Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 1996 Páx. 989

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 26 de xaneiro de 1996 pola que se regula a concesión de axudas para a formación cooperativa, promoción, mellora de xestión e consolidación das cooperativas agrarias.

O fomento do asociacionismo agrario constitúe un dos obxectivos fundamentais na procura do cambio das estructuras productivas do campo galego. Producir e comercializa-los productos agrarios de forma agrupada constitúe un modo de enfrontarse ás novas condicións de mercado, máis axeitado e máis útil. Por eso, esta consellería considera de maior interese incentiva-las accións que teñen como obxecto a divulgación deste propósito, a educación cooperativa, o fortalecemento das estructuras productivas e a modernización destas empresas agrarias.

Por todo isto, en consonancia co disposto no artigo 30.1º, nº 1 e 3, do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Artigo 1º

As cooperativas agrarias legalmente constituídas, así como as súas asociacións, e as cooperativas de segundo e ulterior grao, establecidas no ámbito territorial Comunidade Autónoma de Galicia, que se axusten á normativa establecida, poderán solicitar axudas para as finalidades especificadas nos artigos seguintes.

Do mesmo xeito, poderán acollerse a estas axudas os gandeiros acollidos ó plan de abandono da producción láctea que pretendan o seu ingreso en sociedades cooperativas de carácter agrario.

As unións ou asociacións de cooperativas establecidas en Galicia poderán subscribir acordos de colaboración coa Consellería de Agricultura Gandería e Montes, acolléndose ás axudas correspondentes, nos termos e nas contías que en cada caso se determinen.

Capítulo II

Actividades formativas e de fomento do cooperativismo en xeral

Artigo 2º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá conceder subvencións para realizar cursos e actividades formativas dirixidas á mellora da capacitación do persoal integrado en cooperativas agrarias, ademais do que presta nelas o seu servicio, así como ó fomento e promoción do cooperativismo. As subvencións aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.612A.470 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, cunha dotación de 21.000.000 de ptas. (vinteún millóns de pesetas).

Artigo 3º

As actividades formativas que poden ser obxecto desta subvención son as seguintes:

a) A estancia en empresas co fin da apredizaxe práctica.

b) Cursos, viaxes formativas de prácticas, xornadas, seminarios e conferencias dirixidos a:

1. Xerentes, técnicos, especialistas e outros traballadores cualificados ó servicio das entidades asociativas agrarias, co fin de mellora-la xestión empresarial destas.

2. Socios das entidades asociativas agrarias así coma os seus fillos e outros familiares dependentes deles, que teñan relación coas actividades da cooperativa.

c) Calquera outra actividade semellante que a consellería recoñeza de interese para a formación do persoal.

Artigo 4º

O importe das axudas para as actividades a que se refire o artigo anterior poderá cubri-la totalidade dos custos efectivos do profesorado, material didáctico e outros gastos de ensino.

Cando se organicen viaxes colectivas de prácticas de estudio ou formativas en xeral para socios de cooperativas agrarias, poderán percibir ata o 70% dos custos efectivos de desprazamento e aloxamento. Cando a viaxe se faga sen curso ou actividade formativa previa, a subvención mencionada non poderá supera-lo 50%.

Se para a asistencia ós cursos os alumnos tivesen que desprazarse fóra do termo municipal de residencia, poderase percibir ata o 50% dos gastos de viaxes e de estancia.

Artigo 5º

A Consellería de Agricultura Gandería e Montes, directamente ou en colaboración coas entidades as que fai referencia o artigo 1º, poderá organizar e promover actividades formativas dirixidas a socios de cooperativas agrarias ou persoal ó servicio destas, cando o crea conveniente para o sector e non sexan promovidas polas propias entidades.

Os cursos, xornadas e demais actividades formativas, poderán igualmente ser promovidas e organizadas polas asociacións de cooperativas e as súas unións, ou polas propias entidades para o persoal ó que van dirixidas.

Para a realización das actividades utilizaranse, en canto sexa posible, os recursos de persoal, instalacións e medios das administracións públicas.

Artigo 6º

As solicitudes virán acompañadas dunha memoria explicativa das actividades previstas na que se faga relación polo menos, dos seguintes extremos:

a) Xustificación e obxectivos.

b) Persoal ó que van dirixidas.

c) Número de participantes.

d) Datas e lugares de celebración.

e) Duración.

f) Programa.

g) Profesorado.

h) Orzamento desagregado por partidas.

i) Financiamento previsto.

A concesión das subvención farase conforme o interese que teñan as actividades programadas e as garantías de cumprimento do programa.

Artigo 7º

Unha vez concedida a subvención, procederase ó pago dos gastos efectuados con previa xustificación deles, a través de facturas ou recibos orixinais. Esta xustificación de gastos deberá vir acompañada dunha pequena memoria das actividades realizadas.

Capítulo III

Axudas para afronta-los gastos de constitucion e primeiro establecemento de novas cooperativas

Artigo 8º

Co fin de contribuír á promoción e consolidación de cooperativas agrarias, así como para a fusión de pequenas cooperativas existentes, para que poidan alcanzar unha maior viabilidade na súa actividade económica, poderán ser subvencionados:

a) Os gastos de constitución e primeiro establecemento das novas cooperativas, orixinados por viaxes, gastos de tramitación, asesoramento, presentación de documentos, xestión para a súa escritura pública, legalización, confección e adaptación de estatutos, rexistro e outros gastos previos á súa entrada en funcionamento.

b) Os gastos orixinados pola fusión de cooperativas, como son: estudios económicos, auditoría para este fin concreto, confección de balances de fusión, gastos de publicación e tódolos demais indicados no apartado anterior.

c) Os estudios de viabilidade dos proxectos económicos das novas implantacións.

Artigo 9º

O importe das axudas para os fins a que se refire o artigo anterior poderá cubri-la totalidade dos gastos sinalados nos apartados a) e b) e ata o 70% dos considerados no apartado c).

Artigo 10º

As solicitudes formularanse en documento único no que se relacionarán os gastos realizados ou que se vaian realizar, mediante unha memoria explicativa. A concesión das subvencións correspondentes farase con base na memoria de gastos presentada. As subvencións imputaranse á aplicación orzamen

taria 09.01.612A.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, cunha dotación de 5.000.000 (cinco millóns de pesetas).

Poderán solicitar estas axudas os promotores daquelas cooperativas que queden legalmente constituídas ou fusionadas ó longo do presente exercicio económico.

Artigo 11º

Será precisa a xustificación dos gastos feitos mediante a presentación de facturas e recibos orixinais ou das copias compulsadas destes, no prazo e coa forma sinalados no artigo 34º desta orde.

Capítulo IV

Axudas para contratación de novo persoal

Artigo 12º

Establécese unha subvención para contratación de novo persoal con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.612A.771 dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia para 1996.

As contratacións débense facer ó longo do ano 1996.

Por razón da duración das contratacións de persoal, obxecto de subvención, que culminan máis aló do propio exercicio orzamentario, o gasto correspondente terá carácter plurianual.

Os beneficiarios desta subvención serán:

a) As cooperativas e as sociedades agrarias de transformación (en diante SS.AA.TT.) de nova creación.

b) As cooperativas ou SS.AA.TT. xa existentes, que poñan en marcha novas actividades.

c) As cooperativas e SS.AA.TT. en xeral.

Nos casos previstos nos apartados a) e b) a contía da subvención poderá alcanzar ata un 70% da retribucións totais do primeiro ano, fixadas no contrato, que deberán estar en relación cos cometidos e co nivel do posto de traballo que se vai desenvolver.

No caso previsto no apartado c) a contía da subvención non poderá exceder da cantidade de trescentas cincuenta mil pesetas anuais (350.000 ptas).

As subvencións de persoal contratado non comprenderán, en ningún caso, as cotizacións da Seguridade Social.

Artigo 13º

Cando tres ou máis cooperativas contraten os servicios dun coordinador de actividades formativas, poderán obter unha axuda que se eleve ata o 95% dos seus honorarios anuais.

Cando as cooperativas en concerto non tivesen establecidos vínculos legais de índole asociativa deberán designar, para estes efectos, a unha delas como representante das demais e obrigarse solidariamente ó cumprimento dos compromisos contraídos.

Artigo 14º

A duración mínima das contratacións de persoal será dun ano, incluído o período de proba e, se fose inferior, deberá fixarse o compromiso de ampliación do contrato ata un ano polo menos.

En calquera caso deberá achegarse o acordo da entidade sobre as condicións de substitución, para o suposto de resolución de contrato, ata o período mínimo de duración sinalado.

Cando se produza algunha substitución de persoal contratado para o que se recibiu subvención, deberá comunicarse tal extremo, xunto coa identificación do substituto, na primeira liquidación que se realice.

Artigo 15º

Terán preferencia aquelas contratacións en que o persoal contratado acredite a asistencia a cursos ou actividades formativas de tipo cooperativo relacionadas co posto de traballo.

Artigo 16º

A documentación específica que deberá achegarse para este tipo de subvencións, será a seguinte:

a) Memoria xustificativa sobre a necesidade, cometidos e características das novas contratacións.

b) Orzamento anual de contratación.

c) Compromiso sobre as condicións de substitución, no caso de rescisión do contrato de traballo.

d) Data de contratación do persoal. E no caso de que mediaran circunstancias que impediran a contratación na data citada, solicitaráselle á Secretaría Xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes autorización para pospoñela, facéndose indicación de tales circunstancias e sinalando a nova data de formalización da dita contratación.

Artigo 17º

Trimestralmente deberán presentarse, en documentos orixinais ou copias debidamente compulsadas, os recibos de haberes e de cotizacións da Seguridade Social (modelo TC1 e TC2), como xustificacións dos pagamentos efectuados.

Coa primeira liquidación deberán aportarse:

a) Fotocopia do DNI do persoal contratado.

b) Copia compulsada dos contratos, nas que figuren ademais os datos persoais e profesionais dos traballadores.

A liquidación das subvencións farase por cuartas partes do total anual concedido.

Capítulo V

Axudas para a adquisicion de novos equipos informáticos e contables, destinados a mellora-la prestación de servicios e a xestión economica

Artigo 18º

Con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.612A.771 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, e coa fina

lidade de mellora-la eficacia na xestión empresarial das cooperativas, establécense subvencións para adquisición de equipos informáticos e de fax.

Artigo 19º

Son subvencionables os equipos e programas informáticos e de fax que estean xustificados para a xestión da actividade da entidade cooperativa, adquiridos durante o ano en curso.

A subvención poderá alcanzar ata un máximo dun 50% do seu custo, cunha contía que non poderá exceder de dous millóns de pesetas no caso dos equipos informáticos, e cen mil pesetas no caso dos fax, cando se trate de cooperativas ou SS.AA.TT. de nova creación ou que poñan en marcha novas actividades. Nos demais casos a axuda non excederá do 35% do seu custo e respectaranse as axudas sectoriais existentes, tanto na producción primaria como na comercial e de transformación.

Artigo 20º.-A documentación específica que deberá achegarase nas solicitudes deste tipo de subvencións será a seguinte:

a) Xustificación das necesidades do equipo, programa ou fax que se vaia adquirir.

b) Características e orzamentos.

Artigo 21º

A xustificación dos gastos farase coa presentación das facturas orixinais ou as súas copias, debidamente compulsadas, no prazo e coa forma establecidos no artigo 34º desta orde.

Capítulo VI

Axudas para realizacion de estudios de viabilidade e de auditorías que teñan por finalidade a actualización da contabilidade e permitan establecer un sistema contable homoxéneo

Artigo 22º

Con cargo a aplicación orzamentaria 09.01.612A.771 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, e coa finalidade de mellora-la eficacia na xestión empresarial das cooperativas, establécese unha subvención para a realización de estudios de viabilidade ou de análise de xestión e de auditorías.

A subvención para estas finalidades poderá alcanzar ata o 70% do seu custo, cun máximo de subvención dun millón de pesetas, por entidade e concepto. Só serán atendibles cando se realicen no ano en curso.

Artigo 23º

As análises de xestión e as auditorías deberanse realizar por censores xurados de contas e auditores inscritos no rexistro correspondente. Os informes das auditorías deberanse explicar, cos correspondentes dictames, ó conxunto dos socios na primeira asemblea xeral que se celebre con posterioridade a súa realización. Deste punto farase constancia expresa na acta da sesión correspondente.

Os estudios de viabilidade de novas actividades deberanse facer por técnicos competentes na materia, que darán conta dos estudios na asemblea xeral.

Artigo 24º

Terán preferencia para obter esta subvención aquelas entidades que teñan como actividade principal a comercialización e transformación dos productos dos socios.

Artigo 25º

A documentación específica que se presentará coa solicitude para este tipo de subvención será a seguinte:

a) Identificación dos encargados da realización dos traballos.

b) Memoria explicativa sobre as características e alcance do plan que se vai realizar.

c) Orzamento detallado do plan.

Artigo 26º

A xustificación do gasto farase conxuntamente con:

a) A presentación de facturas e demais xustificantes orixinais ou as súas copias debidamente compulsadas.

b) Copia dos informes das auditorías ou estudios de viabilidade.

c) Copia ou certificación da acta da sesión explicativa dos dictames ós socios, tanto no caso das auditorías como nos dos estudios de viablidade.

Capítulo VII

Axudas para facilita-la incorporacion o mundo cooperativo dos afectados polo plan de abandono da produccion lactea

Artigo 27º

Poderán acollerse á axuda establecida neste capítulo os agricultores que téndose acollido ó plan de abandono da producción láctea, cambien de actividade productiva e se incorporen a unha cooperativa agraria que, non estando relacionada coa producción de leite, comprenda a nova orientación productiva.

Artigo 28º

Con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.612A.771 dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia para 1996, establécese unha subvención que poderá alcanzar ata o 50% da cota de aportación económica que o novo socio estea obrigado a satisfacer como aportación ó capital social e, se é o caso, da cota de entrada para a súa integración como socio dunha cooperativa que, non tendo entre os seus fins actividades relacionadas coa producción de leite, abarque as necesidades da nova actividade productiva do socio.

Artigo 29º

A subvención terá carácter persoal e deberá ser formulada en solicitude individual, tanto se o peti

cionario é un como se son varios, presentando os seguintes documentos:

a) Instancia individual subscrita, no caso de seren varios, por cada un, na que se faga consta-lo compromiso de permanecer como socio por un período mínimo de 6 anos.

b) Fotocopia do DNI.

c) Relación de peticionarios incluídos no expediente.

d) Certificación do secretario da cooperativa na que conste a solicitude do socio, o acordo de admisión por parte da cooperativa coa súa data, así como o importe da cota da achega obrigatoria para o novo socio como capital social e cota de ingreso.

e) Documentación que acredite estar acollido ó plan de abandono de producción leiteira.

f) Certificación expedida pola axencia de Extención Agraria máis próxima, que acredite a condición do solicitante de ser titular de explotación con orientación productiva non relacionada coa gandería de leite.

Artigo 30º

As subvencións contidas nos capítulos IV, V, VI, e VII desta orde libraranse con cargo á partida orzamentaria 09.01.612A.771 dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia para 1996, cunha dotación de 51.260.000 pesetas (cincuenta e un millóns duascentas sesenta mil pesetas).

Capítulo VIII

Disposicións comúns para tramitación das subvencións

Artigo 31º

As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e presentaranse no rexistro da consellería ou das súas delegacións provinciais, nas axencias de Extensión Agraria ou nos lugares e forma indicados no artigo 38 da vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes concluirá o día 30 de marzo do ano en curso.

Artigo 32º

A documentación que en tódolos casos deberán presenta-los peticionarios das subvencións regulamentadas na presente orde é a seguinte:

a) Certificación da acta na que figure o acordo do órgano rector polo que se aproba a actividade, contratación, adquisición ou servicio que se pretenda que sexa subvencionado así como o acordo de petición de subvención e autorización á persoa ou persoas encargadas de levar a cabo os trámites necesarios.

b) Copia dos estatutos.

c) Copia do balance e conta de resultados correspondentes ó último exercicio económico.

d) Copia da declaración do imposto de sociedades correspondente ó último período impositivo esixible.

e) Informe xeral sobre ámbito xeográfico, número de socios, número de empregados, actividades que realizan e outros datos que poidan ser relevantes para coñece-la configuración actual da entidade.

f) Relación de compoñentes do órgano rector.

g) Certificación por cada concepto de que nin se solicitou nin se obtivo ningunha outra subvención para o mesmo fin, por parte doutras entidades públicas. Esta certificación deberá vir asinada polo secretario e visada polo presidente da cooperativa.

h) Certificación da entidade bancaria na que conste a apertura e o número da conta corrente, así como do código da entidade, código da central e díxito, de control.

i) Copia compulsada do código de identificación fiscal da entidade.

j) Certificación expedida polo Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia acreditativa de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

k) Certificación de estar ó corrente no pago das obrigas fiscais e de Seguridade Social.

Artigo 33º

As subvencións concederanse por resolución motivada do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, logo de análise da documentación presentada e dos informes técnicos correspondentes no prazo dun mes, contado a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 34º

A xustificación do gasto correspondente ás accións que sexan obxecto de subvención deberase presentar directamente no Servicio de Fomento Cooperativo (Servicios Centrais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Edif. administrativo San Caetano-Santiago de Compostela).

O prazo de presentación será de dous meses contados a partir da data de comunicación de concesión da axuda, excepto a xustificación en materia de contratación de persoal, de carácter trimestral, que deberá presentarse no prazo máximo dos tres meses posteriores ó remate do correspondente trimestre.

Rematado o prazo de presentación de xustificacións dos gastos, decaerá no dereito a percibi-lo importe da subvención concedida, sen necesidade de aviso nin declaración de ningún tipo.

Artigo 35º

O aboamento das subvencións concedidas efectuarase despois da acreditación da execución do gas

to, polos medios en cada caso sinalados, no prazo de dous meses.

Artigo 36º

As subvencións contidas na presente orde son incompatibles con calquera outra que, coa mesma finalidade, se puidese percibir procedente da Xunta de Galicia e demais administracións públicas. A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida, procedéndose de modo inmediato á devolución das cantidades percibidas, cos xuros correspondentes. Neste suposto a Xunta de Galicia esixirá as responsabilidades de orde penal ou administrativa legalmente previstas.

Artigo 37º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá, en calquera momento, realiza-las comprobacións que estime oportunas para velar polo axeitado cumprimento das disposicións contidas na presente orde.

Artigo 38º

Os investimentos deberán estar realizados no presente exercicio, agás o referente ás contratacións de persoal que, aínda que formalizadas necesariamente no corrente ano, atenderanse ata que finalice o prazo dunha anualidade.

Artigo 39º

Con cargo ós remanentes que puideran producirse na tramitación dos expedientes de subvención, poderán atenderse aquelas solicitudes que, cumprindo tódolos requisitos, non obtiveran nun primeiro momento a axuda solicitada.

Disposicións adicionais

Primeira.-Tódolos gastos ou investimentos a que se refire a presente orde, para os efectos do aboamento das subvencións entenderanse feitos sen inclusión do IVE.

Segunda.-As copias do balance e contas de resultados a que se refire o artigo 32º, son as correspondentes ós do último exercicio económico. Pero, no suposto de que estes estiveran pendentes de aprobación, presentaranse as correspondentes ó exercicio anterior comprometéndose a achega-los novos tan pronto como fose posible.

Terceira.-Para os efectos do establecido na presente orde, as sociedades agrarias de transformación (SS.AA.TT.) terán a mesma consideración cás sociedades cooperativas.

Disposición final

Única.-Autorízase o secretario xeral da consellería para dicta-las normas necesarias para a aplicación da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

96-8466