Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 1996 Páx. 1.014

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 1995, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, pola que se resolve a clasificación dos montes da Costa, Campiños Verdes, Pedra Miranda, Coto Loureiro e Chan da Cruz, pertencentes á parroquia de Figueirido, concello de Vilaboa.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, Decreto 260/1992, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que o Xurado Provincial de Clasifi

cación de Montes Veciñais de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día vinteún de novembro de mil novecentos noventa e cinco, nos locais da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo de citación para o efecto, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común coa asistencia das seguintes persoas:

-Presidente: José Luis Díez Yáñez.

-Vicepresidente: José Juan Barreiro Prado.

-Vocais:

Teodoro Arribas Serrano.

Luis Mª Muiños Vidueira.

Serafín Quinteiro Blanco.

-Vocais representantes da parroquia de Figueirido. Vilaboa:

Constantino Lamoso Couso.

Carlos Boullosa Acuña.

-Vocais representantes da parroquia de Vilaboa. Vilaboa:

Antonio Adonis Ferreiro Ameal.

Manuel Dacosta Salgado.

-Secretaria: Ramona C. Fernández Álvarez.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, por Resolución do 11 de decembro de 1981, acordou declarar como veciñais en man común os denominados montes de Figueirido, compostos polas tres seguintes parcelas que sumaban un total de 54 hectáreas:

a) Chan do Vilar, de 32 ha.

b) Pedra Miranda, de 18 ha., e

c) Couto Loureiro, de 4 ha.

Segundo.-A comunidade de montes veciñais en man común da parroquia de Figueirido, do concello de Vilaboa, insta agora deste xurado a declaración como montes veciñais en man común de tódolos comprendidos no perímetro da parroquia de Figueirido, con excepción dos clasificados na Resolución do 11 de decembro de 1981, a prol da devandita comunidade.

Terceiro.-O presidente da comunidade de montes veciñais en man común de Vilaboa opúxose á inclusión dos montes Chan da Cruz e da Costa (ou Pedra Miranda) no expediente de clasificación formulado pola comunidade veciñal de Figueirido, baseándose en que os consideraban da súa propiedade a teor dos argumentos que inserían no seu escrito.

Cuarto.-Ademais da documentación propia da tramitación do expediente, consta nel a achegada polas devanditas comunidades, o informe da enxeñeira de montes adscrita ó Servicio de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra e mailo certificado do rexistrador da propiedade segundo o cal ningunha das parcelas de monte afectadas polo presente expediente figuran inscritas.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-Para unha adecuada resolución do presente expediente cómpre distinguir, por unha banda,

as novas parcelas de monte que se pretenden clasificar como veciñais en man común e, por outra, aquelas que se ben xa foron clasificadas polo xurado o 11 de decembro de 1981 agora se persegue que teñan unha maior cabida e extensión.

Segundo.-Novas parcelas

A teor do informe da enxeñeira de montes xa aludido nos antecedentes de feito desta mesma resolución, a parcela de monte coñecida por Da Costa posúe unha superficie de 0,6 ha., estrema tanto polo norte coma polo sur e o leste con propiedades particulares, mentres que polo oeste o fai coa estrada local a Canicouva. Trátase dun monte con matogueira e algún pé de E. Globulus, totalmente rodeado de valos agás pola parte oeste na que, como xa se dixo, estrema cunha estrada. E en canto ó seu aproveitamento (principalmente para o esquilmo) demostrouse este polos veciños.

Consonte tamén o mesmo informe, a parcela de monte denominada Campiños Verdes posúe unha superficie de 5,7 ha., linda polo norte con propiedades particulares, polo sur con máis propiedades particulares e coa pista asfaltada a Figueirido, polo leste con terreos particulares e o concello de Pontevedra e polo oeste, coa pista asfaltada a Figueirido e propiedades particulares. Esta parcela tamén se atopa con matogueira e algúns pés de E. Globulus e P. Pinaster e, igualmente, vén sendo obxecto de aproveitamento, en forma de esquilmo, polos veciños.

Segundo todo o ata aquí exposto, á vista da restante documentación histórica que figura no expediente, e tendo en consideración que a comunidade de Vilaboa non se opuxo a iso, procede a declaración daquelas como veciñais en man común a prol da comunidade de Figueirido.

Terceiro.-Parcelas que xa foron declaradas en man común.

A parcela de monte Coto Loureiro, segundo recente medición sobre o terreo, mide unhas 5,3 ha, isto é, máis das que se indicaban na resolución deste mesmo xurado do ano 1981 (4 ha) e bastantes menos das que indican os promoventes do presente expediente (8,2 ha). Os lindeiros das 1,3 hectáreas da parcelas do devandito monte que, entón, se pretende clasificar son, polo norte, fundos particulares; polo sur, o xa desde o ano 1981 clasificado monte veciñal en man común de Figueirido; polo leste, o termo municipal de Pontevedra e polo oeste, terreos particulares.

Velaí que, polas mesmas razóns xa apuntadas con anterioridade para o caso das novas parcelas, non existe impedimento de ningún tipo para que a declaración como veciñal en man común abranga tamén á mentada parcela coa extensión e lindeiros xa se consignaran.

O xurado, na súa reunión do ano 1981, efectivamente xa clasificara como veciñal en man común o monte Pedra Miranda, aludindo á súa superficie de 18 ha., que agora pretende ser incrementada en

1,6 ha. pola comunidade de Figueirido Mais esta residual superficie xa aparece clasificada por canto, na reunión, procedeu a clasificar como veciñal en man común o monte da Costa, de 18 ha., a prol da comunidade de Vilaboa. Logo as pretendidas 1,6 ha. xa aparecen clasificadas a prol dunha ou outra das veciñas comunidades de Figueirido e Vilaboa e, evidentemente, non procede entrar agora noutro tipo de cuestións. E deste xeito, cómpre rexeita-la petición que en tal sentido facían os promoventes do expediente.

Verbo da parcela Chan da Cruz, as 67 ha. que se solicita que sexan declaradas a prol da comunidade de Figueirido xa aparecen incluídas nas 356 ha. do monte Castiñeira Valada, Postimirón e Chan da Cruz clasificadas a prol dos veciños da parroquia de Vilaboa, segundo así se colixe da totalidade da documentación que consta no expediente, polo que de plano cómpre rexeita-la pretensión en tal sentido deducida.

Vistos o artigo 14 da Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia, o artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o artigo 1º do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da lei nomeada anteriormente, e demais concordantes de xeral e pertinente aplicación, os membros do xurado de maneira unánime acordan a clasificación como veciñais en man común do monte da Costa, Campiños Verdes e Coto Loureiro a prol dos veciños da Parroquia de Figueirido, concello de Vilaboa, coa descrición gráfica que se recolle na planimetría que se une á presente resolución, elaborada polo Servicio de Montes e Industrias Forestais e asinada por tódolos membros do xurado, formando parte inseparable dela, e que se corresponde cos seguintes lindeiros e cabida:

Nome do monte: monte Da Costa

Cabida: 0,6 ha

Lindeiros:

Norte, sur e leste: propiedades particulares.

Oeste: estrada local a Canicouva.

Nome do monte: Campiños Verdes

Consta de dúas parcelas:

Parcela A, sita ó leste

Cabida: 2 ha

Lindeiros:

Norte: propiedades particulares.

Sur: propiedades particulares.

Leste: termo municipal de Pontevedra e propiedades particulares.

Oeste: propiedades particulares.

Parcela B, sita ó oeste

Cabida: 3,7 ha

Lindeiros:

Norte: propiedades particulares

Sur: pista asfaltada a Figueirido e propiedades particulares.

Leste: propiedades particulares

Oeste: pista asfaltada a Figueirido e propiedades particulares.

Nome do monte: Coto Loureiro

Cabida: 1,3 ha

Lindeiros:

Norte: propiedades particulares

Sur: montes veciñais en man común da parroquia de Figueirido

Leste: termo municipal de Pontevedra.

Oeste: predios particulares.

Así mesmo, por unanimidade, os membros do xurado acordan denega-la mesma declaración como veciñal en man común que se solicitaba con respecto do monte Pedra Miranda e Chan da Cruz, polas consideracións que aparecen recollidas nos fundamentos de dereito da presente resolución.

Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde súa notificación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 58 da Lei reguladora da antedita xurisdicción, en relación co artigo 12 da Lei de montes veciñais en man común e o artigo 28 do seu regulamento, modificados ámbolos dous preceptos legais pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Pontevedra, 5 de decembro de 1995.

José Luis Díez Yáñez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra

756