Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 09 de febreiro de 1996 Páx. 1.069

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 15 de xaneiro de 1996 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Paco González.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Paco González.

Supostos de feito:

Primeiro.-O 21 de xullo de 1995 solicitouse o recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Paco González por medio de escrito presentado por Francisco González Fernández, en representación da fundación.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública, outorgada en Vigo o día 19 de xuño de 1995, ante o notario José-Luis Lorenzo Areán, co número mil trescentos oitenta e oito do seu protocolo, por Francisco González Fernández, Hortensia González Fernández e María del Mar Fernández Reboreda, sendo rectificada e complementada por outra do 30 de outubro perante o mesmo notario e co número dous mil catrocentos dazasete do seu protocolo, intervindo todos no seu propio nome e debidamente acreditados.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como cultural da fundación Paco González, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a execución das facultades inherentes a aquel á Consellería de Cultura.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais, pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 14 de decembro de 1995 (DOG do 26 de decembro) clasificouse como cultural a Fundación Paco González, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, son fins da fundación o fomento da danza española e calquera outro que teña por obxecto a promoción e desenvolvemento desta arte en Galicia, o nivel profesional do sector da danza no seu nivel cultural e, en xeral, a elevación da calidade de vida e do nivel socioeconómico.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na restante documentación que figura no expediente constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación

da fundación como fundación Paco González, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación está integrado polos seguintes membros:

Presidente: Francisco González Fernández.

Vicepresidente: Hortensia González Fernández.

Secretaria: María del Mar Fernández Reboreda.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Paco González, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó amparo do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dálle nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do excercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentárselle o protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a fundación Paco González.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obrigación de lles da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a renderlle-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

646