Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 09 de febreiro de 1996 Páx. 1.066

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 31 de xaneiro de 1996 pola que se regulan as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios durante o ano 1996.

O Decreto 332/1995, do 27 de decembro, establece para a Comunidade Autónoma de Galicia as axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios coa finalidade de que un maior número de agricultores e gandeiros poidan beneficiarse das van

taxes que supoñen os seguros como un instrumento que lles permite facer fronte ás perdas económicas que poidan ter nas súas produccións como consecuencia da actuación de axentes alleos, coma a climatoloxía, enfermidades, etc.

Tendo en conta a evolución da contratación de seguros agrarios nas últimas campañas, que segue a ser excesivamente baixa en determinados cultivos como o viñedo, é necesario regular determinados aspectos para o ano 1996, como a contía das axudas e o seu financiamento.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, modificada pola Lei 11/1988 reguladora da Xunta e do seu presidente, e o Decreto 205/1990, do 15 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Durante o ano 1996 poderán beneficiarse das axudas establecidas polo Decreto 332/1995, do 27 de decembro, os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autó

noma de Galicia, sempre e cando subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas ou piscifactorías do plan anual de seguros agrarios combinados 1996, ou pólizas de liñas gandeiras do plan anual de seguros agrarios combinados 1995, e cumpran o establecido no devandito decreto e na presente orde.

Artigo 2º

A subscrición do seguro realizarase unicamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía e Facenda e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras de los Seguros Agrarios Combinados S.A. (Agroseguro) ou a través dos axentes de seguros autorizados, todo isto na forma establecida a teor da Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados e demais normativa concordante.

Artigo 3º

A axuda a conceder pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes consistirá nunha porcentaxe da outorgada para o mesmo fin pola Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), que xa da un tratamento diferenciado positivamente a determinadas explotacións agrarias. Para o ano 1996 fíxase nun 15 % da axuda á contratación que ó solicitante lle corresponde de Enesa, agás para as liñas de uva de vinificación e mazá de mesa, nas que esta porcentaxe se eleva ó 50 %.

Artigo 4º

O importe da axuda a pagar pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes será deducida do importe da prima a aboar polo tomador no momento de subscribi-la póliza. As cantidades así descontadas serán abonadas pola Comunidade Autónoma a Agroseguro contra certificacións de liquidación, e sempre de acordo co procedemento que se estableza no correspondente convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e Agroseguro.

O convenio establecerá, entre outros, os prazos e a documentación que Agroseguro deberá xuntar a cada certificación de liquidación co fin de que se poidan efectua-las comprobacións oportunas por parte da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes antes de realiza-los pagamentos.

Artigo 5º

Non obstante o anterior, os tomadores dos seguros deberán presenta-las solicitudes normalizadas da axuda, preferentemente nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ou en calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992 do 26 de novembro, nos 10 días hábiles seguintes á finalización do mes no que se formalizou a póliza do seguro.

Os tomadores dos seguros deberán aportar así mesmo, unha lista resumo das pólizas subscritas, así como toda aquela documentación relacionada coa contratación do seguro, se así lles fose solicitado.

Artigo 6º

O financiamento das axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios realizarase, para o exercicio de 1996, con cargo ó concepto orzamentario 09.03.614A.773., de apoio á eficacia dos sistemas productivos agrarios do proxecto de orzamentos da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para 1996, dotado con 50.000.000 de pesetas para este programa.

As solicitudes formuladas con anterioridade ó 31 de decembro de 1995 ó amparo da Orde do 2 de xaneiro 1995 para o fomento da contratación de seguros agrarios ás que non lles foi concedida a subvención solicitada serán tidas en conta na presente convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias. A tramitación dos expedientes será desde o trámite no que se atopaba ó remate do exercicio anterior.

A aprobación definitiva das axudas está condicionada á aprobación dos orzamentos da Comunidade Autónoma para 1996, de conformidade coa Orde do 2 de xuño de 1986, de tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dictar cantas disposicións considere necesarias no desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

579