Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 06 de febreiro de 1996 Páx. 946

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 33/1996, do 12 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Tralo Decreto 287/1993, do 10 de decembro, polo que se estableceu a estructura orgánica da Xunta de Galicia, procedeuse a fixa-la das distintas consellerías, estructurando no artigo 11 do Decreto 291/1993, do 11 de decembro, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude. Posteriormente esta norma desenvólvese polo Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, que establece a estructura orgánica desta mesma consellería, dispoñendo nel que esta é o órgano da Administración autonómica ó que lle compete levar a cabo, entre outras, a súa política en materia de formación ocupacional e promoción de emprego.

Doutra banda o R.D. 735/1995, do 5 de maio, regula as axencias de colocación sen fins lucrativos.

A realización das distintas políticas activas de emprego e particularmente a xestión da formación ocupacional precisa da posta en marcha dun instrumento capaz de interrelaciona-la oferta e a demanda de emprego, dándolle transparencia ó mercado de traballo e contribuíndo á competitividade de empresas e traballadores.

As necesidades de xestión que formula unha axencia de colocación pública e de ámbito autonómico que se estructura nunha subdirección xeral, e os requisitos formais e de funcionamento que establece o R.D. 735/1995, do 5 de maio, esixen a creación dunha infraestructura necesaria para a coordinación das actividades de formación ocupacional e outras políticas activas de emprego.

Dado o exposto, maniféstase a necesidade de crear un órgano que se encargue da xestión do proceso de intermediación laboral, procurando a inserción dos demandantes e dentro deles dos alumnos de formación ocupacional, e facilita-la busca de candidatos axeitados polas empresas.

Na súa función de intermediación laboral garantirá a transparencia do mercado a nivel autonómico, fronte á súa posible atomización polo nacemento de múltiples axencias de colocación privadas, e coordinará a tódolos axentes que desexen actuar na intermediación laboral, garantindo o mantemento dos criterios de gratuidade e universalidade.

Por conseguinte, é preciso reforma-lo Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude, logo de informe das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, e logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Engádese ó apartado dous do artigo 7, o punto 3:

3. Subdirección Xeral de Colocación.

Asumirá a xestión da axencia de colocación da Xunta de Galicia, que actuará baixo a denominación de Servicio Galego de Colocación, comprendendo as relacións cos axentes sociais e outros organismos, os aspectos legais para adapta-la axencia ás normativas legais vixentes, a supervisión da promoción da indicada axencia velando sempre pola súa calidade e tempos de resposta e a coordinación con outros departamentos.

A Subdirección Xeral de Colocación estructúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

3.1. Servicio de Xestión e Coordinación de Centros Asociados.

Corresponderanlle as seguintes funcións: coordinación da actividade e soporte técnico nos centros, colaboración na promoción e difusión da axencia de colocación, seguimentos dos convenios establecidos cos centros asociados realizando o control de calidade da actividade de inserción que desenvolverán, a avaliación da calidade das infraestructuras esixidas para a súa inclusión na axencia de colocación e atribución de funcionalidades a eles de acordo coa tipoloxía establecida.

3.2. Servicio de Administración Informática.

Correspóndelle a Administración do sistema de información, a supervisión do soporte técnico e mantemento da aplicación, a planificación de melloras e novos desenvolvementos, elaboración das estatísticas e informes de resultados da xestión do sistema, garantía da seguridade dos datos e seguimento da operación do sistema, sen prexuízo das competencias atribuídas ó Instituto Galego de Estatística.

Disposicións derradeiras:

Primeira.-Facúltase a Consellería de Familia, Muller e Xuventude para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

499