Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 1996 Páx. 986

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 24 de xaneiro de 1996 pola que se establece o réxime de subvencións ás organizacións profesionais do sector agrario.

O Decreto 195/1994, do 16 de xuño, establece o réxime de axudas ás organizacións profesionais do sector agrario e fixa as regras xerais de procedemento e os criterios básicos ós que se debe suxeita-la concesión de axudas ás ditas organizacións profesionais. Nel habilítase a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para que a desenvolva tanto en materia de subvencións, como no relativo á subscrición de convenios de colaboración.

En consecuencia e de conformidade co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-las subvencións ás organizacións profesionais do sector agrario pola realización de actividades de representación e de formación dos seus asociados e dos agricultores galegos en xeral.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán beneficiarse das axudas establecidas na presente orde, as organizacións profesionais vinculadas co sector agrario e as organizacións representativas das cooperativas agrarias, legalmente establecidas e das que o obxecto social inclúa a representación profesional dos seus asociados.

Para a concesión destas axudas atribuirase carácter preferente a aquelas entidades, que teñan carácter xeral.

Artigo 3º.-Avaliación das solicitudes e dos seus importes.

1. A concesión das subvencións farase depender da natureza e alcance das accións realizadas, de acordo cos obxectivos descritos no artigo 1º desta orde.

Na avaliación destas terase en conta, como criterio preferente, o grao de implantación daquelas organizacións no sector agrario galego. Outros criterios que se apreciarán son os que fan referencia ó grao de dependencia económico que teñen estas organizacións respecto das axudas públicas para o desenvolvemento das súas actividades, ó interese e calidade das actuacións realizadas, á experiencia na realización das actividades mesmas e os medios utilizados en cada caso.

2. Para tal efecto, as entidades peticionarias deberán acreditar, se é o caso, mediante certificación expedida polo seu presidente, os seguintes extremos:

a) Número de socios.

b) Número e localización de oficinas abertas, horario de atención ó público, servicios que prestan.

c) Subsectores agrarios nos que se atopa implantada e a entidade da dita presencia.

d) Número de traballadores, con especificación das tarefas que realizan e duración do seu contrato. A este respecto xuntarase fotocopia compulsada dos contratos de traballo e copia auténtica dos documentos de cotización á Seguridade Social do último ano.

e) Orzamentos de gastos anual da entidade, ó que se xuntará certificación do acordo de liquidación do orzamento do ano anterior. Se pertencen a unha organización de ámbito estatal, deberá facerse especificación da contía da súa contribución.

f) Subvencións recibidas no último ano, por tódolos conceptos, procedentes das administracións públicas.

3. Así mesmo, acreditarán mediante certificacións expedidas polos organismos públicos competentes os requisitos esixidos pola Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 4º.-Actividades subvencionables.

Serán obxecto de subvencións as seguintes actividades:

a) Representación perante as institucións autonómicas.

b) Participación nas comisións, mesas de traballo ou calquera órgano colexiado, que, para a defensa dos dereitos dos seus representados, constituíse a Administración autonómica.

c) Formación dos asociados e das súas familias, así como dos xerentes das cooperativas agrarias.

d) Impulso do asociacionismo agrario.

Artigo 5º.-Subscrición de convenios de colaboración.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, de conformidade co disposto na normativa orzamentaria, poderá subscribir convenios de colaboración coas organizacións citadas, para a realización de

actividades específicas, que se consideren de elevado interese. Os convenios de colaboración rexeranse polas súas disposicións específicas.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención deberán presentarse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse mediante instancia, dirixida perante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, segundo o modelo que se xunta, no rexistros dos servicios centrais e periféricos desta ou por calquera dos medios e perante os rexistros que se especifican no artigo 38 na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ás solicitudes xuntaranse os documentos que acrediten en cada caso as circunstancias descritas no artigo 3º da presente orde.

Artigo 7º.-Resolución.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, resolverá no prazo dun mes, contado a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, a concesión das subvencións previstas na presente orde.

A falta de resolución expresa, deberá entenderse rexeitada a solicitude de subvención.

Artigo 8º.-Xustificación do destino das axudas.

As entidades beneficiarias desta axudas poderán percibir pagamentos parciais dos gastos realizados a medida que os vaia xustificando, ata un máximo do 80% do importe total da subvención que lle fora concedida. As subvencións ás que se refire esta orde, son incompatibles con calquera outra que se aplicase á mesma actividade.

Disposición adicional

As subvencións e os convenios de colaboración contidos na presente orde aboaranse con cargo á partida orzamentaria 09.01.611A.480 «Axudas a organizacións profesionais agrarias» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, cunha dotación de 49.000.000 de pesetas. Para os convenios de colaboración reservarase un 20% da dotación orzamentaria citada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para que dicte as normas e instruccións precisas para a execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 1996

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

95-0699