa e protagonismo que nalgúns casos son o único xeito de alcanzar resultados positivos. Neste obxectivo é preciso considerar aqueles aspectos educativos, culturais e sociais ou de recuperación de valores ou tradicións que contribúan á dinamización das comunidades pescadoras.

Dada a necesidade recoñecida de incrementa-lo nivel tecnolóxico e de coñecementos dos nosos pescadores, mariscadores e acuicultores, e tendo en conta que isto se consegue a través dun conxunto de actividades que van desde a organización de cursiños, ás visitas e viaxes formativas, parece necesario incentiva-la súa realización por parte das organizacións do sector de cara a lograr este obxetivo. Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas destinadas á organización de actividades para a formación, promoción socio-cultural e divulgación da tecnoloxía no sector pesqueiro conforme as normas contidas na presente orde, garantindo os preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidad.

As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 12.04.480.00 do programa 612.B do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Artigo 2º.-Fins.

As actividades que poderán acollerse a estas axudas serán aquelas que teñan por finalidade:

1. Organización de actividades de formación e promoción socio-cultural, recuperación de embarcacións tradicionais para uso en actividades de promoción socio-cultural, ou de divulgación, dirixidas a pescadores, mariscadores e acuicultores.

2. Organización de visitas formativas e de viaxes de formación ou intercambio para pescadores, mariscadores e acuicultores.

3. Realización de folletos, vídeos de divulgación e calquera outro material educativo dirixido á formación de pescadores, mariscadores e acuicultores.

4. Adquisición de material educativo, libros ou material audiovisual para actividades de formación.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas:

1. As confrarías de pescadores.

2. As organizacións de productores pesqueiros recoñecidas.

3. As agrupacións ou asociacións de acuicultores e mariscadores.

4. Os sindicatos

5. Outras entidades de carácter cultural sen fin de lucro.

Tódolos beneficiarios relacionados anteriormente deberán te-lo seu enderezo social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4.- Contía e límites da axuda.

As axudas concederanse para as distintas finalidades nas contías e cos límites máximos que se indican:

1. Os gastos de organización de calquera actividade, cun límite do 70%, ata unha contía máxima de 300.000 ptas.

2. Os gastos de profesorado e conferenciantes, ata a totalidade do importe cun límite de 4.000 ptas. por hora de clase ou 15.000 por charla ata un máximo de 300.000 ptas.

3. Os gastos de viaxe ata a cantidade de 7.000 ptas. por persoa e día, en viaxes dentro de España e de 15.000 ptas. por persoa e día, en viaxes ó estranxeiro, cun límite máximo de 1.000.000 de ptas.

4. O importe da realización do material educativo, ata un máximo de 300.000 ptas.

5. Os gastos de adquisición de material educativo e outros, cun límite do 70% do orzamento, e ata un máximo de 200.000 ptas.

6. Os gastos de recuperación de embarcacións tradicionais para o uso en actividades de promoción socio-cultural, cun límite máximo de 1.000.000 de ptas.

Artigo 5º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o conxunto delas non supere as limitacións establecidas na disposición cuarta desta orde, coa excepción das axudas para recuperación de embarcacións tradicionais, que poderán supera-lo límite fixado no artigo 4.5º, sempre que non se supere o custo global de realización do proxecto. As ditas axudas son incompatibles co uso da embarcación para a pesca e a acuicultura, e con calquera das axudas incluídas no programa comunitario ou autonómico de construcción e modernización de embarcacións pesqueiras. No caso de que sexan superadas estas limitacións, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura minorará o importe da axuda concedida ata alcanza-los máximos permitidos.

Artigo 6º.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que se poderá recoller nos servicios centrais e nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e

Acuicultura, debendo ser presentadas nas delegacións territoriais correspondentes, ou ben a través do mecanismo establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará ós 30 días naturais contados a partir do seguinte ó de publicación.

Artigo 8º.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do DNI do solicitante.

2. Fotocopia compulsada dos estatutos da sociedade, certificacion do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se lle concede autorizacion para face-la solicitude ó asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia e achegando unha certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo.

3. Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal, ou NIF, segundo se trate de persoas xurídicas ou físicas.

4. Fotocopia compulsada do documento que acredite a inscrición no rexistro de asociacións, se é o caso.

5. Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

6. Memoria que conteña unha descrición detallada do programa de actividades, do calendario, do persoal, dos medios necesarios, do material educativo e calquera outro aspecto que se considere de interese.

7. Plan económico indicando á parte que correponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera administración estatal, autonómica, local ou institucional.

Os solicitantes que xa presentaran solicitudes no ano 1995 quedarán eximidos de presenta-la documentación dos puntos 3, 4 e 5, debendo presentar unha certificación do órgano competente na que se indique que non se modificaron en absoluto as circunstancias existentes desde entón.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.

Á vista das solicitudes e documentación presentadas, a Sección de Formación Pesqueira e Investigación das delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, solicitará a ampliación de datos ou os informes que considere

necesarios, e efectuará as comprobacións pertinentes; seguidamente formularalle a proposta de resolución favorable ou denegatoria de cada solicitude ó delegado territorial, na contía que se considere oportuna en función das dispoñibilidades do crédito existente.

O delegado territorial correspondente dictará resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta disposición, no prazo máximo de tres meses desde o remate do de presentación de solicitudes. No caso de non recaer resolución expresa de concesión, a solicitude quedará desestimada.

Artigo 10º.-Criterios obxectivos de prioridade.

1. Para a resolución dos expedientes de adxudicación das axudas daranse prioridades tendo en conta os seguintes criterios:

a) Terán prioridade, en orde de maior a menor, as solicitudes que teñan como fin a realización de cursos, outras actividades de formación, a edición de publicacións de divulgación, a recuperación de embarcacións tradicionais e a adquisición de libros ou outro material didáctico ou audiovisual.

b) No caso de igualdade de condicións valorarase o interese para a zona onde se vaia realizar.

c) Terase e conta, en caso de coincidencia nos demais criterios, o seguinte:

-Número de permisos de explotación ou asociados da entidade solicitante.

-As confrarías de pescadores e organizacións de productores pesqueiros terán preferencia sobre outros solicitantes.

2. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación establecerá os criterios xerais de asignación de axudas, e distribuirá a contía global existente no concepto orzamentario correspondente entre as delegacións territoriais.

Artigo 11º.-Prazo de realización.

O prazo no que debe ser realizada a actividade obxecto da axuda, será fixado na resolución de concesión de axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 31 de decembro do ano 1996. Cando o beneficiario considere que non pode remata-lo proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada.

O delegado territorial dictará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada non poderá exceder de dous meses a partir do remate do prazo establecido na resolución de concesión da axuda.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 12º.-Control das actividades obxecto da axuda.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a través das súas delegacións territoriais, reserva para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito as datas e horas de realización das actividades obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectua-las comprobacións que se consideren oportunas.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos ademais de ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

No suposto de que, unha vez notificada a resolución de concesión, houbera algunha variación no calendario, nos prazos de execución da actividade sinalados na memoria de solicitude, ou calquera outra modificación, seralle comunicada á delegación territorial coa antelación suficiente para que poida realiza-las comprobacións que considere necesarias, para efectos de aprobar ou denega-la devandita modificación.

As delegacións territoriais establecerán as medidas necesarias para efectos de face-la comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

Finalizada a execución do proxecto no prazo sinalado, ou no que resultase como consecuencia da prórroga concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar na delegación territorial correspondente dentro do prazo dun mes, a seguinte documentación:

a) Facturas orixinarias dos gastos realizados, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude. No caso de pagamento de salarios, gratificacións, etc., deberá consta-la retención correspondiente polo IRPF, así como unha fotocopia cotexada do documento que acredite o ingreso del na delegación de facenda.

b) Declaración xurada na que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera organismo estatal, autónomo, local ou institucional.

c) Memoria sinxela de realización da actividade indicando datas de realización, número de asistentes e outros aspectos de interese á que se xuntará documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros.

Se a actividade subvencionada correspondese á fixada no artigo 2º.3, do material educativo e impreso

que se realice ó abeiro da presente orde entregaranse cincuenta (50) exemplares no caso de publicacións e unha copia ou exemplar no caso doutro material educativo.

A Sección de Formación Pesqueira e Investigación de cada delegación territorial certificará a execución completa das actividades obxecto da axuda despois de realiza-las comprobacións oportunas.

Artigo 14º.-Pagos con carácter de anticipo.

Os beneficiarios poderán solicitar pagos parciais con carácter de anticipo, ata o 80% da axuda concedida. O seu aboamento farase en dous pagos, o primeiro por un 40 % no momento da concesión e o tro unha vez xustificado o anterior de acordo co establecido no artigo 13.a).

Para o primeiro pago, á solicitude xuntaráselle unha memoria, así como facturas proforma, orzamentos ou documentos similares que xustifiquen os gastos nos que se incorra, e a declaración xurada do artigo 13.b).

O resto da axuda librarase unha vez rematada a actividade, segundo o disposto no parágrafo anterior.

Artigo 15º.-Outras condicións.

En toda a documentación pública relacionada coas actividades obxecto da axuda, farase constar que estas se realizan cunha axuda da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Nos exemplares de distribución gratuíta farase constar impreso nela a frase «Exemplar gratuíto».

En relación cos orixinais que se realicen segundo o establecido no artigo 2º.3, que non leven consigo directamente a súa publicación ou realización, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, reserva para si o dereito de publicación ou de realización durante un ano, contando desde a data de entrega do orixinal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

Directora Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Delegados Territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura en A Coruña, Lugo e Pontevedra

882