Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 1996 Páx. 347

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da emprese Breoplast, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Breoplast, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 13-11-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, por unha representación dos traballadores en data 26-10-1995. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da Comisión Negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación, no BOP e no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, dezaseis de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Breoplast, S.L. con domicilio en Mouzos, 2, Tremoedo, Vilanova de Arousa

Artigo 1º.-Ambito de aplicación.

O presente convenio afecta en todo o seu contido normativo á empresa Breoplast S.L., con domicilio

en Vilanova de Arousa, e a todo o persoal que está prestando os seus servicios nesta, así como ós que se incorporen no futuro. O seu posto de traballo poderá variar segundo as funcións e necesidades da empresa, sen que varíen por iso as condicións estipuladas, sen contravi-lo que establece o Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Vixencia e denuncia.

O presente convenio colectivo terá vixencia ata o 31 de decembro de 1997, e entrará en vigor a partir do 25 de outubro de 1995, con independencia da data da súa publicación no BOP, renovándose tacitamente en períodos anuais, se non fose denunciado de acordo coas normas regulamentarias vixentes, con tres meses de antelación á data da finalización da súa vixencia.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse a título individual as condicións de traballo superiores ás establecidas no presente convenio colectivo, consideradas no seu conxunto e cómputo anual. Tal garantía será exclusivamente de carácter persoal, sen que poida entenderse vinculada a postos de traballo, categorías profesionais e outras circunstancias, polo que o persoal de novo ingreso non poderá alegar no seu favor as condicións máis beneficiosas de que disfrutaran os traballadores que anteriormente ocupasen os postos de traballo a que sexa destinado ou promovido.

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

Durante a vixencia deste convenio a xornada laboral será de 40 horas semanais de traballo efectivo, equivalentes a 1800 horas efectivas en cómputo anual como máximo.

A xornada de traballo comezará á hora prevista no cadro horario aprobado na empresa.

O traballador deberá acharse en disposición de inicia-la súa acitvidade no posto de traballo, coa súa correspondente indumentaria, o toque da serea ou outro sistema establecido.

A dita xornada normal será computada en consideración á iniciación do labor no posto de traballo e finalización deste, e non polo concepto de entrada e saída da empresa.

A fixación do horario de traballo será facultade da dirección da empresa, razoando o seu establecemento cos delegados de persoal, prevalecendo o criterio que supoña unha reducción de costes, aumento de vendas ou ben favoreza as necesidades estacionais da producción.

Establécense as seguintes quendas de traballo:

1º Quenda de 7 horas a 15 horas.

2º Quenda de 15 horas a 23 horas.

A xornada laboral distribuirase de luns a venres.

Os traballadores desfrutarán dun descanso de 15 minutos como tempo de bocadillo. Na sección de impresión este descanso realizarase de forma rotativa entre os traballadores da sección, sen que en ningún momento as máquinas teñan que ser paradas por este motivo.

Artigo 5º.-Vacacións.

Os traballadores desfrutarán dunhas vacacións retribuídas a razón de salario base máis antigüidade, de acordo coas seguintes condicións:

a) Terán unha duración de 30 días naturais.

b) A empresa exporá no taboleiro de anuncios e durante o mes de xaneiro as vacacións correspondentes ó ano, respectando o que establece o Estatuto dos traballadores.

c) Cando o traballador cese no transcurso do ano terá dereito á parte proporcional de vacacións en razón ó tempo traballado.

d) Todo persoal que antes ou durante o perído de vacacións estea en situación de incapacidade laboral transitoria ou baixa por accidente terá dereito ó desfrute destas ou da parte pendente, sempre que cause alta antes do termo do ano natural.

Artigo 6º.-Licencias e permisos.

Todo traballador, logo do aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración do salario base máis antigüidade, por algúns dos motivos seguintes e polo tempo indicado a continuación:

1º) Matrimonio do traballador: 15 días naturais.

2º) Nacemento de fillo: 2 días naturais.

3º) Enfermidade grave ou falecemento de parentes de 1º grao de consanguinidade: 2 días naturais.

4º) Enfermidade grave ou falecemento de parentes de 2º grao e afinidade ou consanguinidade: 2 días naturais.

5º)Nos supostos 3º e 4º se o traballador necesita facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

6º) Traslado de domicilio: un día natural.

7º) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispoña en canto a duración da ausencia e á súa compensación económica.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha

indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese lugar na empresa.

8º) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

9º) As traballadoras por lactancia dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade.

10º) O traballador terá dereito ó desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, así como a unha preferencia a elixir quenda de traballo, se tal é o réxime instaurado na empresa, cando curse con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional recoñecido polo Ministerio de Educación e Ciencia, logo de llo comunicar á empresa con 5 días de antelación.

11º) Os traballadores terán dereito a 18 horas anuais retribuídas para acudir a consultorio médico, sempre que estean debidamente xustificadas e non poida realizarse fóra das horas de traballo.

12º) Os traballadores que teñan ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

13º) Para asistencia a matrimonio de pais, fillos ou irmáns de consanguinidade: 1 día natural.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal da empresa percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e Nadal na contía, cada unha delas, de 30 días do salario base máis antigüidade. Aboaranse entre os días 15 e 22 dos meses de xullo e decembro.

Artigo 8º.-Participación en beneficios.

Establécense en concepto de participación en beneficios unha gratificación consistente en 30 días de salario base máis antigüidade. Esta gratificación aboarase mensualmente, dividida en doceavas partes.

Artigo 9º.-Servicio militar.

O traballador que se incorpore a filas con carácter oficial ou voluntario polo tempo mínimo de duración deste, terá reservado o seu posto de traballo durante o tempo en que permaneza cumprindo o servicio militar.

Artigo 10º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitaralles ós seus empregados as pezas de roupa de traballo necesarias para cada función. O seu uso e conservación será obrigatorio para o persoal.

Artigo 11º.-Recoñecemento médico.

A empresa solicitará dos servicios médicos da mutua patronal unha revisión médica anual para tódolos seus traballadores.

Artigo 12º.-Antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio colectivo percibirá aumentos periódicos por anos de servicio, que consisten en dous trienios e cinco quinquenios do 5% sobre o salario base correspondente á categoría na que o traballador está clasificado. Os incrementos por antigüidade non poderán, en ningún caso, supor máis do 10% ós cinco anos, do 25% ós 15 anos, do 40% ós 20 anos e do 60%, como máximo, ós 25 ou máis anos.

Artigo 13º.-Gastos de locomoción.

A empresa fará fronte ós gastos de quilometraxe orixinados por visitas ós clientes ou xestións de cobramento. Estes gastos non terán a consideración de salario a ningún efecto e a súa contía estableceraa a empresa. Será obrigatorio por parte dos traballadores acepta-las visitas.

Artigo 14º.-Plus de nocturnidade.

Establécese un plus de nocturnidade na contía do 25% sobre o salario base para os traballadores que realicen a súa xornada entre as cero e as seis horas. Non terán dereito a este plus os traballadores que sexan contratados para realizaren traballos especificamente nocturnos.

Artigo 15º.-Axudas de custo.

A empresa aboaralles ós traballadores os gastos de manutención (axudas de custo) orixinados polas visitas que se realizan segundo o que establece o artigo 13ª.

Artigo 16º.-Horas extras.

Haberá que aterse ó que establece a Lei 8/1980, do 10 de marzo, no seu artigo 35.

Artigo 17º.-Táboas salariais.

Os traballadores percibirán en concepto de salario base, as cantidades que se especifican na táboa salarial do anexo nº 1 con vixencia do 25-10-1995 ó 31-12-1996. Deberá reunirse a comisión paritaria para confecciona-la táboa salarial correspondente ó ano 1997.

Artigo 18º.-Clasificación e definición de categorías por seccións.

Sección de impresión e rebobinado.

Oficial 1ª: é aquel traballador que realiza á perfección tódalas operacións de posta a punto das máquinas ó seu cargo para a impresión de bobinas de filme de polietileno e as imprime en óptimas condicións de calidade e productividade para a súa posterior transformación. Terá, ademais, os coñecementos seguintes:

-Ensamblaxe, adaptación e colocación de clixés nos rolos da máquina, montaxe de crequenas, etc.

-Coñecemento das diferentes gammas de tintas con dominio das distintas mesturas a realizar, para conseguir diferentes tonalidades e viscosidades.

-Manexo dos distintos productos utilizados para imprimir e os seus efectos. (Disolventes, acelerantes, retardantes, vernices, etc).

-Para reparar nas máquinas ó seu cargo pequenas avarías, eléctricas, mecánicas, hidráulicas, etc. Cambio de fusibles, resistencias, vasoiriñas, rodamentos, reténs. etc.

-Interpretar partes de traballo, con iniciativa propia para cambiar ordes de impresión debido a continxencias ou avarías imprevistas.

Oficial 2ª: é aquel traballador que, sen os coñecementos dos anteriores, en canto á toma de decisións e materias pimas, realiza as demais propias de impresión. (Preparación de máquinas e tintas, montaxe de clixés, coitelas, etc).

Sección de corte e manipulación.

Oficial 1ª: é aquel traballador que realiza á perfección tódalas operacións de posta a punto das máquinas para desenvolve-las funcións de corte, soldadura, formación de pregados, presión de mordazas, cambio de teflóns, regular temperaturas, célula, coitelas, etc.

Oficial 2ª:. É aquel traballador que sen os coñecementos dos anteriores realiza as funcións de corte e soladura de bolsas.

Sección de mantemento.

Oficial 1ª: é aquel traballador que cun perfecto coñecemento das distintas máquinas da empresa realiza as funcións propias de mantemento e reparación de pequenas avarías na fábrica e ordena e supervisa as reparacións que se teñan que realizar en talleres exteriores.

Oficial 2ª: é aquel traballador que sen os coñecementos e experiencia dos anteriores realiza as funcións propias de mantemento e reparación de pequenas avarías.

Sección de almacén.

Almaceneiro: é o traballador que recepcionará ou enviará tódalas mercadorías que se reciban ou saian da fábrica, datando, asinando ou facendo asina-los albarás e remites. Tomando nota neles de calquera deterioración ou perda imputable ó transportista ou provedor. Da mercadoría de saída, despois de embalala, pasarase unha nota á administración para confecciona-los albarás, remites e etiquetas.

Distribuiralles ás diferentes seccións os productos necesarios para o traballo na fábrica, segundo as necesidades diarias.

Sección de administración.

Oficial 1ª administrativo: é aquel empregado que actúa ás ordes dun xefe, e que baixo a súa propia responsabilidade realiza coa máxima perfección burocrática traballos que requiren iniciativa.

Oficial 2ª administrativo: é o traballador que con iniciativa e responsabilidade restrinxida, subordiando a un xefe e oficial de primeira, realiza traballos de carácter secundario que só esixen coñecementos xerais da técnica administrativa e contable.

Auxiliar administrativo: é o traballador que se dedica a operacións elementais administrativas e en xeral ás puramente mecánicas inherentes ó traballo da oficina.

Categorías comúns a tódalas seccións.

Técnicos: é aquel trabllador que en posesión dun título foi contratado pola empresa, en atención ó dito título profesional para realiza-las funcións da súa profesión.

Encargado: é o traballador que con suficientes coñecementos teórico-prácticos, dotes de mando e experienica no ámbito da súa profesión, coida e é responsable da organización e disciplina no traballo, da preparación e bo funcionamento das máquinas, vixía o proceso de fabricación, a distribución ou asignación de traballo na sección ou seccións a el encomendadas, controla a calidade do labor realizado e desenvolve unha función docente, podendo realizar ademais o labor propio dun oficial da súa especialidade.

Oficial 3ª: Nesta categoría estarán encadrados os traballadores de nova contratación que realizan traballos para os cales non se require unha especial preparación, nin coñecementos teórico-prácticos. Pode servir indistintamente en calquera das seccións, esixíndollese unha debida atención na aprendizaxe e a vontade para levar a cabo aquilo que se lles ordena.

Aprendiz: é o traballador ligado á empresa por un contrato de formación no traballo regulado na lexislación, e ten como fin primordial aprende-los coñecementos precisos para poder desempeña-las funcións dunha categoría superior en calquera das máquinas.

Artigo 19º.-Vinculación á totalidade.

As melloras contidas no presente convenio serán consideradas como un todo orgánico e indivisible, e nesta forma global poderán compensarse coas que anteriormente puidesen existir sobre os mínimos regulamentarios, calquera que fose a súa orixe, a denominación ou forma en que estivesen contidas.

Artigo 20º.-Comisión paritaria.

Para a aplicación e interpretación de cantas cuestións se deriven da aplicación do presente convenio colectivo, créase unha comisión paritaria composta polos traballadores contratados pola empresa ó 31 de outubro de 1995 e un representante da dirección da empresa.

Artigo 21º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son Paula Calzetti, Emilio Fernández Bua, José Manuel Montes Muñiz, Leopoldo Trigo Buceta, Juan Manuel Penha González, Genaro Castro Barreiro, José Enrique Raño Ouviña e María Isabel Fernández Castelo, como traballadores da empresa, e Jesús Trigo Durán como administrador desta.

Artigo 22º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente regulado neste convenio haberá que aterse ó previsto no Estatuto dos traballadores.

ANEXO Nº 1

Táboa salarial anos 1995 e 1996

Salario díaSalario mesSalario ano

Persoal técnico

Titulado superior115.6101.734.150

Titulado grao medio105.4201.581.300

Administración

Xefe Adm.105.4201.581.300

Oficial Adm. 1ª100.4301.506.450

Viaxante81.1501.217.250

Oficial Adm. 2ª75.1301.126.950

Auxilar Adm.69.8601.047.900

Fabricación

Encargado3.4911.570.950

Impresión

Oficial 1ª3.1381.412.100

Oficial 2ª2.7051.2177.250

Oficial 3ª2.5591.151.550

Corte e manipulación

Oficial 1ª2.6991.214.550

Oficial 2ª2.5511.147.950

Oficial 3ª2.3441.054.800

Mantemento

Oficial 1ª3.0851.388.250

Oficial 2ª2.6531.193.850

Oficial 3ª2.5051.127.250

Almacén

Almaceneiro2.3291.048.050

Os aprendices salario mínimo interprofesional segundo idade.

En Vilanova de Arousa, 7 de novembro de 1995.

Pola empresa:

Jesús Trigo Durán.

Polos traballadores:

Genaro Castro Barreiro

José Manuel Montes Muñiz

Juan Manuel Penha González

Isabel Fernández Castelo

Emilio Fernández Bua

José Enrique Raño Ouviña

Paula Calzetti

Leopoldo Trigo Buceta

9600063