Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 09 de febreiro de 1996 Páx. 1.070

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 24 de xaneiro de 1996 pola que se regula a pesca peláxica coa arte de cerco na campaña de 1996.

Oída a comisión sectorial de cerco do Consello Galego de Pesca e analizados os resultados das campañas precedentes, procede agora, de conformidade co disposto na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e no Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permitidos en Galicia, establece-las normas reguladoras da presente campaña, coas que se trata de acadar unha maior protección dos recursos, así como mellora-la súa comercialización.

Na súa virtude, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras,

DISPÓN:

Artigo 1º

As embarcacións autorizadas para exerceren a pesca de cerco que realicen o desembarco das súas capturas de especies peláxicas nos portos de ámbito territorial desta Comunidade Autónoma limitarán as súas capturas e desembarcos ás seguintes cantidades diarias respectando, en todo caso, o total admisible de capturas e cotas establecidas polo Regulamento CE nº 3.676/1993.

-Sardiña (Sardina pilchardus): 7.000 kg.

-Parrocha (sardiña de 11 a 15 cm de tamaño): 3.000 kg.

-Xarda (Scomber scombrus): 10.000 kg.

-Rincha (xarda de 20 a 23 cm de tamaño): 6.000 kg.

-Xurelo (Trachurus trachurus): 4.000 kg.

-Bocareu (Engraulis encrasicholus): 10.000 kg.

-Bocareu pequeno (bocareu de máis de 60 pezas/kg. e máis de 12 cm de tamaño por peza): 2.000 kg.

-Mestura ou varios (entendéndose por mestura cando a especie máis abundante non supere o 80% do total das capturas): 10.000 kg.

En calquera caso, o total das especies peláxicas que se poderán desembarcar diariamente por embarcación e día será de 10.000 kg.

Artigo 2º

Os límites diarios establecidos no artigo anterior deben considerarse referidos ás capturas obtidas en xornadas de pesca contadas:

-Por días naturais, no caso de elixi-lo horario a) do artigo 5º.

-De mediodía a mediodía, no caso de elixir o horario b) do artigo 5º.

Se as capturas obtidas superasen as cantidades sinaladas, a cesión dos excedentes a outras embarcacións poderase facer unicamente cando se leve a cabo no mar, fóra do porto, quedando prohibido o transbordo e traspaso deles noutras condicións.

Artigo 3º

Para a descarga e primeira venda de especies peláxicas autorizanse os seguintes portos:

Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao, Celeiro, Cariño, Ares, Pontedeume, Sada, A Coruña, Caión , Malpica, Laxe, Camariñas, Portosín, Aguiño, Ribeira, Cambados, Portonovo, Bueu e Vigo.

Non obstante, segundo disposto no punto 3 do artigo 16 do Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, se os lotes vendidos por telefonía se pretenden descargar nun porto distinto ó da venda, a entidade concesionaria da lonxa ou a responsable do centro da venda estará obrigada a comunicarllo de xeito inmediato e por medios telemáticos á correspondente Delegación Territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e non poderá realizarse a descarga ata dúas horas despois de ser transmitida a dita comunicación.

Artigo 4º

As capturas desembarcadas terán que ser obrigatoriamente consignadas no libro de control de capturas de especies peláxicas establecido pola Orde do 11 de agosto de 1987, na lonxa onde se realice a primeira venda.

O establecido no parágrafo anterior será sen prexuízo das obrigas derivadas dos Regulamentos (CE) 2807/1983 e 2847/1993 do Consello das Comunidades Europeas respecto ó diario de a bordo.

Os mencionados libros de control de capturas peláxicas, deberán ser dilixenciados nas correspondentes delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, anualmente ó inicio de cada campaña. En todo caso, deberán estar dilixenciadas no prazo de 30 días naturais contados a partir da entrada en vigor desta orde.

Artigo 5º

Poderase optar polos seguintes horarios de pesca:

a)Das 0 horas do luns ata

-As 12 horas do venres, durante a primavera e o verán (do 21 de marzo ó 20 de setembro).

-As 24 horas do venres durante o outono e o inverno (do 21 de setembro ó 20 de marzo).

b)Das 12 horas do luns ás 12 horas do sábado.

As horas que se sinalan entenderanse como de saída e de entrada no porto. O horario elixido anotarase no rol da embarcación e no libro de capturas, sendo conveniente que as embarcacións dun mesmo porto adopten un mesmo horario.

Artigo 6º

O incumprimento do establecido nesta orde sancionarase segundo a Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección dos recursos marítimo-pesqueiros.

Disposición adicional

O disposto na presente orde terá vixencia ata a expresa regulación da próxima campaña.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras para dicta-las resolucións precisas para mellor cumprimento do aquí establecido.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

95-0539