Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 05 de xaneiro de 1996 Páx. 173

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 334/1995, do 21 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación dos terreos necesarios para a explotación da concesión mineira da sección C Particular número 6.165, sita no concello de Mesía na provincia da Coruña.

O 14 de decembro de 1992, Forjados Rivera, S.A. instou a incoación do expediente de expropiación forzosa polo procedemento de urxencia, diante da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, ó amparo do establecido no artigo 105 da vixente Lei de minas, do 21 de xullo de 1973, en relación co 131 do Regulamento que desenvolve a dita lei e o 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, solicitude que comprende unha superficie de 24.478 m propiedade, na súa totalidade do municipio de Mesía. O terreo está situado no lugar denominado Brañas da Valga, lugar de Visantoña e concello de Mesía, polígono 7, parcela 184.

Á solicitude xúntanselle memoria e planos, subscritos polo titulado de minas, así coma outros documentos que tratan, en conxunto, de xustifica-la necesidade da incoación do expediente de expropiación forzosa polo procedemento de urxencia.

A delegación provincial, comunicoulle ó propietario a pretensión expropiatoria de Forjados Rivera,

S.A. e realizouse a oportuna información pública, con insercións no Boletín Oficial do Estado (24-4-1993 nº 98), Diario Oficial de Galicia (23-4-1993 nº 76), BOP da Coruña (23-4-1993 nº 91), diario La Voz de Galicia do 24-4-1993, así como taboleiros de anuncios do Concello de Mesía e da Delegación Provincial da Coruña.

Dentro do período de información pública aberto sobre a referida solicitude os interesados presentaron escritos de alegacións contra a procedencia da expropiación, os cales foron trasladados á entidade mercantil beneficiaria, alegacións que se consideran totalmente alleas ó expediente, non argumentando razóns de fondo ou forma que puidesen ser tidas en conta, polo que é forzoso a súa desestimación.

Posteriormente, en escrito do 20 de xuño de 1994, o beneficiario desiste da inclusión no expediente expropiatorio da superficie do terreo comprendida na franxa cara ó SE prolongación do campo de futbol actual, ata 20 m anteriores ó lindeiro co camiño de Valga a Busto e no mesmo largo que o citado campo, co que resulta unha ocupación real de 17.100 m, dos 24.478 m inicialmente incluídos na súa solicitude.

A urxencia queda xustificada polo inminente esgotamento da materia prima necesaria para alimenta-la próxima fábrica e sen a cal esta tería que pecha-las súas instalacións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteún de decembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase urxente, segundo o artigo 105 da Lei de minas e para os efectos dispostos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, a ocupación de 17.100 m do predio nº 184 definido na documentación presentada e que foi obxecto de publicación nos boletíns citados, predio que é necesario expropiar para prosegui-los labores na concesión de explotación mineira da sección C Particular nº 6.165, sita no concello de Mesía na provincia da Coruña, titularidade ostentada por Forjados Rivera, S.A.

Santiago de Compostela, vinteún de decembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

8458