Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 05 de xaneiro de 1996 Páx. 174

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 335/1995, do 21 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea a 66 kV de Palas de Rei a Friol. (Expediente número 3750 A.T.).

Unión Eléctrica Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificación na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 66 kV de 18.570 m de lonxitude, conductor LA-180 de 181,60 mm de sección, apoios de formigón e torres metálicas, con orixe na subestación de Palas de Rei e remate na subestación de Friol. A liña percorre os termos municipais de Palas de Rei e Friol, ámbolos dous da provincia de Lugo; expediente nº 3750 A.T.

Dita instalación, autorizouse e declarouse de utilidade pública, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo do 19-4-1993 a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 10-6-1993, no BOP de Lugo do 25-5-1993, no BOE do 18-5-1993 e no xornal El Progreso de Lugo do 23-4-1993; o proxecto de execución aprobouse por resolución do mesmo organismo de 2-10-1995.

A solicitude de urxente ocupación, fíxose baseándose no disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segundo a Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 22-5-1995, no BOP de Lugo do 18-5-1995, no xornal El Progreso de Lugo do 3-4-1995, e a simple referencia no BOE do 3-5-1995. Ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública formulou alegacións Manuel Vázquez Sánchez, propietario do predio nº 24, as que non se entra a valorar, ó chegar aquel con posterioridade a un acordo amigable coa empresa beneficiaria.

Unha vez efectuada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púi

dose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo e 25 do Decreto 2619/1966, nin lles son de aplicación as limitacións do artigo 26 de dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-lo subministro eléctrico nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración en ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso polo procedemento ordinario faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteún de decembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea a 66 kV que une as subestacións de Palas de Rei e Friol.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición están situadas nos termos municipais de Palas de Rei e Friol, da provincia de Lugo, e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas. A solicitude do beneficiario, por chegarse ó mutuo acordo entre as partes, exclúense desta disposición o predio número 24, do concello de Palas de Rei.

Santiago de Compostela, vinteún de decembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

95-8281